
O Grupo Municipal do BNG de Ribeira abandona o Pleno en protesta pola forma en que o Goberno do PP tramitou a Relación de Postos de Traballo e por considerar que, aprobada deste xeito, traerá consecuencias negativas para os cidadáns e cidadás de Ribeira
O BNG ten denunciado en moitas ocasións as múltiples irregularidades do PP de Ribeira á hora de seleccionar o persoal ó servizo do Concello. Mesmo no informe da Intervención Municipal, se denuncia a “existencia dunha situación anómala que deriva dunha elección inadecuada das figuras empregadas” e tamén “a de interinos para a cobertura de prazas vacantes”. Non é de estrañar que, logo de 20 anos de réxime PPopular, os apelidos de moitos empregados municipais coincidan cos de membros do grupo de goberno.
Coa aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e Plan de Emprego, o PP pretende dar carta de natureza a esa política clientelar que vén practicando e que, se ben beneficia a algúns, prexudica a moitos e moitas traballadores e a toda a cidadanía de Ribeira.
Este organigrama de postos de traballo e o plan de emprego so vai garantir o descontento da maioría do persoal ó servizo do Concello e, moi probablemente, maiores dificultades para mellorar o funcionamento dos servizos municipais. Unha vez máis, a voceira do BNG, Dominga Brión, demostrou, na súa intervención no Pleno Municipal Extraordinario, as mentiras e falsidades do Grupo de Goberno, a saber:
- Non foi un documento “consensuado”: a proposta de RPT chega a nós 24 horas antes do primeiro Pleno. O mesmo acontece coas posteriores “modificacións”.
- Non é “aceptado pola gran maioría dos traballadores”: así o demostran as case 70 alegacións presentadas.
- O Documento final non respecta o documento asinado polos traballadores (que chega modificado ó Pleno) como mesmo denuncia por escrito un dos sindicatos asinantes (UGT).
- Contén agravios gravísimos: algúns “postos” de traballo ven aumentada escandalosamente a remuneración logo de ser asinado polos representantes laborais.
- Este documento non garante nin a xustiza retributiva nin a Pax laboral como deixa ver o anuncio de recurso ao Contencioso anunciado xa por moitos dos traballadores e traballadoras.
Dominga Brión presentou como aval dos seus argumentos todos os escritos e documentos aos que aludiu polo que demandou do Sr. Alcalde e do seu Grupo “deixar o documento pendente de aprobación para mellorar, con máis participación e transparencia, o documento actual e presentar outro que realmente dea solución ás necesidades da cidadanía do Concello de Ribeira e ós seus traballadores e traballadoras”.
Diante da negativa do Grupo do PP e do Alcalde a recoller esta nosa demanda, empeñados en reiterar os seus erros, os concelleiros e concelleiras do BNG decidimos non avalar nin sequera coa nosa presenza, a aprobación polo “rodillo” do PP dunha proposta que traerá consecuencias negativas para os cidadáns e cidadás de Ribeira.
Máis información:
Audio da intervención de BNG no Pleno sobre a Relación de Postos de Traballo
Audio do Pleno extraordinario de 22-12-2009 completo grazas a Radio Discolócate
O Goberno do PP retrátase na elaboración da RPT
Nova no Correo Gallego:
Los seis ediles del BNG abandonaron el pleno sin votar el catálogo laboral





