BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xunta de Galicia

O Delegado de Innovación e Industria en Oleiros, Ribeira

Concurrida xuntanza en Oleiros, Ribeira, coa presenza do Delegado da Consellaría de Innovación e Industria

O Delegado provincial cifrou en preto dun millón de € a cantidade que, dentro do Plan de Calidade, se investirá no Concello de Ribeira do 2005 ó 2009

Dentro dos actos do 25 de xullo que o BNG esta desenvolvendo por todo o País, o Delegado de Innovación e Industria, Xosé Luís Barcia, acompañado da voceira municipal do BNG de Ribeira, Dominga Brión, así como dos concelleiros Francisco Ayaso e Xosé Luís Groveiro e do responsábel Local, Xosé Alberte Lorenzo, reuníronse coa veciñanza da parroquia de Oleiros, no Concello de Ribeira.

Diante de preto dun cento de veciños e veciñas, o Delegado Provincial detallou importantes actuacións na rede eléctrica, xa realizadas ou en marcha, e que significarán importantes melloras no suministro eléctrico para varios lugares da parroquia que ate o momento padecían unha máis que deficiente situación. Luís Barcia, que enmarcou as melloras dentro da nova política do Goberno Galego e da Consellería de Industria, explicou ós e ás presentes que durante anos se detraeron fondos da mellora eléctrica no rural en beneficio de áreas periurbanas (Plans PER, MEGA) o que explicaba a deficiente situación que agora, co novo Plan de Calidade da Suministración Eléctrica de Galiza, a Consellería, que dirixe o nacionalista Fernando Blanco, quere rematar. O Delegado provincial cifrou en preto dun millón de € a cantidade que, dentro do Plan de Calidade, se investirá no Concello de Ribeira do 2005 ó 2009. Ó final da lexislatura a situación do suministro eléctrico no concello de Ribeira será “óptima”. Luís Barcia tamén se referíu ós Plans da Consellaría para a implantación da Banda Ampla no rural, que a Consellería pretende achegar ó cen por cen dos núcleos.

Na xuntanza os dirixentes locais do BNG informaron do traballo desenvolvido polo BNG que afectan á parroquia de Oleiros. Así, detallaronse as iniciativas presentadas para reclamar do Concello as acometidas de auga, hoxe moi avanzadas grazas ás reclamacións dos veciños e veciñas de Olerios a quén o BNG apoiou en todo momento. Tamén se informou das iniciativas levadas a Pleno polo BNG no referido ao sinal de TV, moi deficiente na parroquia de Oleiros así como noutros moitos lugares do Concello. A negativa do Grupo de Goberno do Partido Popular a realizar un estudo Técnico, para os que a Xunta de Galiza ten financiamento, causou asombro entre a veciñanza presente, sobre todo porque máis dun cento de concellos de Galiza sí o teñen feito.

O BNG anunciou a presentación de alegacións ás obras de saneamento que ten anunciado a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza para a posta en marcha da depuradora de Corrubedo. O BNG pedirá que esta obra se amplie incluíndo unha liña básica da que se poidan beneficiar posteriormente todos os núcleos da parroquia de Oleiros. Tamén instará ao Goberno do PP de Ribeira a implicarse nesta rede básica de saneamento, servizo no que a parroquia de Oleiros é a máis deficitaria do Concello.

Industria colabora para achegar o gas natural a Ribeira

INNOVACIÓN E INDUSTRIA COLABORA CON GAS GALICIA PARA ACHEGAR A SUBMINISTRACIÓN DE GAS NATURAL A RIBEIRA

TAMÉN COLABORA PARA LEVAR A SUBMINISTRACIÓN DE GAS NATURAL ÁS LOCALIDADES DE CARRAL, BARREIROS, ARCADE, CERVO E SALVATERRA DE MIÑO

 A Consellaría de Innovación e Industria achegará o 30% do investimento preciso para a execución das obras, que se eleva a 8.285.499 euros. En Ribeira o investimento será de 3.428.366 euros

