BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Maio, 2010:

Pleno Municipal de maio do 2010

Toma de posesión dos 6 concelleiros e concelleiras do BNG de Ribeira

No Pleno Ordinario do Concello de Ribeira do vindeiro luns, día 31 de maio, debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e numerosas solicitudes. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6, tantas como concelleiros e concelleiras ten o BNG. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Preme enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Substitución de canalizacións de auga de fibrocemento
2.- Dotación dunha circunvalación a Ribeira dende a Autovía até o peirao
3.- Instalación dun reemisor das canles de TDT de ámbito local e comarcal
4.- Centro integrado
5.- Recortes sociales
6.- Melloras na Unidade de Atención a Drogodependencia (UAD) de Ribeira

Reclamamos a modernización das tubaxes de canalización de auga potábel

O BNG presentou iniciativas diante do goberno do PP de Ribeira para que elabore un Plan de substitución de tubaxes de canalización de auga potable fabricadas en fibrocemento por outras de materiais máis resistentes e menos contaminantes que abrangue todo o territorio do concello.

Tamén solicitou que, de xeito inmediato, se tomen as medidadas oportunas para que se substitúan as canalizacións de auga potable nas zonas de Frións-Cubeliños e da Costa da Mámoa-Cruce do Vilar.

A preocupación dun concello moderno debe estar no mantemento e arranxo das infraestruturas básicas e substituílas se fose preciso. Entre estas dotacións están a do subministro de auga potable.

A rúa que une Frións coas Abesadas pasa polo entorno de Cubeliños. Nesta zona hai numerosas vivenda unifamiliares así como vivendas adosadas de recente construción. Nesta zona son numerosas as roturas de tubaxes do subministro de auga, o que deixa sen un servizo básico á veciñanza da contorna. Esta cuestión non é un caso puntual xa que no último ano houbo máis dunha ducia de roturas que deixan sen subministro a varios centos de veciños e veciñas.

Algo semellante ocorre noutras partes do concello, como pode ser na estrada que vai da Mámoa ao cruce do Vilar onde as roturas son case que semanais. A razón desta reincidencia na rotura está no material co que están fabricadas as canalizacións. Son dun material xa non usado para esta finalidade: fibrocemento.

Esta é unha situación lamentable nun concello como é o de Ribeira que debería poñer fin a estas deficiencias acometendo unha obra que permita substituír estas canalizacións por outras que non requiran tanto mantemento.

Iniciativa municipal:
2010-02-12-substitucion-de-canalizacions-de-fibrocemento.pdf

Demandamos unha circunvalación para Ribeira

O BNG presentou unha iniciativa para demandarlle ao Goberno Municipal do PP que inicie as actuacións oportunas para dotar a Ribeira dunha circunvalación dende a autovía até o peirao.

Ribeira precisa dotarse de todas as infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento económico e social; deste xeito crearase emprego e riqueza, e mellorarase a calidade de vida de todos os veciños e veciñas, algo moi importante en momentos de crise coma os que estamos padecendo.

É prioritario para o noso Concello tanto diversificar a súa economía, como apoiar a un sector estratéxico para nós como é o complexo mariño-industrial; polo tanto, a creación de infraestructuras que propicien a potenciación do noso porto pesqueiro e comercial debe ser unha das prioridades que a administración local debe xestionar: a dotación dun plan de usos do porto, dunha nova e moderna lonxa, de diversos servizos para a frota de baixura e demais usuarios/as das instalacións portuarias, sen esquecer un servicio de vixilancia no porto son, entre outras, necesidades que se deben demandar con urxencia.

Neste senso, consideramos que xestionar a construción dunha circunvalación para Ribeira dende a autovía ata o porto é unha obriga que non debe demorar por máis tempo o goberno deste Concello. A que existe trazada como tal no actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) pasa polo medio de Abesadas. Polo tanto, valería como unha gran avenida pero non como circunvalación. Non se debe facer unha circunvalación polo medio do casco urbano. Agora que está o PXOM en revisión é o momento de dar os pasos necesarios para incorporar ao mesmo un novo trazado.

Ademais de potenciar o noso peirao, con esta infraestrutura faríase máis fluído o tráfico no casco urbano de Ribeira, que en horas punta e os sábados pola mañá resulta tremendamente dificultoso, converténdose na tempada estival en misión francamente imposíbel.

Iniciativa Municipal:
2010-04-16-circunvalacion-para-ribeira.pdf

O luns tod@s a Compostela!!

Letras Galegas 2010

Os autobuses sairán ás 10.00 horas dende a estación de autobuses con paradas en todos os concellos da Barbanza.

Iniciativa Municipal

O BNG presentou iniciativas nos concellos da Barbanza para solicitar que se apoie activamente a manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego en defensa do noso idioma que terá lugar o próximo 17 de Maio, en Santiago de Compostela.

Tamén reclamará ao Pleno que rexeite as “Bases para o Decreto de Plurilingüismo” feitas públicas pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, e que reafirme o compromiso municipal co consenso estabelecido, no ámbito do ensino, no Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado de xeito unánime polo Parlamento de Galiza en setembro de 2004.

Do mesmo xeito, demandarase da Corporación que manifeste a súa adhesión ao texto da “Iniciativa Popular pola Garantía dos Dereitos Lingüísticos”, promovida pola Plataforma Queremos Galego.

Reclamamos que non se fagan recortes no Plan de Galicia sobre Drogas

O BNG ven de presentar dúas iniciativas no Parlamento Galego, para solicitarlle ao goberno do PP da Xunta de Galiza que non faga recortes no financiamento dos dispositivos incluídos no Plan de Galicia sobre Drogas, que vai a afectar á UAD de Ribeira, e, ao mesmo tempo, que informe dos prazos e criterios de participación na elaboración do novo Plan.

