BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Iniciativas Parlamento Galego

O BNG reúnese co Comité de Empresa do Hospital da Barbanza para reivindicar a dotación de celadores

"Visita do BNG ao Hospital da Barbanza"

Onte acudimos á xuntanza convocada polo Comité de Empresa do Hospital da Barbanza, para reivindicar a dotación de celadores no noso hospital. Ana Luisa Bouza, deputada do BNG e portavoz de sanidade no Parlamento Galego, acompañounos. Rosana Pérez, candidata pola Pobra, Anxela Franco, candidata polo Son, e o concelleiro de Ribeira, Xosé Luís Groveiro, así como o concelleiro de Boiro, Xan León e máis eu fomos as/os encargadas/os de tranmitirlle ao Comité de Empresa o apoio do BNG da Barbanza nesta xusta reivindicación. (máis…)

Emendas do BNG aos orzamentos da Xunta

O BNG da Barbanza presentando as emendas ao orzamentos da Xunta 2011

O BNG ven de presentar as emendas aos orzamentos da Xunta, relativas á comarca da Barbanza. Estas enmendas, presentadas polo Grupo Parlamentar do BNG a iniciativa do BNG da Barbanza, pretenden poñer a esta bisbarra, e nomeadamente a Ribeira, nos orzamentos da Xunta nos que, prácticamente, non aparecen reflexadas.

Infraestruturas vitais para o noso desenvolvemento económico, máis se cabe nun contexto de crise, como poden ser o Parque Empresarial da Barbanza ou a lonxa de Ribeira, mediambientais, coma o saneamento integral de Ribeira, ou sanitarias, como as necesarias melloras no Hospital da Barbanza ou a dotación dun novo Centro de Saúde en Ribeira non aparecen recollidas nos orzamentos do 2011 ou, se o fan, e de xeito meramente testimonial.

Máis información: (máis…)

O BNG acusa á Xunta de Galiza de “falta de vontade política” para construir o Polígono Industrial da Barbanza

Ordenación do Polígono da Barbanza

Para a deputada do BNG, Ana Pontón, a Xunta está a amosar “unha grande irresponsabilidade” ao paralizar, durante máis de 16 meses, un polígono industrial cunha importante demanda empresarial e utiliza como “escusa” a clasificación do solo.

A deputada do BNG reclamou hoxe na Comisión de Industria, a través dunha Proposición non de lei, instar á Xunta de Galiza a retomar de “maneira inmediata a tramitación do solo empresarial previsto na comarca da Barbanza” nos concellos de A Pobra do Caramiñal e Ribeira, axilizando a tramitación administrativa e garantindo unha dotación orzamentaria para a operatividade do polígono no ano 2012.

O g.p do Partido popular rexeitou esta proposta, utilizando como “escusa” a necesidade de modificar a clasificación do solo ao que a deputada nacionalista respondeu que, no ano 2009 non se desenvolveu este polígono porque “a Xunta non quixo” e durante este ano tampouco se desenvolverá pola mesma razón e engadiu que “de terse feito a tramitación no seu momento”, na actualidade, o polígono industrial estaría a pleno rendemento.

Máis información: (máis…)

Reclamámos que se adopten as medidas precisas para rebaixar os prezos da gasolina profesional

O BNG ven de presentar iniciativas no Parlamento Galego e nos concellos da comarca para reclamar que se adopten as medidas precisas para posibilitar a rebaixa dos prezos da gasolina ás embarcacións pesqueiras profesionais que utilizan este combustíbel. Os acordos que se solicitan son os seguintes:

1.Que o Pleno do Concello inste á Xunta de Galiza a adoptar as medidas precisas para posibilitar a aplicación práctica da legalidade vixente a fin de acadar a consideración real da gasolina como combustíbel profesional e, deste xeito, posibilitar a rebaixa dos prezos da gasolina ás embarcacións pesqueiras profesionais que utilizan este combustible no noso Concello.

2.Que se solicite a posta en marcha dun programa de instalación de depósitos e surtidores de gasolina nos portos galegos, no que se inclúan os de Ribeira, que permita a subministración de gasolina ás embarcacións coas exencións fiscais previstas na lei.

