BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xuño, 2009:

Novo Consello Comarcal do BNG da Barbanza

Dores Torrado Ares, voceira do Grupo Municipal do BNG e Tenente de Alcalde de Boiro, nova Responsábel Comarcal do BNG da Barbanza

Xosé Luís Groveiro González, concelleiro en Ribeira, Vicerresponsábel Comarcal

A Asemblea Comarcal do BNG da Barbanza, reunida onte en Rianxo escolleu ao novo Consello Comarcal. Dores Torrado Ares foi elixida nova Responsábel Comarcal na asemblea con máis participación da historia do BNG da Barbanza. Máis dun cento de militantes achegáronse até a terra de Castelao para elixir á nova directiva comarcal, da que Xosé Luís Groveiro González será o Vicerresponsábel. A Asemblea desenrolouse nun clima de normalidade. Felicidades a toda a militancia.

Membros do Consello Comarcal:

1-Dores Torrado Ares (Responsable Comarcal)
2-Xosé Luis Groveiro González (Vicerresponsable Comarcal)
3-Adolfo Muinhos Sánchez
4-Xosé Lois Piñeiro García
5-Xosé Deira Triñanes
6-Mª Dominga Brión Sanmiguel
7-Ana Álvarez Becerra
8-Alberto Piñeiro Bermúdez
9-Ramiro Ouviña Ouviña
10-Daniel Hermo Sánches
11-Rosana Pérez Fernández
12-Luís Teira Parada
13-Tobías Betanzos Rego
14-Silvia Varela Rodríguez
15-Xosé Manuel Casal Sabín
16-María Teresa Sobradelo Iglesias
17-Severino Romero Davila

Reclamamos melloras no CEIP Aguiño

O BNG de Ribeira presentaou unha iniciativa municipal pola que lle solicita ao goberno do PP de Ribeira que realice as melloras oportunas no pavillón polideportivo de Aguiño de forma inmediata para que se poidan desenvolver con normalidade as actividades que a ANPA está organizando para o verán. Reclama que, mentres non se fai a obra, se dote ás instalacións de sanitarios portátiles

Tamén demanda que se incremente o persoal de limpeza no CEIP Aguiño e que se realice o servizo de limpeza no pavillón durante este verán

No CEIP Aguiño existen unha serie de carencias importantes no relativo a obras de reparación e mantemento tanto no edificio do centro educativo como no pavillón polideportivo (este último utilizado tanto polo alumnado do centro como polo club de fútbol da parroquia).

A ANPA do centro ven de ofertar para a tempada de verán unha serie de actividades tanto para nenos e nenas (xogos deportivos, tenis, voleibol, baloncesto, patinaxe, etc.) como para adultos/as (multideporte, ximnasia de mantemento-aerobic, curso de masaxe, tenis, etc.). Para realizar estas actividades é necesario o pavillón polideportivo.

Este edificio presenta deficiencias como focos fundidos, goteiras e importantes carencias: non conta con vestiarios nin aseos ou duchas; só hai un enchufe e as portas ábrense con moita facilidade (polo que é utilizado nos fins de semana pola mocidade que accede para facer “botellón”).

Outro dos importantes problemas que suscitan a queixa e a demanda da comunidade educativa é o da limpeza: neste centro encárgase da limpeza unha soa persoa (que nestes intres está de baixa e é substituída por outras dúas contratadas só a media xornada) polo que este servizo é totalmente insuficiente. Sería necesario completalo, como mínimo, pola realización de limpezas a fondo en Nadal e verán.

Ribeira non solicitou subvencións para apertura de centros escolares

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que solicita que se informe por escrito de cales foron as causas polas que o Goberno do PP de Ribeira non solicitou as subvencións para apertura de centros escolares fóra do horario lectivo

O pasado 12 de febreiro publicouse no DOG a Orde de 5 de febreiro pola que se convocaban subvencións para o programa de apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo dos concellos de Galicia.

Este programa ten catro modalidades:
A) apoio a actividades saudables e de habilidades persoais;
B) apoio á mellora do éxito escolar;
C) prevención e intervención ante o absentismo e o abandono temperán dos estudos;
D) actividades de conciliación da vida familiar en períodos non lectivos.

Dentro de cada unha destas modalidades pódense realizar múltiples actividades e/ou obradoiros como por exemplo: lúdico-deportivas, artísticas (danza, teatro, pintura, manualidades, etc), reforzos educativos de calquera materia, obradoiros de animación á lectura, de comunicación en linguas estranxeiras (inglés, francés, etc.); de técnicas de estudio, etc.

Estas actividades están dirixidas a alumnado de infantil, primaria e secundaria pero tamén á mocidade ata 24 anos. Pódense realizar durante todo o curso escolar, fóra de horario lectivo, ou en períodos de vacacións, como no verán.

