BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Febreiro, 2009:

Entrevista a Anxo Quintana en «La Mirada Crítica»

Mitin na Lonxa de Ribeira: éxito rotundo!

Mitin de Ribeira

O candidato afirma que: “ofrecemos o mesmo que ofrecimos na manifestación do ‘Prestige’ en Madrid hai cinco anos: dignidade, respecto e servizo ao país”

O candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou o domingo, día 22 de febreiro, pola tarde nun mitin en Ribeira, onde tamén interviron o concelleiro Luís Teira, a candidata Dominga Brión e a número dous pola Coruña, Ana Pontón.

Clica aquí e sigue as instrucións para ver o mitin de Ribeira

As imaxes do mitin da Lonxa:

Compromiso cos sectores productivos, o emprego e o benestar

Entrevista na Voz

Entrevista a Dominga Brión, candidata nº 8 do BNG pola Coruña ao Parlamento Galego

É a primeira vez que o nacionalismo galego goberna neste país; que sensación ten Dominga Brión ao remate da lexislatura?

Trátase dun feito histórico no que hai luces e sombras, como en toda acción de goberno. A cidadanía terá ocasión de xulgar o noso traballo e o dos outros. Todos os inquéritos coinciden en que o BNG é a única forza política que medra claramente en votos e escanos. A sensación, polo tanto, é moi positiva aínda que non debemos confiarnos. Queda moito por facer.

En que notou Ribeira o cambio de goberno na Xunta de Galiza?

O BNG de Ribeira foi moi activo na xestión diante da Xunta. Penso que as consellarías do BNG tiveron un papel vital á hora de superar eivas históricas. Como acción a acción máis relevante do BNG no goberno hai que citar o polígono industrial entre Ribeira e Pobra, o Polígono da Barbanza, que xa está en marcha – estanse comprando os terreos e pronto se iniciarán as obras-. Tamén é moi importante a inversión de 1 millón de euros en mellora dos tendidos eléctricos, as melloras nas Casas do Mar, a chegada do gas natural ou o importante investimento da Consellaría de Innovación e Industria na rúa peonil e novo mercado de Palmeira e máis a colaboración co pequeno comercio de Ribeira. Lembrar tamén a recentemente aprobada Lei de Vivenda que abre unha vía definitiva de solución ao problema de Areeiros e Palmeira coa liña de Costas. Sinceramente coido que non hai color coa etapa anterior.

Porén hai quen di que Ribeira aínda está atrasada en novas tecnoloxías…

Partíamos dunha situación terceiromundista. Pero a implantación da fibra óptica en Ribeira só foi posible grazas a un forte investimento da Consellaría e Innovación e Industria. Esta mesma Consellaría ten en marcha o Plan de Implantación da Tecnoloxía Wimax que pronto chegará ao Polígono de Xarás e a amplas zonas do rural.

Non me dirá que todo foi sobre rodas…

Sempre hai atrancos. Algúns inevitables, pero outros totalmente incomprensibels. Hoxe Ribeira non conta cunha galescola porque o Goberno do PP de Ribeira se opuxo. O mesmo podemos dicir do local de ensaio para os grupos musicais ou, o que é peor, co Centro de Alzheimer que a Vicepresidencia da Xunta de Galiza ten rematado hai dous anos. Está á espera de ser posto en marcha debido ás trabas postas polo goberno local. O PP só pon atrancos á xestión da Xunta de Galiza en vez de dar facilidades. Espero que, pasadas as eleccións, sexa todo máis doado.

Falemos de futuro, que plans ten o BNG cara a vindeira lexislatura?

Ben, ademais das iniciativas xa en marcha, urxe acometer cuestións que quedaron pendentes na anterior. Falo por exemplo da situación das instalacións portuarias ou de completar o saneamento integral. Teño que dicir aquí que estas cuestión non dependían de áreas gobernadas polo BNG pero na vindeira lexislatura serán prioritarias para nós.

Aínda non falamos nada da crise. Que propostas ten o BNG?

O principal, na vindeira lexislatura, será favorecer a creación de emprego, velaí a gran importancia da posta en marcha do macropolígono que contará con naves modulares con opción de compra. Seguiremos apostando forte pola I+D+I nas nosas empresas e crearemos un Instituto Galego de Crédito, ... Tamén é vital para Ribeira a construción de vivenda protexida, a creación do Grupo de Desenvolvemento Rural, a potenciación do sector do mar e do turismo, melloras no Hospital da Barbanza, ou a posta en marcha dun centro integrado para incrementar a oferta formativa… estas son as propostas que precisa Ribeira. A xente non quere volver ao pasado quere seguir coa ilusión do presente visualizando un futuro mellor.

