BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Marzo 30th, 2010:

Logramos o apoio unánime do Pleno para que se impulse o Parque Empresarial da Barbanza

O BNG con un plano do Polígono, reclamando en Pleno o impulso do mesmo

O BNG congratúlase de que o Pleno da Corporación de Ribeira respaldara de xeito unánime o acordo de instar á Xunta de Galiza a que, de forma urxente, retome o proxecto para que o Parque Empresarial da Barbanza sexa unha realidade o antes posíbel.

No Pleno do pasado luns, día 29 de marzo, aprobouse por unanimidade unha moción do BNG, na que se recollía o anterior acordo respaldado por toda a Corporación do Concello de Ribeira, para reclamar diante da Xunta de Galiza o impulso dun proxecto estratéxico para Ribeira e a Barbanza. Agardamos que o compromiso do Partido Popular de Ribeira sexa firme para reclamar diante da Xunta o cumprimento deste acordo, pois nos preocupa que o PP no Parlamento Galego (tamén Manolo Ruíz), que sustenta ao goberno da Xunta, votara en contra dunha proposta de resolución que incluía, entre outros puntos, o de “axilizar a tramitación do Polígono Industrial da Barbanza”.

Con todo, non deixa de sorprendernos e preocuparnos os datos aportados polo voceiro do PP e ratificados polo Alcalde de Ribeira. Según esta información, facilitada no Pleno, a construción do parque faríase por fases e retrasaríase até o 2012-2015 ao incluílo no novo Plan sectorial de solo empresarial de Galiza. O goberno de Ribeira non foi quen de expor datos obxectivos que xustifiquen este retraso.

Lembremos que a Consellería de Vivenda e Solo adxudicou en outubro do 2008, por 59.392 €, a redacción do proxecto de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento do Parque Empresarial do Barbanza. A empresa que resultou adxudicataria, Nortagro S.L., dispoñía dun prazo de 2 meses para redactar este documento. A la Consellería de Vivenda e Solo do anterior goberno da Xunta, deixou os trámites deste proxecto nunha fase moi avanzada, mesmo tiña previsto o inicio das obras no primeiro semestre do 2009.

O investimento total que estaba previsto nesta actuación era de 32.062.224 euros, dos que máis de 27 millóns se adicarían á urbanización e 4,1 millóns se empregarían na adquisición de terreos.

Cabe lembrar tamén que o Parque Empresarial da Barbanza íase desenvolver sobre unha superficie total de 1.008.928 metros cadrados entre os municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal, que comparten unha economía relacionada co sector pesqueiro e cunha actividade industrial concentrada na conserva. Da superficie total, 541.520 metros cadrados serian de uso empresarial e industrial, 311.824 metros cadrados para espazos libres, 124.198 metros cadrados para a rede viaria e 31.386 metros cadrados para equipamentos.

Máis información…

Nova na Voz:
Acordo unánime do pleno de Ribeira a favor do macropolígono

Iniciativa Municipal aprobada por unanimidade:
2010-02-12mocion-poligono-barbanza.pdf

Demandamos que se elabore o inventario de camiños de Ribeira

Dominga Brión e Anxeles Cruxeiras demandando o inventario de camiños

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que lle reclama ao Goberno Municipal que proceda á elaboración do inventario de camiños do noso municipio.

A Lei 33/2003 de 3 de novembro de Patrimonio das Administracións públicas establece no seu artigo 36.1 que “as administración públicas deben inscribir nos correspondentes rexistros, os bens e dereitos do seu patrimonio xa sexan demaniais ou patrimoniais…”.

Asemade, o artigo 28 da mencionada Lei, establece que “as administracións públicas están obrigadas a protexer e defender o seu patrimonio. A tal fin protexerán axeitadamente os bens e dereitos que o integran, procurarán a súa inscrición rexistral e exercerán as potestades administrativas e accións xudiciais que sexan procedentes para elo”.

A reiterada lei daba un prazo de cinco anos, que xa venceu en novembro do 2008, para proceder a inventariar e inscribir no Rexistro ditos bens inmobles.

Unha parte moi importante deste patrimonio municipal son os antigos camiños de dominio público e uso público que, historicamente, uniron á poboación coas localidades próximas. Polo tanto, o grupo municipal do BNG entende que eses camiños deben constar expresamente no inventario municipal de bens inmobles.

A lei de Bases de Réxime Local regula os camiños de entidades locais e establece que os municipios exercerán competencias sobre a conservación e vías públicas da súa propiedade e competencia.

Para o grupo municipal do BNG e urxente dispor deste inventario de camiños públicos, por onde os cidadáns saiban por onde transitar sen que ninguén lles chame a atención ou se lle impida por estar invadindo propiedades privadas, cousa que xa aconteceu en máis de unha ocasión a persoas que veñen a facer turismo pola cidade e incluso aos propios habitantes. Na actualidade e cando se está a proceder á adaptación do PXOM sería primordial contar con este instrumento para obstaculizar o menos posible as labores do planeamento.

Iniciativa municipal:
2010-03-13-inventario-de-caminos.pdf