O BNG tamén presentará iniciativas diante do Goberno do PP de Ribeira e do Pleno da Corporación para reclamar que se manteña o servizo que presta a UAD de Ribeira e se melloren as súas instalacións.

O Plan de Galicia sobre Drogas actual, elaborado polo bipartito, que remataba en 2009 e foi prorrogado por un ano, financia dispositivos tanto de prevención como asistenciais dependentes dos concellos ou de entidades sen ánimo de lucro, que posiblemente se verán seriamente afectados polos recortes previstos polo goberno do PP no novo Plan Galego de Drogas que está elaborando.

En Ribeira estes previsibles recortes afectarán á Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD), formado por un equipo de 12 profesionais que atende a 1.700 doentes, e a outras entidades que realizan labores de prevención nos centros educativos a milleiros de escolares. Lembremos que isto súmase á paralización da construción do Centro de Saúde Mental da Barbanza, adxudicada polo goberno do PP cun orzamento de preto dun millón de euros, que ía a acoller a UAD.

En todo o país son moitas as persoas afectadas polos previsibles recortes que a Consellaría de Sanidade vai a efectuar na rede de drogas, que xa ven aplicando a outras áreas, que ela entende “sobredimensionadas”: arredor de 20.000 doentes e uns 437 profesionais.

Con respecto á asistencia, existen 17 Unidades ambulatorias, dependentes de 13 concellos e de 4 asociacións (ACLAD-Coruña, Alborada-Vigo, Asfedro-Ferroi e Cruz Vermella-Lugo). As asociacións xestionan ademais as Comunidades terapeúticas de Vigo, A Coruña e Ferrol, e contan aproximadamente con 300 profesionais.

Por parte da prevención, hai 64 equipos de prevención en toda Galiza, xestionados na súa maioría por concellos (44 convenios asinados por un total de 118 concellos de toda Galiza e 20 convenios asinados con asociacións). En total 137 profesionais de prevención e incorporación social.

Nova na Voz:

Presentación do libro de Carlos Callón en Ribeira

Presentación libro de Carlos Callón

O Plan de Ordenación do Litoral afecta ao 75% de Ribeira

Plan de Ordenación do Litoral en Ribeira

O BNG de Ribeira rexeita o actual Plan de Ordenación do Litoral (POL) presentado polo goberno do PP da Xunta, e lamenta que o goberno do PP de Ribeira non informara á cidadanía afectada, xa que este documento inclúe no seu ámbito aproximadamente 52 Km2 dos 69 Km2 de superficie total do municipio, o que supón máis do 75% do concello.

Por esta razón, o BNG solicitou que se refaga de novo de tal xeito que respecte o actual PXOM, permita as ampliacións necesarias na revisión que se está efectuando do mesmo, tanto de chan urbano como de núcleo rural e reduza, onde sexa posíbel, a protección de corredor.

O goberno do PP está tramitando o Plan de Ordenación do Litoral que vai a fixar as directrices para a ordenación territorial dos municipios costeiros de Galiza e a propiciar a ordenación a gran escala dos usos do solo. Trátase dun documento moi importante, pois as súas determinacións terán forza vinculante e prevalecerán sobre as establecidas no planeamento municipal, que deberá ser obxecto de adaptación.

O POL afecta a chans situados a unha distancia da costa de ata 3.000 m, superando con moito o actual límite cautelado de 500 m pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia. Neste momento atópase en fase de consultas aos Concellos aos que foi remitido con data 25 de xaneiro de 2010, durante o prazo de dous meses, prorrogado por un mes máis, que remata o 3 de maio de 2010, para a emisión do correspondente informe.

Este Plan afecta en Ribeira gravemente a numerosas vivendas tanto no casco urbano, como en todas as parroquias, agás Oleiros. En total afecta a 3.337.202 m2 dos 5.962.574 m2 de chan urbano existentes, o que se corresponde co 56% do chan urbano municipal. Con respecto ao chan de núcleo rural, afecta a 3.597.684 m2 dos 5.713.593 m2 de superficie segundo o PXOM, o que representa o 63% do chan de núcleo rural municipal.

Cabe lembrar que a clasificación dun chan como urbano é un acto regulado, establecido por lei. Se o POL cambia a súa regulación establecendo a prohibición do uso edificatorio, pódese incorrer en responsabilidade patrimonial ao lesionarse ou limitarse dereitos adquiridos polos propietari@s.

Calendario de actos informativos:

Dende o BNG lamentamos que ante unha afectación de tal calado o goberno do PP de Ribeira non tivera a ben informar á cidadanía desta situación. Por esta razón está realizando actos informativos por todas as parroquias do Concello. Xa se realizaron en Aguiño, Castiñeiras, Ribeira, Palmeira e Carreira. Na vindeira semana os actos informativos realizaranse nas seguintes parroquias: o luns, 3 de maio, en Artes, no Centro Recreativo ás 20,30 horas; o martes, día 4, en Corrubedo na Casa do Mar, ás 20,30 horas; e o Mércores, día 5 en Olveira, no Bar O Rueiro, ás 20,30 horas.

Máis información:

Toda a información a respecto deste documento se pode descargar dende esta páxina:
Plan de Ordenación do Litoral

Premendo nas seguintes imaxes pódese ver a afección en cada unha das parroquias. O chan urbano aparece delimitado pola liña de cor lila e o de núcleo rural pola de cor vermello. A parte deste solo que aparece raiada está afectado polo POL.

Aguiño

Artes

Carreira

Castiñeiras

Corrubedo

Olveira

Palmeira

Ribeira