BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Plan Galego de Acuícultura

Alegacións á modificación do Plano Galego de Acuicultura

Reserva 308.000 m. terreo piscifactoría do Corgo

O Partido Popular incumpre a súa promesa de retirar a piscifactoría do Corgo do Plano Galego de Acuícultura. O BNG oponse á construción deste parque, razón pola cal ven de presentar alegacións para que o Parque Punta Laxe Brava sexa retirado do Plano

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira presentou alegacións á Proposta de Modificación Puntual do Plano Galego de Acuicultura presentada pola Consellería do Mar da Xunta de Galiza (Revisión do Plano Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria, (DOG nº 215, do 3 de Novembro), no que se refire aos aspectos que afectan directamente ao Concello de Ribeira máis concretamente ao Parque nº 9 denominado Punta Laxe Brava en Corrubedo.

O BNG de Ribeira oponse á construción do Parque Acuícola na Punta da Laxe Brava, coñecida como O Corgo, en Teira, parroquia de Corrubedo. Dito emprazamento está previsto co nome de parque número 9 no Plan de acuicultura de Galicia e non aparece retirado do mesmo na Proposta de Modificación Puntual do Plano Galego de Acuicultura que ven de presentar a Consellería do Mar da Xunta de Galiza.

Para o BNG é primordial conservar intacto como está o litoral da antedita parroquia, pois é o único virxe do Concello de Ribeira. A franxa litoral do Corgo está incluída na rede Natura 2000 e o plan da Xunta prevé que a futura planta acuícola linde coa zona e realice vertidos no mar, co perigo que isto suporá para os cantís de percebe, os baixos explotados pola pesca artesanal e os areais de Corrubedo (Balieiros e As Barreiras) e Espiñeirido.

Ademais, a desproporcionada reserva de terreo prevista pola Xunta (308.000 metros cadrados) é inadmisíbel, pois obriga á “expropiación forzosa, se así fora necesario” (tal como se recolle na modificación do Plano), de numerosas leiras que aínda se cultivan e se empregan para levar ao pouco gando que queda na zona, feito que se debería primar e non castigar.

Asemade, o BNG de Ribeira considera que os orzamentos e inversións públicas neste tipo de macroconstrucións novas, para nada se corresponden cos beneficios que reverten nos veciños e veciñas e moito menos cos empregos que sempre din prometer pero que despois non se cumpren. Pola contra, é o desenvolvemento sustentábel orientado aos valores naturais dos que dispón a parroquia de Corrubedo o camiño que se debe seguir, e non a industrialización indiscriminada das costas de sempre coidadas e mantidas inmaculadas polos veciños e veciñas.

Alegacións ao Plano Acuícola:
2009-12-03-alegacions_plano_acuicola.pdf

Modificación putual Plano Galego Acuicultura:
proposta_modificacion_puntual_plano_galego_acuicultura.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG esixe a retirada do parque de Laxe Brava do Plan Acuícola

Por qué o PP rexeita protexer a Laxe Brava?

Os PePes de Ribeira demostraron no pasado pleno de 27 de outubro que o seu interese pola conservación de Laxe Brava é só de boca para fóra. Rexeitar na propia casa (Concello) o que reclaman en casa allea (Xunta) déixaos en evidencia.

A declaración de Espazo Natural de Interese Local que propón o BNG non suporía cambios na cualificación urbanística actual e de usos, pero si que obrigaría a retirar do Plano Acuícola o proxecto da costa do Corgo. E tardaría dous meses.

Desprezando as máis de setecentas alegacións en contra da planta acuícola así como as máis de 300 sinaturas recollidas en Corrubedo apoiando a proposta de protección do BNG, o goberno do PP, baseándose en argumentos tan falsos como inmorais, afirma defender “aos veciños” mediante un contencioso administrativo contra a Xunta de Galiza. Este recurso, que pagará toda a cidadanía de Ribeira, tardará varios anos en resolverse e ten moi poucas posibilidades de prosperar.

