BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Marzo, 2010:

Logramos o apoio unánime do Pleno para que se impulse o Parque Empresarial da Barbanza

O BNG con un plano do Polígono, reclamando en Pleno o impulso do mesmo

O BNG congratúlase de que o Pleno da Corporación de Ribeira respaldara de xeito unánime o acordo de instar á Xunta de Galiza a que, de forma urxente, retome o proxecto para que o Parque Empresarial da Barbanza sexa unha realidade o antes posíbel.

No Pleno do pasado luns, día 29 de marzo, aprobouse por unanimidade unha moción do BNG, na que se recollía o anterior acordo respaldado por toda a Corporación do Concello de Ribeira, para reclamar diante da Xunta de Galiza o impulso dun proxecto estratéxico para Ribeira e a Barbanza. Agardamos que o compromiso do Partido Popular de Ribeira sexa firme para reclamar diante da Xunta o cumprimento deste acordo, pois nos preocupa que o PP no Parlamento Galego (tamén Manolo Ruíz), que sustenta ao goberno da Xunta, votara en contra dunha proposta de resolución que incluía, entre outros puntos, o de “axilizar a tramitación do Polígono Industrial da Barbanza”.

Con todo, non deixa de sorprendernos e preocuparnos os datos aportados polo voceiro do PP e ratificados polo Alcalde de Ribeira. Según esta información, facilitada no Pleno, a construción do parque faríase por fases e retrasaríase até o 2012-2015 ao incluílo no novo Plan sectorial de solo empresarial de Galiza. O goberno de Ribeira non foi quen de expor datos obxectivos que xustifiquen este retraso.

Lembremos que a Consellería de Vivenda e Solo adxudicou en outubro do 2008, por 59.392 €, a redacción do proxecto de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento do Parque Empresarial do Barbanza. A empresa que resultou adxudicataria, Nortagro S.L., dispoñía dun prazo de 2 meses para redactar este documento. A la Consellería de Vivenda e Solo do anterior goberno da Xunta, deixou os trámites deste proxecto nunha fase moi avanzada, mesmo tiña previsto o inicio das obras no primeiro semestre do 2009.

O investimento total que estaba previsto nesta actuación era de 32.062.224 euros, dos que máis de 27 millóns se adicarían á urbanización e 4,1 millóns se empregarían na adquisición de terreos.

Cabe lembrar tamén que o Parque Empresarial da Barbanza íase desenvolver sobre unha superficie total de 1.008.928 metros cadrados entre os municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal, que comparten unha economía relacionada co sector pesqueiro e cunha actividade industrial concentrada na conserva. Da superficie total, 541.520 metros cadrados serian de uso empresarial e industrial, 311.824 metros cadrados para espazos libres, 124.198 metros cadrados para a rede viaria e 31.386 metros cadrados para equipamentos.

Máis información…

Nova na Voz:
Acordo unánime do pleno de Ribeira a favor do macropolígono

Iniciativa Municipal aprobada por unanimidade:
2010-02-12mocion-poligono-barbanza.pdf

Demandamos que se elabore o inventario de camiños de Ribeira

Dominga Brión e Anxeles Cruxeiras demandando o inventario de camiños

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que lle reclama ao Goberno Municipal que proceda á elaboración do inventario de camiños do noso municipio.

A Lei 33/2003 de 3 de novembro de Patrimonio das Administracións públicas establece no seu artigo 36.1 que “as administración públicas deben inscribir nos correspondentes rexistros, os bens e dereitos do seu patrimonio xa sexan demaniais ou patrimoniais…”.

Asemade, o artigo 28 da mencionada Lei, establece que “as administracións públicas están obrigadas a protexer e defender o seu patrimonio. A tal fin protexerán axeitadamente os bens e dereitos que o integran, procurarán a súa inscrición rexistral e exercerán as potestades administrativas e accións xudiciais que sexan procedentes para elo”.

A reiterada lei daba un prazo de cinco anos, que xa venceu en novembro do 2008, para proceder a inventariar e inscribir no Rexistro ditos bens inmobles.

Unha parte moi importante deste patrimonio municipal son os antigos camiños de dominio público e uso público que, historicamente, uniron á poboación coas localidades próximas. Polo tanto, o grupo municipal do BNG entende que eses camiños deben constar expresamente no inventario municipal de bens inmobles.

A lei de Bases de Réxime Local regula os camiños de entidades locais e establece que os municipios exercerán competencias sobre a conservación e vías públicas da súa propiedade e competencia.

