BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xuño, 2010:

Pleno Municipal xuño 2010

Toma de posesión dos 6 concelleiros e concelleiras do BNG de Ribeira

No Pleno Ordinario do Concello de Ribeira do vindeiro luns, día 28 de xuño, debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e numerosas solicitudes. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6, tantas como concelleiros e concelleiras ten o BNG. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Preme enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Centro integrado
2.- Recortes sociales
3.- Melloras na Unidade de Atención a Drogodependencia (UAD) de Ribeira
4.- Creación dun carril bici no Concello de Ribeira
5.- Rebaixa dos prezos da gasolina ás embarcacións pesqueiras profesionais
6.- Agua e saneamento en Oleiros

Reclamámos que se adopten as medidas precisas para rebaixar os prezos da gasolina profesional

O BNG ven de presentar iniciativas no Parlamento Galego e nos concellos da comarca para reclamar que se adopten as medidas precisas para posibilitar a rebaixa dos prezos da gasolina ás embarcacións pesqueiras profesionais que utilizan este combustíbel. Os acordos que se solicitan son os seguintes:

1.Que o Pleno do Concello inste á Xunta de Galiza a adoptar as medidas precisas para posibilitar a aplicación práctica da legalidade vixente a fin de acadar a consideración real da gasolina como combustíbel profesional e, deste xeito, posibilitar a rebaixa dos prezos da gasolina ás embarcacións pesqueiras profesionais que utilizan este combustible no noso Concello.

2.Que se solicite a posta en marcha dun programa de instalación de depósitos e surtidores de gasolina nos portos galegos, no que se inclúan os de Ribeira, que permita a subministración de gasolina ás embarcacións coas exencións fiscais previstas na lei.

3.Que o goberno municipal estableza, con estes obxectivos, negociacións entre a Consellaría do Mar, empresas subministradoras, Ente Público Portos de Galiza, e representantes do sector pesqueiro de baixura de Ribeira.

A exención de impostos sobre a gasolina é un dereito que se contempla no artigo 51.2 de Lei 38/1992, de 28 de decembro, de Impostos Especiais. Neste artigo establécese a exención do imposto sobre Hidrocarburos para todos os produtos incluídos no seu ámbito obxectivo, sen distinción, que se destinen a utilización como carburante, incluída a pesca, con excepción da navegación privada de recreo.

Neste senso, hai que lembrar que o sector pesqueiro que utiliza gasolina leva moitos anos demandando o mesmo trato que se lle outorga ao gasóleo, exento de impostos para a flota que usa ese carburante.

No noso Concello aproximadamente 400 embarcacións pertencentes ás confrarías de Riberia, Aguiño e Palmeira utilizan a gasolina como carburante. Este combustíbel, a diferenza do gasóleo, aínda contando cun tratamento fiscal específico na lexislación vixente, segue sen posuír, non só nos nosos portos, senón en todos os galegos (agás o da Coruña), un tratamento real como combustíbel profesional.

Esta marxinación obxectiva é especialmente grave nun contexto de crise económica como a que se está a padecer, tamén no sector pesqueiro, no que ademais hai tempo que se está a producir unha suba xeralizada do prezo dos combustíbeis.

Compre, pois, articular as medidas precisas tendentes a aplicar na práctica a minoración do prezo da gasolina nas embarcacións pesqueiras, a través dun mesmo tratamento fiscal, execución do imposto de hidrocarburos, que o gasóleo profesional. En xuño de 2010 un litro de gasolina custa de media 1,20 €. O prezo do litro de gasóleo pesqueiro, aplicada a exención, é de 0, 51 €. A diferenza é considerábel.

Sen embargo, a experiencia levada a cabo polo sector de baixura do porto da Coruña demostra que é posíbel reducir o prezo da gasolina practicamente á metade de existir vontade política. Así, as xestión emprendidas permiten, só neste porto, o subministro de gasolina considerada como combustíbel profesional.