3.Que o goberno municipal estableza, con estes obxectivos, negociacións entre a Consellaría do Mar, empresas subministradoras, Ente Público Portos de Galiza, e representantes do sector pesqueiro de baixura de Ribeira.

A exención de impostos sobre a gasolina é un dereito que se contempla no artigo 51.2 de Lei 38/1992, de 28 de decembro, de Impostos Especiais. Neste artigo establécese a exención do imposto sobre Hidrocarburos para todos os produtos incluídos no seu ámbito obxectivo, sen distinción, que se destinen a utilización como carburante, incluída a pesca, con excepción da navegación privada de recreo.

Neste senso, hai que lembrar que o sector pesqueiro que utiliza gasolina leva moitos anos demandando o mesmo trato que se lle outorga ao gasóleo, exento de impostos para a flota que usa ese carburante.

No noso Concello aproximadamente 400 embarcacións pertencentes ás confrarías de Riberia, Aguiño e Palmeira utilizan a gasolina como carburante. Este combustíbel, a diferenza do gasóleo, aínda contando cun tratamento fiscal específico na lexislación vixente, segue sen posuír, non só nos nosos portos, senón en todos os galegos (agás o da Coruña), un tratamento real como combustíbel profesional.

Esta marxinación obxectiva é especialmente grave nun contexto de crise económica como a que se está a padecer, tamén no sector pesqueiro, no que ademais hai tempo que se está a producir unha suba xeralizada do prezo dos combustíbeis.

Compre, pois, articular as medidas precisas tendentes a aplicar na práctica a minoración do prezo da gasolina nas embarcacións pesqueiras, a través dun mesmo tratamento fiscal, execución do imposto de hidrocarburos, que o gasóleo profesional. En xuño de 2010 un litro de gasolina custa de media 1,20 €. O prezo do litro de gasóleo pesqueiro, aplicada a exención, é de 0, 51 €. A diferenza é considerábel.

Sen embargo, a experiencia levada a cabo polo sector de baixura do porto da Coruña demostra que é posíbel reducir o prezo da gasolina practicamente á metade de existir vontade política. Así, as xestión emprendidas permiten, só neste porto, o subministro de gasolina considerada como combustíbel profesional.

Esta experiencia debe ser trasladada aos portos de Ribeira polo ben e o futuro do noso sector de baixura. Non é aceptábel que existindo a posibilidade de rebaixar substancialmente os prezos dos combustíbeis pola vía legal, non se adopte ningunha medida ao respecto por falta de iniciativa institucional e vontade política tanto da Xunta de Galiza como do propio Concello.

Iniciativa Municipal:
2010-06-17-exencions-fiscais-gasolina.pdf

Iniciativa Parlamentar:
2010-06-07-pnlp-adopcion-medidas-gasolina-a-frota.pdf

Reclamamos que non se fagan recortes no Plan de Galicia sobre Drogas

O BNG ven de presentar dúas iniciativas no Parlamento Galego, para solicitarlle ao goberno do PP da Xunta de Galiza que non faga recortes no financiamento dos dispositivos incluídos no Plan de Galicia sobre Drogas, que vai a afectar á UAD de Ribeira, e, ao mesmo tempo, que informe dos prazos e criterios de participación na elaboración do novo Plan.

O BNG tamén presentará iniciativas diante do Goberno do PP de Ribeira e do Pleno da Corporación para reclamar que se manteña o servizo que presta a UAD de Ribeira e se melloren as súas instalacións.

O Plan de Galicia sobre Drogas actual, elaborado polo bipartito, que remataba en 2009 e foi prorrogado por un ano, financia dispositivos tanto de prevención como asistenciais dependentes dos concellos ou de entidades sen ánimo de lucro, que posiblemente se verán seriamente afectados polos recortes previstos polo goberno do PP no novo Plan Galego de Drogas que está elaborando.

En Ribeira estes previsibles recortes afectarán á Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD), formado por un equipo de 12 profesionais que atende a 1.700 doentes, e a outras entidades que realizan labores de prevención nos centros educativos a milleiros de escolares. Lembremos que isto súmase á paralización da construción do Centro de Saúde Mental da Barbanza, adxudicada polo goberno do PP cun orzamento de preto dun millón de euros, que ía a acoller a UAD.

