BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xaneiro, 2009:

Lei de Vivenda: unha solución á afectación de Costas

Dominga Brión, Ana Pontón, Manuel Casal e Xan León

O BNG compareceu onte en rolda de prensa para resaltar que a Lei de Vivenda de Galiza abre unha nova porta para dar unha solución definitiva á cidadanía afectada pola aplicación da Lei de Costas en todo o país entre os que están os veciños e veciñas dos Areeiros e Palmeira Norte, en Ribeira e Escarabote e Cabo de Cruz, en Boiro

A voceira municipal de Ribeira, Dominga Brión, a deputada Ana Pontón, o Responsábel comarcal do BNG, Manuel Casal, e o concelleiro de urbanismo do goberno de Boiro, Xan León, informaron aos medios de comunicación que a Lei de vivenda de Galiza foi promovida pola Consellaría de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, e aprobada por unanimidade no Parlamento Galego o pasado 19 de decembro. Na mesma inclúese a disposición adicional segunda que modifica a Lei de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia de 2002 co que a Xunta poderá desenvolver as súas competencias exclusivas en materia de urbanismo, equiparando os núcleos rurais tradicionais cos núcleos urbanos.

Aínda que dende o BNG apoiamos todas as iniciativas veciñais destinadas a dar unha solución definitiva á problemática que ten ocasionado a aplicación da Lei de Costas de 1988, sempre defendemos a vía política para solucionar este problema. Coa aprobación desta lei ábrese esa vía, que por primeira vez se pon en marcha dende o goberno galego, por medio dunha norma con rango de lei.

Deste xeito toda a veciñanza afectada terán unha nova oportunidade de reabrir o proceso para que a Xunta declare a súa existencia como núcleo consolidado antes da aprobación da Lei de Costas, no 1988, co que a liña de servidume reducirase dos cen aos vinte metros.

En todo caso, temos que insistir en que esta modificación ten por obxectivo solucionar o problema das persoas afectados para poder realizar obras nas súas vivendas unifamiliares mantendo esa tipoloxía de edificación e, en ningún caso, abrirá a porta á construción masiva no litoral.

Por último, temos que criticar a postura do Partido Popular que segue apostando pola modificación da lei de costas en lugar de pola aplicación efectiva das competencias autonómicas en materia de urbanismo. Do mesmo, xeito denunciamos unha vez máis a política de urbanismo salvaxe, especulativo e escuro do PP de Ribeira, da que temos sobrados exemplos por todo o Concello.

Lei de Vivenda de Galiza:
lei-de-vivenda-de-galiza.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
A lei de vivenda abre unha nova vía para os núcleos rurais afectados por Costas

Nova na Voz:
O BNG di que a Lei de Vivenda abre a porta á salvación dos Areeiros, Cabo e Escarabote

A Barbanza na candidatura das Autonómicas 2009

O Consello Nacional ven de aprobar as candidaturas para as galegas, nas que a Voceira do BNG de Ribeira, Dominga Brión, ocupa o posto 8 pola Coruña e na que tamén figura Dores Torrado, concelleira no goberno de Boiro. Ámbalas dúas candidatas xa obtiveran o respaldo unánime da Asemblea da Barbanza

O Consello Nacional do BNG aprobou as listas e o programa para as vindeiras eleccións autonómicas. As candidaturas nacionalistas irán encabezadas por Anxo Quintana (A Coruña), Teresa Táboas (Pontevedra), Fernando Blanco (Lugo) e Alfredo Suárez Canal (Ourense). Ana Pontón será número dous pola Coruña. A proposta definitiva da executiva foi aprobada por un amplísima maioría ao igual que o programa electoral.

Segundo Quintana, as listas do BNG “son froito dun proceso democrático, de participación, no que os militantes, as compañeiras e compañeiras son os protagonistas da decisión”. “Foi un proceso con grande participación nas comarcas, e finalmente estas candidaturas foron aprobadas con case o 85% de votos afirmativos no Consello Nacional”.

Listas electorais do BNG:
listas-electorais-bng.pdf

Condenamos o ataque israelí contra Gaza, en Palestina

Concentración pola Paz en Palestina Concentración pola Paz en Palestina Concentración pola Paz en Palestina

O BNG de Ribeira participou na concentración celebrada hoxe na Praza do Concello para reclamar Paz en Palestina

Ademais, por medio dunha iniciativa municipal, condena o ataque israelí contra a franxa de Gaza, en Palestina. Ao mesmo tempo quer manifestar a súa solidariedade co pobo de Palestina, facer un chamamento a que se deteña inmediatamente a agresión contra Gaza, instando ao Estado español e comunidade internacional a condenar os ataques e impoñendo ao Estado de Israel condenas diplomáticas e comerciais.