A Consellaría de Innovación e Industria asinou un convenio de colaboración con Gas Galicia para a subministración de gas natural nas localidades de Carral (A Coruña), Barreiros (Lugo), Arcade (Soutomaior, Pontevedra), Ribeira (A Coruña), Cervo (Lugo) e Salvaterra de Miño (Pontevedra). Estes proxectos encádranse no acordo de colaboración da Consellaría de Innovación e Industria coa devandita empresa subministradora de gas para o desenvolvemento da IV Fase de Gasificación de Galiza, presentado polo titular de Innovación, o nacionalista Fernando Blanco.

O investimento preciso para a construción da infraestrutura gasista necesaria para adiantar a subministración de gas natural aos concellos referidos suma 8.285.499 euros, dos cales Gas Galicia achegará o 70% e a Consellaría de Innovación e Industria o 30%. Por localidades, o investimento desagrégase da seguinte maneira: Carral, 901.506 euros; Barreiros, 1.133.870 euros; Arcade, 556.354 euros; Ribeira, 3.428.366 euros; Cervo, 989.100 euros; e Salvaterra de Miño, 1.276.303 euros.

En todos os casos, os proxectos de execución contemplan a construción de plantas de gas natural licuado agás o de Arcade, que se alimentará dende a rede de Redondela. As obras de construción destas redes de subministración culminarán no ano 2010.

SIMULADOR DE TARIFA ELÉCTRICA

O Inega dispón na súa páxina web dun SIMULADOR DE TARIFA ELÉCTRICA. Trátase dunha aplicación que calcula a factura eléctrica segundo a tarifa vixente e simula a variación do importe aplicando os prezos que entrarán en vigor a partir do 1 de xullo de 2008 (salvo modificación do último borrador de actualización da tarifa eléctrica).

O funcionamento da aplicación e moi sinxelo e intuitivo. Consta de dúas partes:

PRIMEIRA PARTE

Na primeira parte calcúlase a factura actual aplicando os prezos en vigor, para iso deberá introducir os seguintes datos: potencia contratada, discriminación horaria, período de lectura e lectura consumo.

Por si alguén dubida ou non atopa os valores que debe de introducir para que a aplicación poida realizar os cálculos dispón de axuda premendo no botón á dereita de cada variable.

Unha vez cubertos estes datos, premendo no botón “calcular” a aplicación presentará o custo desagregado de acordo co seguinte: termo de potencia, termo de consumo, imposto especial de electricidade e IVE, así como o importe total.

No cálculo non se ten en conta alugueiros de equipos de medida, descontos comerciais, recargos por consumo de enerxía reactiva e a posíbel utilización de maxímetro, motivo polo cal nalgúns casos non coincidirá exactamente o valor de facturación co calculado pola aplicación.

SEGUNDA PARTE

A segunda parte da aplicación é o simulador de facturas eléctricas segundo a proposta da orde pola que se estabelece a tarifa eléctrica a partir do 1 de xullo de 2008. Este simulador permite coñecer o custo que tería a mesma factura eléctrica aplicando as novas condicións. Neste sentido, salientar os seguintes aspectos:

A nova discriminación horaria que substitúe a denominada “tarifa nocturna” exixe contratar a máxima potencia demandada tanto en período “punta” como en “valle” polo que nestes casos pode ser necesario aumentar a potencia contratada, en previsión desta circunstancia a aplicación permite modificar a potencia inicial.

A “tarifa nocturna” ten un período “valle” de 8 horas de duración mentres que na nova discriminación horaria é de 14 horas. A conversión de consumos calcúlase de acordo coa disposición transitoria, pola que se indica que mentres non se realice a substitución dos contadores a denominada “tarifa nocturna” facturarase considerando o 69% do consumo “valle” e o 31% do consumo “punta”.