Na Resolución provisional de 26 de maio comprobamos como tódolos concellos limítrofes a noso solicitaron estas subvención (Boiro, Pobra, Rianxo, Porto do Son) pero o concello de Ribeira NON solicitou subvención ningunha.

Reiteramos que se acondicione a Rúa da Amarella

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que demanda que, por parte do Goberno Municipal, se proceda a dotar da pavimentación adecuada á Rúa da Amarella e arredores

Tanto a veciñanza coma o BNG ten denunciado en reiteradas ocasións o precario estado en que se atopa a pavimentación da Rúa da Amarella. O alcalde comprometeuse a arranxar esta rúa en pleno, en resposta á iniciativa presentada alí polo BNG.

Pasado un tempo máis que prudencial, non só non se procedeu ao arranxo desta rúa, senón que o seu grao de deterioro vai en aumento, sendo xa practicamente imposíbel sortear as fochancas que hai na mesma.

Veciños e veciñas do entorno ven con estupor como se están efectuando obras de acondicionamento en rúas que teñen unha pavimentación en moito mellor estado de conservación que o da Rúa da Amarella, polo que se consideran agraviados.

Iniciativa Municipal:
2009-06-15-rua-da-amarella.pdf

Reclamamos que se recuperen as lousas da Praza da Igrexa

Praza de Otero Goiáns

O BNG ven de presentar unha iniciativa pola que lle solicita ao Goberno Municipal que se restauren as lousas de perpiaño orixinais da Praza de Otero Goiáns (Praza da Igrexa) e, unha vez sometidas ao tratamento necesario para devolverlle o aspecto orixinal, volvan a formar parte da paisaxe urbana desta praza

As obras que se están efectuando diante da igrexa parroquial de Ribeira deixaron ao descuberto as lousas de perpiaño orixinais desa praza, aparentemente en moi bo estado de conservación.

Esas lousas, de grandes dimensións, teñen un incuestionábel valor histórico. De feito, hai algo máis de 20 anos, a remodelación desa praza suscitou moita controversia e mesmo unha serie de protestas de grupos veciñais que se opoñían ao cambio da pedra orixinal pola que finalmente se colocou na praza.

Dende o BNG, facéndonos eco da voz da cidadanía, consideramos que a realización desta obra debería traer consigo a oportunidade de saldar débedas co patrimonio histórico de Ribeira, tantas veces degradado.

Iniciativa Municipal:
2009-06-15-praza-da-igrexa.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG pide que se recupere o antigo empedrado da praza da igrexa

Nova na Voz:
O BNG aposta por recuperar as antigas laxas de pedra na praza Otero Goyanes

Demandámolle á Xunta melloras no porto de Aguiño

O BNG ven de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego pola que lle demanda a Portos de Galiza que acometa as melloras necesarias que precisa o porto de Aguiño

En concreto, a deputada Ana Pontón pregúntalle á Xunta polas necesidades detectadas polo ente público Portos de Galiza e a Consellaría do Mar no porto de Aguiño.

A este respeito, a parlamentaria do BNG insterésase polas previsións de actuación neste porto para mellorar a súa dotación de servizos e infraestruturas.

Por último, a deputada do BNG solicita información sobre os prazos que prevé a Xunta de Galiza para que as necesarias obras de mellora estean rematadas.

Iniciativa Parlamentar:
2009-06-16-melloras-porto-de-aguino.pdf

O BNG volve ao Parlamento Europeo

Nunha loita absolutamente desigual, o BNG presentouse a estas eleccións Europeas co obxectivo de ter presenza no Parlamento Europeo, do que estivo ausente na última lexislatura. A pesar de todas as dificultades coas que nos atopamos, un milleiro de persoas en Ribeira déronnos o seu apoio situándonos por enriba da media provincial e galega obtida polo BNG. A todas elas lle queremos agradecer, unha vez máis, a confianza que depositaron en nós. O seu respaldo é decisivo para que, xunto con máis dun cento de milleiros de galegos e galegas, as demandas de todas e todos nós se escoiten no Parlamento Europeo.

A todos os compañeiros e compañeiras que durante estes días de campaña traballaron arreo colocando bandeirolas, pasando megafonías, participando en mitins, repartindo información a pé de rúa, ou mesmo, casa por casa, mil grazas. Todo ese esforzo valeu a pena. Agora compre empregarse a fondo nos dous anos que quedan para conseguir que ese 57% de homes e mulleres de Ribeira que non foron a votar nos dean o seu apoio, e poidamos gañar así as Municipais do 2011.