Esta experiencia debe ser trasladada aos portos de Ribeira polo ben e o futuro do noso sector de baixura. Non é aceptábel que existindo a posibilidade de rebaixar substancialmente os prezos dos combustíbeis pola vía legal, non se adopte ningunha medida ao respecto por falta de iniciativa institucional e vontade política tanto da Xunta de Galiza como do propio Concello.

Iniciativa Municipal:
2010-06-17-exencions-fiscais-gasolina.pdf

Iniciativa Parlamentar:
2010-06-07-pnlp-adopcion-medidas-gasolina-a-frota.pdf

Demandamos que a EDAR de Ribeira conte cunha solución específica para Xarás

O BNG ven de presentar unha iniciativa pola que lle solicita ao Goberno do PP que a necesaria e urxente depuración das augas residuais se faga con todas as garantías e que se respecte o acordo de mínimos unanimemente acadado por todos os Grupos Municipais no Pleno do 30 de xullo de 2007, que incluía entre outros puntos, “que se solicite da Xunta de Galiza unha depuradora específica para o Polígono Industrial de Xarás”.

É unha vella demanda do BNG, e para nós algo prioritario, que Ribeira conte co necesario saneamento integral das súas augas residuais. Agora ben, tamén entendemos que non se pode facer de calquera xeito, senón respectando e potenciando toda a riqueza do seu entorno.

Tivemos coñecemento pola prensa que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas non ten previsto facer a depuradora para os residuos do Polígono de Xarás. Isto entra en contradición co compromiso acadado polo Alcalde tanto en Pleno como en Xunta de Portavoces, tal como se recolle na acta do día 25-03-2010: “O Sr. Alcalde asegura que a solución dos vertidos urbanos irá de forma paralela á solución e confirmación da depuración industrial”.

Se a Xunta mantén esta postura contraria ao que afirmou o Alcalde no seu día, convén que, tanto el mesmo como todo o goberno do PP de Ribeira no seu conxunto, nos aclaren que solución pensan adoptar para que a depuración dos verquidos urbanos vaia “de forma paralela á solución e confirmación da depuración industrial”, tal como se comprometeu o Alcalde na Xunta de Portavoces de 25-03-2010, a insistencia desta Portavoz. En todo caso, agardamos que fagan valer o acordo acadado por unanimidade no Pleno do 30 de xullo do 2007, que foi o seguinte:

1.Que o proxecto da EDAR de Ribeira se someta aos trámites de Avaliación de Impacto Ambiental e de Avaliación Estratéxica da Sostibilidade.

2.Que se solicite da Xunta de Galicia unha depuradora específica para o Polígono Industrial de Xarás.

3.Que o emisario se prolongue até augas profundas oceánicas, onde se asegure o mínimo impacto e unha rápida dilución e difusión no medio receptor, despois de escoitar ao sector extractivo da zona.

4.Que o incremento na intensidade de uso do espazo destinado á planta depuradora vaia acompañado das preceptivas medidas compensatorias.

Se todos os Grupos Municipais fomos capaces de chegar a este acordo de mínimos, non se entendería agora posturas contrarias por parte do goberno local e autonómico. Non podemos esquecer a privilexiada situación xeográfica do noso concello: a carón da Ría da Arousa, unha das máis produtivas do mundo, e dunha área costeira de grande riqueza pesqueira e marisqueira; formando parte do Parque Nacional da Illas Atlánticas, e contando no seu ámbito co Parque Natural máis visitado de Galiza e cunha ampla área de Rede Natura. Estamos falando, pois, dun espazo dos máis singulares de Europa, que conta cun alto grao de protección, polo tanto, todas as medidas que se adopten para non poñer en perigo toda esta riqueza son poucas.

Iniciativa municipal:
2010-06-10-edar-de-ribeira.pdf

O PP de Ribeira discrimina ás televisións de ámbito comarcal

O BNG de Ribeira denuncia que o goberno do PP de Ribeira contrata “a dedo”, por preto de 70.000€, a instalación dun reemisor de TDT no monte de San Alberte, “esquecendo” ás canles de ámbito Local e Comarcal.