En todo o país son moitas as persoas afectadas polos previsibles recortes que a Consellaría de Sanidade vai a efectuar na rede de drogas, que xa ven aplicando a outras áreas, que ela entende “sobredimensionadas”: arredor de 20.000 doentes e uns 437 profesionais.

Con respecto á asistencia, existen 17 Unidades ambulatorias, dependentes de 13 concellos e de 4 asociacións (ACLAD-Coruña, Alborada-Vigo, Asfedro-Ferroi e Cruz Vermella-Lugo). As asociacións xestionan ademais as Comunidades terapeúticas de Vigo, A Coruña e Ferrol, e contan aproximadamente con 300 profesionais.

Por parte da prevención, hai 64 equipos de prevención en toda Galiza, xestionados na súa maioría por concellos (44 convenios asinados por un total de 118 concellos de toda Galiza e 20 convenios asinados con asociacións). En total 137 profesionais de prevención e incorporación social.

Nova na Voz:

Desbotada a construción do Centro de Saúde Mental da Barbanza

O goberno do PP da Xunta de Galiza ven de confirmar que desbota a construción do Centro de Saúde Mental da Barbanza, pese a que adxudicaron eles mesmos as obras de maneira definitiva en resolución de 5 de agosto á empresa “Construcciones en Piedras Sigrás, S.L.”, cun orzamento de 986.574 euros, e un prazo de execución de 13,5 meses.

En resposta parlamentar ás deputadas do BNG Ana Luísa Bouza e Ana Pontón, a Xunta considera que “a obra non pode ser executada”, que “a asistencia á poboación na área sanitaria de Ribeira está plenamente atendida” e que “se estudarán no futuro outras posibilidades” tendo en conta “a necesidade conxunta doutros centros na nosa Comunidade”.

Esta resposta deixa en evidencia a nula intención deste Goberno de levar adiante unha obra que fora presupostada e licitada polo anterior Goberno da Xunta pero ADXUDICADA polo goberno actual que preferiu indemnizar á empresa adxudicataria e deixar así á nosa comarca sen este necesario Servizo público.

Temos que denunciar moi especialmente a postura covarde e trapalleira do actual Grupo de Goberno Municipal que, defendendo quen sabe que intereses, rexeitou, no Pleno Municipal de xaneiro, unha iniciativa do BNG que instaba “á Xunta de Galiza á inmediata construción e posta en marcha do Centro de Saúde Mental da Barbanza.”

Deste xeito tamén queda en evidencia o Goberno Municipal do PP que, logo de non facer nada por poñer a disposición os terreos para a construción do Centro (boicoteándoo de feito), pasou, sen rubor, a responsabilidade á Comunidade de Montes de Oleiros! Agora, a resposta da Xunta demostra que esta considera que os enfermos con trastornos psiquiátricos e trastornos aditivos “están ben atendidos na actual Unidade de Condutas Aditivas (UAD) de Ribeira” deixando “para o futuro” o que é unha vella necesidade da sociedade ribeirense e da nosa comarca.

Iniciativa Parlamentar e máis información…

Resposta do Goberno do PP da Xunta:
resposta-centro-saude-mental.PDF

Reclamamos que non se paralice o Polígono da Barbanza

Ordenación do Polígono da Barbanza

(Clica na imaxe para ver a Ordenación do Polígono en PDF)

O BNG presentou iniciativas nos concellos da Barbanza e no Parlamento para reclamar que, de forma urxente, o Goberno do PP da Xunta retome o proxecto do Parque Empresarial da Barbanza para que sexa unha realidade o antes posíbel.

A Consellería de Vivenda e Solo adxudicou en outubro do 2008, por 59.392 €, a redacción do proxecto de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento do Parque Empresarial do Barbanza, que se emprazará entre os municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal. A empresa que resultou adxudicataria, Nortagro S.L., dispoñía dun prazo de 2 meses para redactar este documento.

