BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Novembro 17th, 2009:

Por fin libres!!

Dende o BNG queremos manifestar a nosa satisfación pola liberación do atuneiro Alakrana e os seus tripulantes, dous deles da Barbanza (de Ribeira e Boiro), e porque poidan volver a carón das súas familias sans e salvos.

Por fin remata un calvario de 47 días e o Alakrana navega xa libre polas augas do Indico, coa súa tripulación contando as horas para encontrarse cos seus. Desexámoslle un feliz reencontro e que esquezan canto antes o pesadelo sufrido.

Agardamos tamén que por parte do Goberno español e a Unión Europa se adopten as medidas oportunas para que esta situación non se volva a repetir.

Dende o BNG continuaremos a demandar a adopción de máis medidas e máis medios para evitar que ocorran secuestros como o do Alakrana e que pasan por redefinir a operación Atalanta, para o cal o BNG xa presentou unha proposición no Congreso dos Deputados; que o Goberno español cumpra as recomendacións da OMI (de hai xa dez anos) para loitar contra a piratería, e que o aparello xudicial, cando menos, non entorpeza os procesos negociadores.

Interesámonos pola posta en funcionamento do Heliporto

Reunión co Comité Empresa do Hospital da Barbanza

O BNG pregunta no Parlamento Galego cales son as razóns polas que non está operativo o heliporto do Hospital da Barbanza

Entre as melloras realizadas na pasada lexislatura no Hospital da Barbanza, está a licitación e construción dun heliporto. É esta unha obra longamente demandada pola cidadanía e tamén polo BNG en diversas iniciativas municipais e parlamentares. Finalmente, as obras foron adxudicadas no pasado mes de febreiro, por un importe de 176.896 € (máis IVE).

A estas alturas, o heliporto leva xa algún tempo rematado, tal como pode comprobarse visitando as instalacións hospitalarias, pero continúa sen estar operativo. Segundo declaracións da anterior xerente, esta infraestrutura podería estar en funcionamiento dende o mes de xullo.

Dende o BNG consideramos necesario que a Xunta de Galiza explique a demora na posta en marcha do heliporto. Trátanse dunhas instalacións básicas para mellorar a resposta do sistema sanitario ante casos nos que fora preciso un traslado urxente. Non resulta explicábel que non exista axilidade á hora de poñer en funcionamento infraestruturas que supoñen unha mellora na atención, máxime cando falamos de servizos de urxencia.

Iniciativa Parlamentar:
2009-11-13-heliporto-hospital-barbanza.pdf