BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Novembro, 2009:

Pleno municipal novembro 2009

No Pleno Ordinario do Concello de Ribeira do vindeiro luns, día 30 de novembro, debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e numerosas solicitudes. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Preme enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Solicitamos o uso terciario para as plantas semisoto
2.- Reclamámos información sobre a adxudicación da Escola Infantil Municipal
3.- Demandamos a mellora do transporte público e escolar
4.- As caixas de aforro
5.- As axudas á dependencia
6.- As liñas electricas de Oleiros

O BNG contra a violencia de xénero

Acto do BNG contra a violencia de xénero

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que se solicita que se inste á Xunta de Galiza a que realice unha planificación para a efectividade das previsións contidas na Lei 11/2007 que estaban pendentes de desenvolvemento; en concreto, a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral, realizar campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero, a formación da totalidade das e dos profesionais, e garantir o dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público tamén recollido na lei.

Tamén demanda que se dea traslado deste acordo ao presidente da Xunta de Galiza, así como aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galiza.

A violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres. É a manifestación máis clara da desigualdade, un indicador de que queda moito traballo para erradicar a discriminación e subordinación das mulleres e acadar unha sociedade igualitaria.

Nos últimos anos téñense dado pasos relevantes a nivel legal, superando unha visión que reducía o problema ao ámbito privado e asumindo que a loita contra a violencia de xénero é un problema de primeira orde e que na súa erradicación deben implicarse o conxunto de poderes públicos e a sociedade.

A nivel galego, na pasada lexislatura, deuse un paso importante coa aprobación dunha lei específica para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Unha lei que, por primeira vez, considera a violencia de xénero desde unha perspectiva integral, recoñece dereitos para as mulleres que vivan unha situación de violencia no ámbito económico e social e articula toda unha serie de obrigas para as administracións públicas tanto no ámbito preventivo, como no formativo e na asistencia ás vítimas. Mais hai outro cambio relevante que introduce esta norma, a apertura dos recursos sociais a todas as mulleres con independencia de que conten cunha orde de protección ou non. Unha medida necesaria que vai na dirección de incrementar os resortes institucionais de apoio as mulleres. A aprobación desta lei supuxo paralelamente o incremento dos recursos destinados na Galiza a loita contra a violencia de xénero.

A Secretaría Xeral de Igualdade, cumprindo cun mandato estabelecido na lei, informou ao Parlamento Galego do grao de desenvolvemento das previsións contidas neste texto legal, así como daqueles aspectos que restaban poñer en marcha para completar o desenvolvemento da mesma, non obstante, o novo goberno da Xunta, non parece ter interese en por en funcionamento eses instrumentos lexislativos, considerando prescindíbeis e superfluas as accións tendentes á erradicación da violencia de xénero.

A Lei prevé a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, un órgano institucional da Xunta de Galiza que ten por obxecto encargarse do estudo, avaliación e seguimento das políticas de violencia de xénero. Unha medida importante a fin de contar con organismos e persoal especializado que permita facer unha análise sostida no tempo sobre a efectividade das medidas tomadas neste terreo e, consecuentemente, mellorar a eficacia das políticas e recursos que se dedican a esta finalidade. No informe elaborado a finais de 2008 pola Secretaría Xeral de Igualdade sobre o desenvolvemento da Lei 11/2007, consta a existencia dun borrador de decreto no que se estaba traballando a fin de poder cumprir con este mandato legal.

Estes e outros aspectos do texto legal quedan aínda por desenvolver, así como outras medidas que é necesario que se continúen impulsando para que teñan eficacia, como son as relacionadas coa sensibilización social ou a formación de todas e todos os profesionais en ámbitos relacionados, directa ou indirectamente, contra a violencia de xénero. Un silencio que nos preocupa, pois a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser unha prioridade de calquera goberno, que ten que materializarse na mobilización de recursos e no cumprimento das disposicións legais vixentes nesta materia.

Iniciativa Municipal:
2009-11-25solicitude_25_novembro.pdf

Solicitamos o arranxo do muro do campo da Fieiteira

Nenos e nenas xugando mentras ao fondo se ve o muro derrubado do campo de fútbol da Fieiteira

O BNG ven de presentar unha iniciativa para que o Goberno do PP de Ribeira tome as medidas oportunas para que se arranxe de xeito urxente o peche perimetral do campo de fútbol de céspede artificial, que se derrubou fai poucos días, reforzando as partes que non caeron, e que á vez se instalan redes protectoras para evitar a perda de balóns

De xeito reiterado o grupo municipal do BNG de Ribeira vén traendo ao Pleno de Ribeira propostas para a mellora nas instalacións deportivas do noso concello. Unha das instalacións que é obxecto de melloras, a pesares de ser unha obra nova, é o campo de céspede artificial.