O proxecto do Parque Empresarial do Barbanza foi declarado de incidencia supramunicipal polo Goberno galego a principios do mes de setembro dese ano. Esta declaración viña motivada pola magnitude da actuación que se ía desenvolver sobre 1 millón de metros cadrados e porque dará resposta ás necesidades de solo produtivo na comarca da Barbanza, detectadas no estudio de viabilidade medioambiental, técnica e económica no que se analizaron 10 millóns de metros cadrados de terreo.

O investimento total que estaba previsto nesta actuación era de 32.062.224 euros, dos que máis de 27 millóns se adicarían á urbanización e 4,1 millóns se empregarían na adquisición de terreos.

Cabe lembrar que o Parque Empresarial da Barbanza íase desenvolver sobre unha superficie total de 1.008.928 metros cadrados entre os municipios de Ribeira e Pobra, que comparten unha economía relacionada co sector pesqueiro e cunha actividade industrial concentrada na conserva. Da superficie total, 541.520 metros cadrados serian de uso empresarial e industrial, 311.824 metros cadrados para espazos libres, 124.198 metros cadrados para a rede viaria e 31.386 metros cadrados para equipamentos.

Tamén incluia naves modulares para os pequenos empresarios que quixeran instalarse co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades de solo produtivo a un prezo e nunhas condicións razoables. Estas naves terian un tamaño aproximado de 500 metros cadrados e serian adxudicadas en réxime de aluguer con opción de compra transcorridos 10 anos.

Ademais, o futuro Parque Empresarial do Barbanza contaria cun edificio de usos múltiples para dar servizo aos empresarios que se instalasen neste parque, tanto de Ribeira como de Pobra do Caramiñal. Este edificio, que contaría con espazos comúns de novas tecnoloxías, estaba previsto que se situara nunha parcela de uso dotacional público e sería adxudicado por concesión administrativa durante un prazo determinado de tempo.

O Parque Empresarial do Barbanza estaba incluído no Proxecto Galiza Suma, que suporía a construción de parques empresariais estratéxicos e ben dimensionados, cunha alta calidade arquitectónica e tecnolóxica, con dotacións e servizos propios do século XXI.

Nestes intres descoñecemos a situación na que se atopan os trámites para a construción deste parque empresarial, estratéxico para a economía de Ribeira e da Comarca, que foi deixado nunha fase moi avanzada pola Consellería de Vivenda e Solo do anterior goberno da Xunta.

Iniciativa Municipal:
2010-02-12mocion-poligono-barbanza.pdf

Iniciativa Parlamentar:
20100222-pregunta-situacion-actual-poligono-comarcal.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG critica a parálise do polígono comarcal

Nova na Voz:
O BNG denuncia a «parálise» do macropolígono

Nova no Diario de Arousa
2010-02-23-o-bng-denuncia-a-paralizacion-do-poligono-da-barbanza.pdf

O BNG interésase no Parlamento polo Centro de Saúde Mental da Barbanza

O BNG presentou unha iniciativa parlamentaria denunciando a paralización da construción do Centro de Saúde Mental da Barbanza

Tamén presentarán iniciativas municipais nos catro concellos da Barbanza reclamando a inmediata construción deste Centro que integraría a Unidade de Atención á Drogodependencia (UAD). En Ribeira esta iniciativa xa foi debatida, votando o PP en contra desta importante demanda

Na anterior lexislatura, e como actuación incluída no Plan Estratéxico de Saúde Mental 2006-2011, contemplábase a construción dun centro de saúde mental para a comarca da Barbanza. Neste documento aparecían reflectidas as carencias da Barbanza nesta área sanitaria, sendo o único hospital de Galicia que non conta cunha unidade de saúde mental.

A obra, que foi licitada polo anterior goberno da Xunta nunha resolución con data 2 de marzo de 2009, foi adxudicada de maneira definitiva polo actual goberno do PP na Xunta en resolución de 5 de agosto á empresa “Construcciones en Piedras Sigrás, S.L.”, cun orzamento de 986.574 euros, tendo como prazo de execución 13,5 meses.

Polo tanto, estas obras que aínda non se iniciaron, deberían estar en fase avanzada de construción e rematadas no mes de maio de 2010. Sendo ademais este mesmo goberno quen fixo a adxudicación desta obra, hai que preguntarse entón: adxudicou o goberno do PP na Xunta unha obra sen dispor do terreo para facela? Ou acaso se está utilizado como cortina de fume unha suposta problemática co terreo, que ninguén lle solicitou á Comunidade de Montes de Oleiros, para paralizar unha obra que non hai interese en realizar?