Nunha resolución de xullo de 2006, o Goberno da Xunta autorizaba as canles de emisión de TDT no ámbito territorial de Galiza. Ademais das autorizacións para todo o territorio galego, déronse outras de “ámbito local/comarcal” nas que se incluían Telesalnés-Canal Rias Baixas (para Barbanza, Arousa e Muros Noia), Correo TV (Santiago e Barbanza), que xa están emitindo e outra (para o mesmo ámbito) que aínda non opera. Estas tres operadoras teñen licenza para emitir pola canle 27.

Recentemente o Goberno Municipal de Ribeira instala no monte San Alberte un reemisor orientado a zonas do concello que reciben moi deficiente o sinal de TDT. A sorpresa é que esta instalación non contempla, precisamente, as canles autorizadas para emitir no ámbito do noso concello.

Que interese ten o Goberno do PP de Ribeira por discriminar a Telesalnés e Correo TV? Estas dúas canles, pese a ter licencia autonómica para emitir, pola canle 27, no ámbito do concello de Ribeira, non poderán ser sintonizadas por miles de cidadáns e cidadás ao non estar incluídas no repetidor instalado polo Goberno municipal. Practicamente todas as demais cadeas de TV, tanto públicas como privadas, si poderán ser sintonizadas (iso si, cando o repetidor funcione correctamente, cousa que aínda non fai).

Desde o BNG criticamos o feito de que o Goberno do Partido Popular gastase dos cartos de todos e todas case 70.000€ nunha instalación para a que existen axudas públicas, que nin solicitou, (como reiteradamente demandou o BNG) desde hai máis de cinco anos. Tamén rexeitamos que se encargase esa instalación a unha empresa contratada “a dedo” (con informe contrario de Intervención) e, ademais, con decidida intención de “esquecer” ás canles de ámbito Local e Comarcal. De insulto á intelixencia e auténtica burla á cidadanía temos que cualificar as palabras da voceira do PP de que “...en Ribeira aínda non emite ningunha TV local” cando é de público coñecemento que o concello de Ribeira quedou no ámbito de cobertura das cadeas antes mencionadas e estas xa están emitindo en dixital xa hai meses.

O Goberno Municipal do PP deberá explicar cales son as verdadeiras razóns de este proceder discriminatorio que deixa a miles de cidadáns e cidadás de Ribeira sen poder sintonizar canles de TDT que prestan o seu servizo público informativo, cultural e de lecer no concello de Ribeira.

O BNG informa sobre o POL ao sector da contrución da Barbanza

O BNG informa sobre POL no CECB

PERPLEXIDADE NO SECTOR DIANTE DO PLAN DE ORDENACIÓN DO LITORAL

Tereixa Táboas, deputada, portavoz do BNG na Comisión parlamentaria de seguimento do POL e Conselleira de Vivenda e Solo na anterior lexislatura e Dominga Brión informaron no Centro Empresarial da Construción da Barbanza (CECB) sobre o Plan de Ordenación do Litoral.

A deputada do BNG detallou as múltiples eivas que contempla o Plan presentado pola Xunta para consulta aos concellos: entre elas, a non elaboración previa dunhas “directrices de Ordenación do Territorio”, así como a falla dunha memoria económica de acompañamento.

Tereixa Táboas afirmou que aínda que desde a Xunta din que o POL non clasifica nin cualifica o solo, de feito si o fai ao ter carácter municipalista e prevalecer sobre o actual Plan Xeral de Ordenación Municipal. Tamén afirmou que, tal como está prantexado, o POL presenta serias dúbidas de legalidade e incorre en “responsabilidade patrimonial” ao restrinxir os usos do chan urbano e de núcleo rural establecidos no actual PXOM de Ribeira.

