O BNG presentou unha iniciativa pola que reclama que se realicen no período de vacacións as obras de reparación e mantemento dos centros educativos.
Tamén solicita que se incremente o persoal de limpeza e se inste á Consellería de Educación para que non se realicen recortes na dotación de profesorado.
Rematou o curso escolar e nos centros educativos que escolarizan alumnado de infantil e primaria neste concello, existen unha serie de carencias importantes no relativo a obras de reparación e mantemento e arranxos importantes que afectan á seguridade dos nenos/as.
A adecuación á normativa vixente dos espazos de xogo exteriores, a carencia de patios cubertos e/ou pavillón polideportivo nalgún dos centros, a substitución dos valados rotos, cancelas de entrada, reforma de baños, substitucións de portas, reparacións nos tellados etc, son só algúns exemplos de obras que se deberían acometer de forma urxente.
A execución destes traballos debería realizarse no período de vacacións para non interromper (como xa sucedeu en anos anteriores) o normal desenvolvemento do curso unha vez comezado.
Outro dos importantes problemas que suscitan a queixa e a demanda da comunidade educativa é o da limpeza: en tódolos centros existe unha soa persoa e naquel caso en que hai dúas persoas están contratadas só a media xornada.
Por outra banda, chegan informacións de que nos centros a Consellería de Educación vai realizar, de cara ao vindeiro curso escolar, recortes que van a afectar á dotación de orzamento e de profesorado nos centros.
Esta situación é a que nos leva a presentar unha iniciativa municipal reclamando que se dote do mantemento necesario para garantir un ensino público de calidade.
Iniciativa Municipal:
2010-07-15-mocion-ceips.pdf





