BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Febreiro, 2009:

O Valedor do Pobo interésase polo transporte escolar de Artes

manifaartes3.jpg

O Valedor do Pobo admite a trámite a queixa relativa ao transporte escolar dos pais e nais do alumnado do IES Coroso de Artes

Diante da absoluta falla de respecto da Consellería de Educación por non dar cumprimento ás súas propias promesas, tanto por escrito como no Parlamento Galego, de solucionar o problema de transporte do alumnado desta parroquia que asiste ao IES Coroso, os Pais e Nais de Artes decidiron, no mes de xaneiro pasado, remitir as súas queixas ao Valedor do Pobo.

Ademais do escrito de queixa o Valedor recibiu un amplo historial con todos os datos e iniciativas diante da Consellería de Educación e a promesa de solución do seu representante no Parlamento Galego. Na súa resposta, o Valedor admite a trámite a queixa e anuncia investigación sumaria diante da Consellería de Educación.

Os pais e nais de Artes queren insistir en que seguirán reclamando o que xa teñen recoñecido como dereito que os asiste e lamentan que, mentres non se dea cumprimento ao prometido, moitos nenos e nenas escolares de Artes sigan padecendo unha situación inxusta e discriminatoria.

O medio rural co BNG

BNG de Ribeira no acto nacional do Medio Rural

A candidata da Barbanza, Dominga Brión, acompañada dunha ampla representación do BNG de Ribeira e de representantes de varias comunidades de montes da localidade asistiron ao acto nacional do Medio Rural. Tamén acudiron representantes do BNG de toda a Barbanza así como labregos e labregas e gandeiros e gandeiras de toda a bisbarra.

No multitudinario acto, o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, afirmou, diante de máis de 1.600 persoas procedentes de todo o país, que “o BNG é a forza política propia do país, a única que defende o medio rural, para iso ten o seu estilo propio, para gobernar con valentía e sen ataduras”.

No recinto feiral de Amio, en Santiago de Compostela, o líder nacionalista defendeu, diante das máis de 1.600 persoas procedentes de toda Galiza que alí se congregaron, unha “banca pública galega que “acompañe ás explotacións e pense máis nos intereses dos gandeiros e labregos que nos dos créditos”.

Máis información…

Debate en Tele Barbanza

Dominga Brión, candidata da Barbanza ao Parlamento Galego, participa esta noite nun debate que emitirá Tele Barbanza

A voceira do BNG de Ribeira e candidata número 8 do BNG pola Coruña, Dominga Brión, debatirá esta noite en Tele Barbanza, a partires das 22:00 horas cos candidatos do PSOE e do PP da Barbanza, José Manuel Lage e Manuel Ruiz, respectivamente.

Seaga: selección de persoal transparente e obxectiva

A Consellaría de Medio Rural lembra que a empresa pública Seaga estableceu un sistema público de listas abertas por categorías, cun baremo obxectivo públicado na propia web. Sinala, ademais, que nalgúns perfís recurreu á contratación a través do INEM para cubrir os postos vacantes, o que evidencia que se descarta calquera tipo de discrecionalidade segundo afiliación política.

Máis información…

Solicitamos un Pavillón Polideportivo para Carreira

O BNG solicita diante do Pleno Municipal que o Goberno do PP dote á parroquia de Carreira dun Pavillón Polideportivo Cuberto

Tamén demanda que se habiliten lugares de esparexemento para as persoas maiores, así como a instalación dun parque biosaudábel

Reclama, así mesmo, que se elabore e leve a cabo un programa anual de dinamización da parroquia

A parroquia de Carreira, con preto dos 2500 habitantes, non conta con locais municipais de esparexemento e lecer para cativos e maiores. A veciñanza, asociacións, xuventude e maiores non dispoñen de lugares onde reunirse.

Os nenos e nenas de Carreira, en concreto os do CEIP de Pe do Corniño, non teñen no propio centro un espazo onde facer educación física. Xa fai moito tempo que son trasladados dende o colexio ao campo de fútbol da parroquia, que se atopa en condicións lamentables, para poder desenvolver esta actividade física sen ter un lugar onde resgardarse en caso de mal tempo.

Este mesmo alumnado, así coma o da escola da Capela, cando chega unha celebración, como pasou agora polo Nadal, son trasladados fora da parroquia para celebrar as súas festas, condicionados sempre a que esoutros locais non estean ocupados. A isto hai que engadir o agravante de que moitos dos seus achegados non acoden a velos por ter que desprazarse. E evidente que non en todas as parroquias os avós e os netos están en igualdade de condicións.

Xa fai moitos anos que por parte deste Concello non se realiza ningún tipo de actividade de verán, nin en períodos de vacacións escolares que eviten que os nosos nenos e nenas se teñan que desprazar fora. Un dos xeitos de dinamizar un pobo e manter ou incrementar as actividades que nel se realizan, e non ao contrario como esta a facer este Goberno Municipal.