En calquera caso, hai que lembrar que o PP leva preto dun ano gobernando na Xunta de Galiza e a estas alturas xa non valen escusas. Máxime sendo o único hospital de Galiza que non dispón de unidade de saúde mental. Nin o BNG nin a cidadanía da Barbanza vai a consentir máis agravios comparativos en materia de servizos públicos en xeral e saúde pública en particular.

Iniciativa Parlamentar:
2010-01-15-unidade-saude-mental-barbanza.pdf

Adxudicación definitiva polo goberno do PP na Xunta:
2010-08-04adxudicacion-centro-saude-mental-barbanza.pdf

Máis información e iniciativa municipal:
O PP cancelou a construción e posta en marcha do Centro de Saúde Mental da Barbanza

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG pide á Xunta que axilice o Centro de Saúde Mental

Nova na Voz:
O BNG acusa á Xunta de «paralizar a adxudicación» do centro de saúde mental ribeirense

Interesámonos pola posta en funcionamento do Heliporto

Reunión co Comité Empresa do Hospital da Barbanza

O BNG pregunta no Parlamento Galego cales son as razóns polas que non está operativo o heliporto do Hospital da Barbanza

Entre as melloras realizadas na pasada lexislatura no Hospital da Barbanza, está a licitación e construción dun heliporto. É esta unha obra longamente demandada pola cidadanía e tamén polo BNG en diversas iniciativas municipais e parlamentares. Finalmente, as obras foron adxudicadas no pasado mes de febreiro, por un importe de 176.896 € (máis IVE).

A estas alturas, o heliporto leva xa algún tempo rematado, tal como pode comprobarse visitando as instalacións hospitalarias, pero continúa sen estar operativo. Segundo declaracións da anterior xerente, esta infraestrutura podería estar en funcionamiento dende o mes de xullo.

Dende o BNG consideramos necesario que a Xunta de Galiza explique a demora na posta en marcha do heliporto. Trátanse dunhas instalacións básicas para mellorar a resposta do sistema sanitario ante casos nos que fora preciso un traslado urxente. Non resulta explicábel que non exista axilidade á hora de poñer en funcionamento infraestruturas que supoñen unha mellora na atención, máxime cando falamos de servizos de urxencia.

Iniciativa Parlamentar:
2009-11-13-heliporto-hospital-barbanza.pdf

O Estado non considera imprescindíbel a Oficina Integral da S.S. de Ribeira

A Tesorería Xeral da Seguridade Social confírmalle ao BNG que no 2010 non se construirá a Oficina Integral da Seguridade Social de Ribeira

En resposta á pregunta do deputado do BNG, Francisco Jorquera, dende o Goberno do Estado afirman que está “previsto, nun futuro, a construción” desta Oficina para o que “xa dispón de tres parcelas sitas en Abesadas (Ribeira)”

Dende o BNG lamentamos que para o Goberno do Estado este investimento “non sexa imprescindíbel” e que se utilice como escusa a actual situación económica para darlle prioridade a outros investimentos en detrimento deste que, de manterse o compromiso anunciado no ano 2003, suporía a construción dun edificio de ámbito comarcal que contaría con servizos administrativos, puntos de información e atención, servizo de recadación executiva; creando en torno a 50 postos de traballo, ademais dos que a propia construción do edificio xeraría.

Por esta razón, ademais da iniciativa presentada no Congreso dos Deputados, dende o BNG presentamos unha Proposición non de lei no Parlamento Galego pola que se insta á Xunta de Galiza a demandar do Goberno do Estado que se inicien os trámites precisos para construír unha sede da Seguridade Social no concello de Ribeira, garantindo que este novo equipamento non supoña o desmantelamento dos servizos existentes na actualidade na comarca.

Resposta á iniciativa do BNG:
2009-09-09resposta_tesoreria_ss_ribeira.pdf

Iniciativa do BNG no Parlamento Galego:
2009-07-08sede_seguridade_social_ribeira.pdf