BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xaneiro, 2010:

QUEREMOS GALEGO CONVOCA FOLGA XERAL NO ENSINO

Queremos Galego convoca unha folga xeral no ensino o 21 de xaneiro

A plataforma Queremos Galego convoca ás comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.”

Máis información…

Nova relacionada en Xornal:

O actual secretario xeral de Política Lingüística do goberno do PP defendeu, nun relatorio no Consello da Cultura, que a vía tomada polo anterior Goberno era a priorizable para recuperar o idioma

Cal sería a política priorizable na recuperación do galego? “Creo que no ensino. Temos un decreto do 50% (das materias) como mínimo e creo que esa debía ser unha proridade; que se aplique, porque de feito xa está aprobado, polo que non habería que crear unha nova norma, só aplicalo, que se aplique con rigor e seriedade, simplemente iso”.

Quen pregunta é un profesor catalán e quen responde, Anxo Lorenzo, actual secretario xeral de Política Lingüística do Goberno de Feijóo e, daquela, colaborador da área socialista do Executivo bipartito no ámbito da normalización do idioma e na planificación lingüística dos centros educativos.

Máis información…

Artigo relacionado de Pilar García Negro en Xornal:
Xunta do PP: ‘destroyer’

Demandamos que se garantan as axudas á dependencia

Recollendo sinaturas para que se manteña a Rede pública de centros de día

O Pleno do Concello de Ribeira aprobou unha iniciativa do BNG na que solicitaba instar á Xunta de Galiza a que garanta as axudas á dependencia, pagando en prazo as prestacións.

Na mesma iniciativa o BNG tamén demandaba, entre outras cuestións, que se manteñan os planos de despregamento do Sistema Galego de Benestar, acelerando a apertura das residencias e centros de día xa construídos e a construción dos que xa están proxectados.

Numerosas persoas beneficiarias da Lei de Dependencia están denunciando o abandono que sofren por parte da Xunta de Galiza que non atende en prazo o pagamento das axudas.

O anterior goberno da Xunta viña abonando as cantidades relativas ás axudas para coidadores e coidadoras das persoas acollidas á Lei de Dependencia nos cinco primeiros días do mes. Nos últimos tempos, e coincidindo coa entrada do PP no goberno galego, o pagamento vense demorando cada vez máis; tal é o caso do mes de outubro pasado, onde a día 23 aínda estaban sen cobrar.

A propaganda da Xunta de Galiza pregoa que o gasto social para o ano 2010 non se vai reducir, pero a realidade é que o trato que se lle está a dar ás persoas usuarias da Lei de Dependencia contradí de plano este dato e bota por terra toda a propaganda que o PP está desenvolvendo, incluso a relativa a falta de financiamento estatal que, aínda existindo, é só un dos varios problemas que a Xunta de Galiza non atende.

A maiores hai que indicar que dende a Xunta non se está a facilitar ningún tipo de información ao respecto, non hai literalmente a quen acudir, co cal a indefensión na que se atopa o colectivo de dependentes é patente. Coincide isto co marasmo e inacción da que fai gala a Consellaría de Traballo e Benestar, en xeral.

O certo é que a día de hoxe a Xunta de Galiza está aforrando o pagamento das persoas dependentes, engrosando as arcas públicas á conta daquelas persoas que máis o necesitan, as persoas máis indefensas da nosa sociedade.

Iniciativa municipal:
2009-11-20axudas-dependencia.doc

O BNG acudíu a Rianxo para honrar a Castelao

Homenaxe a Castelao no 60 cabodano

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, destacou en Rianxo, no acto convocado para conmemorar o 60 cabodano de Castelao, que a dignidade e a entrega do autor do Sempre en Galiza á causa nacional galega “permitiron que Galiza puidese equiparar o seu Estatuto aos de Euskadi e Catalunya, mentres que quen hoxe nos goberna é responsábel de ter rebaixado este estatus, ao ter vetado o impulso do novo Estatuto para expulsarnos da liga das nacións”. “Proseguiremos a reclamar un Estatuto que contemple o recoñecemento á plurinacionalidade do Estado, queremos un Estatuto de primeira e non aceptaremos que Galiza perda rango institucional”, sinalou.

Máis información…

Homenaxe a Castelao no seu 60 cabodano

Castelao

Rianxo, 7 de xaneiro de 2010

Casa da Cultura-Cuartel Vello

12:00 h.- ACTO PÚBLICO na Casa da Cultura.

Intervirán:

Guillerme Vázquez, Portavoz Nacional do BNG

Adelina Ces, Voceira Municipal BNG Rianxo

12:30 h.- OFRENDA FLORAL no busto de Castelao no peirao.

O 7 de xaneiro de 1950, Afonso D.R. Castelao falece no Sanatorio do Centro Gallego de Bos Aires. A súa morte tivo moita repercusión nas comunidades do exilio, pero foi discretamente difundida en Galiza.

A censura española dificultou dar unha cobertura axeitada do seu falecemento. Pola contra, a súa morte tivo máis eco na prensa americana.

A censura española

O 8 de xaneiro, trala morte de Castelao, a Dirección General de Prensa envíalles esta consigna aos xornais:

“Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente:

La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna.

Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto político.

Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista.

Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados.

De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro “Sempre en Galiza” ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil.

Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente.”

Preme para ver este especial da Nosa Terra sobre a morte de Castelao

Este especial da Nosa Terra foi publicado pola comunidade galega da Arxentina meses despois da morte de Castelao no mesmo Bos Aires. Nel recóllense artigos e poemas colectados trala súa morte entre a intelectualidade galega do interior e do exilio, así como abondosas imaxes de diferentes fases da súa vida.