Son moitas as melloras que se poden acometer como, só por citar algunhas, a transformación do cuberto que protexe aos espectadores nunha auténtica grada con asentos axeitados para o público que asiste ou a instalación das redes protectoras que eviten se perdan os balóns. Por certo, redes estas que levan moitos meses nun almacén do complexo deportivo á espera de que os responsables políticos dean a orde para colocalas.

Sen embargo o feito máis grave produciuse hai uns días cando o vento derrubou unha parte importante do muro perimetral da zona sur deste campo. Afortunadamente non houbo ningunha persoa accidentada e xa a policía local tomou medidas de sinalización e balizamento.

Este muro foi construído recentemente polo concello e evidentemente non está suficientemente reforzado. Xa este grupo municipal advertiu no Pleno do pasado mes de outubro que había bloques que caeran do muro e que supoñían un risco para os centos persoas que acoden a adestrar e a xogar ao fútbol.

Evidentemente o grupo de goberno non ten culpa de que haxa mal tempo, pero si ten a responsabilidade, cando executa unha obra, de velar porque esta sexa segura.

Iniciativa Municipal:
2009-11-21arranxo_peche_campo_fieiteira.pdf

Solicitamos o uso terciario para as plantas semisoto

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal, que se debatirá no vindeiro Pleno, pola que se lle demanda ao Goberno do PP que realice os trámites oportunos para que sexa permitido o uso admisible Terciario nas plantas semisoto, feitas ao amparo da normativa vixente, antes de ser aprobado o PXOM de Ribeira, sen prexuízo do cumprimento das condicións que establece a actual lexislación

O artigo 150.2, Ordenanza 1ª do vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribeira establece como “uso admisible: Terciario de Comercio, Oficinas e Hostalería, Industriais no nivel de talleres que non superen os umbrais de compatibilidade domésticos e Dotacións de Interese Social, unicamente en plantas baixas e primeira”. En base a este punto do PXOM, no que quedan excluídos do uso admisible Terciario os semisotos, a Xunta de Goberno Local está denegando Licencias de apertura de establecementos nestas plantas.

Esta situación significa deixar fora de ordenación á planta semisoto (recollida, por outra parte, no Art.93 das citadas Ordenanzas), o que afecta aproximadamente a uns 80 locais, que contan coa oportuna Licenza ao seren construídos ao amparo da normativa vixente no seu momento, antes da aprobación do PXOM, con graves prexuízos tanto para o tecido comercial de Ribeira, en xeral, como para os/as arrendatarios/as dos actuais locais comerciais e para os/as propietarios/as dos mesmos, en particular, sen entrar a valorar a perda do valor patrimonial para estes/as últimos/as como consecuencia desta aplicación do actual PXOM.

Mesmo as persoas afectadas consideran que a denegación de licenzas nestas plantas supón a aplicación da normativa municipal de forma arbitraria e discriminatoria, ao existir numerosos baixos comerciais en peores condicións para cumprir as normas de accesibilidade, Incendios e outras, e con licenza de apertura posterior á aprobación do PXOM, o que supón, ao seu entender, agravios comparativos e a vulneración do principio de igualdade recollido na Constitución.

Iniciativa municipal:
2009-10-07_semisotos_ribeira.pdf

Nova no Correo Gallego:
El PXOM pone en jaque 80 locales en semisótano

Demandamos a mellora do transporte público e escolar

O BNG de Ribeira solicítalle ao Goberno do PP que se dirixira á Xunta de Galicia solicitando a implantación de Modalidade A de contrato coas empresas que realizan o Servizo de Transporte nos IES de Ribeira

Tamén lle demanda que habilite unha partida orzamentaria para subvencionar o billete en transporte público a alumnado de ensinanzas non obrigatorias así como a xubilados e pensionistas residentes no Concello

Todos compartimos a importancia do transporte público e a mellora da mobilidade na calidade de vida da poboación en xeral. Neste ámbito, os colectivos de estudantes de ensino non obrigatorio así como os colectivos de maiores (e as súas familias) son dos que máis sofren as deficiencias actuais do transporte público no noso concello.