A tarifa social é unha modalidade nova que introduce a proposta de Orde e da que se poden beneficiar as subministracións que se utilicen como vivenda habitual e teñan contratada unha potencia eléctrica inferior a 3 kW.

De realizarse algunha modificación na potencia contratada, será preciso premer o botón “calcular”.

A aplicación calcula automaticamente ademais da nova facturación a diferenza coa situación actual.

Os resultados mostrados por pantalla poden enviarse a impresora premendo no botón “imprimir”.

Vivenda destina 5,1 M. € á erradicación do chabolismo

A CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO DESTINA 5,1 M. € EN 2008 Á LIÑA DE AXUDAS DESTINADA Á ERRADICACIÓN DO CHABOLISMO

 A subvención pode acadar o 80% do orzamento protexible no caso de adquirir ou construír unha nova vivenda

 No caso de realoxos en vivendas de aluguer a subvención pode chegar ata o 80% do renda mensual cun límite de 300 € por vivenda

Santiago de Compostela, 15 maio 2008.- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, dedica 5.168.400 € en 2008 para a liña de axudas destinadas á erradicación do chabolismo a través de convenios de colaboración asinados cos concellos galegos. O Consello da Xunta deu hoxe o visto bo á orde que contempla estas axudas, que entrará en vigor nos próximos días unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Estas axudas van destinadas a subvencionar actuacións emprendidas tanto polos propios chabolistas como polos concellos. No caso de que o chabolista promova a construción da súa propia vivenda a subvención acada o 50% do orzamento protexible e se adquire unha vivenda nova ou usada chega ao 30% do custe da adquisición.

Cando son os propios concellos, ou outros promotores públicos, os que adquiren vivendas novas ou usadas a subvención pode acadar ata o 80% do custo de adquisición en municipios con menos de 50.000 habitantes, e ata o 65% do custo de adquisición en municipios de 50.000 ou máis habitantes. Neste caso, as vivendas adquiridas serán adxudicadas aos chabolistas en réxime de aluguer e transcorridos 2 anos poderán ser transmitidas en propiedade.

Outra posibilidade é que os concellos busquen vivendas en aluguer para o realoxo dos chabolistas, neste caso a Consellería subvenciona ata o 80% do custo do aluguer da vivenda en municipios de menos de 50.000 habitantes e ata o 65% en concellos de 50.000 ou máis habitantes. A contía máxima da subvención é de 300 € por vivenda e o período da subvención non superará os 3 anos, agás casos excepcionais, xa que o obxectivo final desta actuación é a integración social dos chabolistas.

Solicitudes

En ambos casos, tanto as solicitudes de particulares como dos concellos, deberán xestionarse a través dos consistorios e serán estes os que presenten as solicitudes ante as delegacións da Consellería de Vivenda e Solo en cada unha das catro provincias galegas.

Acompañando ao impreso de solicitude, os concellos deben remitir os censos debidamente cubertos, a proposta das actuacións a realizar para facilitar o aceso á vivenda, o plan de integración social dos chabolistas, o saneamento da área de actuación e un esquema dos recursos que achegarán ambas administracións – Consellería e concello -.

Correlingua 2008 en Ribeira

Máis de 1.500 nenos e nenas, dos 4 concellos da comarca, berraron en Ribeira por vivir na súa lingua, a lingua galega:

Galiza somos nós, a xente maila fala. Se queres a Galiza, fala, fala, fala!!

Que lingua tan fermosa!! Si, é a lingua galega!!

Gaña a túa lingua, o galego!!

Falao, falao. A lingua dos galegos e galegas non se garda nos museos!!

Correlingua 2008

Normas do Habitat Galego

A aprobación das Normas do Hábitat Galego, que entraron en vigor o 17 abril, determinou unha serie de obrigas para os construtores de vivendas. O BNG, desde a súa responsabilidade de goberno, aposta por situar ao noso país na vangarda da calidade arquitectónica a nivel de Estado, así como garantir o dereito á vivenda que asiste a todos os galegos e galegas para facer efectivo o cambio galego polo que tantos cidadáns apostaron nas pasadas eleccións autonómicas.