Entrevista na Voz:
«O BNG fai políticas para a xente»

As políticas de emprego, igualdade e benestar

Mitin de Palmeira

O BNG deu conta en Palmeira das políticas de emprego, igualdade e benestar polas que quere seguir apostando dende o vindeiro goberno da Xunta de Galiza

Dominga Brión, candidata do BNG ao Parlamento Galego, acompañada por Rubén Cela, Director Xeral de Xuventude, Luís Teira, concelleiro, e Plácido Betanzos, referente histórico do BNG de Ribeira, achegáronse onte ao Bar de Tucho, o Baluarte, situado no peirao de Palmeira, que se quedou pequeno para acoller ao máis de medio cento de persoas que se achegaron até alí para escoitar as propostas do BNG para a vindeira lexislatura.

Conscientes de que, como en toda acción de goberno hai luces e sombras, valoraron a experiencia como moi positiva facendo fincapé nos logros acadados que serven de aval para as futuras políticas que o BNG aplicará dende o goberno, e demostran que o programa electoral que o BNG presenta é un contrato coa cidadanía e, polo tanto, de obrigado cumprimento.

Durante as súas intervencións deron conta das políticas transformadoras levadas a cabo polo BNG nas cinco consellarías nas que gobernou dende o ano 2005 cando, por primeira vez na historia do país, o nacionalismo galego chegou ao goberno de Xunta. Pero sendo importante dar conta do traballo feito, é prioritario presentar as propostas para encarar o futuro do país nunha situación crítica como a que estamos vivindo. Nese senso, indicaron que o BNG apostará polas políticas de igualdade e benestar e apoiará a economía produtiva para crear emprego.

Dominga Brión resaltou a creación do Sistema Galego de Benestar que supuxo a posta en marcha dunha serie de servizos en todo o país. Significou, ademais, a visualización dunha problemática que existía, aínda que invisíbel a ollos do goberno do PP, e que elevou a rango de dereitos da cidadanía os servizos sociais, desterrando a concepción asistencialista predominante na etapa do goberno popular.

Brión fixo fincapé na dotación de servizos na comarca, como é o caso dos centros de día en Boiro e Outes, anunciando que están previstos en Muros e Rianxo. Tamén resaltou a importancia de impulsar outros servizos que se están implantando na Barbanza como é o caso do transporte adaptado e Xantar na casa ou das galescolas que xa funcionan nos concellos de Boiro e Rianxo. Lamentou que a cidadanía de Ribeira e da comarca non dispoña aínda do centro de alzheimer que está rematado hai máis de dous anos no Malecón de Ribeira a espera de realizar as obras de dotación dun ascensor, que o goberno municipal retrasou deliberadamente. Tamén amosou o seu pesar porque o goberno do PP rexeitara servizos como a galescola, alegando que non era necesario, ou os locais de ensaio.

A candidata do BNG aludiu á necesidade de continuar coa aposta de crear emprego construíndo os parques empresariais que están en marcha na comarca, dotándoos de naves modulares en réxime de alugueiro con opción de compra para respaldar aos novos emprendedores/as, favorecendo así a creación de novas empresas. Seguir impulsando ao sector turístico, con grandes potencialidades na Barbanza, e reforzar ao comercio de proximidade, como xa ten feito co financiamento do novo mercado de Palmeira dende a Consellería de Industria, son claros exemplos de apoio aos nosos sectores productivos.

Para rematar, incidiu na necesidade de continuar con estas políticas transformadoras, levándoas a outras áreas do goberno como é o caso da pesca, da sanidade ou da educación, das que expuxo as máis importantes propostas programáticas. Concluíu chamando á participación para consolidar os cambios iniciados.

O PP retrasa deliberadamente a apertura do centro de alzheimer de Ribeira

Ribeira conta dende hai máis de dous anos con un centro de alzheimer practicamente rematado, para 40 prazas. Tan só falta dotalo dun ascensor. Ía a ser o primeiro destas características que se puxera en marcha no país. Está situado no entrechán da R/ do Malecón núm. 24, (onde estaba antigamente o centro de saúde). Este local foi cedido por un período de 5 anos renovables pola entidade Caixa Galicia.

A dotación de accesibilidade, de entrada, parecía unha solución relativamente fácil. Sen embargo, converteuse nunha verdadeira carreira de obstáculos até hoxe. Durante todo este tempo, e pese ao empeño de Vicepresidencia para poñer este centro ao servizo de toda a cidadanía que o necesita, o goberno do PP de Ribeira estivo torpedeando a apertura do mesmo, ben por acción ou por omisión.

