BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Novembro, 2009:

O sistema de axudas á compra de libros é insolidario e máis caro

Reunión do BNG coas ANPAS de Ribeira

A portavoz de Educación do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, acusou esta tarde ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria de “maquillar os datos para agochar o desmantelamento da escola pública que está a facer o Goberno do PP nos orzamentos de 2010”.

En concreto, advertiu de que o novo sistema de axuda para a compra de libros en propiedade “non é gratuíto, como si era o anterior sistema de préstamo, nin é solidario nin eficaz”.

Máis información…

Liberade aos nosos mariñeiros

Manifestación Alakrana, Vigo

O BNG da Barbanza quixo sumarse aos milleiros de persoas que baixo o lema “liberade aos nosos mariñeiros” se manifestaron en Vigo reclamando a liberación dos mariñeiros do buque “Alakrana”, secuestrados por piratas no Índico, dous deles da Barbanza, de Boiro e Ribeira.

Vaia dende aquí todo o noso apoio solidario para eles e as súas familias. Agardamos que pronto estean todos eles de volta nas súas casas sans e salvos.

Reclamamos melloras no Hospital da Barbanza

O BNG reuníuse co Comité de Empresa do Hospital da Barbanza

O BNG DENUNCIA, DEFICIENCIAS NA ATENCIÓN SANITARIA PRESTADA NO HOSPITAL DA BARBANZA

Ana Pontón, Deputada do BNG, e membros do BNG da Barbanza mantiveron unha xuntanza co comité de empresa para analizar os problemas existentes no Hospital da Barbanza

O comité de empresa, denunciou ante representantes do BNG, que a atención ao paciente vese gravemente atacada coa insuficiencia de persoal en determinadas especialidades e categorías profesionais.

En servizos coma xinecoloxía e traumatoloxía as listas de agarda son “interminables”, a carencia de facultativos é especialmente significativa nestas especialidades.

Trala incorporación do Hospital do Barbanza ó SERGAS, segue existindo diferenzas notables na calidade dos servizos prestados en relación a outros hospitais do sistema sanitario galego, nestes momentos non existe na Barbanza, a categoría profesional de “celador”, circunstancia esta que implica que funcións propias da mesma, sexan cubertas por outro persoal sanitario, todo isto en detrimento da calidade do servizo no seu conxunto.

O BNG da Barbanza, tamén denuncia a falta de seguridade existente no Hospital, os efectivos que dispón non son suficientes para garantir a seguridade de pacientes, coma do persoal sanitario.

Asemade, o BNG da Barbanza fai súas as reivindicacións do comité de empresa, iniciadas polo persoal sanitario na defensa dos acordos salariais vixentes, que hoxe está a paralizar o actual Goberno da Xunta de Galiza.

Reclamamos melloras no servizo de transporte sanitario non urxente na Barbanza

O BNG presentou unha iniciativa parlamentar para reclamar que se adopten as medidas necesarias para garantir a cobertura da demanda existente na comarca da Barbanza de transporte sanitario non urxente, apostando pola prestación pública deste servizo

As deputadas do BNG, Ana Pontón e Ana Luísa Bouza, veñen de presentar unha Proposición non de lei no Parlamento Galego para frear un novo recorte nos servizos públicos que dende a chegada do PP á Xunta de Galiza se están a producir en todo o país e tamén na comarca da Barbanza. Neste caso, trátase da limitación ao acceso ao transporte sanitario non urxente, según denunciaron os propios pacientes.

Según indican as deputadas na súa iniciativa, “a consecuencia directa desta decisión é a anulación de consultas e problemas na xestión das urxencias e traslados ao Hospital Clínico.” Consideran que a Consellaría de Sanidade actúa de xeito irresponsábel dificultando o acceso a un servizo básico como é o do transporte sanitario e, polo tanto, prexudicando a moitas persoas que teñen problemas de mobilidade, que ven restrinxido un servizo do que antes dispoñían.

As parlamentarias do BNG consideran preocupante esta actitude da Xunta de Galiza pois constitúe un paso máis no deterioro dos servizos públicos. Máis alarmante, se cabe, que a resposta da Consellaría de Sanidade sexa que se “está traballando para mellorar este servizo”, evidenciando unha singular concepción de como se melloran os servizos públicos.

Iniciativa Parlamentar:
2009-10-14-servizo-transporte-sanitario-non-urxente-barbanza.pdf

QUEREMOS, por Nel Vidal

Queremos que desde o goberno galego se deixen dunha vez por todas de sementar prexuízos lingüísticos baseados en falsidades como a da imposición lingüística. Queremos…

...unha radio e televisión públicas que apoien decididamente o proceso de normalización da lingua galega en todos os ámbitos. Queremos que a CRTVG cumpra a súa misión estatutaria primordial de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso do galego.