Máis información en Museo Castelao

Convocatoria de subvencións da Deputación

A Deputación da Coruña ven de publicar, no BOP do 31 de decembro de 2009, as bases das liñas de subvención 2010 dos programas seguintes:

1º.- Servizos sociais, dirixidos a concellos e outras entidades locais e a entidades privadas sen ánimo de lucro.

2º.- Agricultura, dirixido as entidades asociativas agrarias e labregas.

3º.- Fomento pesqueiro, dirixido as confrarías de pescadores.

4º.- Actividades e investimentos de promoción económica, dirixidos a concellos e outras entidades locais.

5º.- Actividades e investimentos de promoción económica, dirixidos a entidades.

6º.- Apoio á cultura e o deporte, dirixidos a concellos e outras entidades locais para actividades e investimentos.

7º.- Apoio á cultura, dirixidos a entidades para actividades e investimentos.

8º.- Apoio ó deporte xeral e federado, dirixidos a entidades para actividades e investimentos.

Prazo para a presentación das solicitudes até o 1 de febreiro do 2010.

Máis información (bases, impresos e indicacións para a presentación telemática)...

Sorteo iPod nano de 8 Gb

iPod nano 8 Gb

O BNG de Ribeira sorteou un iPod nano 8 Gb na lotaría do Nadal. O número premiado foi:

Así mesmo, o número da lotaría 22.110 foi premiado cunha pedrea. A cada participación correspóndelle un premio de 10€ que se poderá cobrar en calquera oficina de Caixa Galicia.

Parabéns ás persoas agraciadas!!

Sonora «pitada» na Barbanza pola lingua

Algúnhas das mozas e mozos participantes con Dominga Brión

Este sábado 2 de xaneiro a Plataforma Queremos Galego da Barbanza desenvolveu unha caravana na que participaron un cento de coches tocando o claxon por toda a comarca para manifestar o desacordo coa proposta de Decreto sobre o uso do Galego no ensino.

Un centenar de automóbiles fixeron soar as súas bucinas polas rúas de Rianxo, Boiro, Pobra e Ribeira, portando bandeirolas identificativas da Plataforma Queremos Galego. O nutrido grupo barbanzán quixo, con esta medida, poñer en evidencia ante a cidadanía que a proposta de decreto sobre o galego na escola vai en contra da lingua galega.

Esta proposta de lexislación é claramente lesiva para a lingua propia de Galiza xa que reduce o uso do noso idioma a un 33% do currículo escolar obrigatorio, algo claramente insuficiente se temos en conta os datos oficiais dos estudios de uso do galego.

A caravana rematou en Ribeira onde Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, puxo en evidencia a “covardía do goberno que preside Núñez Feijoo, ao facer pública esta norma fundamental o día de fin de ano”.

Os voceiros de Queremos Galego na Barbanza, o escritor Carlos Mosteiro e a intérprete musical Sonia Lebedinsky, leron un manifesto animando á cidadanía a manifestar o seu desacordo con esta medida.

Entre as personalidades que participaron nesta actividade estaban: Xosé Deira, alcalde de Boiro; Rosana Pérez, deputada provincial; Dominga Brión e Adelina Ces, portavoces do BNG en Ribeira e Rianxo, entre outros. Destacar tamén, que foi moi numeroso o grupo de mozos e mozas que se sumaron á causa de defender o galego e que ao grito de “Supermán tamén fala galego” puxeron de manifesto que queren vivir na súa lingua.

Nova na Voz:
Un cento de coches participaron na caravana a prol dá lingua convocada pola Plataforma Queremos Galego

Queremos Galego Barbanza convoca unha caravana de automóbiles como acto reivindicativo a prol do idioma

Milleiros de persoas concentradas a prol do idioma no Obradoiro o pasado 30 de decembro

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo,
o salouco máis feble
o pesar máis profundo.
Manuel María

A Plataforma Queremos Galego da Barbanza convócanos, a toda a cidadanía da Barbanza, a participar nunha caravana de automóbiles reivindicativa o vindeiro sábado, 2 de xaneiro, a partir das 18:00 horas. Sairá do Porto de Rianxo e rematará cunha concentración diante do palco da musica, na Avenida do Malecón de Ribeira

Este acto enmarcase dentro dos que a Plataforma Queremos Galego ten previsto celebrar por todo o País en sinal de rexeitamento á aprobación do novo decreto do galego no ensino no que, por primeira vez na historia da nosa autonomía, se lexisla en contra do idioma propio de Galiza. Neste caso reducindo a súa presenza no ensino, do 50% ao 33%.

Programa:

Rianxo: saída ás 18:00 horas do Porto de Rianxo, diante da confraría, darase unha volta polo casco de Rianxo e sairase cara a Boiro pola AC-305.

Boiro: está prevista a chegada ás 18:30 horas, darase unha volta pola casco urbano para sair até A Pobra.

Pobra: chegarase un pouco antes das 19:00 horas, darase tamén unha volta pola vila e logo sairase cara Ribeira.

Ribeira: está prevista a chegada a capital da Barbanza sobre as 19:30 horas. Despois de dar unha volta polo casco urbano rematarase ao final do Malecón. Logo de aparcar farase unha concentración a carón do palco da música do Paseo do Malecón, onde se dará lectura ao manifesto feito pola plataforma Queremos Galego ao redor das 20:00 horas.

Podes participar na caravana dende o seu inicio en Rianxo, incorporándote no transcurso do traxecto ou na concentración final en Ribeira.