BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Marzo, 2009:

Pleno Municipal de Marzo

Grupo Municipal do BNG de Ribeira

Na sesión plenaria do Concello de Ribeira do vindeiro luns, día 30 de marzo, debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e un bo número de solicitudes, as que hai que engadirlle as pendentes de Plenos anteriores que non se trataron por falta de tempo. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Preme enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Dotación dun pavillón polideportivo cuberto en Carreira
2.- Aplicación da Lei de Memoria Histórica
3.- Dotación de Internet de banda larga por Wimax ao Polígon de Xarás e arredores
4.- Novo Mercado Municipal para Ribeira
5.- Construción dun campo de fútbol en Artes
6.- Constitución do Consello Escolar Municipal

Reclamamos a construción dun campo de fútbol en Artes

O BNG de Ribeira ven de presentar unha moción diante do Pleno Municipal pola que lle reclama ao Goberno do PP que destine unha partida económica no orzamento do 2009 para acometer a construción dun novo campo de fútbol na parroquia de Artes

Tamén demanda que o Goberno municipal realice as xestións oportunas diante da Administración correspondente para que, mentres non se dispoña do novo campo de fútbol, se poidan levar a cabo as obras precisas para o mantemento en bo estado das instalacións actuais

O fomento da actividade deportiva, especialmente entre a mocidade é unha das prioridades que os concellos deben atender para acadar unha mellor calidade de vida da súa poboación. É coñecido o importante esforzo que na parroquia de Artes teñen realizado, desde xa hai moitos anos e de xeito desinteresado, moitas persoas para o mantemento dun equipo de fútbol, o C.D. Artes, que leva a cabo unha labor que transcende xa os límites da parroquia e que beneficia á xuventude de todo o concello de Ribeira. O C.D. Artes mantén na actualidade en ficha a máis de 80 xogadores e sostén equipos en catro categorías: alevíns, cadetes, xuvenís e afeccionados.

O C.D. Artes, e moitos máis equipos nas competicións e adestramentos, utilizan desde hai moitos anos o campo de fútbol de Trumians que se atopa actualmente nun estado de conservación lamentable: cunha moi precaria instalación eléctrica que case impide a utilización de auga quente, cuns vestiarios en pésimas condicións, carente de cerramento exterior en condicións, sen bancada cubertas e cun terreo de xogo case impracticable. Cabe indicar que se aínda é posible utilizar estas instalacións para a práctica do fútbol federado é debido exclusivamente ao esforzo dos propios directivos e colaboradores do Club e ás axudas que eles mesmos xestionan.

Sendo conscientes de que a pésima situación das instalacións de Trumians está en gran parte motivada polas limitacións derivadas da súa situación no interior do Parque Natural de Corrubedo que foi, en todo caso, posterior á construción e cesión ao Club, pensamos que a solución a este grave problema pasa necesariamente polo traslado do campo actual a unha nova ubicación máis acaída.

Iniciativa Municipal:
2009-03-20campo-de-futbol-artes.pdf

Demandamos un novo Mercado Municipal para Ribeira

O BNG presentou unha iniciativa diante do Pleno Municipal para que se dote a Ribeira dun novo Mercado Municipal

O BNG solicita que se proceda á demolición do vello edificio actual e se constrúa no seu lugar o novo Mercado Municipal de Ribeira trasladando, entretanto, a unha carpa os actuais postos de venda

O actual Mercado Municipal de Ribeira atópanse nun estado lamentábel, sendo urxente a necesidade de dotarse dunhas novas instalacións, tanto á altura da calidade dos produtos que nel se comercializan, como da que a cidadanía de Ribeira merece e demanda.

No balbordo da campaña electoral das municipais do 2007 o alcalde fixo a presentación dun novo mercado que, dous anos despois, resultou ser máis virtual que real. Que se saiba, a día de hoxe aínda non dispón do solar onde poñelo.

Somos conscientes que a ubicación non é un tema menor. O actual Auditorio Municipal foi construído inicialmente para albergar o Mercado Municipal, pero despois dun tempo sen moito éxito, terminou pechado e reformándose para destinalo a utilización actual.

