O BNG solicita no congreso dos deputados a comparecencia de Chacón para que informe do secuestro no Índico do atuneiro “Alakrana” con tripulación galega, entre eles, José Manuel Crujeiras, de Ribeira e Antonio Manuel Pérez, de Boiro
Bieito Lobeira tamén lle reclama ao Goberno Galego, mediante unha iniciativa Parlamentar, que se interese polo apreixamento do atuneiro e polas medidas que defenderá para protexer a seguranza dos buques e tripulantes galegos na zona.
A deputada do BNG pón de manifesto a necesidade de que os paises da UE actúen coordenadamente e a necesidade de atender as demandas dos armadores de que haxa efectivos nos barcos
Madrid, 2 Outubro 09. A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou este mediodía a solicitude de comparecencia da Ministra de Defensa, Carme Chacón, para que acuda á Cámara Baixa a informar sobre o secuestro en augas do océano Índico do barco atuneiro vasco “Alakrana”.
Este barco ten a súa base en Bermeo e conta con tripulación formada por galegos, entre eles o patrón do barco, vascos e doutras nacionalidades. Según as informacións de última hora, o pesqueiro foi secuestrado e puido alertar a outro barco da súa mesma compañía. As novas indican que o “Alakrana” foi atacado por piratas somalíes cando faenaba a 365 millas da costa do pais africano. Polo de agora, parece que a fragata “Canarias” que forma parte da operación “Atalanta” foi avisada.
Hai que adoptar máis medidas dada a vulnerabilidade dos pesqueiros
Olaia Fernández Davila pón de manifesto que este tipo de feitos demostran “a vulnerabilidade dos barcos pesqueiros do Estado español fronte ao ataque de piratas na zona do Índico. E desde logo, non se pode dicer que se trata de falsas alarmas porque a realidade indica que non é así”.
A deputada do BNG considera que “dado que as medidas adoptadas pola UE se constatan como insuficientes, é preciso que o Goberno reclame á UE unha actuación coordenada fronte á piratería en augas do Índico, sobre todo, co obxectivo de evitar desigualdades na protección das embarcacións dos países da UE que faenan na zona”.
De aí que decidira solicitar a comparecencia da Ministra para que explique, despois deste novo secuestro, que medidas vai adoptar o Goberno e que medidas vai despregar no ámbito da UE.
Respeito á demanda dos armadores de que haxa efectivos de infantería nos barcos pesqueiros, a deputada do BNG afirmou que o Goberno ten posibilidades dentro dese eido como por exemplo a Garda Civil do Mar.
Iniciativa Parlamento Galego:
2009-10-02-apreixamento-atuneiro-alakrana-no-indico.pdf
Iniciativa Congreso Deputados:
2009-10-02-defensa-atuneiro-alakrana.pdf