Ribeira é un dos poucos Concellos de Galiza nos que o servizo público de Transporte Escolar no Ensino Secundario se leva a cabo integramente na súa Modalidade C de contratación o que implica que o alumnado é transportado en autobuses que cobren servizo Regular de viaxeiros, non especificamente escolar.

A modalidade de contratación C, supoñendo un lixeiro menor custe para a Administración, supón para o alumnado en xeral do Concello de Ribeira e as súas familias un claro prexuízo e, comparando con outros moitos concellos do noso país, unha clara e inxusta discriminación.

As características do contrato de transporte na súa modalidade A, vixente na maioría dos concellos de Galiza, conleva a posibilidade de que sexa a Administración (co Centro educativo) quén determinen as rotas a seguir, as paradas, a presenza de acompañante así como o uso gratuíto polo alumnado de ensinanzas non obrigatorias (Bacharelato, Ciclos Formativos e de PCPI) no caso de haber prazas libres. Hai que ter en conta, ademais, a vantaxe que suporía a implantación do Servizo Tes+Bus, de transporte escolar compartido, para a poboación xeral dos lugares polos que transita o Servizo de Transporte escolar.

Sendo, pois, evidentes as vantaxes para os usuarios e usuarias que supón a Modalidade A de transporte escolar, sendo responsabilidade da Administración educativa a prestación do Servizo de Transporte escolar sen discriminacións e en igualdade de condicións a respecto doutros concellos atendidos pola mesma administración, e tendo o concello de Ribeira responsabilidade na planificación e promoción do transporte público no seu ámbito territorial, o Grupo Municipal do BNG presentou unha moción que se debaterá no vindeiro Pleno e para a que solicita o apoio da Corporación, co obxectivo de mellorar o transporte público e escolar de Ribeira.

Iniciativa municipal:
2009-10-17mellora_transporte_escolar.pdf

Nova no Correo Gallego:
Piden que el transporte de Secundaria de Ribeira no se realice en la línea regular

Por fin libres!!

Dende o BNG queremos manifestar a nosa satisfación pola liberación do atuneiro Alakrana e os seus tripulantes, dous deles da Barbanza (de Ribeira e Boiro), e porque poidan volver a carón das súas familias sans e salvos.

Por fin remata un calvario de 47 días e o Alakrana navega xa libre polas augas do Indico, coa súa tripulación contando as horas para encontrarse cos seus. Desexámoslle un feliz reencontro e que esquezan canto antes o pesadelo sufrido.

Agardamos tamén que por parte do Goberno español e a Unión Europa se adopten as medidas oportunas para que esta situación non se volva a repetir.

Dende o BNG continuaremos a demandar a adopción de máis medidas e máis medios para evitar que ocorran secuestros como o do Alakrana e que pasan por redefinir a operación Atalanta, para o cal o BNG xa presentou unha proposición no Congreso dos Deputados; que o Goberno español cumpra as recomendacións da OMI (de hai xa dez anos) para loitar contra a piratería, e que o aparello xudicial, cando menos, non entorpeza os procesos negociadores.

Interesámonos pola posta en funcionamento do Heliporto

Reunión co Comité Empresa do Hospital da Barbanza

O BNG pregunta no Parlamento Galego cales son as razóns polas que non está operativo o heliporto do Hospital da Barbanza

Entre as melloras realizadas na pasada lexislatura no Hospital da Barbanza, está a licitación e construción dun heliporto. É esta unha obra longamente demandada pola cidadanía e tamén polo BNG en diversas iniciativas municipais e parlamentares. Finalmente, as obras foron adxudicadas no pasado mes de febreiro, por un importe de 176.896 € (máis IVE).

A estas alturas, o heliporto leva xa algún tempo rematado, tal como pode comprobarse visitando as instalacións hospitalarias, pero continúa sen estar operativo. Segundo declaracións da anterior xerente, esta infraestrutura podería estar en funcionamiento dende o mes de xullo.

Dende o BNG consideramos necesario que a Xunta de Galiza explique a demora na posta en marcha do heliporto. Trátanse dunhas instalacións básicas para mellorar a resposta do sistema sanitario ante casos nos que fora preciso un traslado urxente. Non resulta explicábel que non exista axilidade á hora de poñer en funcionamento infraestruturas que supoñen unha mellora na atención, máxime cando falamos de servizos de urxencia.

