Nota de prensa da Asociación Sagres
“A Asociación Sagres, en Defensa do Litoral felicita ao presidente do goberno galego polas medidas de protección da costa, entre elas, a creación de novas áreas de mariña protexidas e a recuperación de Cortegada. Pero tamén desexa que non se destrúan as zonas que están protexidas e en pleno rendemento pesqueiro, como é o caso de Aguiño.
Por iso se sorprende que sexa precisamente agora cando mellores e maiores medidas de protección ambiental se están a tomar (a Lei de Medidas Urxentes de Potección do Litoral, unha normativa creada para frear a deterioración das nosas costas, a Lei de impacto paisaxístico) que Medio Ambiente queira construír unha macrodepuradora e unha piscifactoría, sen estudos de impacto ambiental, de sostibilidade, de correntes mariñas, de monotorización e incumprindo as garantías mediambientais, socioculturais, urbanísticas, técnicas e biolóxicas e que poría en perigo un hábitat natural de especial sensibilidade, e a industria de pesca e marisqueo artesanal que vive de sempre aquí.
Un proxecto que de levarse a cabo será devastador para esta zona, referente galego e europeo da pesca tradicional e o marisqueo, que vén de ser demostradamente sustentable e que dá traballo digno a toda a poboación de Aguiño.
Recordan así mesmo que a Terra non entende de fronteiras e que este lugar é o corredor natural entre o Parque Nacional das Illas Atlánticas e o LIC Corrubedo, e onde habitan especies mariñas protexidas pola directiva Habitat (entre outras, o delfin mular e a marsopa común), os arrecifes rochosos somerxidos para os que a Comunidade Europea reclama atención prioritaria (Código 1170 da Directiva 92/43/CEE) e en terra especies ameazadas, en concreto a Omphalodes littoralis, segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
Propoñen unha depuración medioambientalmente posible, unha depuración que non afecte á degradación da calidade das augas pola contaminación orgánica, química e bacteriolóxica e pola que se asegure, de acordo cos estudos que aínda non se fixeron, o mellor emprazamento para garantir o mínimo impacto e unha rápida dilución no medio receptor.
Isto só será posible se cada pau aguanta da súa vela e se realizan os estudos preceptivos e necesarios, ou por mellor dicir se se fai unha depuración por parroquias e non elixindo un punto, polo demais ata agora primixenio, para convertelo no punto negro da ría.
Disque hai que depurar para non seren declarados zona C, parécenos ben. O que non entendemos e que nós sendo zona A, vaiamos ser os elixidos para instalar un punto negro na ría.
Nós que fomos capaces, coas nosas mans e cos nosos barcos, a parar un desastre coma o do Prestige, non imos permitir que nos convertan nun gran vertedoiro.
Por todo isto invita a Emilio Pérez Touriño a visitar a zona para que se faga eco da preocupación dos veciños e mariscadores e medie neste asunto.”