BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Plan Galego de Acuícultura

O BNG e o «Plano de Acuicultura». Aclaracións necesarias

Solpor no Corgo

“Vivimos tempos de balbordo e confusión, tamén propiciados e inducidos por un poder –o real- que constrúe discursos, ben funcionais aos seus intereses, a través das súas correas de transmisión, oportunamente controladas e magnificamente presentadas. É evidente que nese contexto, o nacionalismo galego, as súas propostas e alternativas políticas, as súas posicións, foron historicamente silenciadas, cando non manipuladas. Ás veces de xeito burdo, evidente. Outras, “intelixentemente” caricaturizadas ou distorsionadas. Este é o caso que nos ocupa: a posición política do BNG perante o denominado “Plano Galego de Acuicultura”. Cumpre aclarar as teses que se defenden a este respecto, aínda que, por certo, foron profusa e reiteradamente explicitadas no Parlamento de Galiza durante os últimos meses, tal e como testemuñan diversos Diarios de Sesións.

Vexamos. Lembraremos que o goberno agónico do PP –xa en funcións- aprobou en Consello da Xunta (30 de Xuño de 2005, coas eleccións xa perdidas) o alcumado “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria”, proxecto aberrante elaborado e aprobado en función dos intereses económicos dun grupo empresarial –que gozou, por certo, dun hiperbólico volume de subvencións públicas para os seus negocios en todo o planeta durante os últimos quince anos-, e que tiña en Cabo Touriñán a mellor mostra do que non se pode permitir no noso litoral.

Xa co novo Goberno de Galiza, o BNG fixo todo o posíbel para anular este enxendro, acadando cando menos o acordo de proceder á súa revisión, salvando Touriñán e eliminando outros espazos que invadían a tan raquítica como cacarexada Rede Natura 2000. A partires dese momento, abríase outro proceso para a elaboración do actual Plano. Con todo, é importante sinalar aspectos que son absolutamente relevantes á hora de analisar e interpretar a evolución dos feitos, as previsións de remate do proceso, e o papel –o real, non o inventado- do BNG nese contexto.

En primeiro lugar: Non é menor a evidencia de que os departamentos administrativos directamente implicados na elaboración e desenvolvemento do Plano son responsabilidade dunha forza política –o PSOE- que historicamente mantivo posicións antagónicas co BNG, en concreto en materia de política pesqueira, marisqueira e acuícola. Consellaría de Pesca (protagonista na elaboración do Plano), Dirección Xeral de Urbanismo, Consellaría de Medio Ambiente, mais tamén a Dirección Xeral de Costas, do Ministerio de Medio Ambiente (non podemos esquecer que a titularidade do Dominio Público Marítimo-Terrestre, lamentabelmente, segue residenciada en Madrid), son departamentos dirixidos polo PSOE. Pode gostar ou non, mais é unha realidade. E cando falamos de decisións políticas o pior é refuxiarnos na fantasía.

En segundo lugar: O BNG non nasceu con vocación de axente comercial de ningún grupo empresarial. Nin tampouco cun modelo industrial terceiromundista, no que calquera empresa se instala onde e como queira. A súa razón de ser é a de pór en valor toda a potencialidade da nación e dos seus recursos naturais –obviamente baixo criterios sustentábeis- ao servizo dos intereses do pobo galego. E é evidente que o noso litoral ten unhas características naturais extraordinarias para construir un modelo de desenvolvemento baseado na pesca, no marisqueo e na acuicultura. A acuicultura non é só a produción de peixes planos en piscifactorías. No caso galego é fundamentalmente a produción de mexillón en bateas (3ª potencia mundial en produción, 15.000 postos de traballo directos, riqueza inducida inserida en boa parte do tecido económico galego), aínda sendo conscientes de que as 3.500 bateas fondeadas nas nosas rías provocan un certo impacto ambiental, que asumimos, mais que convén minimizar. Porén, sería de inxenuos non aproveitar a nosa imensa potencialidade natural na cría e engorde de peixes –planos ou non- e noutras especies, comezando polo polbo e outros mariscos. Daquela, o BNG non considera por definición á acuicultura (toda ela) incompatíbel con outras actividades produtivas ou co equilibrio medioambiental da nosa costa. Iso si, non de xeito anárquico, senón con planificación, ordenación e cunha regulación que harmonice os diversos intereses (produtivos, ambientais, sociais) en xogo.

