BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Maio, 2009:

En defensa da nosa lingua

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que solicita que se manifeste a vontade da Corporación municipal na defensa da nosa lingua e, especificamente, nos acordos unánimes adoptados polo Parlamento Galego para instrumentar as medidas de normalización do galego nos diversos ámbitos sociais

Tamén demanda o apoio do Pleno ao ‘Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego’, instándoo, ademais, a secundar as campañas e iniciativas que se promovan en defensa do idioma galego e, concretamente, a convocada para o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela

Resulta evidente que o proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir na nosa lingua. O respecto á legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e a implementación de cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia semellan non ir na dirección daqueles que aínda poñen proa ao dereito fundamental para que o galego goce no seu territorio do mesmo status legal que o castelán no seu.

Asistimos nos últimos tempos a unha situación esperpéntica, por canto existen sectores –políticos e mediáticos– que pretenden trasladar á opinión pública a idea de que o idioma castelán corre perigo en Galiza por mor da suposta discriminación a que se ven sometidas as persoas que falan nesta lingua.

Mentres tanto, a realidade é claramente á inversa: non só non gozamos dunha realidade que permita a existencia e normalidade dos usos do noso idioma no día a día, senón que ademais resulta evidente un proceso de confusionismo que pretende que as persoas galegofalantes non teñan dereitos lingüísticos, e que os únicos deberes para as administracións públicas queden referenciados ao uso do castelán. Na práctica, estamos na negación da igualdade e convivencia entre as dúas linguas.

De feito, un contundente informe do Consello de Europa elaborado a finais do pasado ano, advertía que no noso País non se están a dar garantías para o uso normal do galego en sectores tan importantes como a educación, a xustiza, os servizos públicos ou os medios de comunicación; incumpríndose de feito os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos. Na mesma liña, un recente informe da Real Academia Galega sinala que en doce anos reduciuse á metade a cantidade de persoas que falan habitualmente en galego.

Acreditamos que compete ao pobo galego, a través das súas institucións representativas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma; esixindo das institucións de autogoberno a defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e a aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos.

Non obstante, estamos a escoitar declaracións de persoas con cargos de alta responsabilidade no novo Goberno Galego que supoñen un ataque contra do galego e mesmo poden supoñer un perigo de confrontación e de fractura social; á marxe de ir contra de acordos unánimes do Parlamento Galego, nomeadamente contra o recollido no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos de uso.

Iniciativa Municipal:
2009-05-13-en-defensa-da-nosa-lingua.pdf

Solicitamos o traslado dos depósitos de Ferrazo

O BNG presenta iniciativas diante do Parlamento Galego e das Corporacións Municipais para solicitarlle ao Goberno Galego que poña en marcha as actuacións necesarias conducentes, no ámbito das súas competencias, ao traslado dos depósitos de hidrocarburos do porto de Ferrazo, unha vez emitida Sentenza pola Sala do Contencioso do Tribunal Supremo, que ratifica a ditada previamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, pola que declara ilegais estes depósitos.

Tamén solicita que se dirixan ao Goberno español a fin de adoptar as medidas precisas para retirar e trasladar fóra da ría de Arousa os depósitos de almacenamento de produtos químicos e petrolíferos actualmente ubicados no peirao do Ferrazo, no porto de Vilagarcía de Arousa; así como a eliminación do transporte marítimo de hidrocarburos na ría de Arousa.

A Sala do Contencioso do Tribunal Supremo ven de emitir sentenza firme pola que declara ilegais os depósitos de hidrocarburos do porto do Ferrazo (Vilagarcía de Arousa) por teren sido tramitados sen a preceptiva declaración de impacto ambiental, anulando deste xeito as resolucións da Consellaría de Industria do Goberno do PP (ano 2000, sendo Manuel Fraga Presidente da Xunta) que autorizaban a instalación destes depósitos.

A maiores, esta sentenza ao tempo que ratifica a ditada previamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, indica que a presenza destes depósitos na súa ubicación actual podería provocar contaminación das augas da ría de Arousa e da atmosfera, así como a degradación da riqueza mariña.

Esta decisión xudicial ven a lle outorgar a razón a un amplo movemento social, nucleado en tomo á Plataforma para a Defensa da Ría de Arousa (conformada por confrarías, agrupacións mexilloeiras e outras entidades da ría), que manifestaron o seu rexeitamento desde o primeiro momento á instalación destes depósitos.

