BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Abril, 2009:

Estrea lamentábel!

Son contadas as ocasións nas que Torres Colomer, alcalde de Ribeira, durante o seu longo mandato cedeu a presidencia do Pleno a algunha das tenencias de alcaldía. Unha delas aconteceu o pasado luns durante o Pleno ordinario. Por regra xeral, a sesión prolongase dende as 20:00 horas até as 24:00 horas, cun descanso de 30 minutos a iso das 22:00 horas aproximadamente.

No último Pleno, ao levantar a sesión para o descanso, o alcalde informounos que se atopaba indisposto e que logo presidiría a sesión á tenente de alcalde. Pola nosa parte, nada que obxectar, máis ben todo o contrario. Tratábase dun feito histórico. Era a primeira vez que unha muller presidía un pleno ordinario en Ribeira.

Lamentablemente, e moi ao noso pesar, hai que dicir que isto foi o único positivo dunha estrea que a tenente de alcalde se encargou de ensombrecer por méritos propios. O de menos foron os continuos erros, mesmo o absoluto descoñecemento dos temas que se estaban tratando; o máis preocupante foi a súa actitude, prepotente e autoritaria en xeral, e mesmo ameazante con algún concelleiro do BNG. Unha lamentábel actuación, totalmente fora de lugar, e que desluciu por completo a súa estrea como primeira muller en exercer como Presidenta da Corporación Municipal de Ribeira.

Solicitamos a dotación de casas de cultura nas parroquias

O BNG presentou unha moción pola que solicitou diante do Pleno da Corporación que se dote a todas as parroquias de Casa de Cultura

Reclama que se realicen as obras de reparación, acondicionamento e mantemento das Casas de Cultura existentes, que se amplíe o horario de apertura das mesmas e que se leve a cabo un Plan de Dinamización cultural organizando programacións específicas en todas as parroquias

As Casas de Cultura son espazos de convivencia cidadá, centros de dinamización que permiten descentralizar as actividades culturais e acercalas ás diferentes parroquias e ás persoas de tódalas idades. En este sentido son múltiples as actividades que terían que desenvolver para que funcionaran como verdadeiros centros de cultura.

Non todas as parroquias do concello de Ribeira teñen Casa de Cultura nin sequera algún local no que se poida desenvolver as actividades pertinentes.

Asemade naquelas parroquias onde hai Casas de Cultura ou ben están infrautilizadas e deterioradas polo abandono (humidades, portas rotas, sucidade, ...) ou incluso pechadas durante todo o ano servindo só, nalgún caso, como almacén de material do concello.

A todo isto hai que engadir que o goberno municipal non ten elaborado un Plan de Dinamización cultural para estes espazos.

Dende hai tempo as asociacións culturais e veciñais e as ANPAS veñen reclamando a creación destes espazos onde non existen, a apertura das infrautilizadas e a elaboración dunha programación de actividades acorde ás demandas da cidadanía deste concello.

Posicionamento en contra do PP

Sen embargo, a pesar desta clamorosa demanda, o PP votou en contra desta iniciativa por considerar que “xa están niso”, aínda recoñecendo que casas de cultura como a de Castiñeiras “estan pechadas todo o ano”.

Iniciativa Municipal:
2009-04-18casas-cultura.pdf

Reclamamos a constitución do Consello Escolar Municipal

O BNG presentou unha iniciativa pola que reclama diante do Pleno da Corporación Municipal que o Goberno do PP constitúa, á maior brevidade posible, o Consello Escolar Municipal de Ribeira

A Lei de Consello escolares de Galicia promulgouse xa no ano 1986 co obxectivo de desenvolver o dereito constitucional á participación na programación xeral do ensino.

Nesta lei indícase que a participación debe estenderse ao ámbito municipal polo que establece a obrigatoriedade de constituír os consellos escolares municipais. No Decreto 44/1988, de 11 de febreiro concíbense os consellos escolares municipais como pezas básicas e fundamentais para a eficaz instrumentalización da participación da comunidade escolar.

A comunidade educativa do concello de Ribeira (profesorado, alumnado e ANPAs) leva anos demandando a constitución deste consello escolar sen obter resposta algunha por parte deste goberno municipal. Consideramos urxente que se poña en funcionamento no vindeiro curso escolar.

Iniciativa Municipal:
2009-03-21consello-escolar-municipal.pdf

Pleno Municipal de abril

Na sesión plenaria do Concello de Ribeira do vindeiro luns, día 27 de abril, debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e un bo número de solicitudes, as que hai que engadirlle as pendentes de Plenos anteriores que non se trataron por falta de tempo. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Preme enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Novo Mercado Municipal para Ribeira
2.- Construción dun campo de fútbol en Artes
3.- Constitución do Consello Escolar Municipal
4.- Recuperación de fontes e lavadoiros
5.- Incremento da oferta formativa na Escola Náutica de Ribeira
6.- Dotación e acondicionamento de casas de cultura nas parroquias

Demandamos a recuperación de fontes e lavadoiros

O BNG presentou unha moción pola que demanda o respaldo da Corporación Municipal para que o Goberno do PP acometa unha actuación integral que supoña a recuperación e restauración de fontes e lavadoiros na parroquia de Carreira e o saneamento dos regatos ou cursos de auga que están ao seu carón

Tamén solicita a limpeza e mellora dos accesos e a colocación de paneis informativos, indicadores de localización, de potabilidade, etc.