Finalmente: En coherencia cos principios antes expostos, e á vista da oposición social –mesmo institucional- que xeraron algúns dos proxectos previstos, o BNG trasladoulle formalmente á Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, xa hai meses, a necesidade de negociar contidos e emprazamentos do Plano de Acuicultura, atendendo aos seguintes criterios fundamentais:

a) Garantías de depuración plena, integral, das augas procedentes destas instalacións.

b) Esixencia de xeración de emprego digno e estábel (é posíbel facelo nas cláusulas de concesión) que recaia sobre a comunidade na que se asenta.

c) Minimización do impacto ambiental, tamén paisaxístico. Diferenciar entre reserva de solo e edificabilidade. As instalación non teñen porqué estar á beira do mar. E outras (administración, dirección, procesado, almacenado, comercialización, etc.) poden estar mesmo localizadas en parques ou polígonos empresariais debidamente dotados.

d) Hai emprazamentos (caso de Corrubedo) que se deben suprimir. Outros (Merexo), reducir. Noutros casos, afastar terra a dentro.

e) É preciso, con todo, unha planificación nacional de reserva de solo que evite actuacións especuladoras por parte de empresas ou concellos. Mais a proposta actual é manifestamente mellorábel.

f) Impulso á investigación para a cría de novas especies –evitar “monocultivos”- e tamén para a mellora da sustentabilidade desta actividade.

g) Apoiar activamente fórmulas organizativas, comezando polo cooperativismo, que posibiliten o acceso das comunidades mariñeiras a esta actividade e, daquela, aos emprazamentos que se designen.

Estamos precisamente nesta fase. E por certo, advertimos vontade de diálogo. Até onde se pode chegar, non o sei. O que si é evidente é que calquera mellora deste “Plano de Acuicultura” pasa polo proceso de negociación que o BNG está a impulsar diante de departamentos –reitero- baixo responsabilidade do PSOE. Recentemente a Asociación de Produtores de Rodaballo de Galiza (AROGA), que agrupa ás once empresas que se dedican na Galiza a esta actividade, advertían do retraso na tramitación do Plano, e sinalaban ao BNG como responsábel de que non estivera xa aprobado. Que cadaquén tire as súas conclusións. Lexitimamente pódese ou non estar dacordo con estas posicións, oficialmente explicitadas desde hai meses. Mais o que non é honesto é silencialas ou manipulalas de xeito deliberado, e cunha intencionalidade política descarada.”

Bieito Lobeira
Deputado do BNG no Parlamento Galego

Raio Verde en Corrubedo

Xosé Luís Groveiro

“Xustiño ó desaparecer o disco do sol na liña recta do horizonte, se o día é moi claro e nidia dabondo a atmosfera, entre os ocres do solpor abrolla como explosión cósmica e por brevísimos segundos “o raio verde”. Metalizado e fosforescente, tarda en fuxir da retina e da memoria.

Polo raro e infrecuente do fenómeno, non é de estrañar que moita xente pense que o “raio verde” é un conto ou mesmo que o arrodeen auras esotéricas, pero o raio verde évos tan real como que o vin eu en Corrubedo hai uns anos nun serán dun outono como o que vivimos tamén estes días.

Este pasado domingo un raio verde, esta vez de conciencias, percorreu Corrubedo desde o porto ao faro. Miles de almas, máis das que agardarían as previsións máis optimistas, vidas de todas partes de Galiza, representativas polo tanto da consciencia viva da sociedade galega, berraron en defensa unánime dese patrimonio común que é a nosa costa, que ese día chamamos Quilmas, Merexo e Laxe Brava, non se vende.

Rematados os tempos das alegacións ao Plano Acuícola Galego que a Conselleira de Pesca presentou como “unha revisión do Plano Acuícola do Goberno anterior”, este domingo tratábase de poñer claro o rexeitamento social que este plano suscita e a esixencia da súa retirada por parte de quen o puxo encima da mesa: a conselleira de Pesca Sra. Carme Gallego.

Moitos dos e das presentes este día en Corrubedo manifestaban ter sido “votantes do cambio” nas pasadas eleccións ao Parlamento de Galiza. Votaron polo tanto por un cambio de Goberno e, polo tanto, tamén por un cambio de políticas. Por eso é absolutamente necesario que a Consellería de pesca elabore un novo Plano Acuícola que non adoeza dos condicionantes transferidos polo goberno anterior, que non sexa o dictado exclusivamente á medida das multinacionais do sector, que respecte as nosas paisaxes máis senlleiras e que sexa, esta vez si, participado polos sectores afectados.