Por qué o PP prefire a vía xudicial custosa, longa e inútil? Por qué non quer asumir o goberno de Ribeira a protección que a Lei de Protección da Natureza lle permite dun xeito moito máis barato, rápido e seguro?

Na Laxe Brava, en dous ou tres anos, o dano pode ser irreparable. Nese tempo, sen ningún tipo de protección ambiental e ao amparo do Plano Acuícola, pode instalarse alí unha macropiscifactoría, daquela xa sen volta atrás. ¿Que vantaxe saca de aquí o Partido Popular? Pois deixar que o mal avance e culpar mentres tanto ao BNG (¡!). E “aparecer” ata as vindeiras eleccións autonómicas e municipais como “defensor” dos veciños que, mentres, estarán sufrindo uns expedientes de expropiación que o mesmo Goberno Municipal podería ter evitado.

Desde o BNG seguiremos insistindo para desenmascarar, diante da cidadanía de Ribeira, a conducta inmoral deste goberno do PP que non ten reparo en utilizar o máis prezado patrimonio natural e paisaxístico de Ribeira, e as propiedades dos seus veciños, na súa negra estratexia de manterse no poder a toda costa.

Se aínda se pode salvar Laxe Brava, quén se rende?

Sinaturas para protexer Corrubedo

O Corgo

A Plataforma Medioambiental de Corrubedo promove a recollida de sinaturas para apoiar a moción presentada polo BNG de Ribeira para declarar o cabo de Corrubedo Espazo Natural de Interese Local

“A Plataforma Medioambiental de Corrubedo presentou hoxe, luns 22 de setembro de 2008, máis de 300 sinaturas recolleitas somentes nesa miúda pero orgullosa parroquia mareira, para apoiar a moción presentada polo BNG de Ribeira para declarar o cabo Corrubedo Espazo Natural de Interese Local. Ás sinaturas acompaña un informe feito por un biólogo independente que confirma que os valores naturais da Laxe Brava son dignos de conservación e deberían ser incluídos na rede Natura 200 lindante…”

Máis información:
Sinaturas para protexer Corrubedo

Para apoiar esta proposta podes baixar o impreso para asinar:
sinaturas-laxe-brava.pdf

O BNG de Barbanza rexeita o proxecto de Laxe Brava

Solpor no Corgo

A Asemblea Comarcal do BNG de Barbanza rexeitou por unanimidade o proxecto de Laxe Brava (Corgo, Corrubedo) do Plano Acuícola recentemente aprobado

As posicións do BNG foron asumidas coherentemente polos nosos compañeiros no Goberno durante a tramitación do Plano

A Asamblea comarcal do BNG da Barbanza reunida na vila de Boiro o pasado mércores 10 de setembro decideu por unanimidade a seguinte resolución:

“Trala aprobación por parte do Consello da Xunta do Plano Acuícola de Galiza, queremos manifestar a noso rechazo á inclusión dentro deste plano do proxecto da Laxe Brava en Corrubedo. Parecenos un proxecto a todas luces reprobábel, tanto dende o ponto de vista medioambiental, social ou paixasistico e cun impacto enorme no territorio. O rechazo a este parque foi manifestado polo BNG innumerables veces, tanto a nível local, comarcal ou nacional. E o BNG da Barbanza quere amosar públicamente unha vez máis este rechazo.

O BNG sempre defendeu un modelo de planificación pública da actividade acuícola no noso litoral. Mesmo para rematar coa auténtica anarquía que posibilitou a existencia de plantas piscícolas en situación ilegal do ponto de vista urbanístico e de verteduras ao mar, que aínda se manteñen na actualidade. O anterior “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria” aprobado o 30/06/05 polo anterior Goberno do PP (en funcións) representaba un proxecto absolutamente inasumíbel. En consecuencia, foi prioridade para o BNG a súa supresión, acordada no Parlamento de Galiza, por certo, através dunha Proposición non de lei presentada polo BNG.