Para o grupo municipal do BNG e urxente dispor deste inventario de camiños públicos, por onde os cidadáns saiban por onde transitar sen que ninguén lles chame a atención ou se lle impida por estar invadindo propiedades privadas, cousa que xa aconteceu en máis de unha ocasión a persoas que veñen a facer turismo pola cidade e incluso aos propios habitantes. Na actualidade e cando se está a proceder á adaptación do PXOM sería primordial contar con este instrumento para obstaculizar o menos posible as labores do planeamento.

Iniciativa municipal:
2010-03-13-inventario-de-caminos.pdf

Pleno Municipal marzo 2010

Toma de posesión dos 6 concelleiros e concelleiras do BNG de Ribeira

No Pleno Ordinario do Concello de Ribeira do vindeiro luns, día 29 de marzo, debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e numerosas solicitudes. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Preme enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Melloras na praza da urbanización do Rueiro e dotala co nome de Praza da Dorna
2.- Situación do Parque Empresarial da Barbanza
3.- Melloras na Biblioteca Municipal
4.- Situación das Unidades de Xestión Forestal
5.- Inventario de camiños de titularidade municipal
6.- Melloras na atención sanitaria en Ribeira e Barbanza

Reclamámolle ao goberno a mellor depuración na mellor localización

O BNG demándalle ao goberno municipal do PP, con competencias en saneamento, que o necesario e urxente tratamento das augas residuais se faga con todas as garantías e que respecte, e faga respectar diante do goberno do PP da Xunta, o acordo de mínimos unanimemente acadado por todos os Grupos Municipais no Pleno do 30 de xullo de 2007, a raíz dunha iniciativa presentada polo BNG.

Unha vez máis tivemos coñecemento pola prensa de que Augas de Galicia, dependente da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, dirixida polo popular e polémico Agustín Hernández, ten novas alternativas para a localización da estación ou estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de Ribeira.

A anterior ocasión foi en maio do 2009 cando soubemos do mesmo xeito que o alcalde e a responsábel de Augas de Galicia acordaran un emprazamento para a EDAR de Ribeira. Sen embargo, máis dun ano despois de que o PP chegara ao goberno da Xunta, seguimos sen ter unha solución acaída á falla de saneamento integral de Ribeira, cunha Consellaría xerando polémica coas propostas que presenta e cun goberno local que permanece ausente, incapacitado para gobernar.

As alternativas da Xunta

A Xunta presenta as seguintes alternativas, supoñemos que consensuadas co goberno municipal do PP, pois non se entendería que consensuara a localización da EDAR coas confrarías e non con quen ten competencias en saneamento, que é o goberno municipal, neste caso, ademais, da mesma cor política:

Unha única planta depuradora para 42.000 habitantes equivalentes con posíbeis localizacións no Touro, Punta Castro en Castiñeiras ou en Couso.

Dúas plantas depuradoras nas seguintes localizacións: Touro (32.000 habitantes equivalentes) e Couso (10.000 habitantes equivalentes), Touro (32.000 H.E.) e Punta Castro (10.000 H.E) ou Touro (32.000 H.E.) e Transporto en Aguiño (10.000 H.E.).

No anterior proxecto de EDAR para Ribeira, pensada para 80.000 habitantes equivalentes, pretendíase depurar conxuntamente os residuos urbanos e os industriais do Polígono de Xarás. Isto significaría, na práctica, que a depuradora non funcionaría, co cal estaríamos colocando na boca da ría unha autentica bomba de reloxería.

No actual documento as alternativas presentadas son para un total de 42.000 habitantes equivalentes e non se fai referencia ao tratamento que se lle vai a dar aos residuos máis contaminantes, como son os do Polígono Industrial de Xarás: non aparece recollido se se lle pretende esixir ás empresas que depuren os seus residuos, se se vai a facer unha depuradora para o polígono ou se, simplemente, se van a depurar conxuntamente nunha depuradora máis pequena, coa problemática que iso suporía.

Ademais, ningunha das alternativas presentadas foi sometida aos trámites de Avaliación de Impacto Ambiental e de Avaliación Estratéxica da Sostibilidade. Non podemos esquecer que as localizacións que se presentan están a carón dunha das rías máis produtivas do mundo, a Ría da Arousa, do Parque Nacional da Illas Atlánticas, do Parque Natural, da Rede Natura e dunha área costeira de grande riqueza pesqueira e marisqueira. Estamos falando dun espazo dos máis singulares de Europa e que conta cun alto grao de protección, polo tanto, todas as medidas que se adopten para non poñer en perigo toda esta riqueza son poucas.