Iniciativa Parlamentar:
2009-11-13-heliporto-hospital-barbanza.pdf

Reclamamos o pintado urxente dos campos de fútbol sete

Concelleiras e Concelleiros do BNG en A Fieiteira

O BNG de Ribeira reclámalle ao Goberno do PP que tome as medidas oportunas para que se pinten, de xeito urxente, os campos de fútbol sete no campo de céspede artificial da Fieiteira

O campo de céspede artificial d’A Fieiteira está sendo usado por varios clubs do noso concello tanto para adestrar nas súas categorías base como para competicións oficiais sobre todo en categorías base.

Unha das modalidade que practican os clubs é a de Fútbol Sete especialidade acaída para a rapazada máis pequena. Esta forma de practicar deporte esixe unhas condicións específicas: adaptacións de porterías, cuestión esta sobre a que o BNG xa ten presentado outras iniciativas, e delimitación do terreo de xogo coas marcas específicas no céspede.

A día de hoxe as liñas de pintura que deben delimitar o terreo de xogo non están pintadas, cuestión básica esta para poder practicar este deporte. Asemade temos constancia que dende o pasado 27 de setembro os clubs solicitaron aos técnicos municipais de deportes a necesidade de que se acometera esta mellora menor. Cuestión esta aínda non se acometeu.

A Federación Galega de Fútbol apercibiu aos clubs que no caso de que no próximo partido desta competición non estean feitas as marcas de pintura sancionará cunha multa ao club local.

Dende o BNG cremos que unha demanda deste tipo e de tan fácil arranxo non debería ter que esperarse tanto tempo para solucionala. O concello debe pór todos os seus medios para que as instalacións municipais estean dispoñibles para os usuarios/as que as utilicen sen que teñan sobre eles o risco de ser sancionados cunha multa económica.

Iniciativa Municipal:
2009-11-09_pintado_campos_futbol_sete.pdf

Solicitamos contedores para o lixo en Cubeliños

O BNG de Ribeira solicítalle ao Goberno do PP de Ribeira que tome as medidas oportunas para dotar de contedores suficientes de lixo orgánico, envases e papel na rúa Cubeliños. Tamén lle reclama que se aumente a frecuencia do paso dos camións do lixo para que fagan unha recollida diaria

Na rúa Cubeliños (estrada que vai de Abesadas cara Frións), están situadas varias vivendas unifamiliares e estase construíndo un edificio que pronto vai albergar numerosos pisos. Asemade nese pequeno tramo de estrada está situada a Gardería Municipal así como un colexio de educación infantil, primaria e secundaria.

Son numerosas as queixas da veciñanza e usarios/as das instalacións educativas xa que non contan con suficiente número de contedores para a recollida selectiva do lixo.

As queixas tamén se producen polo insuficiente paso dos camións do lixo que deben recoller eses refugallos. Por alí o camión non pasa todos os días e faino cada 4 ou 5 días quedando o lixo varios días nunha rúa que é moi transitada por escolares e familias que van aos centros de ensino.

Iniciativa Municipal:
2009-11-09-contedores-en-cubelinos.pdf

O Estado non considera imprescindíbel a Oficina Integral da S.S. de Ribeira

A Tesorería Xeral da Seguridade Social confírmalle ao BNG que no 2010 non se construirá a Oficina Integral da Seguridade Social de Ribeira

En resposta á pregunta do deputado do BNG, Francisco Jorquera, dende o Goberno do Estado afirman que está “previsto, nun futuro, a construción” desta Oficina para o que “xa dispón de tres parcelas sitas en Abesadas (Ribeira)”

Dende o BNG lamentamos que para o Goberno do Estado este investimento “non sexa imprescindíbel” e que se utilice como escusa a actual situación económica para darlle prioridade a outros investimentos en detrimento deste que, de manterse o compromiso anunciado no ano 2003, suporía a construción dun edificio de ámbito comarcal que contaría con servizos administrativos, puntos de información e atención, servizo de recadación executiva; creando en torno a 50 postos de traballo, ademais dos que a propia construción do edificio xeraría.

Por esta razón, ademais da iniciativa presentada no Congreso dos Deputados, dende o BNG presentamos unha Proposición non de lei no Parlamento Galego pola que se insta á Xunta de Galiza a demandar do Goberno do Estado que se inicien os trámites precisos para construír unha sede da Seguridade Social no concello de Ribeira, garantindo que este novo equipamento non supoña o desmantelamento dos servizos existentes na actualidade na comarca.

Resposta á iniciativa do BNG:
2009-09-09resposta_tesoreria_ss_ribeira.pdf

Iniciativa do BNG no Parlamento Galego:
2009-07-08sede_seguridade_social_ribeira.pdf