BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Iniciativas Parlamento do Estado

O Estado non considera imprescindíbel a Oficina Integral da S.S. de Ribeira

A Tesorería Xeral da Seguridade Social confírmalle ao BNG que no 2010 non se construirá a Oficina Integral da Seguridade Social de Ribeira

En resposta á pregunta do deputado do BNG, Francisco Jorquera, dende o Goberno do Estado afirman que está “previsto, nun futuro, a construción” desta Oficina para o que “xa dispón de tres parcelas sitas en Abesadas (Ribeira)”

Dende o BNG lamentamos que para o Goberno do Estado este investimento “non sexa imprescindíbel” e que se utilice como escusa a actual situación económica para darlle prioridade a outros investimentos en detrimento deste que, de manterse o compromiso anunciado no ano 2003, suporía a construción dun edificio de ámbito comarcal que contaría con servizos administrativos, puntos de información e atención, servizo de recadación executiva; creando en torno a 50 postos de traballo, ademais dos que a propia construción do edificio xeraría.

Por esta razón, ademais da iniciativa presentada no Congreso dos Deputados, dende o BNG presentamos unha Proposición non de lei no Parlamento Galego pola que se insta á Xunta de Galiza a demandar do Goberno do Estado que se inicien os trámites precisos para construír unha sede da Seguridade Social no concello de Ribeira, garantindo que este novo equipamento non supoña o desmantelamento dos servizos existentes na actualidade na comarca.

Resposta á iniciativa do BNG:
2009-09-09resposta_tesoreria_ss_ribeira.pdf

Iniciativa do BNG no Parlamento Galego:
2009-07-08sede_seguridade_social_ribeira.pdf

Interesámonos no Congreso e no Parlamento polo secuestro do “ALAKRANA”

O BNG solicita no congreso dos deputados a comparecencia de Chacón para que informe do secuestro no Índico do atuneiro “Alakrana” con tripulación galega, entre eles, José Manuel Crujeiras, de Ribeira e Antonio Manuel Pérez, de Boiro

Bieito Lobeira tamén lle reclama ao Goberno Galego, mediante unha iniciativa Parlamentar, que se interese polo apreixamento do atuneiro e polas medidas que defenderá para protexer a seguranza dos buques e tripulantes galegos na zona.

A deputada do BNG pón de manifesto a necesidade de que os paises da UE actúen coordenadamente e a necesidade de atender as demandas dos armadores de que haxa efectivos nos barcos

Madrid, 2 Outubro 09. A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou este mediodía a solicitude de comparecencia da Ministra de Defensa, Carme Chacón, para que acuda á Cámara Baixa a informar sobre o secuestro en augas do océano Índico do barco atuneiro vasco “Alakrana”.

Este barco ten a súa base en Bermeo e conta con tripulación formada por galegos, entre eles o patrón do barco, vascos e doutras nacionalidades. Según as informacións de última hora, o pesqueiro foi secuestrado e puido alertar a outro barco da súa mesma compañía. As novas indican que o “Alakrana” foi atacado por piratas somalíes cando faenaba a 365 millas da costa do pais africano. Polo de agora, parece que a fragata “Canarias” que forma parte da operación “Atalanta” foi avisada.

Hai que adoptar máis medidas dada a vulnerabilidade dos pesqueiros

Olaia Fernández Davila pón de manifesto que este tipo de feitos demostran “a vulnerabilidade dos barcos pesqueiros do Estado español fronte ao ataque de piratas na zona do Índico. E desde logo, non se pode dicer que se trata de falsas alarmas porque a realidade indica que non é así”.

A deputada do BNG considera que “dado que as medidas adoptadas pola UE se constatan como insuficientes, é preciso que o Goberno reclame á UE unha actuación coordenada fronte á piratería en augas do Índico, sobre todo, co obxectivo de evitar desigualdades na protección das embarcacións dos países da UE que faenan na zona”.

De aí que decidira solicitar a comparecencia da Ministra para que explique, despois deste novo secuestro, que medidas vai adoptar o Goberno e que medidas vai despregar no ámbito da UE.

Respeito á demanda dos armadores de que haxa efectivos de infantería nos barcos pesqueiros, a deputada do BNG afirmou que o Goberno ten posibilidades dentro dese eido como por exemplo a Garda Civil do Mar.

