BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Decembro 30th, 2009:

Milleiros de persoas concentraronse en Compostela contra o «Decretazo»

Milleiros de persoas concentradas no Obradoiro

Milleiros de persoas concentraronse en defensa da nosa lingua en Compostela

Milleiros de persoas concentráronse na tarde de hoxe na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela contra o borrador de Decreto do galego presentado hoxe pola Xunta de Galiza, convocadas pola plataforma Queremos Galego.

Non faltou á importante cita unha ampla representación do BNG da Barbanza. Entre eles, a Responsábel Comarcal, Dores Torrado, o alcalde de Boiro, Xosé Deira, concelleiros e concelleiras dos catro concellos da Barbanza ou a Responsábel Comarcal de Acción Municipal e Voceira Municipal en Ribeira, Dominga Brión.

Os milleiros de persoas, procedentes da Barbanza e de todo o país, concentráronse na Praza do Obradorio, xusto enfronte do Pazo de Raxoi que era onde estaba previsto que se celebrara a reunión do Consello da Xunta, como ven sendo habitual. Na tarde de onte Feijoo decidiu pasar o Consello da Xunta a San Caetano, estreando co decretazo a polémica sala remodelada por Touriño na anterior lexislatura. A Feijoo non lle valeu de nada agocharse “Nas Toupeiras”, como lle chaman á zona da nova sala. A multitude de persoas concentradas no Obradoiro percorreron as rúas de Compostela até chegar a San Caetano.

Nin a choiva torrencial, nin unha precipitada convocatoria impediu que as galegas e galegos que nos achegamos até Compostela nos dirixiramos até “As Toupeiras” de San Caetano para que o goberno do PP escoitara a nosa voz, ante este grave atentado ao noso máis importante sinal de identidade, por parte de quen debera protexelo. Esta norma, según todas as previsións, deixará ao noso idioma reducido a tan só un terzo das materias no ensino non universitario, dificultando enormemente que o alumnado remate os seus estudos acadando a competencia lingüística no idioma propio.

Reclamamos máis apoio á rede de escolas oficiais de idiomas de Galiza

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que solicita que se inste ao goberno do PP da Xunta de Galiza a que retire a circular 5/2009, por implicar un retroceso significativo na calidade do ensino dos idiomas na rede de escolas oficiais, entre elas na de Ribeira, empeorar as condicións de traballo do profesorado e reducir as posibilidades de aprendizaxe do alumnado que traballa

A circular 5/2009, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dependente da Consellaría de Educación da Xunta de Galiza, dita instrucións sobre o procedemento de admisión e matrícula e organización académica nas escolas oficiais de idiomas (EOI) para o curso 2009–2010, e supón un claro retroceso para o ensino público dos idiomas. Non se contou coas aportacións dos claustros nin da Mesa Sectorial de Educación para elaborar esta circular que significa na práctica unha perda de calidade educativa, xa que, implica a redución drástica de profesorado e a ampliación de carga lectiva dos profesionais. Deste xeito ponse en perigo a diversificación curricular e a calidade das ensinanzas especializadas de idiomas.

A rede de escolas oficiais de idiomas de Galiza está formada por 11 centros e 18 seccións delegadas, sendo o noso concello un dos beneficiarios. Dicir tamén que o cadro de profesorado é de aproximadamente 450 profesionais e o alumnado chega aos 31.000.

Tanto a traxectoria nas ensinanzas dos idiomas como a importancia das escolas de idiomas en Galiza é indiscutíbel. As EOI acababan de experimentar a substitución do antigo sistema de estudos polos novos currículos adaptados aos marcos europeos sobre as linguas. Este cambio implica a reorientación na ensinanza-aprendizaxe de idiomas e posta en marcha dun enfoque comunicativo, o deseño dunha nova planificación académica, un sistema novo de elaboración de probas de certificación unificadas en toda Galiza e a diversificación da oferta educativa. Ademais impártense os cursos ordinarios e á parte ofrécense cursos monográficos, CELGA, linguaxe administrativa, cursos de formación do profesorado ou cursos monográficos de inglés audiovisual, entre outros.

Con esta circular vaise reducir a calidade no ensino de linguas estranxeiras e se vai sobrecargar o horario do profesorado; pero o máis prexudicado vai ser o alumnado, porque se trata en gran medida de xente adulta que traballa e que, coa redución de grupos, vai ter menos posibilidades de atopar praza na franxa horaria que solicitaba, ademais de que o alumnado terá menos posibilidades de participar en obradoiros de lectura, escritura, teatro…, cuestións prioritarias na ensinanza dos idiomas.

Por todas estas razóns solicitamos que se inste ao Presidente da Xunta de Galiza, á Consellaría de Educación e á Dirección Xeral de Ensino, Formación Profesional e Innovación Educativa, a que retire a circular 5/2009, por implicar un retroceso significativo na calidade do ensino dos idiomas, empeorar as condicións de traballo do profesorado e reducir as posibilidades de aprendizaxe do alumnado que traballa

Iniciativa Municipal:
2009-12-17mocion-escola-idiomas.pdf