Demandamos melloras na biblioteca municipal

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que solicita unha serie de melloras na biblioteca municipal, tales como: a eliminación do depósito de 3 euros no préstamo a domicilio, dotación orzamentaria para o incremento e actualización de fondos, así como, para a dotación de mobiliario.

Tamén demanda que se organicen regularmente actividades culturais de animación, fomento da lectura e promoción do uso das instalacións, así como, a elaboración dun Regulamento de funcionamento da Biblioteca acaído.

A Biblioteca Municipal é un servizo público e de existencia obrigatoria especificada na Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.

A Biblioteca do concello de Ribeira é unha institución que ten como finalidade facilitarlle á cidadanía o exercicio do dereito á cultura e á información, polo tanto deben ofrecer posibilidades para a dinamización, potenciación e democratización da cultura. En este sentido son múltiples as actividades que tería que desenvolver para que funcionara como un verdadeiro centro de cultura que fomente non só a lectura e a escritura senón outro tipo de actividades dos diferentes eidos da cultura.

O principio de democratización da cultura anúlase ó ter que depositar 3 euros para realizar o préstamo á domicilio dun libro (nos tempos de crise que vivimos supón un desembolso importante e innecesario para moitas familias).

Os fondos da Biblioteca aproxímanse ós 15.000 títulos, cifra pequena para unha biblioteca dun concello como o noso, e agravado pola temporalidade dos mesmos: as distintas seccións non están suficientemente actualizadas procedendo o groso do depósito dos anos 70 e 80.

A sala de lectura debería mellorar na súa distribución de espazos e na adecuación de mobiliario sobre todo na sección infantil, con estantes adecuados e que lle permitan o acceso ás nenas e nenos.

Solicitamos o arranxo da pista de Sego á Gándara en Artes

Pista Sego a Gándara

O BNG solicítalle ao Goberno Municipal do PP que inclúa o asfaltado da totalidade da pista de Sego a Gándara (pola Laxiña) en Artes, en calquera dos Plans previstos para o ano 2010 ou ben destine unha partida económica no Orzamento Municipal para 2010 a tal efecto.

Con financiamento a cargo do Plan de Cooperación Provincial 2007, levouse a cabo a obra denominada “Instalación de saneamento e pozo de bombeo en Sego (Artes)”. Nin que dicir ten que esta obra era necesaria e moi demandada polos numerosos veciños aos que beneficia.

Lamentablemente, no proxecto desta obra, ademais do saneamento ao longo do seu percorrido, só se contemplou o asfaltado nuns escasos 300 metros, deixando a maior parte do percorrido non só sen asfaltar senón nun estado practicamente intransitable para parte da veciñanza. Aínda recoñecendo os problemas da empresa inicialmente adxudicataria da obra (Seixo), non se entende como o Concello recepciona unha obra que deixa en tan lamentable estado gran parte do camiño.

Reclamamos a apertura do Centro de Día de Ribeira

Dominga Brión, Ana Álvarez e Xosé Luís Groveiro diante do Centro de Día

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que lle solicita ao goberno do PP que informe das xestións realizadas para axilizar a apertura do centro de Alzheimer de Ribeira.

Tamén reclama que o goberno municipal inste á Xunta de Galicia á inmediata apertura do devandito centro.

O Goberno municipal do PP leva atrasando a apertura do centro de día de Ribeira dende hai máis de tres anos.

O local, pertencente a Caixa Galicia, situado no entrechán do nº 24 da Rúa do Malecón leva rematado dende o ano 2006: en abril dese ano unha delegación da Vicepresidencia da Xunta coa Secretaria xeral de benestar e a delegada provincial visitou este local e comprometéronse a que este centro (que en principio ía ser un local social de ocio para persoas maiores) fóra un centro de día para persoas con demencias.

En xullo de 2006 faise o informe técnico e conclúese que non cumpre cos requisitos de accesibilidade xa que está nunha entreplanta e non conta con ascensor. A solución para a colocación do ascensor supoñía facelo no lugar que ocupaba un transformador de Fenosa.

Pese ao compromiso do goberno municipal para axilizar os permisos e licenzas que permitiran realizar estas obras (traslado do transformador e colocación do ascensor) non se realizaron ata o ano 2009.

O 25 de agosto de 2009 a Conselleira de Traballo Beatriz Mato, nunha visita a Ribeira comprometeuse a que o centro estaría en funcionamento a principios de 2010. O 29 de xaneiro de 2010 nun medio de comunicación o goberno da xunta informa que se ía atrasar a súa posta en marcha xa que “falta mobiliario e dotalo de persoal”.