Nos últimos días o exército de Israel ten bombardeado e invadida a franxa de Gaza, en Palestina, provocando centos de vítimas, maioritariamente nenos, nenas e mulleres, sen contar os centos de feridos e feridas de carácter grave.

Este ataque é un crime de guerra que aparece como colofón de máis dun ano de bloqueo do Estado de Israel contra o pobo de Gaza, que xa provocara unha grave crise humanitaria, e as súas vítimas súmanse aos máis de 5.000 palestinos mortos desde setembro do ano 2000, en que empezou a rebelión contra o Estado israelí na coñecida como Segunda Intifada, e onde tamén morreron máis de 900 nenos e nenas.

Consecuentemente, o BNG en solidariedade co pobo de Palestina, quere solicitar a aprobación por parte do Pleno da Corporación dos seguintes acordos:

1. Rexeitar os bombardeos e invasión levados a cabo polo exército de Israel, que evidencian o colofón da blocaxe perpetrada polo Estado israelí contra o pobo de Gaza, en Palestina, constituíndo un crime de guerra.

2. Transmitir a solidariedade e apoio á representación do pobo de Palestina en Galiza.

3. Remitir cadanseu escrito de condena ao Presidente e Vicepresidente da Xunta de Galiza, Presidente do Goberno español, Ministerio de Asuntos Exteriores e Embaixada de Israel, coa petición de que o Estado español suspenda as relacións diplomáticas e económicas co Estado de Israel até que non se poña fin á agresión militar, invasión e blocaxe que está a perpetrar na franxa de Gaza, en Palestina.

4. Solicitar, así mesmo, que o Estado español inste oficialmente ao cumprimento das reiteradas resolucións da ONU relativas á retirada do Estado de Israel dos territorios ocupados; ao tempo que se demanda, no marco das Nacións Unidas, o envío inmediato dunha misión de observación e interposición co fin de garantir a fin da blocaxe e da agresión militar.

Iniciativa Municipal:
condena-ataque-israeli-a-gaza.pdf

Iniciativa Parlamentar:
2008-12-30-proposicion-non-de-lei-condenando-o-ataque-israeli-a-gaza.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
A comarca do Barbanza mobilízase para esixir a paz en Gaza

Nova na Voz:
O BNG ribeirense presenta unha iniciativa plenaria de apoio ao pobo palestino

Xarás poderá contar con Internet de banda larga

Polígono de Xarás

O BNG fixo as xestións necesarias diante da Consellaría de Innovación e Industria para que o Polígono de Xarás e arredores dispoñan de acceso á internet de banda larga de calidade, mediante o sistema Wimax

Por tal motivo, ven de solicitar do Goberno do PP que poña a dispor de Industria os terreos precisos para a instalación do equipamento da rede sen fíos a fin de dotar a Xarás deste servizo

Nas sociedades actuais o auxe tecnolóxico é un feito que se produce con enorme rapidez e ten unhas consecuencias en todas as ordes de gran calado. Os cambios e as innovacións danse cada vez máis á presa no terreo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) modificando xeitos de vida, relacións produtivas e mesmo determinando novos modelos de desenvolvemento económico. O xeito en que un país asuma eses trocos tecnolóxicos e sexa quen de integrarse na chamada Sociedade da Información será decisivo para que o nivel social e económico poida aproveitarse das posibilidades que esta abre.

Hoxe aínda existen múltiples barreiras derivadas de factores sociais e económicos que debemos superar para asegurar a participación en igualdade de condicións de toda a cidadanía na sociedade da información. Para salvar a chamada fenda dixital existente é imprescindíbel a cooperación entre as administracións e as institucións e as empresas e profesionais dos sectores implicados.

A Consellería de Innovación e Industria puxo en marcha o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información 2007-2010 (PRGSI). Este plano pretende contribuír ao desenvolvemento sustentábel do país, compatibilizando o crecemento económico coa creación de emprego de calidade, xerando un maior benestar, igualdade e cohesión social. O PEGSI ten previsto un investimento de máis de 800 millóns de euros, para o período 2007-2010, dos que case 675 millóns corresponden aos fondos xestionados pola Xunta de Galiza.

No marco deste plan consideramos prioritario que se dote ao Polígono Industrial de Xarás da infraestrutura de telecomunicación do sistema Wimax, para o acceso á internet de banda larga de calidade.