Por esta razón, nós propoñemos que as instalacións do novo mercado se fagan na ubicación actual. Hai espazo suficiente para dotarse dun edificio moderno e funcional. Podería contar, ademais, cun amplo aparcamento soterrado se recorremos aos espazos públicos que hai a carón. Deste xeito os vehículos e mesmo as zonas de carga e descarga poderían quedar debaixo e disporíamos na superficie dunha ampla zona verde.

Mentres tanto, os postos de venda trasladaríanse a unha carpa, como se fixo noutros concellos, algo co que os vendedores e vendedoras da plaza concordan.

Iniciativa Municipal:
2009-03-20mercadomunicipalribeira.pdf

Reclamamos a aplicación da Lei da Memoria Histórica en Ribeira

O BNG presentou unha iniciativa que se debaterá no vindeiro Pleno Municipal, pola que se lle reclama ao goberno do PP que cumpra, de xeito urxente, a Lei 52/2007, de 26 de decembro de Memoria Histórica, cambiando, de xeito urxente, o nome das rúas que connoten a exaltación do antigo réxime totalitario por outros adaptados á nosa realidade galega. Tamén se solicita a retirada de escudos, placas e demais simboloxía franquista.

No noso concello quedan varios símbolos franquistas na paisaxe urbana. Só por citar uns exemplos: o escudo preconstitucional da capitanía, o símbolo da falanxe en varias fontes e o sangrante caso do nome da rúa Xeral Franco no centro da nosa cidade.

Son moitos os colectivos e persoas que se sorprenden de que aínda teñamos no noso entorno todos estes símbolos. Dende o BNG xa temos solicitado reiteradamente que se procedera a eliminar esta simboloxía que recorda a unha ideoloxía totalitaria e asasina, da que seguro ninguén se considera herdeiro.

A Lei en vigor, 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quenes padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura – máis coñecida como Lei de Memoria Histórica – establece no seu artigo 15 sobre Símbolos e monumentos públicos o seguinte:

“As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.”

Pasado máis dun ano da entrada en vigor da Lei da Memoria Histórica dende o BNG de Ribeira, recollendo o sentir da cidadanía, solicitamos unha vez máis a súa aplicación. Consideramos que os gobernos están para cumprir a lei. Ningunha maioría absoluta esta lexitimada para conculcala.

Iniciativa Municipal:
2009-01-16-memoriahistorica.pdf

As mulleres, imprescindíbeis para saír da crise

Este ano o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, transcorre nun contexto político e económico diferente aos anos anteriores, dende o BNG queremos expresar que o noso traballo a prol da loita dos dereitos das mulleres non vai decaer e seguiremos loitando polos mesmos, así como na defensa dos intereses do noso pais, do noso idioma e da nosa cultura.

O BNG estára sempre en pé para a defensa dos galegos e das galegas, e o faremos desde a oposición ou dende o goberno, segun o lugar que o pobo galego queira que ocupemos en cada momento.

O BNG todos os anos se manifesta na defensa dos dereitos das mulleres, e insiste na necesidade de ter presente para a organización da nosa sociedade, para a organización política e económica, o dereito das mulleres a desenvolver plenamente a súa cidadanía en igualdade cos homes.

Por esta razón para este sábado 7 de marzo e domingo 8 convocamos a todo o mundo a participar nas concentracións programadas pola Marcha Mundial das Mulleres, para pór de manifesto o compromiso do BNG expresado no lema “As mulleres imprescindíbeis para saír da crise”. “Para garantir os nosos dereitos laborais e sociais, Estatuto de Nación para Galiza”.

O BNG apoia as concentracións e manifestacións programadas pola Marcha Mundial das Mulleres na Galiza:

Vigo:
Manifestación ás 12.00h., o domingo 8, desde a Praza 8 de marzo
Ourense:
Acto das Mulleres e posterior percorrido polo Paseo o sábado 7 ás 19.00h. na Praza Concepción Arenal
Pontevedra:
Concentración ás 20.00h, o sábado 7, na Praza 8 de marzo
Ferrol:
Manifestación ás 12.30h, o domingo 8, na Praza Amada García (edificio Xunta de Galiza) e chegada ao Cantón de Molíns
Santiago de Compostela:
Manifestación o domingo 8, ás 12.00h da Praza do Toural, percorrido por Praza de Galiza até á Praza 8 de marzo
A Coruña:
Concentración o domingo 8 ás 12.30 no Obelisco

Máis información…

Iniciativa do día internacional das mulleres:
2009-03-06_8_marzo.pdf

Graciñas polos apoios recibidos e adiante co BNG!