Con data de 26 de febreiro a Consellería de Traballo e Benestar informa no parlamento galego que “a entrada en funcionamento terá lugar en aproximadamente un tres meses” o que nos sitúa a finais de maio.

O goberno do PP tanto a nivel municipal como na Xunta segue atrancando a apertura do centro de día de Ribeira.

Máis información…

Nova na Voz:
BNG reclama a inmediata apertura do centro de alzhéimer de Ribeira

DECIDINDO POR NÓS MESMAS

Decidindo por nós mesmas

Centenario da conmemoración do 8 de marzo e o 125 cabodano de Rosalía de Castro

A conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, lonxe do carácter testemuñal, cerimonial ou anestesiante que algúns pretenden, ten un sentido reivindicativo e visualizador da situación de discriminación que padecen as mulleres en xeral, e as galegas en particular.

Coincide este ano 2010 con dúas efemérides importantes que non deben pasar desapercibidas. A primeira delas é o Centenario da Instauración do 8 de Marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. A segunda, o 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, relevante no noso contexto nacional por recuperar a tradición escrita da nosa lingua, mais tamén por ser precursora do pensamento feminista na Galiza. A súa obra contén unha preocupación pola condición das mulleres e o seu papel na historia e na sociedade. Mais tamén unha denuncia do papel subordinado e discriminado das mulleres naquela altura.

A análise sobre a situación das mulleres na Galiza (ao igual que no resto do mundo) evidencia que a reivindicación de igualdade real segue tendo plena vixencia. Todos os indicadores evidencian a persistencia da discriminación de xénero.

A nivel laboral, as mulleres padecen taxas de paro moi elevadas, unha maior temporalidade e precariedade e cobran salarios inferiores. Unhas condicións que empeoran como consecuencia da crise económica. Tanto polo que supón a destrución de emprego, como polos recortes a nivel de dereitos laborais, que repercutirán negativamente nunhas condicións laborais xa precarias.

As discriminacións de xénero non se evidencian só no terreo laboral, o desigual reparto das tarefas derivadas do coidado e as reprodutivas é outro indicador relevante. Así todos os estudos revelan que son maioritariamente as mulleres que asumen estas tarefas, con consecuencias negativas no seu desenvolvemento persoal e laboral. Son maioritariamente mulleres quen abandonan os seus postos de traballo ante a necesidade de atender a menores ou persoas dependentes, quen utilizan os (escasos) recursos de conciliación da vida laboral e persoal, quen son penalizadas no acceso ao emprego remunerado nos períodos “potencialmente” reprodutivos… Unha situación inxusta que precisa de accións correctoras.

A chegada do PP á Xunta de Galiza após o 1 de marzo de 2009 está a supor un retroceso no desenvolvemento de políticas públicas que supoñan un avance real na superación das discriminacións de xénero. Os exemplos que podemos utilizar son múltiples:

- A primeira decisión que adopta o Presidente da Xunta de Galiza foi nomear un goberno que non é paritario, incumprindo a legalidade vixente que obriga a que o Consello da Xunta sexa paritaria.

- A segunda decisión, é apoiar unha Iniciativa Lexislativa Popular promovida por asociacións antiabortistas, que pretende crear unha rede, en mans destas asociacións, destinada a impedir que as mulleres decidan libremente sobre a súa maternidade.

- En paralelo, paralizan a actuación dos centros Quérote e desmantelan servizos de información ás mulleres como as equipas de igualdade das oficinas de I+B (que realizan traballo no ámbito rural) ou suprimen os Puntos de Información ás Mulleres.

- Desmantelan a rede de servizos sociais, canalizada a través do Consorcio, que sentaba as bases para a creación dunha rede de servizos públicos (de atención á infancia, dependentes e persoas maiores). Servizos que son básicos para “liberar” ás mulleres das tarefas do coidado, facilitando a súa participación e desenvolvemento a nivel laboral, persoal ou cultural. Aí están as galescolas ou centros de día construídos e sen abrir, a cancelación da posta en marcha dun servizo de “kanguros” ou a vocación de privatización destes recursos.

- A promesa electoral de que se garantiría o principio de “a igual traballo, igual salario” ficou niso, nunha promesa, sen que se teña adoptado nin unha soa medida neste terreo. Mais no ámbito laboral, e apoio á incorporación das mulleres ao mundo laboral, eliminaron as axudas á cotitularidade, as axudas ás redeiras…

- Denunciamos o pasado 25 de novembro, a relaxación do goberno no desenvolvemento da Lei Galega contra a Violencia de Xénero. Cancelan a celebración de premios como o “Eu tamén navegar” (medida de sensibilización social), poñen atrancos no desenvolvemento do Programa Rodela, paralizan a plataforma de teleformación en violencia de xénero, ou segue pendente a posta en marcha de órganos como o Observatorio Galego de Violencia de Xénero ou o Consello Galego das Mulleres.