Efectivamente, xa no período 1997-98, instalábase no porto de Vilagarcía de Arousa – no peirao do Ferrazo – uns depósitos de hidrocarburos que xeran un tránsito de mercadorías perigosas no interior da ría de Arousa (lembremos: a máis rica e produtiva da nosa nación) que resulta absolutamente inaceptábel. Conta Galiza con demasiada experiencia vinculada a episodios de contaminación mariña, marés negras, ou sinistros marítimos de todo tipo, para localizar agora no corazón da ría máis produtiva de toda Europa unha instalación altamente perigosa que representa unha ameaza para milleiros de postos de traballo. Neste contexto, é evidente que a ubicación destes depósitos no seu emprazamento actual na ría de Arousa representa un risco inasumíbel.

A ría de Arousa é o complexo natural e produtivo máis rico de toda a nosa nación, con unha privilexiada base natural que permitiu o desenvolvemento dunha actividade económica moi importante nos complexos mar-industria e turístico, que se traduce en 26.000 postos de traballos directos que supoñen máis da metade de todo o emprego da beiramar da ría. A defensa desta riqueza debe ser prioridade.

Iniciativas Parlamentares:
2009-04-24-depositos-ferrazopnl.pdf
2009-04-24-depositos-ferrazopo.pdf

Falta vontade política para facer un novo Mercado

No pasado Pleno Municipal de abril o goberno popular deixou outra vez ao descuberto a pouca vontade política para dotar a Ribeira dun novo Mercado Municipal. Tan só se comprometeu a axilizar a súa construción, pero aínda non dispón do solar onde poder ubicalo, nin se albisca a curto prazo. Trátase, polo tanto, dun novo brindis ao sol, dos moitos aos que nos ten acostumados/as o alcalde de Ribeira.

Pero fagamos un pouco de memoria histórica, porque este non é un tema novo. A Plaza de Ribeira ten unhas instalacións que se atopan unha situación moi precaria dende fai moito tempo. O único responsábel desta situación é o PP, que leva gobernando este concello de xeito ininterrompido dende o ano 87. Daquela xa era tenente de alcalde o actual alcalde, que leva exercendo o seu cargo como tal dende o ano 1991 con maioría absoluta e gobernos da súa mesma cor na Xunta e en Madrid.

Durante todo este tempo presentáronse iniciativas demandando un novo mercado, as que o goberno do PP lle fixo caso omiso. O seu estado é tan lamentábel que na precampaña das Municipais 07 (8 febreiro 2007) Torres Colomer presenta na prensa un proxecto de mercado “virtual”, para ubicalo no Peirao, sen ter feito ningunha xestión diante de Portos de Galiza para conseguir eses terreos.

A vista de que pasada a cita electoral a idea de construír un novo mercado dilúese, os praceiros e praceiras inician unha campaña de recollida de sinaturas esixindo unhas novas instalacións. Máis de 2.200 persoas secundan a súa petición e en febreiro do 2008 as sinaturas son entregadas no rexistro do Concello.

Propostas de ubicación que fai o goberno

No Peirao

A construción do mercado no peirao, fronte ao actual, é a proposta lánzada polo PP para o seu “mercado virtual”, pero isto require a aceptación por parte de Portos e suporía que previamente se executaran unha serie de actuacións que irían dende a construción dunha nova lonxa até a redistribución dos espazos portuarios. Polo tanto, significaría alongar moito no tempo a dotación do novo mercado. Algúns praceiros fan fincapé, ademais, na perigosidade que suporía cruzar a diario unha avda. de 4 carrís, como é o caso da do Malecón.

No Rueiro

Esta proposta conta co apoio dos praceiros e praceiras, pero supón que previamente se constrúa un novo edificio no que se acondicionaría o baixo para mercado. Sen embargo, a situación crítica da construción supón, tamén, moito tempo de espera.

Proposta do BNG: actual ubicación

Dispomos dun amplo espazo público se, ademais do propio solar, contamos co subsolo das áreas de aparcamento que hai arredor até a rotonda das “amas de casa” ou Praza da Concordia.

Se queremos todo o mercado nunha soa planta pódese facer soterrada tipo Gadis (a carón do Concello) ou Carrefur de Area Central de Santiago. Ademais, podería ir acompañado dunha área de aparcamento soterrado, destinando a superficie a zona verde. O resto do edificio, ocupando o mesmo espazo que o actual, quedaría para instalacións municipais.

De preferirse a estrutura actual, podería construírse en 2 plantas especializadas, dotándoo de ascensores e escaleiras mecánicas.

Nesta ubicación poderíase empezar a construción inmediatamente e dotar a Ribeira dunhas instalacións modernas e funcionais, coas que xa contan outros concellos da comarca, e moi pronto tamén Palmeira, grazas a financiación da Consellería de Industria.

Dende o BNG consideramos urxente a construción dun Mercado Municipal para dinamizar a comercialización dos produtos de primeira categoría cos que contamos: peixe e marisco, froitas e verduras, carne… Máis se cabe, nun momento de crise como o actual.