Iniciativa Parlamento Galego:
2009-10-02-apreixamento-atuneiro-alakrana-no-indico.pdf

Iniciativa Congreso Deputados:
2009-10-02-defensa-atuneiro-alakrana.pdf

Interesámonos no Congreso pola nova Comisaría de Policía

JORQUERA PREGUNTA AO GOBERNO CANDO VAN COMEZAR AS OBRAS DA NOVA COMISARÍA DE POLICÍA EN RIBEIRA

O deputado do BNG rexistrou unha iniciativa parlamentar no Congreso para coñecer se as obras se van iniciar nos vindeiros meses debido á necesidade das novas dependencias

Madrid, 2 Outubro 09. O deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para preguntarlle ao Goberno cando van comezar as obras da nova comisaría de Ribeira.

Jorquera explica na iniciativa que o Ministerio de Interior se comprometeu a construír unha nova comisaría de policía debido á necesidade de contar con novas instalacións, “máis idóneas e mellor acondicionadas que as actuais”.

A actual adoece de falta de espazo

Pón de manifesto que as actuais instalacións adoecen de falla e espazo, “de feito se tiveron que realizar obras en diversas ocasións ou recorrer ás dependencias da policía local para a custodia de detidos debido a que non hai espazo”.

Pero, sinala o deputado do BNG , e “a pesar de que o concello xa cedeu os terreos e de que se entregou o proxecto ao concello, as obras aínda non comezaron”. Esa é a razón pola que Jorquera se dirixe ao Ministerio de Interior para coñecer en que situación se atopa a dotación dunha nova comisaría de policía en Ribeira, “cando se van iniciar as obras? Será nos vindeiros meses? Cando prevé o Ministerio que entre en funcionamento esta nova comisaría?”, son algunhas das cuestións que formula ao Goberno.

Ademais, tamén quer saber a canto ascende o investimento a realizar e cais son as características do proxecto.

Iniciativa parlamentar:
2009-10-02-nova-comisaria-policia-ribeira.pdf

Nova na Voz:
Francisco Jorquera pregunta no Congreso polo inicio das obras da nova comisaría de Ribeira

Reclamamos que se retire a gabarra de Corrubedo

Imaxe actual da gabarra embarrancada en Corrubedo

O BNG ven de presentar iniciativas tanto no Concello, como no Parlamento Galego e no Congreso dos Deputados reclamando que se fagan as xestións oportunas para retirar a gabarra “Yamburg” da zona de Corrubedo

O 19 de xaneiro encallaba na praia de Balieiros (Corrubedo) a gabarra “Yamburg”. Esta barcaza era remolcada dende o porto grego do Pireo até Tallín (Estonia) cando o forte temporal que facía eses dias a arrastrou ata as rochas da praia de Balieiros, concretamente a unha zona conocida como As Cobas. Trátase dunha plataforma de máis de 30 metros e con unha grúa de grandes dimensións.

Os informes da Capitania Marítima aconsellan desmontar a nave desde terra por non haber perigo de vertidos, pero dende entón, a gabarra segue varada no mesmo sitio. Uns dias despois deste incidente, a Capitania Marítima indicaba que a armadora propietaria tiña que depositar un aval diante de facenda nun prazo dunha semana, para que no caso de que os propietarios non se fixeran cargo do coste, o Estado pudera acometer o seu desguace.

Tanto salvamento como a Capitanía señalaban que unha vez resolta a tramitación burocrática, procederíase a desmontar a gabarra. Sen embargo, transcurridos oito meses a situación segue a estar igual, a gabarra ocupando unha zona de importante valor natural e paisaxístico, e o enorme impacto que eso provoca nun entorno único como e o de Corrubedo.

A situación preocupa os mariscadores e percebeiros da zona, dado que está encallada nuha área relevante productiva de percebe. Catro meses máis tarde de encallar na zona mencionada, e cos movementos das mareas, a barcaza xa provocou a ruptura de varias áreas rochosas onde se cría o percebe. Ademais, según pasa o tempo o deterioro da gabarra é evidente e o seu estado empeora, tamén se teme que o óxido afecte ós bancos de marisco.

Polo tanto, antes de que comence o inverno, sería convinte que a Administración actuara e procedese a desguazar esta barcaza.

