BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Agosto, 2009:

Demandamos a eliminación de barreiras arquitectónicas

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que lle solicita ao goberno do concello de Ribeira que faga unha intervención eliminando as barreiras arquitectónicas da Avenida da Coruña, actuando de xeito urxente naquelas que “obrigan” a meterse ao vial por onde circulan os vehículos

A Avenida da Coruña é unha das principales vías de acceso ao casco urbano de Ribeira. Asemade, as súas beirarrúas dan servizo a unha multitude de veciños e veciñas que viven nesta extensa avenida. Esta tamén é unha das vías que une o centro urbano coa praia de Coroso. É, polo tanto, unha avenida moi transitada á cal, o noso concello debería prestar especial atención.

Lamentable é que esta avenida, que podería ser un dos escaparates que pode ter o noso concello, teña unha serie de barreiras arquitectónicas que imposibilitan a axeitada circulación de peóns polas beirarrúas. Moitas veces estes vense obrigados a deixar a beirarrúa para ter que ir pola estrada por onde circulan os vehículos, máxime se estes peóns teñen mobilidade reducida e van en cadeira de rodas ou se simplemente pasan cun carriño dun bebé. Isto supón un serio risco para a seguridade vial.

Estas barreiras serían facilmente eliminables polo concello: nun caso eliminando a xardineira e trasladando a árbore uns metros e noutro eliminando o formigón sobrante na base da marquesiña.

Iniciativa Municipal:
2009-07-15-eliminacion-barreiras-arquitectonicas.pdf

Reclamámos o arranxo da rúa Alexandre Bóveda

Estado actual da rúa Alexande Bóveda

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que lle solicita ao goberno municipal que realice unha intervención integral na rúa Alexandre Bóveda. Tamén reclamábamos que se colocara a placa identificativa da nomeada rúa, petición que xa foi atendida fai uns días. Agardamos a mesma dilixencia para solveltar o resto de deficiencias desta rúa

A rúa Alexandre Bóveda, é unha pequena rúa situada en pleno casco urbano que comunica a rúa Xeral Franco coa rúa Canarias. Sen dúbida podería ser unha das rúas do casco urbano que conserven o encanto da Ribeira tradicional.

O estado actual desta rúa deixa moito que desexar xa que, entre outras cuestións, o pavimento está deteriorado.

Asemade o a rúa que leva o nome dunha persoa tan senlleira como foi Alexandre Bóveda merecía ter colocada a placa co nome da rúa. Cuestión esta necesaria para a localizar esta rúa por parte da cidadanía e do servizos de Correos. Despois da nosa solicitude, na que tamén reclamábamos que se dotara a esta rúa da correspondente placa identificativa, a placa xa foi colocada fai uns días.

Iniciativa Municipal:
2009-07-15-arranxo-rua-alexandre-boveda.pdf

Día da Galiza Mártir: Homenaxe a Alexandre Bóveda

Galiza Mártir

A asociación cultural Altofalante, conmemora por vez primeira en Ribeira o Día da Galiza Mártir

A actividade desenvolverase o vindeiro domingo día 16 ás 20:30 na Rúa Alexandre Bóveda de Ribeira e convídase a participar a todas as persoas que así o desexen

Por iniciativa dos galegos no exilio e na emigración, o día 17 de agosto foi proclamado Día da Galiza Mártir en nome de Alexandre Bóveda e de todos os e as demócratas e nacionalistas Desaparecidos a consecuencia do alzamento fascista de 1936. Sendo as primeiras referencias do ano 1942, no xornal A Nosa Terra.

O Acto consistirá en:

  • Intervención e lectura de textos por parte de varias socias e socios.

  • Ofrenda floral na honra da Galiza Mártir.

  • Interpretación por gaiteiros de diversas pezas na súa memoria.

  • Reclamamos que se mellore a xestión do Parque Natural

    O BNG presentou unha moción para que o Pleno inste á Xunta de Galiza a mellorar a planificación e xestión do Parque Natural e Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, facendo efectivos o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) e o Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX) e que para a súa elaboración se teñan en conta a todos os sectores sociais directamente afectados

    O Parque Natural de Corrubedo atópase dentro da Rede Galega dos Espazos Protexidos. Conta con figuras de protección como as de Parque Natural, Humedal Protexido, Zona de Especial Protección para as aves (ZEPA) e Lugar de Importancia comunitaria (LIC). Pero a protección desta zona vai moito máis aló, e con respecto ás áreas protexidas de ámbito internacional atópase dentro dos humedais de importancia internacional como hábitat de aves acuáticas. Así se recolle no convenio RAMSAR (1971), un tratado intergobernamental que proporciona o marco para a acción nacional e a cooperación internacional en favor da conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos.

    Dende o 5 de Xuño de 1992, en que foi declarado Parque Natural este espazo, a situación mudou para precario; nestes 17 últimos anos e ata o de agora, as políticas de xestión que se levaron a cabo dende as distintas administracións públicas foron escasas ou máis ben nulas, así é que a día de hoxe, este espazo non conta con Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) nin co Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX), aos que a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza obriga.

    Esta Lei, cando fala dos deberes da Conservación no seu punto segundo di claramente que “Tódalas Administracións, no ámbito das súas competencias, asegurarán o mantemento, a protección, a preservación e maila restauración dos recursos naturais, con independencia da súa titularidade ou réxime xurídico, garantindo que a xestión daqueles se produza sen mingua da súa potencialidade e compatibilidade cos fins da súa conservación”.

    E evidente que se non se conta con estes instrumentos de planificación e xestión, calquera iniciativa que se queira por en marcha ou calquera actuación que se pretenda levar a cabo van estar abocadas á paralización ou fracaso.

    Iniciativa Municipal:
    2009-06-18_parque_natural.pdf