Despois da “tormenta perfecta” na que nos vimos envoltos, quero que as miñas primeira palabras sexan de gratitude e de alento para os compañeiros e compañeiras militantes e simpatizantes do BNG que dedicaron moitas horas do seu tempo de lecer para traballar arreo na consolidación do proxecto nacionalista en Ribeira, na Barbanza e en todo o país. Fomos moitas as persoas que traballamos durante estes tres anos e medio para que a Barbanza conte con moitos servizos dos que carecía até fai moi pouco. Hoxe temos unha autovía, chan industrial en marcha, fibra optica, melloras no tendido electrico, centros de día, melloras no Hospital de Barbanza, galescolas, locais de ensaio…

Fomos moitas tamén as que durante estes días de campaña traballamos arreo para explicarlle á cidadanía os nosos proxectos de futuro: aos compañeiros e compañeiras que lle quitastes horas ao lecer e mesmo ao sono, e moi especialmente aos que até sacrificastes días de vacacións para colaborar na campaña, mil grazas.

Aínda que non o pareza, ese esforzo non foi en vano, preto de 3.000 persoas en Ribeira e máis de 8.000 en toda a comarca, o 21%, valoraron o noso traballo e confiaron en nós dándonos o seu respaldo a pesar da campaña máis sucia que se recorda levada a cabo polo Partido Popular.

Concretamente en Ribeira 2.683 papeletas e o 18,53% do voto son a proba da confianza dunha boa parte do electorado aos que lle debemos gratitude eterna. Os mellores resultados obtivémolos no casco urbano, cunha media do 19,67%, onde varias mesas superaron o 21%, chegando a rozar o 24% nunha delas. Igualmente en Oleiros, onde obtivemos un importante incremento do número de apoios con máis do 23% do voto. Tamén en Carreira a média foi de máis do 20%, superando o 25% nunha delas. Mesmo en Aguiño rozamos o 22% nunha das mesas e en Artes o 21%.

Aínda así, é obvio que os resultados do pasado domingo non son os agardados pero, como na canción de José Afonso, “o povo é quem máis ordena”. A verdade é que falaou alto e claro e toca, pois, acatar a súa vontade.

Para esta nova etapa a cidadanía decideu que estiveramos na oposición e dende aí continuaremos a facer o noso traballo coa mesma dedicación coa que sempre o fixemos. É certo que se perdeu unha gran oportunidade de consolidar os proxectos transformadores iniciados. Haberá tempo para analisar por qué a cidadanía non perciviu os cambios positivos efectuados. Teremos que analisar de vagar cales foron os erros cometidos e correxilos para que non volvan a repetirse.

Agora, dende a oposición, fiscalizaremos o traballo da Xunta para que en Ribeira e na Barbanza o Partido Popular non volva ás andadas. Estaremos pendentes de que se rematen todos os proxectos iniciados: o centro de alzheimer de Ribeira, o chan industria, o saneamento da Ría, que continúen as melloras no Hospital da Barbanza, que se fagan as galescolas, os centros de día e os locais de ensaio que faltan, que se efectúen as melloras portuarias e a nova lonxa de Ribeira, a circunvalación, o mercado de abastos, a estación de autobuses… Tres anos e medio non deron para rematar con todas as eivas herdadas. Veremos se o PP é capaz de rematar o empezado.

Queda, pois, moito que facer. Son moitos os homes e mulleres de Ribeira, da Barbanza e da Galiza que confiaron en nós e aos que non podemos defraudar. Moito ánimo a todos e a todas e adiante co BNG!!

Resultados Galegas 2009, Ribeira:
galegas09.pdf