Iniciativa Municipal:
2009-09-18-gabarra-de-corrubedo.pdf

Iniciativa Parlamento Galego:
2009-08-31-gabarra-corrubedo.pdf

Iniciativa Congreso Deputados:
2009-09-14-gabarra_yamburg_corrubedo.pdf

Solicitamos o traslado dos depósitos de Ferrazo

O BNG presenta iniciativas diante do Parlamento Galego e das Corporacións Municipais para solicitarlle ao Goberno Galego que poña en marcha as actuacións necesarias conducentes, no ámbito das súas competencias, ao traslado dos depósitos de hidrocarburos do porto de Ferrazo, unha vez emitida Sentenza pola Sala do Contencioso do Tribunal Supremo, que ratifica a ditada previamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, pola que declara ilegais estes depósitos.

Tamén solicita que se dirixan ao Goberno español a fin de adoptar as medidas precisas para retirar e trasladar fóra da ría de Arousa os depósitos de almacenamento de produtos químicos e petrolíferos actualmente ubicados no peirao do Ferrazo, no porto de Vilagarcía de Arousa; así como a eliminación do transporte marítimo de hidrocarburos na ría de Arousa.

A Sala do Contencioso do Tribunal Supremo ven de emitir sentenza firme pola que declara ilegais os depósitos de hidrocarburos do porto do Ferrazo (Vilagarcía de Arousa) por teren sido tramitados sen a preceptiva declaración de impacto ambiental, anulando deste xeito as resolucións da Consellaría de Industria do Goberno do PP (ano 2000, sendo Manuel Fraga Presidente da Xunta) que autorizaban a instalación destes depósitos.

A maiores, esta sentenza ao tempo que ratifica a ditada previamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, indica que a presenza destes depósitos na súa ubicación actual podería provocar contaminación das augas da ría de Arousa e da atmosfera, así como a degradación da riqueza mariña.

Esta decisión xudicial ven a lle outorgar a razón a un amplo movemento social, nucleado en tomo á Plataforma para a Defensa da Ría de Arousa (conformada por confrarías, agrupacións mexilloeiras e outras entidades da ría), que manifestaron o seu rexeitamento desde o primeiro momento á instalación destes depósitos.

Efectivamente, xa no período 1997-98, instalábase no porto de Vilagarcía de Arousa – no peirao do Ferrazo – uns depósitos de hidrocarburos que xeran un tránsito de mercadorías perigosas no interior da ría de Arousa (lembremos: a máis rica e produtiva da nosa nación) que resulta absolutamente inaceptábel. Conta Galiza con demasiada experiencia vinculada a episodios de contaminación mariña, marés negras, ou sinistros marítimos de todo tipo, para localizar agora no corazón da ría máis produtiva de toda Europa unha instalación altamente perigosa que representa unha ameaza para milleiros de postos de traballo. Neste contexto, é evidente que a ubicación destes depósitos no seu emprazamento actual na ría de Arousa representa un risco inasumíbel.

A ría de Arousa é o complexo natural e produtivo máis rico de toda a nosa nación, con unha privilexiada base natural que permitiu o desenvolvemento dunha actividade económica moi importante nos complexos mar-industria e turístico, que se traduce en 26.000 postos de traballos directos que supoñen máis da metade de todo o emprego da beiramar da ría. A defensa desta riqueza debe ser prioridade.

Iniciativas Parlamentares:
2009-04-24-depositos-ferrazopnl.pdf
2009-04-24-depositos-ferrazopo.pdf

Reclamamos en Madrid unha solución aos núcleos do litoral

DAVILA RECLAMA A ESPINOSA QUE “SOLUCIONE DEFINITIVAMENTEA SITUACIÓN XURÍDICA DOS NÚCLEOS SITUADOS NO LÍMITE LITORAL E APELA AO DIÁLOGO COS CONCELLOS

A Ministra de Medio Ambiente manifesta a Davila o “seu compromiso para solucionar o problema dos veciños” que viven en poboacións situadas na zona de servidume do litoral pero non explica a fórmula

A Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, manifestou, na súa resposta á deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, que “o Estado se compromete a solucionar o problema dos veciños” que viven en núcleos situados na zona de servidume marcada pola Lei de Costas pero en ningún momento explicou cal ía ser a fórmula.

Davila dirixíase á Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, para preguntarlle que “medidas ían adoptar para solventar a situación de inseguridade xurídica na que se atopan moitos núcleos singulares e históricos situados na costa galega a menos de cen metros desde o límite do litoral”, dado que o Goberno decidiu recurrir a Disposición Segunda da Lei de Vivenda da Xunta que contemplaba unha solución.