Resultados das Europeas 2009:
europeas-2009.pdf

Encontro co sector pesqueiro de Ribeira

Encontro do BNG co sector pesqueiro de Ribeira

O BNG reuniuse en Ribeira co sector pesqueiro para darlle traslado do programa co que se presenta ás eleccións Europeas, escoitar as súas demandas e reiterar o compromiso do nacionalismo galego co sector

O portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, e a voceira municipal, Dominga Brión, reuníronse na tarde de onte con representantes do sector pesqueiro de Ribeira para reiterarlle o compromiso do BNG con este sector estratéxico para a economía de Ribeira e do país. Na reunión tamén participaron o responsábel local do BNG, Xosé Alberte Lorenzo, e os concelleiros, Xosé Luís Groveiro e Francisco Ayaso, así como outros membros da organización.

Por parte do sector, asistiron á xuntanza representantes da práctica totalidade das asociacións do mar de Ribeira, entre os que estaban os patróns maiores das confraría de Ribeira, Aguiño e Palmeira, os presidentes da Asociación do Arrastre e de Armadores de Ribeira e a xerente da Cooperativa do Mar.

Nos transcurso da reunión, que se prolongou por máis de hora e media, deuse conta do programa con que o BNG se presenta ás eleccións Europeas, especialmente no relativo á pesca, recalcando a importancia de que Galiza estea presente no Parlamento Europeo con voz, con voto e mesmo con veto, algo que só será posíbel se está alí o BNG.

Por parte do sector, puxéronse enriba da mesa as problemáticas ás que se enfrontan no día a día. Fixeron fincapé na necesidade de facer un maior control das importacións de peixes e mariscos e mellorar as canles de comercialización dos produtos de primeira calidade cos que contamos, así como, de atallar o furtivismo. O saneamento integral da ría, o incremento da potencia dos motores, ou a adopción de medidas para efectivizar á subvención da gasolina foron, entre outras, ás problemáticas tratadas.

Pola nosa parte, reiteramos o compromiso do BNG co sector e comprometémonos a seguir dándolle traslado das súas problemáticas ás institucións nas que temos representación, agardando presentar moitas delas directamente no Parlamento Europeo a partires do 7 de xuño.

Reclamamos a retirada dunha gaiola da Ría da Arousa

O BNG reclama no Parlamento Galego a retirada dunha gaiola de produción de salmón que aínda segue fondeada na ría de Arousa con aproximadamente 50.000 exemplares desta especie

Dende o primeiro momento no que se especulou coa posibilidade de instalar estas gaiolas no polígono de Ribeira C, a carón da Illa de Rúa, o BNG realizou os esforzos institucionais e parlamentares conducentes á retirada destas instalacións.

Tamén a práctica totalidade dos sectores produtivos da ría (pesqueiro de baixura, marisqueiro e e produción mexilloeira) manteñen unha forte oposición a este proxecto, fundamentada no impacto que previsibelmente provocaría nestas actividades como consecuencia das verteduras (alimentación, antibióticos, etc.) que necesariamente conleva.

O sentido común obriga a extremar todas as medidas de cautela precisas na defensa dun ecosistema mariño privilexiado (aínda que historicamente agredido) como é o de ría de Arousa, fonte de alimentación e riqueza para unha parte moi importante da poboación deste espazo litoral. En definitiva, partindo do convencemento de que non todas as actividades son aptas en calquera lugar, e moito menos nas zonas produtivas.

Iniciativa Parlamentar:
2009-05-25-gaiola-na-ria-da-arousa.pdf

Solicitamos celadores/as para o Hospital da Barbanza

O BNG interésase no Parlamento Galego pola posición da Consellaría de Sanidade ante as demandas dos traballadores e traballadoras do Hospital da Barbanza de crear a categoría laboral de celador/a

O Decreto 91/2007, de 26 de Abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellaría de Sanidade, supuxo a equiparación do persoal das fundacións sanitarias ao persoal estatutario.

Segundo este decreto, establecese que “así mesmo, a homologación deberase producir nas condicións de traballo do réxime estatutario, de forma que os traballadores pasarán a participar dos dereitos e deberes do persoal estatutario en condicións de homoxeneidade para que o dereito de opción de integración sexa real e efectivo no eido estatutario, tendendo a evitar as discriminacións derivadas da existencia de réximes xurídicos distintos, eludindo a concorrencia de privilexios ou prexuízos pola pertenza a un ou outro réxime xurídico”.

Atendendo a este precepto existe unha demanda de traballadores e traballadoras deste hospital para que se cree a categoría profesional de celador, a fin de equiparar o funcionamento e condicións laborais en todos os centros hospitalarios, e sen prexuízo de que isto supoña unha redución do cadro de persoal noutras categorías.

Iniciativa Parlamentar:
2009-05-13-celadores-hospital-barbanza.pdf