O paso do tempo abocaría ao peche de moitos negocios alí existentes, que xa neste momento están pasando por momentos difíciles, sendo mesmo, en moitos casos, o propio goberno quen contribúe a agravar esta situación, abrindo expedientes aos praceiros/as, esixindo o cumprimento de normativas que o goberno incumpre sistemáticamente.

Solar público

Tal como se pode comprobar no arquivo municipal, o actual Mercado está ubicado nun solar público, cedido polo Estado a un empresario de Ribeira para taller de envases de sardiña a principios do século pasado en réxime de concesión administrativa. A escasez de peixe orixinou que fora arrendado inicialmente por 500 pesetas anuais para Praza de abastos.

Na concesión do solar existía unha cláusula na que se indicaba que o Concello tería dereito a ese solar pagando unicamente o valor dos materiais empregados. Para evitar un expediente de expropiación forzosa, valorouse a construción en 15.000 ptas. no ano 1913, que se lle pagaron en 3 anos (5.000 ptas./ano). Esta era unha cantidade moi importante, se temos en conta que o orzamento anual do Concello ascendía a 21.350 ptas.

Nova no Canal Rías Baixas:
O pleno desbota ubicar o novo mercado no seu emprazamento actual

Reclamamos en Madrid unha solución aos núcleos do litoral

DAVILA RECLAMA A ESPINOSA QUE “SOLUCIONE DEFINITIVAMENTEA SITUACIÓN XURÍDICA DOS NÚCLEOS SITUADOS NO LÍMITE LITORAL E APELA AO DIÁLOGO COS CONCELLOS

A Ministra de Medio Ambiente manifesta a Davila o “seu compromiso para solucionar o problema dos veciños” que viven en poboacións situadas na zona de servidume do litoral pero non explica a fórmula

A Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, manifestou, na súa resposta á deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, que “o Estado se compromete a solucionar o problema dos veciños” que viven en núcleos situados na zona de servidume marcada pola Lei de Costas pero en ningún momento explicou cal ía ser a fórmula.

Davila dirixíase á Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, para preguntarlle que “medidas ían adoptar para solventar a situación de inseguridade xurídica na que se atopan moitos núcleos singulares e históricos situados na costa galega a menos de cen metros desde o límite do litoral”, dado que o Goberno decidiu recurrir a Disposición Segunda da Lei de Vivenda da Xunta que contemplaba unha solución.

A Ministra admite inseguridade xurídica nestes casos

Elena Espinosa admitiu á deputada do BNG que “é certo que existe inseguridade xurídica” pero o circunscribiu “á ampliación das propiedades e vivendas” pero, afirmou, “os terreos afectados pola servidume continúan a ser de propiedade privada, poden facer obras de conservación” pero a limitación “está en non poder amplialas”.

Co recurso á Lei de Vivenda galega négase unha solución ao problema

A deputada do BNG subliñou o desacordo do BNG coa decisión adoptada polo Goberno de recurrir a Lei galega. “Vosté coñece de primeira mán a situación pola que atravesan os veciños destes núcleos históricos e singulares, que levan moitos anos loitando para que se solucione o inxusto estado no que lles deixou a Lei de Costas de 1988”.

Máis información:
2009-04-29resposta-espinosa-a-davila-nucleos-litoral.pdf

O PP, responsábel do deterioro da canceira municipal

O BNG de Ribeira xa ten denunciado o lamentábel estado no que se atopaba a canceira municipal, demandando a súa inmediata posta en funcionamento. Máis de 3 anos despois de ser recepcionada esta obra “a brillante xestión” do goberno popular colócanos diante da “crónica dunha morte anunciada”

En outubro do 2007 o BNG presentou unha iniciativa municipal pola que denunciaba o estado de abandono da canceira municipal e demandaba a súa inmediata posta en funcionamento. A pesar de que votaron a favor do segundo punto da nosa moción: “Que se poña en funcionamento, coa maior brevidade, a canceira municipal de Ribeira”, o tempo volve a demostrarnos que o PP de Ribeira, co seu alcalde á cabeza, incumpre sistematicamente os seu compromisos.

Lonxe de respectar o acordo municipal, máis de 3 anos despois de ser recepcionada a obra non só non se puxo en funcionamento, senón que nin sequera se adoptaron as medidas oportunas para evitar o seu deterioro paulatino: xa naquel momento o estado de abandono no que se atopaba era clamoroso, con rotura de cristais, do portal de entrada e roubos diversos no seu interior. O estado actual non é máis que a “cronica dunha morte anunciada”.