A Consellería de Pesca en primeiro termo, pero tamén os demais membros que sustentan o Goberno Galego deben exercer a súa parte de responsabilidade e actuar para evitar a posta en marcha dun Plano Acuícola que en moi pouco diferencia, neste campo, a política deste Goberno e do anterior e que, de ir adiante tal como está, lixará inxustamente a acción do goberno no seu conxunto.

Nas pasadas eleccións autonómicas a maioría social do noso país- e non só os presentes en Corrubedo, Sra. Conselleira- deu o seu aval a un cambio de Goberno que significara un cambio de Políticas. Se só pretendera unha simple “revisión dos mesmos”, o resultado tería sido outro.”

Xosé Luís Groveiro.
Concelleiro do BNG de Ribeira

CORRUBEDO 4N: CAMIÑO DA DIGNIDADE

Manoel Santos, Portavoz Plataforma Medioambiental de Corrubedo

Valoración da Plataforma Medioambiental de Corrubedo ao respecto da Marcha Nacional pola Defensa do Litoral do 4 de novembro

“Dende a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, un dos moitos colectivos que onte, 4 de novembro, marcharon en Corrubedo contra a desfeita irreversíbel que pode supor o Plano Acuícola da Xunta, queremos manifestar o noso orgullo por formarmos parte da Galiza digna, da mesma que se move polo amor a terra e da mesma que se ergue por fin e para sempre nun berro colectivo contra a violación do mellor de nós, que son as nosas paisaxes, os nosos mares, os nosos cantís, as nosas tradicións, a terra galega toda.

Non imos entrar na tradicional danza de cifras post-mobilización porque calquera pode percibir que onte, en Corrubedo, no cabo verde, houbo milleiros de persoas. Un éxito sen precedentes nunha vila tan pequena como esta que onte, dalgún xeito, foi a capital da dignidade dun país. Todas e todos os que se achegaron onte a Corrubedo, os que encheron de orgullo térreo as rúas desta pequena vila mariñeira, eran galegas e galegos dignos cuio único obxectivo é amosar que cando o poder político non cumpre co pobo, sexa cal for a súa cor, cando os apoltronados do Hórreo traizoan o país, aí está o poder popular, a nación, para lembrarlles que é en nós, nos do común, onde reside a soberanía desta Galiza nosa. Sen nós, non hai goberno e sen nós non hai país.

E nós, o pobo soberano, o que vive a pé de rúa, dixemos onte en Corrubedo non só que o Plano Acuícola da Xunta é inaceptábel, indecente e indigno, senón que o camiño autodestrutivo emprendido polo noso goberno, non é o noso camiño. Cando milleiros de persoas de todo o país, dende Ribadeo á Guarda e dende O Courel a Corrubedo, conflúen nun afastado cabo como o noso; cando tanta xente gasta horas e horas do seu tempo en ir berrar a un dos fins da terra nosa, é que algo acontece. Cando asociacións veciñais, pobos enteiros, sindicatos, colectivos ecoloxistas, confrarías de pescadores, asociacións de mariscadoras e mergulladores, intelectuais e artistas, marchan xuntos e sen fisuras nunha causa común, é que algo moi grave acontece.

E abofé que algo moi grave acontece. O ritmo de destrución de ecosistemas, paisaxes e mesmo aldeas e tradicións é escandaloso. Nada xustifica roubar a terra ao pobo para entregarlla a empresas depredadoras. Nada xustifica privatizar o litoral ao máis puro estilo colonialista. Nada xustifica ir contra a vontade de todo un pobo.

Onte, en Corrubedo, o país galego díxolles aos seus gobernantes que xa abonda, que queremos outro modelo de desenvolvemento, que queremos conservar o pouco que nos queda, que antes cás siglas políticas, antes cós intereses económicos, está a vontade da nación, a dignidade deste curruncho do noroeste peninsular que onte, para ben ou para mal, comezou unha loita unitaria pola dignidade porque aqueles en quen confiou o seu goberno mudaron en cegos e xordos. Si, este 4 de novembro, no afastado cabo do ollar largasío que é Corrubedo, o pobo galego dixo: Galiza non se vende. E xa non pararemos, por dignidade. Parabéns a todas e todos e adiante, pois este é o camiño.”

