MUNICIPAIS 2007: Ribeira pensada para tí
Programa do BNG de Ribeira 07-11:
Resumo do Programa:
Estivemos traballando na elaboración dun programa de goberno ambicioso e ilusiónante con actuacións globais tendentes a solucionar eivas importantes do noso concello. Un programa solvente que se basea nos seguintes eixos fundamentais:
-No sector do mar: é preciso dotar o peirao de Ribeira dunha nova lonxa e de puntos de atraque e outras infraestructuras necesarias, potenciando tamén o noso marisqueo e a pesca artesanal.
-Industria: o polígono da Barbanza de 1 millón de metros ten que darlle a nosa industria o despegue que necesita. A creación de postos de traballo ten que vir tamén da creación do que nos chamábamos no noso programa electoral das pasadas eleccións municipais, “viveiro de empresas”. Consiste en incentivar a novas e novos emprendedores mediante a construcción de naves modulares por parte da Consellería de Vivenda e Solo, algo xa confirmado pola conselleira, Teresa Táboas, que serán cedidos en réxime de alugueiro con opción de compra.
-O comercio, apoiandoo, en coordinación coa D.X. de Comercio.
-O turismo, desenvolvendo as inmensas potencialidades que temos neste ámbito, tamén en coordinación coa DX e Turismo e coa posta en marcha do Consorcio que dende a DX se promove.
-Apoiaremos o sector agrogandeiro e a valorización do noso monte en coordinación coa C. Medio Rural.
-Con un urbanismo en expansión é preciso dotarse de mecanismos de control dos que agora carecemos. En todo caso, non nos parece de recibo que este crecemento se faga a costa de botar a nosa xente fora, especialmente a xente nova para os que os prezos das vivendas están absolutamente inalcanzables. Nese sentido, en coordinación coa Consellería de Vivenda e Solo, faremos unha importante aposta pola construcción de vivendas de promoción pública.
-Non podemos esquecernos de centros de día e servicios para as persoas maiores, o primeiros dos cales Vicepresidencia porá a funcionar en breve.
-A mellora da limpeza viaria, a creación de zonas verdes, e dunha Ribeira accesible a toda a cidadanía, o mantemento e melloras dos parques infantís, dotándoos tamén de mobiliario para persoas maiores, o coidado e mantemento continuado das escolas públicas e das instalacións deportivas, a mellora da biblioteca pública e dunha oferta cultural e de ocio axeitada e innovadora en todas as parroquias do noso concello, a recuperación do noso patrimonio en coordinación da Consellería de Cultura ou achegar as novas tecnoloxías a toda a cidadanía, en coordinación coa Consellería de Industria, son algunhas das nosas propostas coas que pretendemos mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ribeira.
-Circunvalación e áreas de aparcamento públicas para rematar co caos circulatorio e coa dificultade que hai en Ribeira para aparcar.
-Matadoiro municipal, local ou comarcal. Un ano despois do seu peche aínda non hai ningunha solución, pese a ter comprometida subvención tanto dende a Deputación como da Consellería de Medio Rural, se se cumpren os requisitos correspondentes.
-Novo mercado municipal, antes de que nos pechen o que hai. Nós comprometémonos a facer un proxecto para un mercado municipal moderno e en buscar a financiación necesaria.
-Rematar a dotación de auga e abordar o saneamento integral do que aínda carecemos é tamén un dos obxectivos que nos marcamos.
-Dotar a Ribeira dun centro multiúsos ou dunha estación de autobuses, é outro obxectivo a alcanzar na vindeira lexislatura.






