BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Decembro, 2009:

Recollendo sinaturas para que se manteña a Rede pública de centros de día

O pasado sábado pola mañá o BNG fixo unha recollida de sinaturas para reclamar a apertura do centro de día de Ribeira e defender a Rede pública galega de centros de día: en tan só tres horas recolleronse arredor de 300 sinaturas, en só 3 días 15.000 en todo o país

A cidadanía está amosando un claro apoio pola permanencia duns servizos sociais de xestión pública, rexeitanto á privatización que pretende darlle o PP dende Xunta de Galiza a estes servizos, xestionados actualmente polo Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar.

Máis información…

Alegacións á modificación do Plano Galego de Acuicultura

Reserva 308.000 m. terreo piscifactoría do Corgo

O Partido Popular incumpre a súa promesa de retirar a piscifactoría do Corgo do Plano Galego de Acuícultura. O BNG oponse á construción deste parque, razón pola cal ven de presentar alegacións para que o Parque Punta Laxe Brava sexa retirado do Plano

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira presentou alegacións á Proposta de Modificación Puntual do Plano Galego de Acuicultura presentada pola Consellería do Mar da Xunta de Galiza (Revisión do Plano Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria, (DOG nº 215, do 3 de Novembro), no que se refire aos aspectos que afectan directamente ao Concello de Ribeira máis concretamente ao Parque nº 9 denominado Punta Laxe Brava en Corrubedo.

O BNG de Ribeira oponse á construción do Parque Acuícola na Punta da Laxe Brava, coñecida como O Corgo, en Teira, parroquia de Corrubedo. Dito emprazamento está previsto co nome de parque número 9 no Plan de acuicultura de Galicia e non aparece retirado do mesmo na Proposta de Modificación Puntual do Plano Galego de Acuicultura que ven de presentar a Consellería do Mar da Xunta de Galiza.

Para o BNG é primordial conservar intacto como está o litoral da antedita parroquia, pois é o único virxe do Concello de Ribeira. A franxa litoral do Corgo está incluída na rede Natura 2000 e o plan da Xunta prevé que a futura planta acuícola linde coa zona e realice vertidos no mar, co perigo que isto suporá para os cantís de percebe, os baixos explotados pola pesca artesanal e os areais de Corrubedo (Balieiros e As Barreiras) e Espiñeirido.

Ademais, a desproporcionada reserva de terreo prevista pola Xunta (308.000 metros cadrados) é inadmisíbel, pois obriga á “expropiación forzosa, se así fora necesario” (tal como se recolle na modificación do Plano), de numerosas leiras que aínda se cultivan e se empregan para levar ao pouco gando que queda na zona, feito que se debería primar e non castigar.

Asemade, o BNG de Ribeira considera que os orzamentos e inversións públicas neste tipo de macroconstrucións novas, para nada se corresponden cos beneficios que reverten nos veciños e veciñas e moito menos cos empregos que sempre din prometer pero que despois non se cumpren. Pola contra, é o desenvolvemento sustentábel orientado aos valores naturais dos que dispón a parroquia de Corrubedo o camiño que se debe seguir, e non a industrialización indiscriminada das costas de sempre coidadas e mantidas inmaculadas polos veciños e veciñas.

Alegacións ao Plano Acuícola:
2009-12-03-alegacions_plano_acuicola.pdf

Modificación putual Plano Galego Acuicultura:
proposta_modificacion_puntual_plano_galego_acuicultura.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG esixe a retirada do parque de Laxe Brava do Plan Acuícola

O PP incumple unha sentenza pola que se declara ilegal a adxudicación da escola infantil de Ribeira

O BNG presentou unha moción, debatida no Pleno do pasado 30 de novembro que o PP rexeitou, pola que reclamaba información e solicitaba o cumprimento dunha sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en febreiro deste ano, onde declara nula a adxudicación da escola infantil municipal ás irmáns García Escurís.

Temos que denunciar, unha vez máis, o escurantismo e o déficit democrático do Goberno do PP de Ribeira, pois o Grupo Municipal do BNG tivo coñecemento desta información de forma extraoficial xa que nin o Goberno, nin o Alcalde informou aos grupos da oposición, polo menos non ao BNG, nin do recurso presentado polo Concello de Ribeira, nin da sentenza emitida polo TSXG.

