BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Abril, 2010:

Pleno Municipal abril 2010

Toma de posesión dos 6 concelleiros e concelleiras do BNG de Ribeira

No Pleno Ordinario do Concello de Ribeira do vindeiro luns, día 26 de abril, debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e numerosas solicitudes. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Preme enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Inventario de camiños de titularidade municipal
2.- Melloras na atención sanitaria en Ribeira e Barbanza
3.- Substitución de canalizacións de auga de fibrocemento
4.- Dotación dunha circunvalación a Ribeira dende a Autovía até o peirao
5.- Instalación dun reemisor das canles de TDT de ámbito local e comarcal
6.- Servizo Galego de Igualdade

Reclamamos no Parlamento a mellora do transporte escolar en Ribeira

As deputadas do BNG Ana Pontón e Carme Adán veñen de presentar unha iniciativa parlamentar interesandose pola mellora do transporte escolar en Ribeira.

O BNG ven demandando reiteradamente melloras no transporte escolar no concello de Ribeira, especialmente no referente ao ensino secundario, bacharelato e ciclos formativos de FP: alumnado non recollido nas súas paradas, nenos e nenas viaxando de pé ou percorrendo longas distancias por unha mala disposición das paradas…son algunhas das múltiples deficiencias do transporte escolar que se suceden nos IES de Ribeira desde hai moitos anos.

As ANPAS dos centros públicos sábeno ben pois téñeno denunciado en moitas ocasións. A principal causa desta situación vén dada porque o transporte escolar, en Ribeira, faise segundo a modalidade C de contrato, é dicir, en transporte regular, que non require das medidas de seguridade propias do transporte de alumnado menor de idade e que si cumpre a modalidade A de contrato que é a propiamente escolar.

Agora as deputadas Ana Pontón e Carme Adán preguntan no Parlamento Galego

1) Como valora o Goberno Galego a situación do transporte escolar en Ribeira?

2) Ten previsto a Xunta de Galiza instaurar a modalidade A?

3) En que prazos se prevé que se instaure esta modalidade?

Hai que saber que Ribeira é un dos poucos concellos do noso país con esta modalidade de contrato, máis propia das cidades onde as máis frecuentes liñas regulares permiten atender a demanda escolar de forma razoable: non é o caso de Ribeira.

O BNG de Ribeira propuxo, en outubro de 2009, no Pleno do Concello, que o Goberno Municipal pedise á Consellería de Educación da Xunta de Galicia estas melloras no transporte escolar. Incomprensiblemente o PP rexeitou reclamar, agora que están no Goberno da Xunta, melloras que antes reclamaban estando na oposición. Non se entende que un goberno municipal, que debe ter como primeiro interese a defensa da mellora das condición dos servizos dos seus veciños, consinta esta discriminación que padece o alumnado de Ribeira.

Temos que saber que o transporte escolar, na modalidade A, permite que, se hai prazas libres, poida viaxar gratuitamente o alumnado de Bacharelato, Ciclos e PCPI que hoxe ten que pagar por un transporte que en case todos os concellos do Pais teñen de balde. Tamén que, co servizo Tes+Bus, de transporte compartido, o transporte escolar pode ser utilizado pola poboación non especificamente escolar, como tamén acontece en moitos outros concellos… nos que hai un goberno municipal que defende os seus intereses.

O BNG seguirá esixindo a igualdade de trato do noso alumnado e a fin desta discriminación que sofre Ribeira e a implantación da modalidade A de transporte escolar: porque é unha mellora que nos igualará co resto do alumnado do noso país.

Desbotada a construción do Centro de Saúde Mental da Barbanza

O goberno do PP da Xunta de Galiza ven de confirmar que desbota a construción do Centro de Saúde Mental da Barbanza, pese a que adxudicaron eles mesmos as obras de maneira definitiva en resolución de 5 de agosto á empresa “Construcciones en Piedras Sigrás, S.L.”, cun orzamento de 986.574 euros, e un prazo de execución de 13,5 meses.

En resposta parlamentar ás deputadas do BNG Ana Luísa Bouza e Ana Pontón, a Xunta considera que “a obra non pode ser executada”, que “a asistencia á poboación na área sanitaria de Ribeira está plenamente atendida” e que “se estudarán no futuro outras posibilidades” tendo en conta “a necesidade conxunta doutros centros na nosa Comunidade”.

Esta resposta deixa en evidencia a nula intención deste Goberno de levar adiante unha obra que fora presupostada e licitada polo anterior Goberno da Xunta pero ADXUDICADA polo goberno actual que preferiu indemnizar á empresa adxudicataria e deixar así á nosa comarca sen este necesario Servizo público.

Temos que denunciar moi especialmente a postura covarde e trapalleira do actual Grupo de Goberno Municipal que, defendendo quen sabe que intereses, rexeitou, no Pleno Municipal de xaneiro, unha iniciativa do BNG que instaba “á Xunta de Galiza á inmediata construción e posta en marcha do Centro de Saúde Mental da Barbanza.”

Deste xeito tamén queda en evidencia o Goberno Municipal do PP que, logo de non facer nada por poñer a disposición os terreos para a construción do Centro (boicoteándoo de feito), pasou, sen rubor, a responsabilidade á Comunidade de Montes de Oleiros! Agora, a resposta da Xunta demostra que esta considera que os enfermos con trastornos psiquiátricos e trastornos aditivos “están ben atendidos na actual Unidade de Condutas Aditivas (UAD) de Ribeira” deixando “para o futuro” o que é unha vella necesidade da sociedade ribeirense e da nosa comarca.

