A Corporación Municipal respaldou, no Pleno do pasado lúns, a moción presentada polo BNG para instar á Xunta de Galiza a mellorar a planificación e xestión do Parque Natural e Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, facendo efectivos o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) e o Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX) e que para a súa elaboración se teñan en conta a todos os sectores sociais directamente afectados
A Lei 9/2001 destaca a necesidade de promover e contribuír a unha mellor conservación dos humidais galegos atendendo á súa especial fraxilidade e valor dende o punto de vista medioambiental. Os instrumentos específicos de ordenación medioambiental configúranse como: Plans de Ordenación dos Recursos Naturais; obrigatorios e executivos, Plans Rectores de Uso e Xestión e Normas de protección.
Estes instrumentos primeiro avaliarían o grado de conservación e a partires de aí establecen regulacións xerais e específicas con respecto aos usos e as actividades que nestes espazos se poidan levar a cabo.
Asemade esta mesma lei establece que a declaración dun Parque esixirá previa elaboración e aprobación do correspondente Plan de Ordenación dos Recursos Naturais; aínda que excepcionalmente poderán declararse sen a previa elaboración do Plan cando existan razóns que o xustifiquen e que se farán constar na norma que se declare. Neste caso deberase tramitar no prazo dun ano a partires da súa declaración.
Pero aínda máis; nesa propia lei tamén se fala dunha protección preventiva que a propia Consellaría competente poderá ditar; pero estas medidas cautelares terán unha vixencia máxima de tres anos; polo tanto preguntámonos: que pasa neste Parque de Corrubedo? Logo de 17 anos da súa declaración aínda non conta con ningunha norma ou instrumento para a súa xestión e conservación. Estamos ante un vacío legal sen precedentes! Pois si, trátase diso mesmo: “eu fago, ti non”, “ese pode, aquel non…”
Ningún dos principios inspiradores da lei se cumpren no caso deste Parque Natural:
- O fomento da participación pública a través da colaboración dos sectores implicados.
- A prevención e planificación para impedir o deterioro ambiental.
- A internalización dos custos medioambientais (“quen contamina paga”).
- Desenvolvemento sostible, favorecendo os usos e aproveitamentos respectuosos co medio, tratando de que os beneficios xerados polo usos dos recursos en favor dos axentes implicados.
Agardamos que o respaldo acadado sexa o paso definitivo para que se cumpran estes principios no Parque Natural.