Normas do Habitat Galego

Axudas para remate exterior de vivendas

Estas axudas van dirixidas a persoas e unidades convivenciais cuns ingresos ponderados que non superen os 16.765 € anuais, sendo necesario que a vivenda conte coa licenza municipal de obra e teña os paramentos exteriores e a carpintería exterior completa. A Consellería de Vivenda e Solo destina unha partida de 1,2 millóns de euros en 2008 a este programa.

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, abre o prazo de solicitude para as axudas do programa Remate exterior de vivendas unifamiliares no medio rural. O prazo permanecerá aberto desde o 18 de abril, até o 16 de xuño. A subvención é o equivalente ao 30% do custe da obra realizada cunha contía máximo de 6.000 €.

Máis información…

Entrevista a Teresa Táboas: Normas do Hábitat Galego

“O BNG son se pregou aos intereses dunha poderosa minoría. A quen nos debemos é ao conxunto da sociedade galega, á xente”

Santiago de Compostela. 21 abril 08. Moito obrigado Teresa por concedernos o teu tempo para esta entrevista para a web do BNG. Gustaríanos que explicases que beneficios lle vai reportar á sociedade galega as Normas do Hábitat Galego?

Dende o Departamento que dirixo, como conselleira nacionalista, tiñamos moi claro que había que mellorar as condicións de vida, de habitabilidade, das vivendas dos galegos e galegas.

Hai que ter en conta que hai unha norma de deseño do ano 1978 para todo o Estado Español que marca como se teñen que deseñar as vivendas protexidas. É dicir, é unha norma do mesmo ano que a Constitución española, que por certo é das poucas que recolle o dereito a unha vivenda e que, ademais, no artigo 47 rexeita a especulación do solo. E curiosamente, 30 anos despois, aquí en Galiza temos un decreto do goberno galego anterior, do PP, do ano 1992 polo que se reduciron notoriamente a calidade da vivenda. Se unha vivenda protexida pola norma do 78, que aínda está vixente, nun edificio de baixo e catro andares que obriga a un patio de luces mínimo de 16 metros cadrados o decreto do PP do ano 92 permíteo de 9 metros cadrados na vivenda libre.

Máis información…

Cultura convoca axudas para conservar bens etnográficos

[09/04/2008] A Consellaría de Cultura, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, vén de convocar por segundo ano consecutivo unha liña de axudas destinadas á conservación e restauración dos bens etnográficos galegos. Cun orzamento de 300.000 euros están dirixidas aos propietarios de bens inmobles inventariados, tales como hórreos, cabazos, piornos, celeiros, cruceiros, petos de ánimas, palleiras, alpendres, pallozas, muíños, fontes, lavadoiros, fornos, pombais e outros elementos etnográficos similares.

Máis información…

Industria aposta pola dinamización turística

Fernando Blanco presentou o programa de axudas para o fomento e a promoción de actividades turísticas do seu departamento, que promove intervencións sustentábeis e integradas no medio

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2008.- O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, presentou esta mañá perante asociacións e axentes do sector turístico o programa de axudas da Consellaría para o desenvolvemento de actuacións sustentábeis en Galiza en materia de turismo. Segundo destacou o conselleiro, estas actuacións ás que se destinará un importe global de 10,43 millóns de euros, contribuirán ao desenvolvemento socioeconómico equilibrado en todas as comarcas do país. Fernando Blanco recordou que o sector turístico representa máis do 10% do PIB e do emprego, que as tres cuartas partes das exportacións de servizos de Galiza se corresponden co turismo e que as actividades turísticas implican unha recadación anual de preto de 1.000 millóns de euros en impostos no noso país. A xuízo do conselleiro de Innovación, os investimentos neste sector teñen un efecto multiplicador que reverte en altos índices de actividade económica e converten o turismo nun valor engadido para o noso país.

Máis información…