BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Setembro 26th, 2009:

Reclamamos que se garanta a gratuidade dos libros de texto

No Pleno do vindeiro luns debaterase unha moción pola que dende o BNG lle solicitamos á Corporación Municipal que inste á Xunta de Galiza a garantir a gratuidade dos libros de texto e do material curricular no vindeiro curso académico

As nais e os pais do alumnado levan décadas loitando por unha mesma causa: que os libros de texto escolares sexan gratuítos para as familias con fillos e fillas matriculados en colexios públicos e concertados. Se como di a Constitución española no seu artigo 27.4 o “ensino básico é obrigatorio e gratuíto”, os manuais de texto que o alumnado necesita para seguir o curso tamén deberían selo. Tal e como está configurado o sistema educativo, o libro é aínda un elemento imprescindíbel que as familias están obrigadas a adquirir cada comezo de curso. En realidade, ao esixir este esforzo económico non se cumpre co precepto constitucional, nin se garante a igualdade de oportunidades de todos e todas á educación.

Por Orde de 6 de xuño de 2003 (Diario Oficial de Galiza do 12 de xuño), convocouse o programa de gratuidade de libros de texto nos centros de ensino sostidos con fondos públicos para os niveis obrigatorios e gratuítos, e estabelecéronse as súas normas de organización e funcionamento como un servizo fundamental á sociedade por parte dos poderes públicos, como servizo de préstamos que favorece a igualdade de oportunidades entre o alumnado e inculca valores de solidariedade, conservación do material para a súa reutilización por outras persoas e coidado do ben colectivo.

No curso 2009-2010 dase un paso atrás, cunha obsesión da actual Consellaría de Educación de desmantelar os logros conseguidos en etapas anteriores argumentando que non adoptara aínda medidas concretas sobre o programa impulsado polo goberno anterior con presenza do BNG.

Rexeitamos que unha das primeiras medidas que pon en marcha o goberno do PP sexa a de apoiar os recortes sociais. Desde o BNG, queremos lembrar, que a día de hoxe hai en Galiza 82.000 familias agardando que a Consellaría de Educación defina a súa política en materia educativa, porque aínda non saben que vai pasar cos libros de texto no vindeiro curso académico e qué vai pasar co programa de gratuidade dos libros de texto.

Consideramos inaceptábel a supresión da gratuidade universal dos libros de texto, anunciada polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, na sesión do Consello Escolar de Galiza do 18 de xuño, admitidas tamén polo presidente da Xunta de Galiza. Esta proposta de recorte, xunto con outras que a Consellaría de Educación está levando adiante nestes primeiros meses do seu mandato, supón unha medida regresiva que atenta ao carácter público e gratuíto do ensino, e evidencia unha vez máis a política neglixente que este goberno está a levar a cabo.

Esta medida non pode ser a resposta do Goberno aos problemas económicos na actual situación, tal e como argumentou o conselleiro. De feito, nun contexto económico precario, o Goberno debe manter a gratuidade dos libros de texto para favorecer a economía das familias, e non usar a crise como pretexto para artellar discrecionalmente calquera tipo de política, mesmo aquelas que supoñen un ataque frontal ás garantías fundamentais polas que o Goberno debe velar. Esta política supón un paso atrás no plano educativo e social.

A tres meses da toma de posesión non sabe qué política educativa vai empregar, finalizando o curso cun total desconcerto e desconfianza por parte das familias.

É curiosa a maneira de entender a responsabilidade deste novo goberno que, por unha banda, realiza unha absurda enquisa ás nais e aos pais sobre a língua na que queren os contidos dos libros de texto e, pola outra, toma despoticamente a decisión de eliminar a gratuidade dos mesmos.

Finalmente, debemos recordar que o sistema creado polo anterior goberno da Xunta de Galiza introducía a solidariedade de compartir os libros, e que existen 82.000 familias agardando unha decisión.

Iniciativa Municipal:
2009-07-17-gratuidade-libros-de-texto.pdf

Solicitamos diante do Pleno de Ribeira o traslado dos depósitos de Ferrazo

No Pleno do vindeiro luns debaterase unha iniciativa pola que dende o BNG, lle solicitamos ao Goberno do PP de Ribeira que se dirixa ao Goberno Galego para que, unha vez emitida Sentencia pola Sala do Contencioso do Tribunal Supremo, que ratifica a ditada previamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, pola que declara ilegais os depósitos de hidrocarburos do porto do Ferrazo, poña en marcha as actuacións necesarias conducentes, no ámbito das súas competencias, ao traslado destes depósitos

Tamén lle reclamamos que se dirixa ao Goberno español a fin de que este adopte as medidas precisas para trasladar fóra da ría de Arousa os depósitos de almacenamento de produtos químicos e petrolíferos actualmente ubicados no peirao do Ferrazo, no porto de Vilagarcía de Arousa, así como a eliminación do transporte marítimo de hidrocarburos na ría de Arousa

A Sala do Contencioso do Tribunal Supremo ven de emitir sentencia firme pola que declara ilegais os depósitos de hidrocarburos do porto do Ferrazo (Vilagarcía de Arousa) por teren sido tramitados sen a preceptiva declaración de impacto ambiental, anulando deste xeito as resolucións da Consellaría de Industria do Goberno do PP (ano 2000, sendo Manuel Fraga Presidente da Xunta) que autorizaban a instalación destes depósitos.

A maiores, esta sentencia ao tempo que ratifica a ditada previamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, indica que a presenza destes depósitos na súa ubicación actual podería provocar contaminación das augas da ría de Arousa e da atmosfera, así como a degradación da riqueza mariña.

Esta decisión xudicial dálle a razón a un amplo movemento social, nucleado en torno á Plataforma para a Defensa da Ría de Arousa (conformada por confrarías, agrupacións mexilloeiras e outras entidades da ría), que manifestaron o seu rexeitamento desde o primeiro momento á instalación destes depósitos.

Efectivamente, xa no período 1997-98, instalábase no porto de Vilagarcía de Arousa (no peirao do Ferrazo) uns depósitos de hidrocarburos que xeran un tránsito de mercadorías perigosas no interior da ría de Arousa (lembremos: a máis rica e produtiva do noso país) que resulta absolutamente inaceptable. Conta Galiza con demasiados episodios de contaminación mariña, mareas negras, ou sinistros marítimos de todo tipo, para localizar agora no corazón da ría máis produtiva de toda Europa unha instalación altamente perigosa que representa unha ameaza para milleiros de postos de traballo. Neste contexto, é evidente que a ubicación destes depósitos no seu emprazamento actual na ría de Arousa representa un risco inasumíbel.

A ría de Arousa é un complexo natural inmensamente produtivo que permitiu o desenvolvemento dunha actividade económica moi importante nos complexos mar-industria e turístico, que se traduce en 26.000 postos de traballos directos que supoñen máis da metade de todo o emprego da beiramar da ría. A defensa desta riqueza debe ser prioridade.

Iniciativa Municipal:
2009-07-17traslado-depositos-ferrazo.pdf

Máis información:
Solicitamos no Parlamento Galego o traslado dos depósitos de Ferrazo