BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Iniciativas Parlamento do Estado

O BNG abstense na votación de Bono

Jorquera e Davila tomaron posesión das súas actas de deputados e respaldaron ós candidatos de CIU e PNV como membros da Mesa da Cámara Baixa

Esta semana será decisiva para coñecer se se pode subdividir o Grupo Mixto, pero o PSOE non está a ser flexíbel

Madrid, 1 Abril 08. O BNG decidiu absterse na votación de José Bono como Presidente do Congreso dos Deputados, mentras que votaba a favor dos candidatos de CIU (Jordi Jané) e PNV (Joseba Belloqui) como membros da Mesa da Cámara.

O deputado do BNG, Francisco Jorquera, explicou en declaracións aos medios de comunicación que “a nosa decisión de nos abster, no canto de votar en contra, é unha mostra de boa vontade porque continuamos abertos ao diálogo co PSOE, máis temos que dicer que polo de agora non nos consideramos satisfeitos coas respostas do PSOE aos plantexamentos realizados polo BNG”, en referencia á solicitude do BNG e doutros grupos para que o Grupo Mixto se subdivida.

Máis información…

O BNG pode formar grupo parlamentar en Madrid

Madrid, 26 Marzo 08. O deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, salientou este serán, despois da xunta mantida co Secretario de Organización do PSOE, José Blanco, o dispór favorábel do PSOE a estudar as propostas plantexadas polo BNG, en concreto a posibilidade de formar grupo parlamentar con outras forzas políticas. “Hai unha actitude positiva por parte do PSOE pero ten que traducirse en feitos”, advertiu.

Jorquera sinalou que se tratou dunha “entrevista fructífera, na que se falou con franqueza á hora de expór os criterios para a negociación da composición da Cámara e da investidura”. Subliñou o dispór “construtivo e colaborador do BNG co Goberno” pero “é fundamental chegar a acordos políticos”. Ademáis de remarcar que “hoxe non se pechou ningún acordo, expuxéronse os temas e emprazámonos para novos contactos”.

Máis información…

O BNG contra o envío de militares a Afganistán

Rodríguez afirma que o BNG “non vai amparar unha estratexia que vai na direción de colonizar e ocupar países” e engadiu que o de Afganistán “é unha guerra de intereses xeoestratéxicos”

Madrid, 25 Febreiro 07. Francisco Rodríguez explicitou este mediodía na Deputación Permanente do Congreso dos Deputados, o voto en contra do BNG ó envío de máis militares españois a Afganistán.

Francisco Rodríguez é membro da Deputación Permanente da Cámara Baixa até que se constitúan as Cortes o vindeiro 1 de Abril e comece, por tanto, a vindeira lexislatura. Nesa función, participou na sesión desta mañá na que se debatía e votaba o envío de máis militares españois a Afganistán para o despregue de efectivos para operar Vehículos Aéreos Non Tripulados na que participan as Forzas Armadas do Estado español.

Rodríguez deixou clara, máis unha vez, a posición contraria do BNG á presenza das tropas españolas no país asiático. “Sempre nos opuxemos ao envío de tropas a Afganistán” e ademáis, lembrou que “non votamos favorabelmente a Lei de Defensa Nacional”, cuxo artigo 17.3 era o que hoxe estaba enriba da mesa posto que se trataba de ratificalo por parte da Cámara.

Máis información…

O BNG visitou a Confraría de Ribeira

O BNG na Confraría de Ribeira

O BNG denuncia no Parlamento Galego a actuación levada a cabo polo Servizo Marítimo da Garda Civil contra varias embarcación de marisqueo, das chamadas “auxiliares”, con porto base en Ribeira.

Iniciativa Parlamentar:
2008-02-14-actuacionservizomaritimogardacivil.pdf

Nova na Voz:
O BNG explicou aos depósitos de Ribeira e Aguiño as iniciativas que levará ao Parlamento

Acusan á Garda Civil do Mar de perseguir a lanchas do marisqueo en Ribeira

Pais e nais de Artes deciden mobilizarse

Reunión de nais e pais de Artes

Así llo manifestaron ao BNG un numeroso grupo de pais e nais nunha nova reunión mantida onte no Centro Recreativo de Artes. Non só queren facer público, unha vez máis, o seu descontento e preocupación diante dos incumprimentos da Consellería de Educación, en relación co deficiente servizo do transporte escolar do alumnado da parroquia, mediante a nota de prensa que vai a continuación, senón que, ademais, anuncian mobilizacións.

“Nais e pais do alumnado da parroquia de Artes, Ribeira, fartos das promesas incumpridas da Consellería de Educación, deciden mobilizarse”

“Nais e pais de alumnos e alumnas da parroquia de Artes queremos manifestar diante da opinión pública o noso fondo malestar coa Consellería de Educación polo seu reiterado incumprimento das promesas de solucionar os problemas de transporte escolar que afectan ao alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos desta parroquia.