Son moitos os mananciais existentes por todo o Concello, en concreto nesta parroquia de Carreira hai un bo numero de fontes e lavadoiros que antigamente empregaba a veciñanza como lugar comunitario para lavar a roupa e tamén para recoller auga que levaban para as casas. A maior parte deles atópanse en estado de abandono, así podemos falar dos mananciais e lavadoiros de Pedrín, Vilar, Vixán, Carreiriña, Amendo e as fontes de cano de Parte o río, Fontenla, Laxes, Filgueira, etc.

Estes elementos singulares da arquitectura popular atópanse esquecidos polo Goberno Municipal, tanto na súa propia estrutura como no seu entorno e accesos. Cada vez son menos os veciños/as da parroquia e incluso de parroquias limítrofes que van a por auga as fontes. A xente queixase a cotío polo estado no que se atopan estas e os seus accesos. Para os nosos cativos pasa a ser un descoñecido este patrimonio cultural.

Os Concellos están na obriga de conservar todo este patrimonio co que contamos e mantelo nas mellores condicións para o uso e o lecer da nosa cidadanía. Xa foron moitos os concellos que nos últimos anos se aproveitaron das axudas do PEIM de Medio Rural para recuperar este patrimonio.

Iniciativa Municipal:
2009-04-13-recuperacion-fontes-e-lavadoiros-carreira.pdf

Solicitamos máis oferta formativa na Escola Náutica

O BNG presentou unha moción, que se debaterá no vindeiro Pleno Municipal, pola que solicita que o Concello de Ribeira, inste á Consellaría do Mar a que homologue á Escola Náutica Pesqueira para poder impartir cursos e examinar ás persoas interesadas en obter algún título de embarcacións de lecer, dotándoa, se é preciso, do persoal e material axeitados.

No noso concello temos unha Escola Náutico Pesqueira de primeiro nivel dependente da Consellaría do Mar. Grazas a esta instalación fórmanse profesionais do mar do ámbito pesqueiro tanto de máquinas como de ponte.

Asemade, esta escola tamén fai exames para a obtención de diversos títulos de embarcacións de lecer, entre eles están: Patrón/a de Navegación Básica (PNB), Patrón/a de embarcacións de Lecer (PEL), etc. Cuestión esta de moito interese no noso concello xa que son moitas as persoas que gustan de ter unha pequena embarcación (como pode ser unha dorna) para poder gozar do entorno mariño que temos.

Periodicamente a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, no novo organigrama da Xunta, a Consellaría do Mar, convoca estas probas que se desenvolven na escola ribeirense. Estas probas son por libre e non hai un curso específico nesta escola para formar ao alumnado. Aínda así, unha vez que supera este exame teórico deberá facer un exame práctico nun barco coas características axeitadas a cada titulación.

Lamentablemente esta escola non conta con embarcacións axeitadas para que o alumnado poida examinarse da parte práctica desta titulación.

Por iso, dende o BNG demandamos que se inste á Consellería do Mar a que homologue á Escola Náutica Pesqueira para poder impartir cursos e examinar (da parte teórica, seguridade, radiotelecomunicacións e navegación) ás persoas interesadas en obter algún título de embarcacións de lecer (cando menos do PNB e PEL), dotándoa se é preciso de persoal, material e embarcacións axeitadas.

Iniciativa Municipal:
2009-04-17-dotacion-actividades-formativas-e-embarcacions-eonp-de-ribeira.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG pide que se amplíe a oferta formativa da Escola Náutica de Ribeira

Reclamamos a defensa da Lei de Vivenda

O grupo parlamentar do BNG interpelará ao novo Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras para que defenda a Lei de Vivenda, nomeadamente a disposición adicional segunda que o Goberno do Estado acaba de recurrir, e demostre así o seu verdadeiro compromiso na defensa dos intereses de milleiros de galegos que, de novo, fican nunha situación complexa no que atinxe á legalidade dos seus fogares.

A portavoz do g.p do BNG en materia de Obras Públicas e Infraestructuras, Teresa Táboas, e o coordinador do grupo, Bieito Lobeira, compareceron en rolda de prensa para lamentar a decisión do goberno do Estado de recurrir á dita disposición adicional, que cualificaron dunha decisión “política” non “técnica”, unha “pataleta” extremadamente grave porque ataca as competencias exclusivas de Galiza e amosa un “descoñecemento absoluto sobre a ordenación do noso territorio”.

Máis información…

O PP resistese a respaldar as mocións do BNG

Como ven sendo habitual nos Plenos da Corporación Municipal de Ribeira, o Partido Popular amosase incapaz de votar a favor das mocións do BNG, aínda que nelas o único que se pida sexa o cumprimento da normativa vixente, como é o caso da aplicación da Lei da Memoria Histórica.