Nova en Galicia-Hoxe:
A marcha de Corrubedo, serio toque de atención ó bipartito

Unha marea de dignidade inundou Corrubedo

Milleiros persoas chegadas de todos os recunchos do país uníronse hoxe nun berro colectivo no Faro de Corrubedo contra o Plan Galego de Acuicultura da Consellaría de Pesca. E alí estivo o BNG. Baixo o lema “Pola nosa costa, polo noso mar”, unha ampla representación do BNG de Ribeira, encabezada polo Responsábel Local, Xosé Alberte Lorenzo, a Portavoz Municipal, Dominga Brión, e o Grupo Municipal do BNG ao completo, manifestou o seu rexeitamento a este Plan que se ceba dunha maneira esaxerada cun dos espazos máis protexidos do país: o LIC de Corrubedo. Unha reserva de preto de 500.000 metros de chan para piscifactorías no mesmo, que representa máis do 15% do Plan, é o alarmante dato. Tamén quixeron estar a Responsábel Local e varias/os representantes de Galiza Nova de Ribeira, o alcalde de Boiro, Xosé Deira, así como o Responsábel Comarcal do BNG da Barbanza, Manuel Casal.

O mundo da cultura e as artes non podía faltar a esta importante cita. Ademais de Luís Tosar, Xosé Manuel Beiras, Patricia Vázquez e Antón Reixa, que deron lectura ao manifesto, nomes propios da cultura como os dramaturgos Kiko Cadaval ou Antón Lopo, actores como Miguel de Lira, ou músicos como Toñito de Poi non dubidaron en sumarse á Marcha de Corrubedo. Manuel Santos, Presidente da Plataforma Medioambiental de Corrubedo, agradeceu a asistencia aos manifestantes e reclamoulle ao poder político que escoite ao poder popular alí presente.

Agardamos que esta marea de dignidade que inundou Corrubedo chegue tamén á Concellaría de Pesca e faga recapacitar ao PSOE a respecto deste Plan e da desfeita que ocasionaría no noso litoral. É preciso protexer zonas emblemáticas da costa galega: Touriñán, si, Corrubedo tamén!!

Máis vídeos

Imaxes e vídeos

A Galega

Altermundo:
Do soño de Touriñán á desfeita da Laxe Brava

Adega:
Corrubedo 4-N: Marea de Dignidade

Nova na Voz:
Máis de 3.000 persoas protestan en Corrubedo contra o Plan Acuícola

Nova no Correo Galego:
Miles de personas se manifiestan en Corrubedo en contra del Plan Acuícola de la Xunta
Clamor en Corrubedo contra o Plan Acuícola
Marea verde en Corrubedo

Galicia-Hoxe:
Multitudinaria protesta en Corrubedo esixindo a paralización dun Plan acuícola “inxusto e indecente”
Manuel Rivas, escritor: “Hai lugares sagrados como Touriñán e como Corrubedo.”
Gallego recorda que Feijóo se opuxo no seu día ó Plan acuícola popular

Vieiros:
Catro mil voces contra o Plan Acuícola

El País:
Miles de persoas manifiestanse en Corrubedo contra a instalación de piscifactorías
O BNG proponlle á consellería que alonxe as plantas da costa

Diario de Arousa:
Miles de manifestantes contra o “indecente” plan acuícola

POLA NOSA COSTA, POLO NOSO MAR

VÉMONOS EN CORRUBEDO, 4-NOVEMBRO-2007, 12 horas

Reserva de 55.000 m. terreo para unha piscifactoría en Couso Reserva 308.000 m. terreo piscifactoría do Corgo Reserva de 115.000 m. terreo para ampliar piscifactoría Seráns

Facemos un chamamento a todos os colectivos, organizacións e persoas a título individual para que acudan en masa a Corrubedo o domingo, 4 de novembro, a amosar a nosa oposición á usurpación da nosa costa, do noso litoral virxe, para poñelo en mans de empresas depredadoras.

A concentración será no Porto de Corrubedo, para logo discorrer a Marcha cara o Faro, emblema litoral que este domingo debe ser a capital galega da dignidade do pobo, da defensa do noso litoral.

O catedrático Xosé Manuel Beiras, a actriz Patricia Vázquez, o actor Luís Tosar e mailo director e músico Antón Reixa, lerán o Manifesto de Corrubedo como colofón á Marcha Nacional pola Defensa do Litoral en Corrubedo.