Por parte de diferentes membros da comunidade educativa téñense levado a cabo, desde hai máis de dous anos, reiteradas reclamacións diante da Consellería para que dera servizo de transporte ao alumnado de secundaria desta parroquia do mesmo xeito que se lle está dando, como corresponde, ao alumnado de primaria.

Temos informado que a actual liña de transporte de secundaria está saturada (viaxan alumnos e alumnas de pe) e que parte do alumnado ten que percorrer longas distancias dado que esta liña (que é transporte regular) non pasa polos lugares de Gude, Goda e Sego, entre outros, como si o fai a liña de primaria. Debemos lembrar que, a efectos de transporte escolar, o alumnado de secundaria ten os mesmos dereitos que o de primaria por ser os dous ensino obrigatorio.

A Consellería de Educación ten recoñecido a xustiza das nosas reclamacións, a necesidade de dar esta servizo que reclamamos e mesmo ten manifestado, en resposta no Parlamento Galego (do 11 de maio de 2007) a unha pregunta presentada pola deputada do BNG Ana Pontón, que “comprendemos a demanda”, “estamos a estudar a ampliación” e “esperamos que esta ampliación [do transporte na parroquia de Artes] estea en funcionamento a principio do curso 2007/2008”. Estas palabras, pronunciadas polo Director Xeral de Ensinanzas Especiais, pasados xa dous meses desde o comezo do curso, soan como mínimo a incumprimento e engano, polo que manifestamos o noso firme propósito e determinación de levar a cabo as medidas de presión e de mobilización que consideremos oportunas para que a Consellería de Educación leve a bo fin os seus compromisos e as melloras que solicitamos para o transporte escolar en Artes sexan unha realidade xa.

Así pois, na última xuntanza no Centro Recreativo de Artes temos decidido convocar unha concentración de protesta diante do CEIP de Artes para o vindeiro venres 16 de novembro ás 15,15 da tarde para a que solicitamos a presencia dos medios de comunicación co motivo de trasladar á cidadanía as xustas reivindicacións da comunidade escolar e veciñal de Artes e denunciar os incumprimentos por parte da Consellería de Educación. Tamén solicitamos das diferentes asociacións e colectivos veciñais que reiteren o seu apoio aínda sabendo que moitos deles o teñan manifestado xa con anterioridade.

Queremos facer un chamamento á Consellería de Educación para que dea cumprimento ás súas promesas, por boca do Director Xeral de Ensinazas Especiais, no Parlamento Galego, no sentido de acceder ás melloras no transporte escolar en Artes. De non ser así, manifestamos a nosa firme intención de continuar coas nosas protestas do xeito e forma que consideremos máis oportuno.

No Centro Recreativo de Artes ás 18,30 do día 10 de Novembro de 2007”

Nova na Voz:
Os pais de Artes acordan concentrarse en protesta pola falta de transporte para alumnos de secundaria

Nova no Diario de Arousa:
Educación intentará subsanar o problema do transporte en Artes

Orzamentos adicionais do Estado para A Barbanza

Rolda de prensa con Ana Pontón

O BNG da Barbanza, en rolda de prensa celebrada hoxe, quixo resaltar a labor negociadora do BNG no Parlamento do Estado, grazas á cal o orzamento para o noso país superou a cantidade inicialmente prevista, 1.942 millóns de €, en 100 millóns, colocando así o orzamento galego en 2.042 millóns de €.

No relativo á nosa comarca, recóllense actuacións por un importe adicional que ascende a 2.600.000 €, grazas ás alegacións presentadas polo BNG da Barbanza, que se concretan do seguinte xeito:

Unha partida de 300.000 euros destinados á recuperación do borde natural de Couso a Corrubedo e a Illa de Sálvora (Ribeira), moi danados pola catástrofe do Prestige. Outra de 1.000.000 euros destinada ao condicionamento do litoral e senda en A Ribeiriña (Pobra do Caramiñal). Para o Paseo marítimo de río Coroño e marítimo de Esteiro (Boiro) consignáronse 600.000 euros. Finalmente un orzamento de 700.000 euros irá destinado á recuperación de cantís entre Tanxil e Tronco en Rianxo.

Tamén nos congratulamos pola adquisición da Illa de Sálvora por importe de 8,5 millóns de €, exercendo o dereito de retracto, unha constante reivindicación do BNG de Ribeira e da Comarca, que acaba de facerse realidade para beneficio de toda a cidadanía.

Máis información:
pactobng-psoeparaincrementosorzamentos2008destinadosagaliza.doc

Tabla co incremento acadado polo BNG nos orzamentos do Estado 2008:
tablaorzamentos08bng.doc