A Ministra admite inseguridade xurídica nestes casos

Elena Espinosa admitiu á deputada do BNG que “é certo que existe inseguridade xurídica” pero o circunscribiu “á ampliación das propiedades e vivendas” pero, afirmou, “os terreos afectados pola servidume continúan a ser de propiedade privada, poden facer obras de conservación” pero a limitación “está en non poder amplialas”.

Co recurso á Lei de Vivenda galega négase unha solución ao problema

A deputada do BNG subliñou o desacordo do BNG coa decisión adoptada polo Goberno de recurrir a Lei galega. “Vosté coñece de primeira mán a situación pola que atravesan os veciños destes núcleos históricos e singulares, que levan moitos anos loitando para que se solucione o inxusto estado no que lles deixou a Lei de Costas de 1988”.

Máis información:
2009-04-29resposta-espinosa-a-davila-nucleos-litoral.pdf

Solicitamos en Madrid que a fábrica de Castiñeiras pase a patrimonio público

O BNG PRESENTA NO CONGRESO UNHA INICIATIVA PARA QUE COSTAS EXPROPIE OS TERREOS DE CONSERVAS CASTIÑEIRAS

Francisco Jorquera solicita que os terreos pasen a propiedade pública “para evitar a especulación urbanística e garantir o seu uso e desfrute por toda a viciñanza”

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha iniciativa na Cámara Baixa pola que insta á Demarcación de Costas a que expropie os terreos de Conservas Castiñeiras para que pasen a titularidade pública, “evitando así que se poida especular con estes terreos, e garantindo o seu uso e desfrute para toda a viciñanza de Ribeira”.

Francisco Jorquera denuncia “o estado de total abandono” no que se atopa o edificio da fábrica, sen actividade dende hai tempo e no que non existe ningunha media de vixilancia.

“Como consecuencia deste estado de abandono prodúcense importantes molestias para os veciños e veciñas de Castiñeiras: os materiais que se desprenden os días de vento son potencialmente perigosos e poderían causar danos ás persoas e aos vehículos que transitan pola estrada AC-7207 e nas vivendas colindantes”, advirte o deputado do BNG.

Ademais, o parlamentario nacionalista subliña que o lugar que ocupa esta fábrica na praia de O Castro “é unha parcela de 13.600 metros cadrados enormemente atractiva para calquera operación de especulación urbanística, máxime cando o terreo está cualificado como zona urbana non consolidada”.

Neste sentido, Francisco Jorquera lembra que o BNG de Ribeira presentou o pasado 24 de abril unha moción pola que se instaba ao Concello de Ribeira a “realizar as xestións necesarias para que o lugar no que sitúa a fábrica pase a patrimonio público”.

O proxecto presentado polo BNG local é o de construír unha área de lecer público, que incluiría, entre outras dotacións sociais e de esparcemento, un polideportivo ou a construción dun museo relacionado coa industria pesqueira.

Costas pode expropiar os terreos a través do Programa de Adquisición de Fincas no Litoral

Para facer realidade esta iniciativa e garantir o uso público destes terreos, o deputado do BNG insta ao Ministerio de Medio Ambiente, a través da Demarcación de Costas de Galicia, a que “expropie, de forma urxente, os terreos de Conservas Castiñeiras, algo que é posible a través do Programa de Adquisición de Fincas no Litoral Español”.

Por último, e entre outras cuestións, Francisco Jorquera tamén lle solicita ao Goberno que informe das actuacións que realizou o concello de Ribeira ante a Dirección Xeral de Costas en relación cos terreos de Conservas Castiñeiras.

Iniciativa parlamentar:
2008-11-13-conservas-castineiras.pdf

Vista aérea do entorno de Conservas Castiñeiras:
vista-aerea-fabricacastineiras.pdf

O BNG reclama máis medios para a protección das vítimas da violencia de xénero

Davila advirte de que “existe unha evidente falta de medios para protexer ás mulleres vítimas de malos tratos” e solicita que nos Orzamentos do Estado para 2009 “se consignen as partidas necesarias para garantir unha aplicación efectiva da Lei Integral contra a Violencia de Xénero

Madrid,11 de Agosto 08. A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno que incremente os medios policiais para a protección das vítimas da violencia de xénero.