Galicia-Hoxe:
Berro contra o plan acuícola

Diario de Arousa:
Xosé Manuel Beiras leerá o manifiesto contra o Plan Acuícola

MARCHA NACIONAL POLA DEFENSA DO LITORAL

CORRUBEDO, 4 DE NOVEMBRO DE 2007, 12 horas

Reserva de 55.000 m. terreo para unha piscifactoría en Couso Reserva 308.000 m. terreo piscifactoría do Corgo Reserva de 115.000 m. terreo para ampliar piscifactoría Seráns

O catedrático Xosé Manuel Beiras, a actriz Patricia Vázquez, o actor Luís Tosar e mailo director e músico Antón Reixa, lerán o Manifesto de Corrubedo o vindeiro domingo como colofón á Marcha Nacional pola Defensa do Litoral en Corrubedo.

As organizacións convocantes da Marcha Nacional pola Defensa do Litoral, colectivos de veciños, veciñas e ecoloxistas, teñen todo preparado para a manifestación unitaria contra o Plan Acuícola que terá lugar o domingo 4 de novembro, ás 12 da mañá, no Porto de Corrubedo e á que se teñen adherido decenas de colectivos de todo o país. Para isto contarán coa inestimábel axuda de persoeiros da cultura e doutras disciplinas que se unen á cidadanía para reclamar “liberdade para o litoral galego”.

O percorrido da manifestación comezará á beira do peirao corrubedense baixo o lema “Pola túa costa, polo teu mar: Non ao Plan Acuícola” e discorrerá até o faro da localidade, lugar emblemático da costa galega, co que as organizacións queren chamar a atención sobre un problema que afecta ao litoral de todo o país, dende Ribadeo á Guarda.

Con esta mobilización os movementos sociais galegos queren esixir ao goberno da Xunta que paralice o Plan Acuícola actual, por consideralo inxusto socialmente, medioambientalmente e economicamente. O plan prevé 26 piscifactorías, ou fábricas de peixe, que os veciños e veciñas do país, xunto ás organizacións ecoloxistas, confrarías de pescadores e mariscadores e varias agrupacións sindicais e políticas consideran un grave erro que se fixo de costas á cidadanía.

CONVOCAN: ADEGA, Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Plataforma Veciñal en Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas (Carnota), Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns (Porto do Son), Comisión de Propietarios/as Laxe Brava (Teira-Corrubedo), Plataforma Veciñal Xove-Lago, Plataforma Veciñal de Merexo (Muxía), Plataforma de Afectados/as de Arou (Camariñas), Plataforma de Afectados/as de Oia, Plataforma de Afectados/as de Foz, Agrupación de Mariscadoras/es de Corcubión, Cooperativa de Mergulladores/as da zona 5ª.

COLECTIVOS QUE APOIAN (a 20 de outubro): Greenpeace, Salvemos Monteferro, SOS Courel, Colectivo Fusquenlla, Ortigueira Sostible, Colectivo Arraianos, Asociación Sagres de Aguiño, Asociación Cultural Choiva Azeda (As Pontes), Asociación Natura Celtica (Cangas), BNG de Ribeira, Frente Popular Galega, CUT (Central Unitaria de Traballadores), Colectivo Nacionalista de Marín, Asociación Altofalante (Ribeira), Colectivo Ecoloxista Verduxo, Plataforma en Defensa do Patrimonio das Pontes, Asociación Amigos de Corrubedo, Plataforma Veciñal contra a piscifactoría de Baroña, Asociación Cultural “Fuco Buxán” de Ferrol, BNG do Barbanza, Asociación Pau da Luz (Corrubedo), Asociación Cultural Barcas do Minho (Chantada), CNT-Compostela, Amigos da Terra, Plataforma Ártabra21, Quercus (Portugal), PP de Ribeira, BNG de Porto do Son, Comité de defensa das Rías Altas, Asociación profesional XORNAGA (Xestión e Organización de Recursos Naturais de Galicia), Rede Litoral Vivo, Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, Veciños das Mariñas (Oia), IPdR (Iniciativa Progresista de Ribeira), Foro Social Temos Dereito a Saber, ‘O Ribeiro’, Bouzas Móvete, Confraría de Pescadores de Corcubión.