Ponse a continuación en marcha, a iniciativa da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, un novo proceso de elaboración do que sería o “Plano de Acuicultura de Galiza”. Na análise do proxecto por parte do BNG, conclúese que recollense emprazamentos que consideramos agresivos polo impacto que representan, reclamando nalgúns casos a súa supresión, como no de Laxe Brava, e noutros un redución substancial da superficie afectada. Reclamación de melloras xenéricas no Plano, en canto ás garantías medioambientais, garantías de solo público concesionado (para evitar especulación), criterios de edificabilidade, etc. Garantías de xeración de emprego digno nas zonas nas que se asentan, e das que algunhas delas presentan unha taxa de emigración intolerábel. Estes criterios deféndense públicamente, tanto no Parlamento (en numerosas ocasións, en Pleno e en Comisión), como socialmente nos lugares afectados polos proxectos que consideramos agresivos e nos que reclamamos a súa supresión, como ocurreu en repetidas ocasións a respecto do de Laxe Brava. Foi posíbel, contodo, e grazas á acción do BNG, suprimir algúns proxectos durante a tramitación do Plano: Punta Galloufa (nas imediacións do Castro de Baroña), Couso-Aguiño, e Ardía (Ogrobe); e redución dos previstos en Orelludas-Oia (37%), Mougás-Oia (35%), Seráns-Porto do Son (80%), e Lago-Xove (33%). Outro tipo de melloras xenéricas foron tamén incluidas.

As posicións do BNG foron asumidas coherentemente polos nosos compañeiros no Goberno durante a tramitación do Plano.

A Unión Europea (através do Fundo Europeu para a Pesca) e o Goberno español levan anos empeñados en desmantelar o sector pesqueiro galego. En definitiva, en eliminar un competidor produtivo e comercial no mapa europeu. Neste esquema, no que se insire a política de subvencións ao despece, ao abandoo de actividade, ou o papel residual e discriminatorio coa nosa frota no reparto de posibilidades de pesca, aséntase tamén a consideración da acuicultura (en rigor, piscicultura) como prioridade política e mesmo orzamentaria. O nacionalismo galego, sen desbotar a actividade piscícola –como complemento: non como substitución!- segue a defender como prioridade a defensa da capacidade produtiva e do emprego na pesca e no marisqueo. Posúe a nosa nación un litoral extraordinariamente dotado para o exercio da actividade extractiva, ao que non podemos nin debemos renunciar.”

Defensa de Laxe Brava, fronte aos «paripés» do PP

Para o BNG é irrenunciábel a supresión de Laxe Brava do actual Plano Acuícola

Seguiremos traballando con coherencia, rigor e seriedade na defensa do noso patrimonio natural e dos intereses de Ribeira, lonxe de “paripés” e actuacións de cara á galería do Partido Popular

O BNG de Ribeira quere manifestar a falla de credibilidade da iniciativa presentada no Parlamento Galego polo PP relativa ao Plano Acuícola. A posición do PP sobre esta cuestión quedou claramente expresada coa aprobación do Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria do anterior goberno Fraga. Lembremos os seguintes feitos incontestábeis:

Foi aprobado polo Consello da Xunta, logo de perdidas as eleccións e cun goberno en funcións. Aquel goberno estaba formado exclusivamente polo Partido Popular, sendo Manuel Ruíz membro do grupo parlamentar que o sustentaba, e Tenente de Alcalde do Concello de Ribeira. Era, polo tanto, parte activa na elaboración do Plano que, lembremos, incluía para o Concello de Ribeira a mesma reserva de chan que o actual: en Couso, Aguiño e Punta Corvos, en Corrubedo. Como di o refrán, “polos seus feitos os coñeceredes”.

A posición do BNG foi sempre a mesma. Polas mesmas razóns que daquela nos opuxemos á instalación do Parque de Punta Corvos, opoñémonos agora ao de Laxe Brava.