Queremos que haxa a garantía de que calquera persoa poida ser atendida en galego na administración. Queremos que as e os aspirantes a traballadoras/es públicas/os en Galiza teñan que demostrar no proceso selectivo a súa competencia práctica para desenvolver o seu traballo na lingua propia deste país, polo tanto, na lingua na que terán que desenvolver o seu traballo na administración.

Queremos software público en galego. Queremos a tradución pública á nosa lingua do software libre e a súa difusión e distribución. Queremos Mancomún.

Queremos que a Xunta lle dedique os recursos económicos necesarios ao proceso de normalización da lingua galega. Queremos que non haxa recortes nos orzamentos para a política lingüística.

Queremos o apoio decidido á creación, difusión e promoción dos produtos e servizos culturais en galego. Queremos Cultur.gal.

Queremos que a música en galego de todos os estilos ocupe espazos primordiais da programación da canle principal da Radio Galega e tamén da televisión pública. Queremos abertos por reformas, extrarradios e lumes na palleira.

Queremos que se respecten os nomes propios das nosas institucións, entidades, consellarías, organismos, concellos, etc.

Queremos poder ler na nosa lingua obras literarias tamén estranxeiras. Queremos, tamén este ano, axudas públicas á tradución.

Queremos que nas escolas infantís as nenas e os nenos poidan xogar e ir aprendendo en galego. Queremos darlles aos nosos fillos e fillas esa oportunidade. Queremos galescolas. Queremos que se retome o programa piloto de liñas de educación infantil en galego fixado no PXNLG e que en anos anteriores tivo unha gran demanda.

Queremos apoio decidido á creación cultural galega; á literatura, ao audiovisual, á música, á comunicación, á cultura tradicional, ás artes escénicas, etc. Queremos premios nacionais da cultura galega.

Queremos escoitar os cargos públicos falar na lingua propia do país e das institucións que representan. Queremos que no exercicio das súas funcións as conselleiras e os conselleiros e demais cargos públicos se expresen normalmente en galego, tanto por escrito como oralmente.

Queremos que o galego non sexa visto desde os poderes públicos como un atranco.

Queremos cinema en galego. Queremos que, cando menos, se siga actualizando e difundindo Foclos.tv, o cineclub do audiovisual galego na rede.

Queremos que se respecten e que non se poñan en dúbida os únicos nomes lexítimos dos nosos lugares, aldeas, parroquias, vilas, concellos e cidades.

Queremos o cumprimento estrito do Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo e do resto de lexislación vixente.

Queremos que desde as administracións públicas non se financien entidades que teñen como obxectivo a redución do uso –e prestixio– do galego.

Queremos a volta do Partido Popular ao consenso que supuxo o aprobado por unanimidade Plan xeral de normalización da lingua galega, pois os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos. Queremos que non haxa nin un só paso atrás. Queremos que os poderes públicos cumpran coa súa obriga e responsabilidade de apoiar o proceso de normalización da lingua galega.

... E os bebés non saben ler subtítulos. Si, tamén queremos Teletubbies en galego.

Queremos respecto…

Queremos Galego!

Defendemos a legalidade urbanística en Corrubedo

Campo da Agra, Corrubedo

O Goberno do PP rexeita en Pleno a moción do BNG pola que lle solicitaba que se revisara a licenza que outorgou a Xunta de Goberno Local, autorizando a construción de 17 vivendas en Campo da Agra, en Corrubedo, replanteando “in situ” a alineación deslinde entre o chan urbano e o de chan rústico de protección de espazos naturais, co que linda. De non revisarse, esta licenza invadirase en parte o chan rústico de protección de espazos naturais.

Antecedentes

A carón, no solar lindeiro hai unha vivenda unifamiliar con resolución da Axencia Urbanística firme no que se deixa claro que a liña de ordenanza é a que debe usarse para delimitar o planeamento aplicable aos terreos e non a liña de “delimitación de núcleo”. Por esta razón a Axencia ordenou a demolición de parte das obras, ao non consideralas legalizables, por invadir chan rústico de protección de espazos naturais.

A pesar destes antecedentes, o goberno do PP persiste en manter para este solar criterios distintos que os do solar lindeiro, amparándose nun informe dunha funcionaria da nova Xunta do PP realizado con data 17 de xullo deste ano, sen ter en conta os antecedentes mencionados.