Iniciativa municipal:
2008-12-22-wimax-xaras.pdf

Solicitamos información das obras na Casa de Cultura de Carreira

O BNG de Ribeira reclámalle ao Goberno Municipal do PP que se xustifiquen os investimentos que se levaron a cabo no acondicionamento da Casa da Cultura de Carreira

Tamén solicita que se vele polo correcto remate desas obras e que se conclúan as actuacións prometidas que quedaron sen executar

A Casa da Cultura de Carreira tiña previsto, por parte do Concello, un investimento para acondicionar as súas instalacións. Estas actuacións incluían o arranxo da cuberta, a dotación dun salón de actos e un cambio de portas e ventás, entre outras. Xa fai tempo que estas obras se deron por rematadas pero a cuberta non se chegou a cambiar, o chan ten a tarima que se lle colocou totalmente levantada e as fiestras meten auga por todas partes. O salón de actos que se fixo consiste nun biombo divisorio que separa o bar dun espazo diáfano, e que non da cobertura as necesidades reais da veciñanza.

A actitude que esta a ter o Goberno do PP perante os veciños e veciñas so pode cualificarse de burla e desprezo. As xentes da parroquia seguen sen ter un espazo para reunirse, sen ter un lugar onde realizar actividades e sen poder celebrar as actividades do Nadal na propia parroquia, simplemente porque foron privados do espazo onde poder facelo, e non se lles habilitou outro ao efecto tal e como se lles prometeu.

Para o BNG, feitos como este poñen de manifesto, unha vez máis, o escaso interese pola cultura deste Goberno popular e, ao mesmo tempo, o constante incumprimento dos compromisos que acada do que, en ámbolos dou casos, é boa mostra a situación na que se atopa a Casa de Cultura de Carreira.

Iniciativa municipal:
2008-12-07_obras_casa_cultura_carreira.pdf

Interesámonos polas subas das tarifas eléctricas

O portavoz do BNG en materia de Industria e Enerxía, Fernando Blanco Parga, denuncia o forte incremento que se producíu nas tarifas eléctricas despois da suba que entrou en vigor este 1 de xaneiro.

Tal e como lembra Blanco Parga, a final de 2008, o Ministerio de Industria aprobou unha nova e forte suba das tarifas eléctricas, “particularmente importante no referido á tarifa de discriminación horaria e, máis en concreto, na que se refire ás horas val das tarifas de discriminación horaria”.

Máis información…

Homenaxe a Castelao no seu 59 cabodano

O candidato do BNG apelou, durante a homenaxe a Castelao, á maioría social que “sabe que o BNG é o mellor instrumento para a defensa dos intereses do noso país”

O acto congregou en Rianxo a un importante número de nacionalistas, cargos institucionais e orgánicos do BNG da Barbanza e do País, entre os que se atopaban a voceira municipal de Ribeira, Dominga Brión, o alcalde de Boiro, Xosé Deira, a voceira da Pobra e Deputada provincial, Rosana Pérez, e a portavoz municipal de Rianxo, Adelina Ces, que se encargou da presentación do acto. Na súa intervención tivo palabras de recordo para os traballadores e traballadoras afectadas pola crise “ocasionada polo capitalismo máis salvaxe”.

Así mesmo, recordou a actuación das áreas do goberno galego xestionadas polo BNG: en concreto, a creación do parque empresarial da Barbanza e a rehabilitación do Casco Vello de Rianxo.

Tras os discursos, Quintana e Adelina Ces, acompañados de numerosos representantes orgánicos e institucionais do BNG, realizaron a tradicional ofrenda floral ante a estatua de Castelao.

Máis información…

Nova no Canal Rías Baixas:
Quintana fai un chamamento ós galegos para incrementa-lo peso do BNG na política estatal

Nova na Galega:
O BNG homenaxea a Castelao no 59 cabodano do seu pasamento

O BNG homenaxeará a Castelao en Rianxo

Homenaxe a Castelao Quintana, Jorquera e Adelina Ces

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, achegarase este mércores, día 7 de xaneiro ás 11,00 horas, á Casa da Cultura de Rianxo para rendir homenaxe a Daniel Castelao no 59 cabodano do seu pasamento.

O acto, organizado polo BNG, será presentado por Adelina Ces, voceira municipal do BNG de Rianxo. Posteriormente as persoas asistentes realizaran un percorrido polas rúas da vila, pasando pola Rúa de Abaixo, onde están as casas de ilustres rianxeiros como a do propio Castelao, Dieste e Manuel Antonio. O acto rematará coa tradicional ofrenda floral diante do busto de Castelao no Paseo da Ribeira.