O BNG está traballando en todos os niveis para introducir melloras na actual proposta do Plano Acuícola da Consellaría de Pesca: presentamos alegacións, iniciativas municipais e parlamentares. Como consecuencia, xa se teñen introducido melloras como a supresión do Parque de Couso, en Aguiño, e a redución do Parque de Seráns, entre outras.

Para o BNG é irrenunciábel a supresión de Laxe Brava do actual Plano Acuícola. Na defensa do noso patrimonio natural e dos intereses de Ribeira, seguiremos traballando con coherencia, rigor e seriedade nos ámbitos que corresponda, lonxe de “paripés” e actuacións cara á galería e faltas de credibilidade como as que esta levando a cabo o Partido Popular.

Nova na Voz:
Os nacionalistas acusan ao PP de falta de credibilidade sobre o plan acuícola da Xunta

O BNG reclama que Laxe Brava se retire do Plan Acuícola

2008-04-16-laxe_brava5.jpg

O BNG de Ribeira considera inaceptábel que o Parque de Laxe Brava non sexa retirado do Plan Acuícola

Para o BNG, este proxecto afectará aos sectores productivos tradicionais, ao turismo e ao desenvolvemento futuro do Parque Natural de Corrubedo e apela á nova Lei de Protección da Paisaxe de Galiza para protexer esta senlleira paisaxe

BNG presentou no seu momento alegacións para que foran retirados os parques de Couso-Aguiño, Seráns, e Laxe Brava, en Corrubedo do Plan Galego de Acuicultura. Hai que lembrar que se trata dun Plan elaborado polo antigo goberno do PP con modificacións puntuais da Consellaría de Pesca do PSOE.

A Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos ven de respostar informando que a situación destes parques quedaría do seguinte xeito:

• Nº 7: Couso-Aguiño: elimínase (55.000m2)
• Nº 8: Seráns: redúcese a 24.500 m2 (115.000m2)
• Nº 9: Laxe Brava: mantense tal cal (308.000 m2)

Parécenos positiva a decisión de retirar o parque de Couso en Aguiño e reducir o de Seráns, pero considerámos absolutamente inaceptábel que se manteña o parque de Laxe Brava, no Corgo, en Corrubedo.

Os argumentos que se dan por parte da Consellaría de Pesca para manter este parque nos parecen máis que cuestionábeis:

a) Fálase da “posibilidade de creación de emprego estable e de calidade”, “non suxeito a estacionalidade como é o caso do turismo”. Pero non se especifica cantos van ser os postos de traballo criados, baixo que condicións, ou cales repercutirán na comunidade na que se asenta.

No tocante ao turismo, entendemos que o esforzo da Xunta, concretamente da Dirección Xeral de Turismo, vai precisamente na liña de poñer en valor un potencial medioambiental e paisaxístico incuestionábel, como é todo o LIC de Corrubedo e o seu entorno, para lograr a súa desestacionalización e que sexa unha fonte de riqueza durante todo o ano.

b) Afirmase, de xeito pouco rigoroso, que a implantación destes espazos “baixo algunha figura de protección ambiental (…) pode ser compatible coa implantación de determinadas actividades”. Iso é ben difícil no caso de Laxe Brava, cunha reserva de solo de 308.000 m2 nun espazo singular. Proxectos de agro-turismo ou agricultura ecolóxica, e outros de carácter turístico máis sustentábeis e acordes co entorno, veríanse seriamente dificultados.

c) Non é comprensíbel a tese de que “a acuicultura está a chamar un importante papel en relación coa xestión e conservación dos recursos mariños”. Semella, na práctica, un intento de substitución da actividade produtiva tradicional, fundamentada na pesca e no marisqueo, ou nos recursos específicos, pola piscicultura. Iso, para o BNG, é inaceptábel.

d) Non se xustifica a non afección aos recursos pesqueiros e marisqueiros. Simplemente afirma, á inversa, que “non se xustifica a suposta afección”.

e) É bastante máis agresivo o proxecto de Laxe Brava, tanto pola súa extensión (308.000 m2), o maior do Plan, como por estar no único entorno virxe do noso concello, que outros que fican suprimidos ou reducidos. Non é lóxico o criterio seguido para manter este, e rexeitar outros.

f) O proxecto de Laxe Brava afectará ao desenvolvemento futuro do Parque Natural de Corrubedo. A Consellaría de Pesca limítase a admitir que aínda non está desenvolvido, cando a estas altura xa debería estalo.