Dominga Brión, pola súa parte, detallou a afección do POL no caso concreto do Concello de Ribeira. No noso concello está gravemente afectado por este Plan máis do 75% do chan municipal. Este Plan afecta gravemente a numerosas vivendas tanto no casco urbano de Ribeira, como en todas as parroquias, agás Oleiros. En total afecta a 3.337.202 m2 dos 5.962.574 m2 de chan urbano existentes, o que se corresponde co 56% do chan urbano municipal. Con respecto ao chan de núcleo rural, afecta a 3.597.684 m2 dos 5.713.593 m2 de superficie segundo o PXOM, o que representa o 63% do chan de núcleo rural municipal.

As persoas asistentes, representantes de pequenas e medianas empresas do sector da construción da comarca, expresaron a súa “perplexidade” diante deste Plan que “elimina gran parte do chan municipal apto para uso residencial” e que, polo tanto, afecta moi gravemente ao sector. “Se na oposición criticaron a Lei dos 500 metros, como poden agora presentar isto?”

Dominga Brión dixo que o BNG pedirá a retirada deste POL e que “en todo caso” o Plan definitivo debe “respectar as áreas urbanas e de núcleo rural do actual PXOM así como as ampliacións previstas na revisión que se está levando a cabo”.

A Voceira Municipal do BNG adiantou que “volveremos a informar á cidadanía no momento en que o POL saia á exposición pública” Será entón (probablemente no verán) o momento de presentar as correspondentes alegacións.

Máis información:
O Plan de Ordenación do Litoral afecta ao 75% de Ribeira

Esixímolle á Xunta que entregue as vivendas de Xarás

O BNG pregúntalle ao Goberno do PP porqué suprimiu as axudas para o alugueiro aos adxudicatarios para compensalos polos prexuízos provocados pola demora na entrega das vivendas

A deputada do BNG no Parlamento Galego pola comarca do Barbanza, Ana Pontón, ven de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego pola que lle reclama á Xunta de Galiza que entregue sen máis demora as vivendas de Xarás, en Ribeira, aos adxudicatarios.

A parlamentaria nacionalista lembra que o proceso de construción destas vivendas “foi ben accidentado”. Foron adxudicadas o 21 de outubro de 2004 polo daquela Goberno do PP por un importe de 1,4 millóns de euros e tiñan un prazo de execución das obras que remataba o 22 de setembro de 2006. Porén, no momento da rescisión do contrato só estaba executada o 13,85% da obra.

A Consellaría de Vivenda do Goberno Bipartito solucionou esta situación herdada do Goberno do PP rescindindo o contrato e convocando un novo concurso para rematar os traballos. Así, o 11 de marzo de 2008 adxudicou de novo a obra cun prazo de execución de 12 meses.

Para compensar o prexuízo que se lle causou ás familias, a Consellaría de Vivenda decidiu conceder unha axuda de 2.000 euros aos afectados para sufragar o custo do aluguer mentres se executaban as obras, “unhas axudas –denuncia a deputada do BNG- que o actual goberno decidiu non renovar, desentendéndose das complicadas situacións persoais que se dan”.

“A Xunta ten que entregar as chaves aos adxudicatarios”

Unha vez rematadas, por fin, o pasado 1 de marzo sorteáronse as 21 vivendas protexidas e a Xunta fixo pública a entrega das chaves para este mes de maio.

Porén, Ana Pontón denuncia que “a Xunta demora sen aclarar os prazos de entrega das chaves, sen aclarar os prazos nin ofrecer explicacións sobre esta situación”.

Para a deputada do BNG “esta situación debe solucionarse de inmediato e as vivendas deben ser entregadas ás persoas que resultaron adxudicatarias das mesmas, porque esta dilación está provocando situacións moi complexas para moitas persoas e a Xunta debería amosar máis sensibilidade ante este asunto”.

Ante esta situación, a deputada do BNG pregúntalle á Xunta por qué razóns demora a entrega dos pisos e en qué prazo prevé facelo. Ademais, demanda explicacións pola supresión das axudas aos adxudicatarios e adxudicatarias para compensar os prexuízos ocasionados pola demora na entrega destas vivendas.

Iniciativa parlamentar:
2010-05-28vivendas-xaras.pdf