Nova relacionada en GZnacion.com:
Manoel Santos: “Os partidos do goberno poden acabar pagando a súa posición sobre o plano acuícola”

O BNG da Barbanza rexeita as piscifactorías no LIC de Corrubedo

Reserva de 55.000 m. terreo para unha piscifactoría en Couso Reserva 308.000 m. terreo piscifactoría do Corgo Reserva de 115.000 m. terreo para ampliar piscifactoría Seráns

A Asemblea Comarcal do BNG da Barbanza aprobou por unanimidade unha resolución pola que quere mostrar o seu rexeitamento aos proxectos que o Plan Acuícola Galego ten previsto para a nosa comarca e amosar o seu apoio e sumarse á convocatoria de manifestación que se celebrará o vindeiro domingo, día 4 de novembro, ás 12 horas, no porto de Corrubedo.

Ao mesmo tempo animamos á cidadanía da comarca a participar na manifestación, convocada por diversos colectivos medioambientais.

Máis información sobre a manifestación:
Marcha nacional contra o Plano Acuícola. Corrubedo 4-N, 12h

Resolución da Asemblea Comarcal do BNG da Barbanza

A asemblea comarcal do BNG da Barbanza, reunida o pasado sábado 20 de outubro do 2007 no concello de Boiro, acordou tomar a seguinte resolución:

O BNG da Barbanza quere mostrar o seu apoio, e sumarse, á convocatoria de manifestación prevista para o vindeiro día 4 de novembro no porto de Corrubedo, mostrando o seu rexeitamento aos proxectos que o Plan Acuícola Galego ten previsto para a nosa comarca. Non é de recibo que se poda por en perigo a fonte de riqueza que durante moito tempo foi quen de sustentar a economía de moitas familias, e base primordial da productividade da comarca.

Calquera nova actividade ten que ser respectuosa coas que, tradicionalmente, permitiron o sustento da nosa comarca, nomeadamente a pesca, o marisqueo e o sector mexilloeiro. Ao mesmo tempo, dende unha perspectiva medio ambiental non son nin os lugares máis adecuados para a colocación destas plantas, nin as dimensións máis acaídas para os entornos dos que falamos. Por todo isto, animamos á cidadanía da comarca a participar na manifestación que diversos colectivos medioambientais teñen convocado para o domingo 4 de novembro no porto de Corrubedo, agardando que serva para que a Consellería de Pesca reflexione e se sente a negociar cos sectores implicados o deseño do Plan Acuícola Galego.

A Barbanza a 20 de outubro do 2007.

Asemblea Comarcal do BNG da Barbanza.

Entrevista ao Conselleiro de Medio Ambiente

O conselleiro de Medio Ambiente, o socialista Manuel Pachi Vázquez, nunha entrevista no País, fala, entre outras cuestións, da Rede Natura e do Plan Galego de Acuicultura. Agardamos que a mesma sensibilidade que amosa con cabo Touriñán a teña tamén o Conselleiro con un dos espazos mellor protexidos de toda a costa galega, como é o LIC de Corrubedo. Doutro xeito non se entendería:

O anterior plan metía en Rede Natura prácticamente todas as plantas. Este goberno gañou un símbolo sangrando políticamente ao salvar cabo Touriñán da piscifactoría que alí se pretendía construir. Algún día recordarase como un dos emblemas deste país, porque este goberno antepuso a política medioambiental frente a Pescanova, unha das principais empresas, que fixo deste tema unha bandeira. Hubo un goberno que dixo que non e aguantou.”

Ainda que logo, un pouco máis abaixo, sentencia: A Rede Natura non ten que ser toda ela un espacio intocable.

Lembramos que o Plan Galego de Acuicultura esténdese por toda a costa galega, dende a fronteira con Asturias ata o límite con Portugal, incidindo especialmente e de forma desproporcionada no entorno dun dos máis valiosos espazos naturais da nosa costa: o “Complexo Húmido de Corrubedo”, incluído na proposta galega para a Rede Natura 2000, e que abarca os termos municipais de Ribeira polo Sur e Porto do Son polo Norte. Segundo se deduce do exposto na revisión do Plan, o tramo costeiro deste espazo será o máis afectado polo desenvolvemento e execución deste, xa que nel se inclúen case medio millón de metros cadrados de superficie dos municipios de Ribeira (363.000 m2) e de Porto do Son (115.000 m2) como parques de tecnoloxía alimentaria, o que supón o 15,05% da superficie total prevista.