Por outra banda, e segundo os dados existentes, Galiza está moi por baixo da media do Estado en canto a figuras de protección ambiental. A ampliación da área de Rede Natura, prevista pola Consellaría de Medio Ambiente na Lei de Protección da Paisaxe de Galiza que acaba de aprobar o Consello da Xunta, indiscutiblemente ten que protexer unha paisaxe tan senlleira como a do Corgo en Corrubedo. Do contrario estaríamos a falar dunha incoherencia difícil de entender e de leis que quedan moi ben de cara á galería pero que non se cumpren.

Convén lembrar que o principal obxectivo desta Lei e recoñecer xuridicamente a paisaxe. Mesmo prevé a creación dunha serie de instrumentos nas políticas da paisaxe, como son os Catálogos da Paisaxe Galega, as Directrices da Paisaxe, os Estudos de Impacto e Integración e os Plans de Áreas Protexidas.

En definitiva, manter o parque de Laxe Brava dentro deste Plan non se sostén dende ningún punto de vista e dende o BNG seguiremos traballando para que sexa retirado do mesmo.

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG apoiará ós afectados para conseguir a retirada do parque de Laxe Brava

Nova na Voz:
O BNG ribeirense considera «inaceptábel» que se manteña o parque acuícola de Laxe Brava

Modificacións Plano Acuícola: posición BNG

O BNG considera positiva, ainda que insuficiente a modificación do Plano de Acuicultura. Entre outras: suprímese a de Couso-Aguiño (55.000 m2) e redúcese a de Seráns (Porto do Son) nun 80% (pasa de 115.000 m2 a 24.500 m2)

O BNG aspira a que se eliminen algúns dos emprazamentos previstos (Laxe Brava, Xandriña, Camelle, Seiruga), que se reduzan ostensiblemente outros (Merexo), e que se establezan criterios xerais para os que finalmente se instalen

A actuación da Consellaría de Cultura (BNG) forza a modificación do Plano

Hoxe, 3 de Marzo, a iniciativa do BNG, produciuse unha comparecencia na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galiza do Director Xeral de Recursos Mariños (Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos) Antonio Fernández Elorriaga. Dou conta dalgunhas modificacións do Plano de Acuicultura. Serán as seguintes:

• 1. Orelludas (Oia). Elimínase o 37%. Pasa de 75.000 a 47.000 m2. Respecta o xacimento de Fiais.

• 2. Mougás (Oia). Elimínase o 35%. Pasa de 80.000 a 57.000 m2.

• 3. Punta dos Patos (Cangas). Cautela arqueolóxica: Castro da Igrexiña.

• 4. Punta Moreiras (Ogrobe). Cautela arqueolóxica. Non se vai tocar a antiga fábrica de salgado.

• 5. Ardía (Ogrobe). Suprímese. Eran 26.500 m2.

• 6. Bico da Ran (Cambados). Modifícase a altura das edificacións, non superándose as xa existentes.

• 7. Couso-Aguiño (Ribeira). Suprímese. Eran 55.000 m2.

• 8. Seráns (Porto do Son). Redúcese nun 80%. Pasa de 115.000 m2 a 24.500 m2.

• 14. Merexo (Muxía). Referencia a elementos arqueolóxicos. Cautelas necesarias.

• 17. Seiruga (Malpica). Referencia a elementos arqueolóxicos. Cautelas necesarias. Castro de Entretorres.

• 19. Meirás (Valdoviño). Referencia a elementos arqueolóxicos. Cautelas necesarias. Porto de Meirás e Ermida de Nosa Sra. Do Porto.