Carreira é unha parroquia cun progresivo aumento de xente maior, persoas que non contan cun lugar de acubillo onde poder pasar as tardes de inverno. Estes veciños e veciñas non teñen zonas nin activades de espallamento, axeitadas á súa idade.
A parroquia de Carreira ten a posibilidade de pór a disposición do Concello terreo para a construción dun Pavillón cuberto onde poidan levarse a cabo todas estas actividades que se mencionaron. Hai que ter en conta que a meirande parte das parroquias de Ribeira contan con este equipamento.

O BNG entende que a actual política municipal non é a axeitada para dinamizar unha parroquia que esta a perder servizos a pasos axigantados. Quizais o Goberno Municipal se debera por a reflexionar e pensar que e o que falla para que este lugar non se dea recuperado do andazo que leva o lombo fai xa mais de 15 anos.

O Mundo ao revés

Imaxinan que no Consello da Xunta de Galiza, no canto de, por exemplo, acordar a construción dun Polígono Industrial e mesmo un Centro de día para enfermos de Alzheimer en Ribeira, poñamos por caso, se puxeran os conselleiros e conselleiras a ler o xornal, pasar papeliños con risiñas cómplices e, como resultado final da xuntanza, acordaran “instar ao Concello de Ribeira a verificar a orixe dos cheiros que afectan á poboación e tomar as medidas precisas para solucionar o problema”? Imaxinan que na mesma sesión o Consello da Xunta acordara “solicitar do Concello de Ribeira o arranxo urxente da Praza dos Muíños”? Ou que tamén solicitara “que o Goberno Municipal de Ribeira leve a cabo no seu ámbito territorial un Plan de fomento do transporte público”? Dirán que non; que non o imaxinan. Porque de ser así, estaría a Xunta de Galiza deixando de exercer as funcións que ten encomendadas polo ordenamento legal e meténdose nas que o mesmo ordenamento atribúe aos Concellos. Dirían que se trata dun “mundo ao revés”, non si? Pois non, o mundo non está ao revés… de todo, pero hai quen pretende que así o pareza.

No Pleno do Concello de Ribeira do pasado mes de xaneiro o goberno municipal, do Partido Popular, xa sabemos, levou adiante as súas “iniciativas de goberno” nas que se instaba á Xunta de Galiza “a facer melloras na AC-305”, ou nas que se pedían “arranxos no Porto” ou se demandaba un “mellor funcionamento do Parque Natural de Corrubedo”.

Ben está que un Goberno Local se dirixa a instancia superior demandando melloras en cuestións que son competencia dela. Pero é que para tal cousa non é preciso ningún acordo do Pleno Municipal, abonda unha carta do Alcalde ou, mellor aínda, unha xestión sostida buscando a colaboración coa instancia á que se dirixe. Cal é logo o interese do PP de Ribeira para insistir nestas actuacións que non conducen ao obxectivo que aparentemente se pretende? Vostedes dirán.

O que xa non está tan ben, a non ser nun mundo ao revés, é que o mesmo goberno municipal tan dilixente á hora de “lembrar” aos demais as súas obrigas, esqueza as propias e diga NON, no mesmo Pleno, a iniciativas do BNG, con amplo respaldo cidadán, que propoñen actuacións necesarias para poñer fin á grave situación na rede de sumidoiros de Ribeira ou para levar a cabo un Plan de mellora do transporte público ou arranxar a Praza dos Muíños que, estes si, son asuntos de exclusiva competencia do goberno municipal.

Non faría máis que cumprir a súa obriga se o Goberno explicase á cidadanía por que non determina a procedencia dos vertidos ilegais que provocan os cheiros, tal como se acordou no Pleno hai máis dun ano. Ou por que non se fixo un estudo técnico serio que conducira a unha solución definitiva que é o que agarda a cidadanía que padece, día si día tamén, a peste procedente da rede de sumidoiros.

Lonxe disto, de cumprir as obrigas, volvemos escoitar un NON dos alegres rexedores porque “xa están niso”.

É-vos o mundo ao revés e habería que darlle volta.

Xosé Luís Groveiro
Concelleiro do BNG de Ribeira

As mulleres galegas co BNG

Acto de Igualdade en Compostela

As candidatas da Barbanza, Dominga Brión e Dores Torrado, participaron en Compostela no Acto Nacional da Igualdade do BNG ao que asistiron máis de 1.300 persoas, na súa inmensa maioría mulleres, procedentes de todos os rincóns de Galiza.

Neste acto, no que participaron tamén as candidatas Carme Adán, Ana Pontón e Teresa Táboas, Quintana detallou algunhas das desigualdades ás que se teñen que enfrontar as mulleres do noso país e que o BNG quer atallar desde o seu labor no goberno.

Vídeo

Máis información…