Dotación dun ascensor

Despois de analizar diversas posibilidades, a solución adoptada por Vicepresidencia para facer accesíbel o local, foi a colocación dun ascensor nun oco ao lado da porta lateral no que aínda a día de hoxe hai un transformador de Fenosa. Isto implicaba o traslado do mesmo a outro lugar e supoñía desviar unhas canalizacións de augas. Facíase, polo tanto, necesaria unha colaboración a catro bandas: Vicepresidencia, Concello de Ribeira, Fenosa e Caixa Galicia.

Pero a colaboración que inicialmente ofreceu o goberno do PP resultou ser, na práctica, un canto de serea. O compromiso brillou pola súa ausencia. Non fixo unha soa xestión para que o centro de alzheimer abrira as súas portas, máis ben todo o contrario. Pese a que se comprometeu a axilizar os trámites para a concesión dos permiso e licenzas necesarios, tan só o fixo de cara á galería. Na práctica, non lle importou que este fora un servizo socialmente moi demandado. Tan só puxo atrancos unha e outra vez.

Retraso na concesión da licenza e outros atrancos

Para calquera goberno responsábel, esta actuación tiña que ter prioridade máxima e, polo tanto, a concesión da licenza debería ser inmediata. Pero o Goberno do PP demostrou que non lle importan nin as persoas enfermas nin as súas familias. Doutro xeito, o goberno local debería ser o primeiro interesado en que a cidadanía do noso Concello dispuxera dun servizo tan importante como é este.

O importe da obra de traslado do transformador na vía pública foi valorada polo Concello en 18.663,04 euros, que se comprometeu a pagar Vicepresidencia. Pero aínda así o goberno do PP esixiulle a Fenosa unha fianza polo importe da obra, que esta se negou a abonar. Isto supuxo un novo retraso, sendo precisa a mediación de Vicepresidencia para solucionar este conflito e que o goberno lle “perdoara” a fianza.

Para rematar, chama a atención que despois de contar con todos os permisos en decembro de 2008 as obras, que as realiza Aquagest, non se iniciaran até o 16 de febreiro, cinco meses despois do compromiso de pago de Vicepresidencia.

Máis información:
2009-02-19-centro-de-alzheirmer-de-ribeira.pdf

Mitin do BNG na Lonxa de Ribeira

Convite mitin central do BNG na Lonxa de Ribeira

Autonómicas 2009: calendario de actos do BNG de Ribeira

Xoves: 12-feb, 23:30, Pegada de carteis

Venres: 13-feb, 20:00, Olveira, Bar O Rueiro
Merchi Blanco
Xosé Luís Groveiro
Ana Álvarez
Dominga Brión

Sábado: 14-feb, 10:30, MERCADILLO, reparto de propaganda

Sábado: 14-feb, 19:00, Carreira, Casa da Cultura
Nacho González
Ánxeles González
Antonio V. Cobas
Dominga Brión

Domingo: 15-feb, 12:30, Corrubedo, Bar Pequeño
Ana Álvarez
Xosé Luís Groveiro
Dominga Brión

Domingo: 15-feb, 18:00, Oleiros Bar Ayaso
Xosé Luís Groveiro
Quico Ayaso
Dominga Brión

Luns:16-feb, 17:00, Ribeira, Liceo Marítimo, acto informativo Polígono Barbanza
Dominga Brión
Daniel Pino

Luns: 16-feb, 20:00, Touro, Bar Lola
Antón Parada
Ana Álvarez
Dominga Brión

Martes: 17-feb, Reparto de propaganda electoral

Mércores: 18-feb, 18:00, Ameixida, Porto
Luís Teira
Ana Álvarez
Antón Parada
Dominga Brión

Mércores: 18-feb, 20:00, Castiñeiras, Bar O Timón
Luís Teira
Ana Álvarez
Plácido Betanzos
Dominga Brión

Xoves: 19-feb, 20:00, Palmeira, Bar Tucho
Plácido Betanzos
Luís Teira
Dominga Brión
Rubén Cela

Venres: 20-feb, 19:00, Aguiño, Bar Tamba
Ánxeles González Sabarís
Ánxeles González Cruxeiras
Carmen Lampón
Dominga Brión
Carlos Aymerich

Sábado: 21-feb, 10:30, MERCADILLO, reparto de propaganda

Sábado: 21-feb, 20:00, Artes, Centro Recreativo
Nel Vidal
Ana Álvarez
Xosé Luís Groveiro
Dominga Brión