• 22. Lago (Xove). Elimínase o 33%. Pasa de 273.000 m2 a 182.500 m2.

• 25. Ollo Longo (Ribadeo). Referencia a elementos arqueolóxicos. Cautela necesaria.

• 26. Corvo (Ribadeo). Referencia a elementos arqueolóxicos. Cautela necesaria.

A maiores, afirmou ter negociado, entre outros, cos Concellos de Camariñas, Muxía e Ogrobe. Sería bon saber en que termos, con que resultados, e sabendo a posición mantida desde eses concellos (alcaldías PSOE).

Hai outros elementos, xenéricos, que se van introducir no Plano: altura máxima das edificacións, ou ámbitos de protección inalterados do Patrimonio Cultural.

A valoración política que fixo o BNG deste anuncio é a seguinte:

a) É positivo que se modifique o Plano de Acuicultura. O BNG leva moito tempo insistindo nesa dirección.

b) Con todo, é unha modificación insuficiente. O BNG aspira a que se eliminen algúns dos emprazamentos previstos (Laxe Brava, Xandriña, Camelle, Seiruga), que se reduzan ostensiblemente outros (Merexo), e que se establezan criterios xerais para os que finalmente se instalen. Imos traballar para iso.

c) Ainda por definir a concreción, sobre o terreo, do principio de cautela necesaria na preservación dos xacementos arqueolóxicos.

d) Como se pode comprobar, foi a actuación da Consellaría de Cultura (BNG) quen forza a modificación do Plano. Bótanse en falta actuacións similares desde a Consellaría de medio Ambiente.

e) O BNG vai ser vixilante, e insistirá no seu obxectivo. O Plano ainda non está aprobado. Confiamos en que haxa máis modificacións, e que se resolvan os problemas máis importantes que xerou. Chamamos ao diálogo e á negociación.

Nova no País:
Pesca elimina dos piscifactorías del Plan Acuícola y reduce el tamaño de cuatro

Nova en Galicia Hoxe:
Pesca vende fume co Plan Acuícola

O BNG reuniuse cos afectados de Laxe Brava

Bieito Lobeira no Corgo (Corrubedo)

Dominga Brión achegouse con Bieito Lobeira até Teira (Corrubedo) para comprobar o estado de conservación do lugar onde o PSOE pretende instalar a planta de Laxe Brava.

Pola noite reunironse cos representantes da plataforma de afectados

O deputado do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, e a voceira municipal de Ribeira e candidata ao Congreso, Dominga Brión, achegáronse até Teira (Corrubedo) o xoves da pasada semana para comprobar o estado de conservación dun dos poucos contornos vírxenes que aínda queda no noso concello, e no que a Consellería de Pesca, do PSOE, pretende instalar a planta acuícola de Laxe Brava.

Pola noite, Lobeira e Brión, acompañados de concelleiros e concelleiras e doutros membros do BNG de Ribeira, reunironse cunha representación dos afectados pola instalación da planta, aos que lle expuxo o rexeitamento claro do BNG á instalación da planta de Laxe Brava.

O deputado nacionalista informoulle aos afectados que o BNG lle trasladou formalmente á Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, xa hai meses, a necesidade de negociar contidos e emprazamentos do Plano de Acuicultura, atendendo aos seguintes criterios fundamentais:

a) Garantías de depuración plena, integral, das augas procedentes destas instalacións.

b) Esixencia de xeración de emprego digno e estábel (é posíbel facelo nas cláusulas de concesión) que recaia sobre a comunidade na que se asenta.

c) Minimización do impacto ambiental, tamén paisaxístico. Diferenciar entre reserva de solo e edificabilidade. As instalación non teñen porqué estar á beira do mar. E outras (administración, dirección, procesado, almacenado, comercialización, etc.) poden estar mesmo localizadas en parques ou polígonos empresariais debidamente dotados.