Posición dos Servizos Xurídicos da Xunta de Galiza

Todo iso a pesar de que, curiosamente con esta mesma data, 17 de xullo de 2009, os Servizos Xurídicos da Xunta de Galiza nun escrito dirixido ao Xulgado do Contencioso Administrativo Nº 2 de Santiago de Compostela, en contestación á demanda interposta polo arquitecto da vivenda do solar lindeiro, reiterase nos mesmos argumentos da Axencia Urbanística, tamén prantexados pola veciñanza.

Non se entende, pois, que intereses defende o goberno do PP de Ribeira co seu alcalde á cabeza. Parecen esquecerse de que están aí para mirar polo ben común, primando os intereses xerais da maioría da cidadanía por riba dos particulares duns poucos.

En todo caso, convén lembrarlle que, se non rectifican, estaríamos ante unha ilegalidade urbanística en toda regra. Ademais, se conceden unha licenza ilegal a sabendas, teriamos que falar dun delito de prevaricación, recollido no Código Penal.

Por outro lado, se non se manteñen os mesmos criterios ou mesmo se estes criterios cambian en función do goberno de turno, estaríamos ocasionando agravios comparativos, danos a terceiros que verían mermado o valor do seu patrimonio, construído ao amparo da normativa vixente, e deixando á veciñanza e ao propio Concello nunha situación de inseguridade xurídica.

Agardamos, pois, que o goberno do PP recapacite e, a pesar de non apoiar a iniciativa do BNG, tomen as medidas oportunas e revisen a devandita licenza municipal, adecuándoa á normativa vixente.

Documento coa posición dos servizos xurídicos da Xunta:
posicion_xuridica-da_-xunta.pdf

Iniciativa Municipal:
2009-09-18-campo-da-agra-corrubedo.pdf

Máis información:
Levamos a Pleno ilegalidades urbanísticas en Corrubedo

A veciñanza reclama legalidade urbanística en Corrubedo

A comunidade de veciños e veciñas do Campo da Agra de Corrubedo ven de enviar unha nota de prensa aos medios de comunicación na que rexeitan a actitude do Grupo de Goberno do PP de Ribeira no pasado Pleno do 26 de outubro, que se negou a apoiar a moción do BNG, na que se pedía a revisión da Licenza 212/2008 de construción dun edificio de 17 vivendas, boa parte do cal, de non revisarse, invadiría en parte terreos cualificados como chan rústico de protección de espazos naturais

Nota de prensa da comunidade de veciños/as do Campo da Agra:
2009-10-30nota_prensa_vecinanza_campo_agra.pdf

Nova no Correo Gallego:Vecinos de Corrubedo preguntan a Torres “qué intereses defiende”

Nova na Voz:
Agra de Corrubedo interporá un recurso para que se revogue a licenza das 17 vivendas

O BNG reúnese coas ANPAS de Ribeira

Reunión do BNG coas ANPAS de Ribeira

Carme Adán en Ribeira:
“As ANPAS están chamadas á defensa do ensino público”

Xuntanza na sede do BNG de Ribeira das ANPAS con Dominga Brión e membros locais do BNG

Diante das medidas regresivas que sistematicamente vén aplicando o PP desde a Consellería de Educación, a parlamentaria nacionalista detallou as iniciativas que o BNG leva a cabo dende o Parlamento de Galiza para a mellora do ensino público.

Carme Adán coincidiu coas representantes de Pais e Nais en rexeitar a supresión da gratuidade dos libros de texto, o aumento dos prezos de comedores escolares ou a redución de profesorado sobre todo en Educación Especial (Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica) o que afectará moi negativamente ao alumnado con máis dificultades de aprendizaxe.

A parlamentar nacionalista expresou a preocupación do BNG pola forte baixada, do 17%, no orzamento de Educación para o 2010 que provocará unha diminución da calidade do ensino público. Así, denunciou a redución de fondos para a formación do profesorado ou a rebaixa das cantidades para obras e melloras nos centros. A parlamentar do BNG rexeitou as “razóns” do Partido Popular de “falla de fondos” xa que si os houbo para dar “tres millóns de euros para os colexios privados que separan ao alumnado por sexo”.

As representantes das ANPAS transmitiron á parlamentar do BNG as súas principais reivindicacións nas que destacaron a recollida de sinaturas para a recuperación da gratuidade dos libros de texto, das que xa levan máis de 1000, as demandas de melloras no transporte escolar, a necesidade de axudas e subvencións para o transporte de alumnado de bacharelato e ciclos ou as melloras en centros educativos, todos estes aspectos que consideran moi deficientes no concello de Ribeira.

A parlamentar do BNG comprometeuse a trasladar ao Parlamento Galego as demandas das ANPAS en defensa do ensino público.