Ante esta parálise urxe reclamar un cambio de rumbo e unha aposta real por superar as barreiras que perpetúan a discriminación das mulleres.

Pedimos máis seguridade para os/as motociclistas na autovía da Barbanza

Ana Pontón con representantes do BNG da Barbanza

O BNG vén de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego sobre a necesidade de colocar sistemas de contención para a protección dos e das motoristas que transitan pola autovía do Barbanza.

Nesta iniciativa explicase que xa durante a pasada lexislatura a seguranza das e dos motociclistas nesta autovía xerou un importante debate polas dúbidas expresadas polas asociacións de motoristas sobre a colocación destes sistemas xa que consideraban que deberían ser colocados en toda a autovía.

Para Ana Pontón, deputada do BNG, “o Partido popular criticou con dureza ao Goberno bipartito afirmando que, os sistemas de dobre bionda instalados non eran suficientes” e asumindo o compromiso de instalar estes sistemas en todo o trazado desta infraestrutura, o que –a xuízo da deputada nacionalista- “foi máis unha promesa electoral que un compromiso que vaia asumir o novo goberno”.

O BNG considera que a seguranza viaria é un asunto de especial transcendencia como para xerar falsas expectativas ante os datos dos accidentes producidos por colisión contra gardarraís. De aí, a necesidade de coñecer as previsións do Goberno galego sobre o cumprimento das esixencias de seguranza para os/as motoristas e as medidas que farán efectivo o compromiso de instalar sistemas de contención adaptados para este numeroso colectivo na devandita autovía.

Na iniciativa nacionalista salientase que os datos reflicten que un 15% dos/as accidentados/as no último ano, foron vítimas de colisións contra gardarraís véndose involucrados nun 20% dos accidentes con vítimas e o 12,2% de falecementos en vías urbanas e interurbanas no conxunto do estado.

Ante esta situación, o BNG quer saber a valoración da Xunta de Galiza sobre o grao de seguranza para o colectivo de motoristas que circulan pola autovía do Barbanza, se considera necesario instalar a dobre bionda en todo o seu percorrido e de ser así, cando iniciará a súa instalación.

Iniciativa parlamentar:
2010-01-21-dobre-vionda-autovia.pdf

Reclamamos melloras no Hospital da Barbanza

O BNG co Comité e Empresa do Hospital da Barbanza

O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento para interesarse, unha vez máis, por actuacións pendentes no Hospital da Barbanza como a evolución das listas de espera, a dotación de celadores e máis persoal, a posta en funcionamento do heliporto ou a paralización na construción do centro de saúde mental, entre outras.

A mellora da calidade e atención do sistema sanitario público constitúe unha prioridade para o BNG. Só os servizos públicos garanten o acceso igualitario ao mesmo e poden verificar o dereito á saúde.

Dende a chegada do PP ao goberno da Xunta observamos con preocupación os intentos privatizadores do goberno, así como, a falta de actuacións dilixentes encamiñadas a mellorar a resposta do noso sistema sanitario público. Concretamente, no Hospital da Barbanza observamos unha despreocupación por mellorar os servizos que oferta á poboación, así como parálise en actuacións que estaban postas en marcha.

Podemos sinalar, a paralización da construción da unidade de día e de saúde mental, a falta de capacidade para poñer en funcionamento o heliporto ou unha evolución das listas de espera que nos preocupa, en canto constitúe un dos principais problemas que lastra o funcionamento do sistema sanitario público.

Esta situación ten a ver coas deficiencias coas que nace este hospital. Deficiencias que a pesar da integración do mesmo no sistema sanitario público (coa eliminación das fundacións) aínda se deixan sentir. Así este hospital (xunto co da Costa da Morte) son os únicos que non contan con celadores, cunha sobrecarga do persoal do mesmo que incide no seu funcionamento.

A respecto da dotación de celadores, o Pleno da Corporación Municipal de Ribeira, a iniciativa do BNG, aprobou por unanimidade un acordo para a dotación deste perfil profesional no Hospital da Barbanza. Agardamos, pois, que o Partido Popular respalde tamén esta iniciativa parlamentar e que a Xunta dote de celadores o Hospital da Barbanza.

Iniciativa parlamentar:
20100222-preguntas-varias-hospital.pdf