A canceira municipal de Ribeira foi recepcionada con data 31 de marzo de 2006. Nesta obra fíxose un investimento público de máis de 200 mil € (200.126, 11€, máis de 33 millóns das antigas pesetas). Ademais hai que engadirlle 4.286,14 € para acondicionar a pista que da acceso á canceira. En total preto de 205 mil €, dos nosos impostos, tirados, e o servizo sen prestar.

Os animais abandonados, especialmente cans, son unha triste realidade coa que nos atopamos a cotío nas nosas rúas e mesmo praias. É intolerábel, pois, que, a pesar do importante investimento feito na construción desta canceira municipal, a día de hoxe non só non se poida ofertar un servizo social tan importante, senón que a estas alturas precisaríase un importante investimento para poñelo en funcionamento.

Son moitas as preguntas que cabe prantexarse: por qué investiron tantos cartos nunha obra para logo deixar que se deteriore? Se consideraban que a prestación dese servizo é moi cara e, polo tanto, inviábel para as arcas municipais, por qué non investiron eses cartos noutras das moitas carencias coas que conta o noso concello? En todo caso, por qué deixan estas instalacións públicas en total estado de abandono? Que clase de planificación e xestión fai este goberno dos nosos cartos, especialmente nun momento de crise?...

Dende o BNG consideramos que o coidado dos bens públicos é unha obriga incuestionábel e sempre hai que ser moi rigoroso coa xestión dos cartos de todos e todas, máxime nun momento de crise como o actual. É imprescindíbel que toda actuación de goberno responsábel vaia precedida dunha planificación en función das necesidades da cidadanía. Lamentablemente, unha práctica pouco habitual no goberno do PP de Ribeira.

Máis información…

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG demanda a posta en marcha da canceira para frear o seu deterioro

1 de maio en Ribeira

O PP rexeita ampliar a oferta formativa na Escola Náutica

O PP votou en contra dunha moción que pedía melloras para a Escola Náutico Pesqueira só porque viña do BNG

O BNG solicitaba a aprobación en Pleno do acordo de instar á Consellería do Mar a que na Escola Náutico Pesqueira de Ribeira se dea formación, se examine da parte teórica e da práctica (para isto precísanse barcos) para poder quitar as titulacións máis básicas da Navegación de Recreo. Xa que ata o de agora o que se fai na EONP é só examinar da parte teórica da cal o alumnado se ten que formar por libre ou ben pagando academias privadas. Para facer o exame práctico é preciso que o alumno aporte unha embarcación propia ou ben que pague os servizos dun centro privado. Algo que de seguro é totalmente ilóxico, tendo unhas excelentes instalacións no noso concello e uns profesionais docentes de primeiro nivel.

Na iniciativa pesentada, o BNG instaba a que a Consellería de Pesca forme (a través de cursos específicos), examine da parte teórica e práctica (para iso ten que ter unhas embarcacións) e certifique as titulacións (cuestión esta que xa fai), dotándoa dos recursos humanos e materiais precisos.

Tendo en conta que en Ribeira contamos coa citada EONP, temos unha delegación da Consellería do Mar e un pantalán onde están atracadas as embarcacións dos Garda Costas o máis lóxico sería completar esta formación de xeito completo no noso concello.

Sen dúbida, aprobar unha medida como esta suporía que moitas persoas puidesen quitar estes títulos de navegación de lecer que lles permitiría poder ter, ou conservar, unhas embarcacións tradicionais na nosa ría tal e como son as dornas.

Inexplicablemente o PP de Ribeira priva á súa cidadanía de poder ter unha formación complementaria no ámbito náutico.

Máis información…

O PP desenténdese de Trumiáns?

Esa parece ser a intención a xulgar pola resposta dada no Pleno de abril á proposta do BNG de mercar terreos e facer un novo campo en Artes. Como se pode entender senón que desde o grupo de goberno se digan cousas como:

“Farían falta 200 millóns” ou “calquera parroquia estaría encantada de que lle fagan un campo novo” ou “poden xogar na Fieiteira”?

Máis clarificadora aínda é a resposta do Alcalde neste diálogo:

Alcalde: “Como imos facer un campo novo se non hai terreos”?
BNG: “Vostede sabe de sobra que os hai!
Alcalde: “Con la Iglesia hemos topado!

Na resposta dada polo PP nótase claramente a falla de interese polo deporte e a xuventude, pois non hai que esquecer que Trumians é un campo utilizado por moitos mozos de Ribeira e de todo o país.

Si, se aprobou a proposta do BNG de “que o goberno Municipal realice as xestións oportunas para que, mentres non se dispoña dun novo campo de fútbol, se poidan levar a cabo as obras precisas para o mantemento en bo estado das instalacións actuais”. Sendo esta unha necesidade urxente, estaremos atentos para que a cumpran!