O BNG tamén quixo engadir na moción un acordo para a inmediata retirada da concesión da xestión pero o grupo do PP votou en contra.

Nova sentenza

O pasado 11 de novembro o mesmo tribunal /TSXG) emitiu unha sentenza na que obriga á empresa a readmitir a unha traballadora por despido nulo (foi despedida cando denunciou irregularidades neste centro) e a pagarlle unha indemnización de 30.000 euros por comportamento lesivo, danos morais e prexuízos económicos. Esta sentenza non foi recorrida pola empresa Calena Barbanza SL polo que é firme.

Aínda que dende o BNG non dubidamos da profesionalidade das traballadoras da gardería municipal, si creemos que a xestión desta gardería debe ser licitada de forma inmediata e retirarlle a concesión ás irmáns García Escuris.

Máis información…

Iniciativa municipal:
2009-10-15-sentenza-escola-infantil.pdf

Nova na Voz:
Unha sentenza declara nula a adxudicación da gardería de Ribeira á firma que a xestiona

Nova relacionada elforodigital.com:
o-tsxg-condena-escola.pdf

O goberno do PP retrátase na elaboración da RPT

O BNG venlle demandando dende fai tempo ao Goberno do PP de Ribeira a elaboración da Relación de Postos de Traballo do Concello (RPT) que vai acompañada dun Plano de Emprego. Trátase de dous documentos de actuación global que permiten elaborar o organigrama laboral e a adopción dunha serie de medidas para axustar a situación do persoal á estrutura e necesidades do Concello. Son, polo tanto, instrumentos básicos de planificación global dos recursos humanos, imprescindibles para a mellora do funcionamento dos servizos municipais, e que ao PP lle levou máis de 22 anos de goberno consecutivos elaborar, excluíndo do proceso ao BNG e ao resto da oposición.

O debate destes documentos volveu poñer encima da mesa a ruindade do goberno do PP, que queda así retratado claramente: non só exclúe aos representantes democraticamente elixidos de máis do 50% da poboación ribeirense, senón que ademais utiliza como ferramentas de negociación as ameazas aos traballadores (coa perda do fondo orzamentario destinado ao efecto, que resultou ser falso) e o engano tamén aos seus representantes sindicais (o documento aprobado polos traballadores non se corresponde co realmente asinado, pois foi modificado ás agachadas).

Mesmo deixa á vista o acoso laboral a que algúns traballadores “discrepantes” son sometidos por non render “ a obediencia debida”. Tamén se pode observar como se pretende consolidar en postos da máis alta responsabilidade en áreas como Urbanismo, Obras ou Intervención, a persoas contratadas de maneira irregular sen someterse a ningún proceso de selección previo.

Estas e outras moitas cuestións lévanmos a rexeitar tanto a RPT como o Plano de Emprego do Partido Popular que traerá consigo o incremento do gasto anual para as arcas municipais dun millón de €. Estes documentos deberan consensuarse para que un reparto mais equitativo deste diñeiro supoña unha sensíbel mellora para o funcionamento dos servizos municipais e, consecuentemente, para toda a cidadanía de Ribeira á que todos e todas nos debemos.

Audio do Pleno ordinario de Novembro

Taboas orixinais:
Tabla RPT inicial 1 Tabla RPT inicial 2

Taboas modificadas:
Tabla RPT modificada 1 Tabla RPT modificada 2

Nova no Correo:
Denuncian un ‘cambiazo’ del documento final al firmar la RPT

Nova no Diario de Arousa:
nova-no-diario-de-arousa.pdf

O Pleno demanda que o centro de decisión das caixas se manteña en Galiza

A Corporación Municipal de Ribeira deulle o seu apoio a unha moción do BNG pola que solicitamos que se inste á Xunta de Galiza a asegurar, en uso das súas competencias, que o centro de decisión das caixas de aforro galegas se manteña, en todo caso, en Galiza.