A deputada nacionalista considera que a Lei Integral contra a Violencia de Xénero, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2005, “foi un paso histórico (....) pero vemos como empezan a cobrar razón as voces que dende un principio advertirion que a lei podería quedar sen efectividade se non se acompañaba dunha dotación orzamentaria suficiente para a súa aplicación, especialmente no referido á creación de xulgados especializados e na protección das vítimas”.

Só 600 policías para atender 36.000 ordes de protección

Así, Davila denuncia que “neste momento existe un claro déficit de persoal policial para protexer as vítimas da violencia de xénero”, tal e como puxeron de manifesto o pasado 28 de xullo todos os sindicatos con representación no Consello Xeral da Policía.

E é que segundo os últimos dados, a Unidade de Protección de Mulleres Maltratadas só conta con 600 axentes, para atender as 36.000 ordes de protección (solicitáronse un total de 91.441) dictadas polos xuíces dende que se comezou a aplicar a lei.

Neste sentido, a deputada do BNG subliña que “durante o debate parlamentar da lei consideráronse necesarios uns 5.000 policías para facer efectivo o seu cumprimento”.

Deste xeito, Davila denuncia que “neste momento nas grandes cidades do Estado cada policía adicado á protección das vítimas da violencia de xénero ten ao seu cargo máis de 20 ordes de protección de vítimas, cando os protocolos de instrucción fixan un máximo de 12 ordes por axente para garantir unha protección efectiva”, unha situación que aínda se agrava máis nas comisarías locais ou de distrito.

Os Orzamentos do Estado para 2009 deben recoller as partidas necesarias para garantir o cumprimento da lei

A este respeito, a deputada do BNG comparte as críticas dos sindicatos ao feito de que o último Catálogo de Postos de Traballo para o Corpo Nacional de Policía, aprobado polo Goberno e que entrou en vigor en xaneiro deste ano, “non contemplase un dimensionado en recursos humanos e orzamentarios acorde coa magnitude do problema ao que nos enfrontamos”.

Ante esta situación, Olalla Fernández Davila solicítalle ao Goberno que nos Orzamentos Xerais do Estado para 2009 “se incrementen os recursos para garantir unha aplicación efectiva da Lei Integral de Medidas contra a Violencia de Xénero, especialmente no referido á creación de xulgados especializados e ao incremento do número de axentes de policía destinados á protección das vítimas”.

Asimesmo, pregúntalle ao Goberno se “é consciente de que a falta de medios para garantir a seguridade das mulleres vítimas da violencia de xénero pon en perigo moitas vidas” e, polo tanto, se “vai incrementar con carácter de urxencia o cadro de persoal da Unidade de Protección de Mulleres Maltratadas”.

Por útimo, e entre outras cuestións, a deputada do BNG solicita información sobre o número de axentes destinados en Galiza á protección das vítimas de malos tratos.

Iniciativa parlamentar:
proteccion_vitimas_violencia_xenero.pdf

O BNG logra no Senado o respaldo á tarifa nocturna

O Senado aproba unha moción do BNG solicitando ao Goberno que non suprima a tarifa nocturna

A moción do BNG foi apoiada por todos os grupos da Cámara Alta (PP, CiU, PNV, Entesa Catalana e Mixto) e só contou co voto en contra do PSOE

Madrid, 19 Xuño 08. A Comisión de Industria do Senado aprobou esta mañá unha moción do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza pola que se lle demanda ao Goberno que non suprima a tarifa eléctrica nocturna “debido á negativa repercusión económica que tería sobre os consumidores”.

En concreto, a moción do BNG aprobada hoxe insta ao Goberno a que “derrogue a nova modalidade tarifaria de discriminación horaria e reimplante a tarifa eléctrica nocturna, de forma as economías domésticas non sufran unha suba desproporcionada na tarifa eléctrica”.

Máis información…

O BNG abstense na investidura de Zapatero

Jorquera anuncia a abstención do BNG debido á falla de concreción e de compromisos do candidato á Presidencia do Goberno español en cuestións como a transferencia de competencias, as infraestructuras, a construción naval civil ou o voto emigrante

Madrid, 8 Abril 08. O candidato á Presidencia do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, non se pronunciou, tal e como lle pedía o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, sobre a transferencia da materia de tráfico e seguridade vial a Galiza.

Máis información…