d) Hai emprazamentos (caso de Corrubedo) que se deben suprimir. Outros (Merexo), reducir. Noutros casos, afastar terra a dentro.

e) É preciso, con todo, unha planificación nacional de reserva de solo que evite actuacións especuladoras por parte de empresas ou concellos. Mais a proposta actual é manifestamente mellorábel.

f) Impulso á investigación para a cría de novas especies –evitar “monocultivos”- e tamén para a mellora da sustentabilidade desta actividade.

g) Apoiar activamente fórmulas organizativas, comezando polo cooperativismo, que posibiliten o acceso das comunidades mariñeiras a esta actividade e, daquela, aos emprazamentos que se designen.

Bieito Lobeira indicou que é evidente que calquera mellora deste “Plano de Acuicultura” pasa polo proceso de negociación que o BNG está a impulsar diante de departamentos baixo responsabilidade do PSOE. Tamén lembrou que recentemente a Asociación de Produtores de Rodaballo de Galiza (AROGA), que agrupa ás once empresas que se dedican na Galiza a esta actividade, advertían do retraso na tramitación do Plano, e sinalaban ao BNG como responsábel de que non estivera xa aprobado.

Dende o BNG agardamos que o PSOE atenda o clamor popular e, dende a Consellería de Pesca, abra un proceso de interlocución coas plataformas, confraría, organizacións ecoloxistas e corporacións municipais críticas co proxecto de plano acuícola antes de poñer en marcha este Plan Acuícola onde se atenden tan só a demandas das multinacionais.

Tamén esperamos que a Consellería propoña modificacións do proxecto de plano acuícola na liña de garantir a sustentabilidade ambiental e social das plantas proxectadas, valorando mesmo a supresión ou a reformulación profunda dalgunhas das previstas, e así o propuxemos nunha iniciativa parlamentar.

O BNG volve a levar ao Parlamento o Plano Acuícola

Reserva de 55.000 m. terreo para unha piscifactoría en Couso Reserva 308.000 m. terreo piscifactoría do Corgo Reserva de 115.000 m. terreo para ampliar piscifactoría Seráns

O BNG interésase no Parlamento pola interlocución que ten prevista a Consellería de Pesca coas plataformas, confraría, organizacións ecoloxistas e corporacións municipais críticas co proxecto de plano acuícola.

Tamén queremos saber se a Consellería proporá modificacións do proxecto de plano acuícola na liña de garantir a sustentabilidade ambiental e social das plantas proxectadas, valorando mesmo a supresión ou a reformulación profunda dalgunhas das previstas.

Iniciativa Parlamentar:
2008-02-07-iniciativa-parlamentar.pdf

Iniciativa Lexislativa Popular para protexer o litoral

Manifestación Corrubedo 4N

Os máis de 60 colectivos sociais e ecoloxistas afectados polo Plan Acuícola promovido pola Consellería de Pesca presentarán unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para protexer o noso litoral das agresións industriais e urbanísticas.

A ILP pretende “evitar a venda do noso litoral, un patrimonio público e un dos nosos sinais de identidade”, impedindo todo tipo de agresións, sinalaron. A súa posta en marcha, non só permitirá que os políticos teñan que escoitar as reivindicacións promulgadas polos colectivos afectados, senón que as propias formacións políticas terán que dar a coñecer a súa posición con respecto ó proxecto acuícola e expresar os seus motivos, tal e como indicou Manoel Santos.

Os colectivos promotores esperan que a ILP sexa aceptada a trámite e aprobada no Parlamento. Polo de agora, o texto atópase en fase de proceso, coa constitución dunha comisión promotora formada por dez membros que se encargará da súa redacción. Unha vez lista, será presentada na Cámara, probablemente en xaneiro. Cando teña o visto e prace, comezarán os catro meses para a recollida de 15.000 sinaturas da cidadanía.

Nova na Voz:
Afectados polo plan acuícola promoverán unha iniciativa popular contra o proxecto

Nova en Galicia Hoxe:
O pobo vai lexislar