Na mesma iniciativa, aprobada por unanimidade polo Pleno de Ribeira, tamén reclamamos que se inste ao Parlamento de Galiza a que aprobe unha lei reguladora das caixas de aforro galegas que asegure o seu carácter público, a democratización dos seus órganos de goberno, o seu compromiso efectivo coa economía produtiva e a criazón de emprego en Galiza, así como a orientación da súa obra social cara a satisfacción das necesidades sociais e culturais reais do noso país.

O estoupido da crise financeira está a provocar un amplo debate sobre o modelo de caixas de aforro en Galiza, ao que non poden ser alleas as entidades locais. Alén do seu carácter de entidades financeiras, as caixas (pola súa natureza fundacional) teñen unha vocación social e unha vinculación co territorio no que se asentan e constitúen o principal instrumento financiador da economía galega.

A situación actual de recesión económica e de dificuldades financeiras fai necesaria a intervención por parte dos poderes públicos galegos na adopción dunha estratexia por parte das caixas de aforro galegas de apoio decidido aos sectores produtivos galegos, ás empresas que producen e crean valor en Galiza e, en xeral, a contribuír ao impulso da economía produtiva do país. Cómpre, polo tanto, máis que nunca a coordinación da política crediticia e de investimentos das caixas de aforro galegas, orientándoas a fortalecer os lazos co tecido empresarial galego e apoiar o financiamento dos sectores económicos estratéxicos, así como a xeración de emprego.

Por outra banda, a precipitación de acontecementos e novas sobre a reestruturación das entidades de crédito, logo da constitución do Fondo Ordenado de Reestruturación Bancaria (FROB), obriga a ter unha posición común en defensa da galeguidade das caixas de aforro de Galiza, a salvagardar as competencias exclusivas que sobre as caixas de aforro se recoñecen no Estatuto de Autonomía, e a adoptar decisións sen demora que garantan a solvencia das caixas galegas e a recuperación do seu papel de canalización do aforro galego cara os sectores vitais da nosa economía produtiva.

A consecución deses obxectivos obriga necesariamente a que as caixas de aforro galegas manteñan os seus centros de decisión en Galiza, mais tamén a abordar unha reforma legal pola que se reforce a función de protectorado e control público das caixas de aforro, dada a súa natureza e función social, para conectalas coa estratexia económica máis acaida aos intereses económicos xerais do país; así como se mellore a transparencia no seu funcionamento, afondando nunha maior democratización dos seus órganos directivos.

Reclamamos a marcaxe das liñas de fútbol sete na Fieiteira

O BNG ven de reclamar, unha vez máis, que o Goberno do PP tome as medidas oportunas para que se solucione, de xeito definitivo e urxente, a marcaxe das liñas de fútbol sete no campo de céspede artificial da Fieiteira con materiais definitivos e, mentres tanto, que se pinten con cal os días que haxa competición

O pasado sábado 28 de novembro cen nenos non puideron xogar ao fútbol sete no campo de céspede artificial d’A Fieiteira xa que as liñas que delimitan o terreo de xogo estaban sen pintar.

Con máis de 2 meses de competición esta situación bochornosa era previsible, xa que o pintado das liñas de xogo estaba sendo efectuado, de xeito voluntario, tanto por directivos dos clubs, como por técnicos municipais e incluso polos propios pais dos rapaces.

Sen dúbida, é responsabilidade do goberno local dar as ordes oportunas para que as instalacións deportivas municipais estean nas mellores, e regulamentarias, condicións para a práctica do deporte. Neste caso o goberno local debe resolver de xeito definitivo o marcado das liñas de xogo permanentes, e mentres iso non se produce debe responsabilizarse do pintado con cal das mesmas.

O grupo municipal do BNG é coñecedor de que xa se iniciaron as xestións para o pintado permanente destes campos, xestión esta que tiña como data de finalización, tal como se lles explicou aos clubs, o pasado mes de setembro. O BNG non entende como pasados xa 2 meses, non se tomaron as medidas oportunas para resolver esta situación.

Iniciativa Municipal:
2009-11-30_solicitude_pintado_campos_da_fieteira.pdf

Nova relacionada:
As deficiencias do campo de fútbol da Fieteira suscitan as queixas dos pais e dos clubs de fútbol