BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xullo, 2009:

Educación para a cidadanía para os concelleiros/as do Goberno de Ribeira

Por desgraza non é nada novo que nas sesións plenarias os concelleiros e concelleiras do Partido Popular de Ribeira chamen “mentireiro” ou “maleducado” aos representantes do BNG. Tampouco son novas as constantes alusións en Pleno a vida laboral ou de índole social que teñen os gobernantes populares contra os/as concelleiros do Bloque.

Máis cando estes descalificativos e alusións se din sen vir a conto, e cando quen ten que moderar as sesións, o alcalde, non fai nada para paralos ou incluso é o propio alcalde quen os di, a cuestión convértese nun problema de civismo democrático. Señorías, non perdan as formas.

Outra vez no salón de Plenos tivemos que oír da boca dunha concelleira que ten a responsabilidade de gobernar o noso concello: “Peor imaxe dan para as praias de bandeira azul o estado no que quedan estas praias despois de certas festas”.

Dende logo un queda sorprendido que unha representante do goberno local diga isto da única Festa de Interese Turístico Galego que ten este concello, que move miles de persoas, que implica á cidadanía e fan que Ribeira sexa un lugar distinto.

Vala a comparación co que pasa na praia de Rioazor da cidade d’A Coruña nas Festas de San Xoán, praia urbana e con bandeira azul, na que despois das fogueiras a praia queda nun estado lamentable. Dicir que alí, rematada a festa, os servizos municipais deixan a praia impecable en poucas horas e por suposto ningún concelleiro/a d’A Coruña critica a festa de San Xoán na praia, nin se lle ocurre porque forma parte da súa identidade como cidade. O concello limítase a facilitar e a velar polo axeitado desenvolvemento da festa. Ah, e por certo este concello recoñeceu o valor desta a súa festa, declarándoa festivo local.

O BNG por suposto que condena os actos vandálicos que se producen nesta e noutras festas, pero tamén pide que se poñan a disposición os recursos materiais e humanos, que os hai, do concello para evitar estas situacións. Dende logo o BNG defende e defenderá sempre a Festa da Dorna xa que forma parte da emoción intensa que significa “ser de Ribeira”.

Señorías, a Festa da Dorna terá o recoñecemento e apoio que merece.

Luís Teira Parada
Concelleiro do BNG de Ribeira

Interesámonos pola situación das praias de bandeira azul

O BNG de Ribeira ven de presentar unha iniciativa solicitando información relativa á retirada de 4 das 6 bandeiras azuis outorgadas ás praias de Ribeira por falta de socorristas

Tamén reclama que se depuren responsabilidades ante un feito que vai en detrimento da seguridade das nosas praias e da imaxe do noso concello

O BNG leva interesándose, a través de iniciativas ao Pleno do Concello de Ribeira, sobre a mellora das condicións dos recursos naturais e paisaxísticos do noso concello e, máis concretamente, pola mellora de servizos nas praias do noso concello que serven como espazo de lecer e esparcemento para a nosa cidadanía, así como de reclamo turístico.

Durante anos varias das nosas praias tiveron o distintivo da Bandeira Azul como recoñecemento á dotación de servizos (limpeza, baños, duchas, servizo de socorrismo, entre outros) outorgadas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor. Este mesmo ano foron 6 as praias que inicialmente obtiveron tal recoñecemento.

En diversos medios de comunicación de onte, 9 de xuño de 2009, afírmase que a entidade que outorga as Bandeiras Azuis, obrigou ao concello á retirada de 4 destas 6 bandeiras (concretamente n’A Corna, Río Azor, Touro e A Ameixida) debido a que non se contaba cos servizos de perceptivos de salvamento. Situación esta que nos parace especialmente grave xa que os usuarios e usuarias das praias que van a unha praia con este distintivo pensan que hai persoal que vela pola súa seguridade.

Iniciativa Municipal:
2009-07-09-situacion-praias-bandeira-azul.pdf

O Vicepresidente da Deputación visita as confrarías de Ribeira

Pablo Villamar e Dominga Brión co Patrón Maior de Ribeira e a Vicepatrona

Pablo Villamar, Vicepresidente da Deputación, Rosana Pérez, deputada da Barbanza, e Dominga Brión, visitaron as confrarías de Ribeira

Os encontros celebráronse nas distintas confrarías de Palmeira, Ribeira e Aguiño o pasado xoves, día 2 de xullo e nelas participaron Patróns Maiores, Vicepatróns/as, e membros dos cabildos.

Nas xuntanzas, os representantes nacionalistas, escoitaron as demandas do sector para tratar de adecuar as ordes de axudas as necesidades das confrarías. O Vicepresidente manifestou a súa intención de atender as súas solicitudes, dentro das posibilidades económicas desta administración.