A área afectada polo desenvolvemento do Plan é lindeira con algúns dos mellores espazos protexidos da costa galega e de todo o noroeste peninsular, que ostentan as máis importantes figuras de protección existentes: Parque Natural “Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán”, Parque Nacional das “Illas Atlánticas de Galicia”, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) “Complexo Húmido de Corrubedo”, Humidal Protexido (HP) “Complexo das Praias, Lagoa e Duna de Corrubedo”, Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) “Complexo Húmido de Corrubedo”, Humidal de Importancia Internacional (Ramsar) “Complexo das Praias, Lagoa e Duna de Corrubedo”, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) “Complexo Litoral de Corrubedo”, etc.

O País. ENTREVISTA: MANUEL VÁZQUEZ Conselleiro de Medio Ambiente

Manifestación Nacional en Corrubedo en defensa do litoral

Cartel da manifestación de Corrubedo

MARCHA EN DEFENSA DO LITORAL
Corrubedo, 4 de novembro, 12h

O vindeiro domingo, día 4 de novembro, ás 12 horas, Corrubedo acollerá unha manifestación nacional contra o Plano Acuícola convocada polas diversas Plataformas de Afectados/as e ADEGA.

Paralelamente á manifestación no porto da vila ribeirense, os convocantes lanzanrán un manifesto que pretende ser un decálogo de razóns para opoñerse ó Plan, na actualidade en fase de estudo de alegacións, presentado pola Consellería de Pesca, dirixida por Carmen Gallego.

A presentación pública do evento será este mércores 10 de outubro ás 12h no decurso dunha rolda de prensa no Clube Internacional de Prensa de Compostela (Av. da Coruña, 6, baixo, Compostela). Aínda que o prazo para recibir adesións manterase aberto até o mesmo día da manifestación, no acto de presentación daremos conta dos apoios recibidos, que figurarán nos cartaces.

CONVOCAN: ADEGA, Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Plataforma Veciñal en Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas (Carnota), Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns (Porto do Son), Comisión de Propietarios/as Laxe Brava (Teira-Corrubedo), Plataforma Veciñal Xove-Lago, Plataforma Veciñal de Merexo (Muxía), Plataforma de Afectados/as de Arou (Camariñas), Plataforma de Afectados/as de Oia, Plataforma de Afectados/as de Foz, Agrupación de Mariscadoras/es de Corcubión, Cooperativa de Mergulladores/as da zona 5ª, Delegacións da Coruña e Lugo do Colexio de Arquitectos/as de Galiza.

Manifesto:
manifestocorrubedo.pdf

Nova en Galicia Hoxe:
Corrubedo será capital galega da loita contra o Plan Acuícola

Mesa de diálogo para o Plan Galego de Acuicultura

Bieito Lobeira considera que a actual fase do proxecto, de estudo das alegacións, é o momento idóneo para negociar aquelas localizacións do Plan que están a xerar máis rechazo

Santiago de Compostela, 8 Outubro 07.- O deputado do BNG Bieito Lobeira apostou hoxe pola creazón dunha Mesa de Diálogo para que todas as partes afectadas polo futuro Plano de Acuicultura teñan a oportunidade de expor as súas posturas.

Lobeira defendeu esta iniciativa como un “instrumento útil” para revisar aqueles puntos e localizacións do proxecto que están a xerar maior oposición e para que así sexa posíbel introducir os cambios pertinentes co maior consenso posíbel.

O deputado salientou que este é o mellor momento en tanto o Plano está na súa fase de estudo das alegacións, que superan o millar –ás que hai que sumar a recollida de sinaturas en contra do actual deseño- e polo tanto aínda é susceptíbel de ser modificado.

O parlamentar lembrou, no debate en comisión dunha iniciativa ao respeito, que non se pode ollar cara outro lado, a oposición existe, dixo, tanto popular como institucional (véxase o concello de Ribeira) contra algúns emprazamentos concretos e por iso considera que cómpre adoptar medidas.

Pola súa parte, o director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, defendeu que se trata dun Plano negociado e consensuado dende o principio entre os principais axentes implicados: as diferentes Consellarías e os concellos, non obstante recoñeceu que non está nada pechado mentres as alegacións estean en fase de estudo.

García Elorriaga coincidiu con Lobeira en que se trata compatibilizar o desenvolvemento do sector acuícula, de grande futuro en Galiza, co respeito ao medio ambiente e asegurou que é vontade do goberno galego que o Plan que definitivamente se aprobe –previsiblemante antes de finais de ano, anunciou- cumpra esta premisa.