Iniciativa Parlamentar e máis información…

Resposta do Goberno do PP da Xunta:
resposta-centro-saude-mental.PDF

Demandamos medidas para atallar os actos vandálicos en Palmeira

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que lle reclama ao Goberno Municipal que tome as medidas oportunas para que se eviten os actos vandálicos e se garanta a seguridade dos peóns nas rúas de Palmeira.

Nos últimos tempos na parroquia de Palmeira véñense acometendo unha serie de actos vandálicos- pintadas, deterioro de mobiliario urbano, etc.- producido por un grupo de xóvenes da localidade.

Ademais dos actos vandálicos estanse producindo acontecementos negativos para a seguridade vial: vehículos que circulan a gran velocidade en rúas estreitas e logo fan trompos na explanada do porto.

Nos últimos días saíron recollidas na prensa varios denuncias verbais de cidadáns de Palmeira sobre este tema e que se lle debería dar pronta solución.

Estas cuestións non son só unha manifestación de rebeldía xuvenil, xa que están poñendo en perigo a integridade física dos viandantes das rúas palmeirenses.

Iniciativa municipal:
2010-04-11-demanda-de-medidas-para-evitar-actos-vandalicos-en-palmeira.pdf

Táboas confirmou en Ribeira que o Polígono da Barbanza está paralizado

Encontro co empresariado

No encontro co empresariado de Ribeira, Teresa Táboas, deputada do BNG no Parlamento Galego e Conselleira de Vivenda e Solo na anterior lexislatura, confirmou que o actual goberno do PP da Xunta, no seu primeiro ano de xestión, non avanzou nin un só trámite para facer realidade este macropolígono, pese a necesidade de chan industrial que especialmente Ribeira padece.

A deputada nacionalista indicou que foi o BNG quen, en outubro do 2005, evidenciou a necesidade de chan industrial na comarca. Un estudo de viabilidade feito pola Consellaría demostrou que os datos que manexaba o BNG eran acertados polo que se puxo en marcha todo o proceso. Fixo fincapé en que este parque non figuraba no Plan sectorial do ano 2004, polo que toda a tramitación tivo un proceso máis longo.

Teresa Táboas expuxo polo miúdo toda a xestión levada a cabo en relación con este polígono, indicando que a última actuación feita data de 16 de abril de 2009 (xa co goberno en funcións), momento no que se iniciou o proceso de Avaliación de Impacto Ambiental para o Proxecto Sectorial do Parque.

Pola súa banda, a voceira municipal do BNG de Ribeira, Dominga Brión, lembrou que a corporación municipal aprobou unha iniciativa do BNG na que se demandaba instar á Xunta de Galiza a que de forma urxente retome este proxecto para que o Parque Empresarial da Barbanza, sexa unha realidade o antes posíbel.

Con todo, ámbalas dúas representantes nacionalistas amosaron a súa preocupación polo punto morto no que se atopa o proxecto do Polígono e o retraso que supón incluílo no novo Plan sectorial de solo empresarial de Galiza 2012-2015, pois, lembraron, estaba previsto a licitación das obras no 2009. Todos os presentes coincidiron en que a situación de crise actual, lonxe de motivar o retraso desta infraestrutura, é razón máis que sobrada para aceleralo. Nomeadamente no tocante á construción de naves modulares en aluguer que prevé o proxecto.

Para rematar, recalcaron a necesidade de xuntar esforzos para que este proxecto, tan necesario nunha comarca dinámica e puxante como a da Barbanza, sexa unha realidade antes das datas marcadas.

A reunión, ademáis dos presidentes das Asociacións de empresarios de Ribeira e Pobra, tamén asistiron representantes do Centro Empresarial da Construción do Barbanza, da Asociación de Armadores de Ribeira, representantes de diferentes empresas de Ribeira e comarca, así como concelleiros e concelleiras do BNG.

Máis información:
- Proxecto Sectorial Parque Empresarial da Barbanza de Ribeira e Pobra
- Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galiza

ENCONTRO CO EMPRESARIADO DE RIBEIRA

Teresa Táboas con Dominga Brión e Rosana Pérez o 25 de outubro do 2005 na entrevista que puxo en marcha o proxecto do Polígono Empresarial da Barbanza

O vindeiro martes, día 6 de abril, ás 21:00 horas o BNG reunirase, na sede da Asociación de Empresarios de Ribeira con todas aquelas persoas interesadas en que se impulse a construción do Parque Empresarial da Barbanza. A este encontro acudirá, xunto a outros representantes do BNG, Teresa Táboas, Conselleira de Vivenda e Solo no anterior goberno da Xunta e actualmente deputada do BNG no Parlamento Galego.

Como é sabido, o Bloque Nacionalista Galego cando tivo a responsabilidade de planificar o solo empresarial do país no anterior goberno da Xunta de Galicia, estableceu coma un dos piares básicos no que sustentar o tecido empresarial da Galiza a construción dun gran Parque Empresarial na Comarca da Barbanza por ser esta unha das áreas de maior dinamismo económico e polo tanto cunha grande demanda de espazos produtivos para xerar emprego e riqueza.

Comezáronse así os proxectos precisos previos a execución de tan importante infraestrutura. Redactouse o Plan Sectorial e iniciáronse as tramitacións administrativas co fin de acadar os informes sectoriais pertinentes. Para o BNG este gran espazo foi e é a grande aposta pola Barbanza.

Fixémolo dende o goberno da Xunta e farémolo a través do control parlamentario dende a oposición co fin único, agora máis que nunca, de implementar desde a administración pública espazos para os emprendedores, ofertando ferramentas que permitan desenvolver unha economía produtiva, e poder saír da fonda crise que asolaga o noso país, apostando polo emprego.

Agardamos contar coa participación e co apoio de todo o tecido social de Ribeira e da comarca neste importante reto: impulsar a construción desta infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento de Ribeira e da Barbanza.