Así, votou en contra da moción do BNG pola que solicitamos a dotación dun pavillón polideportivo cuberto e outros servizos en Carreira, alegando, coma sempre, que non son certas todas as carencias de Carreira que denuncia o BNG, e que “xa están niso”.

Con respecto ás outras dúas mocións do BNG debatidas na sesión plenaria do pasado luns, fixeron valer aquel dito de “se queres que nada cambie, crea unha comisión”.

Foi o caso da moción do BNG pola que solicitamos a aplicación da Lei de Memoria Histórica. Propuxeron que se creara unha comisión. De entrada é un primeiro paso, se realmente se crea. Pero non é a primeira vez que a respecto deste tema nos responden desta maneira e aínda a día de hoxe non crearon tal comisión. Neste caso, como a lei marca de prazo até finais deste ano, suponse que os nomes de rúas e demais simboloxía franquista que connoten a exaltación do antigo réxime totalitario teñen os días contados.

Outro tanto aconteceu coa moción do BNG pola que solicitamos a dotación de Internet de banda larga por Wimax ao Polígono de Xarás e arredores. Mentres a Consellaría de Innovación e Industria dota de Internet de banda larga polo sistema Wimax a todos os polígonos do país, o goberno do PP de Ribeira non ten presa por achegar as novas tecnoloxías ao Polígono de Xaras e ás parroquias do Concello. Prefire que se cree unha comisión…

O PP aproba en solitario os Orzamentos de Ribeira

A visión global deste orzamento para o exercicio 2009 resalta un proxecto político moi pouco ambicioso. Denota un goberno rutineiro, continuista, e sen vontade política para afrontar as necesidades que a cidadanía de Ribeira precisa.

A primeira vista estamos falando dun orzamento de 23.555.366,88 € fronte aos 21.458.763,45 € do ano pasado; isto representa un incremento do 9,77%, cun aumento de 2.096.603,43 €, grazas a importantes partidas procedentes da Xunta, da Deputación e do Estado.

Sen embargo, a pesar das cuantiosas partidas anticrisis procedentes doutras administracións, que permiten un investimento real de máis de 8 millóns de € (cunha aportación de fondos propios de tan só un 5%), este goberno é incapaz de abordar as importantes obras de infraestrutura que Ribeira necesita: circunvalación, mercado municipal, estación autobuses, areas aparcamento público, actuacións en núcleos urbanos como Fondevila, Abesadas, ou nas parroquias, por exemplo.

Ademais os investimentos financian obras que requiren moita maquinaria e pouca man de obra (capas asfálticas, por exemplo), co que xerarán pouco emprego. Asi mesmo, o sistema de contratación das obras é por adxudicación directa ou polo procedemento negociado. Non hai ningunha polo procedemento aberto, que permitiría a participación de todas as empresas interesadas, e romper coa contratación “dixital” (o sexa, a dedo) tan habitual neste concello.

Por outro lado, trátase dun orzamento no que as únicas políticas sociais son as subvencionadas pola Xunta. Hai que lembrar que as ordenanzas fiscais incrementáronse nun 4,5%. Iso supón que as taxas e prezos públicos dos servizos que ten que pagar a cidadanía (as facturas da auga, recollida de lixo ou saneamento, por exemplo) tiveron un incremento superior ao que medraron salarios e pensións (IPC decembro 1,4, galego 1,2). Aínda así non foron quen, nun momento crítico como o que estamos a vivir, de crear medidas compensatorias para subvencionar determinados servizos, como o transporte público a persoas desempregadas e coas pensións máis baixas, por exemplo.

Non cabe dubida que é moi importante incrementar os ingresos municipais para ofertar máis servizos á cidadanía, pero non a costa de subir os impostos como fai o goberno do PP, senón facendo que pague todo o mundo e que pague máis quen máis ten e non ao revés. Neste senso, cabe lembrar a partida histórica de Dereitos pendentes de cobro, na que é espectacular a cantidade de cartos que xa non se cobrarán pola ineficacia do goberno na xestión do diñeiro público. De feito aínda na conta do 2007 os saldos de dubidoso cobro rondan os 4,4 millóns de €.

Por último, dicir que mentres neste orzamento partidas como a de “Publicidade e Propaganda” se manteñen (90.000€) e outras como “Estudios Técnicos” se incrementan ata preto dos 750.000€, resultan ridículas as destinadas á conservación dos colexios públicos (17.500€), a mellorar as instalacións deportivas (18.500€) ou a mercar libros para a biblioteca pública (4.200€). Tamén lamentamos non se recollan compromisos plenarios como actuacións integrais en Fondevila, Cruxeiras ou o Pombal, a Praza dos Muiños, rematar o saneamento de Dean, a dotación de aparcamentos en toda a rúa Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, ou o campo de fútbol de Artes entre outros moitos que quedan no tinteiro.