Domingo: 22-feb, 17:30, Ribeira, Lonxa, Mitin Central
Luís Teira
Dominga Brión
Ana Pontón
Anxo Quíntana

Luns: 23-feb, 16:00, Debate Tele Salnés

Martes: 24-feb, reparto propaganda

Mércores: 25/feb, Mitin provincial en A CORUÑA

Xoves: 26-feb, 20:30, Ribeira, Liceo Marítimo
Ana Álvarez
Xosé Luís Groveiro
Dominga Brión
Xoán Carlos Báscuas

Venres: 27-feb, Mitin nacional de peche de campaña, VIGO

O BNG presenta unha solución á afectación de Costas

palmeira.jpg

O BNG explicou aos veciños e veciñas de Palmeira o significado da disposición adicional segunda da Lei de Vivenda de Galiza que se aprobou recentemente por unanimidade no Parlamento Galego

A exposición foi seguida con gran interese polas persoas asistentes

Dominga Brión e Carmen da Silva, candidatas do BNG ao Parlamento Galego pola Coruña e Pontevedra respectivamente, expuxéronlle a preto de medio cento de persoas que se achegaron á Casa do Mar de Palmeira, a importancia que a aprobación da Lei de Vivenda de Galiza ten para dar unha solución definitiva ás vivendas afectada pola aplicación da Lei de Costas en todo o país, entre as que se atopan as de moitos veciños e veciñas de Palmeira Norte e Areeiros en Ribeira.

Esta Lei foi publicada no DOG o día 20 de xaneiro e entrará en vigor aos tres meses da súa publicación. Na súa disposición adicional segunda, equipara a urbanos, a efectos da aplicación da Lei de Costas de 1988, os núcleos ruais afectados.

Máis información…

Disposición adicional 2ª de Lei de Vivenda de Galiza:
2009-01-20-lei-de-vivenda-de-galiza-d-a-segunda.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
Carme da Silva expón a nova lei de vivenda en Palmeira

Demandamos a construción dun campo de fútbol en Artes

O BNG de Ribeira ven de presentar unha iniciativa municipal pola que lle reclama ao Goberno do PP que destine unha partida económica no orzamento do 2009 para acometer a construción dun novo campo de fútbol na parroquia de Artes

O fomento da actividade deportiva, especialmente entre a mocidade é unha das prioridades que os concellos deben atender para acadar unha mellor calidade de vida da súa poboación. É coñecido o importante esforzo que na parroquia de Artes teñen realizado, desde xa hai moitos anos e de xeito desinteresado, moitas persoas para o mantemento dun equipo de fútbol, o C.D. Artes, que leva a cabo unha labor que transcende xa os límites da parroquia e que beneficia á xuventude de todo o concello de Ribeira. O C.D. Artes mantén na actualidade en ficha a máis de 80 xogadores e sostén equipos en catro categorías: alevíns, cadetes, xuvenís e afeccionados.

O C.D. Artes, e moitos máis equipos nas competicións e adestramentos, utilizan desde hai moitos anos o campo de fútbol de Trumians que se atopa actualmente nun estado de conservación lamentable: cunha moi precaria instalación eléctrica que case impide a utilización de auga quente, cuns vestiarios en pésimas condicións, carente de cerramento exterior en condicións, sen bancada cubertas e cun terreo de xogo case impracticable. Cabe indicar que se aínda é posible utilizar estas instalacións para a práctica do fútbol federado é debido exclusivamente ao esforzo dos propios directivos e colaboradores do Club e ás axudas que eles mesmos xestionan.

Sendo conscientes de que a pésima situación das instalacións de Trumians está en gran parte motivada polas limitacións derivadas da súa situación no interior do Parque Natural de Corrubedo que foi, en todo caso, posterior á construción e cesión ao Club, pensamos que a solución a este grave problema pasa necesariamente polo traslado do campo actual a unha nova ubicación máis acaída.

Reunión informativa: Lei de Vivenda de Galiza

O vindeiro 11 de febreiro, ás 20,30 horas, celebrarase na Casa do Mar de Palmeira unha reunión informativa en relación coa Lei de Vivenda de Galiza, aprobada recentemente por unanimidade no Parlamento Galego.

A Lei abre unha nova porta para dar unha solución definitiva á cidadanía afectada pola aplicación da Lei de Costas en todo o país entre os que están os veciños e veciñas de Palmeira Norte, en Ribeira.

Nesta reunión participarán Carme Dasilva, deputada do BNG e candida ao Parlamento Galego e Dominga Brión, voceira municipal do BNG de Ribeira e candidata ao Parlamento Galego.

Máis información…