BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xaneiro 25th, 2009:

Pleno de Xaneiro

Pleno de xaneiro 08

Na sesión plenaria do vindeiro luns, día 26 de xaneiro, debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e un bo número de solicitudes, as que hai que engadirlle as pendentes de Plenos anteriores que non se trataron por falta de tempo. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Pulsa enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Reclamamos o arranxo da Praza dos Muiños
2.- Demandamos un plan de fomento do transporte público
3.- Interesámonos polo estado da rede de sumidoiros
4.- Reclamamos a dotación dun pavillón polideportivo cuberto en Carreira
5.- Demandamos a aplicación da Lei de Memoria Histórica
6.- Solicitamos que se poñan a dispor de Industria os terreos instalar Wimax en Xarás

Rexeitamos o cultivo de millo tranxénico

O BNG, por medio dunha iniciativa municipal, solicitoulle ao Goberno Municipal que se dirixa ao Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño para manifestarlle o rexeitamento a experimentos con organismos xeneticamente modificados no ámbito do noso concello

Recentemente ten transcendido a través dos medios de comunicación a intención de determinadas empresas agroquímicas de solicitar do Ministerio de Medio Ambiente Medio Rural e Mariño a realización de ensaios de cultivo de determinadas variedades de millo modificado xeneticamente, concretamente da NK603 x MON 819. Segundo informacións do mesmo Ministerio, ensaios coma estes xa se teñen autorizado no concello de Ribeira nos anos 2006, 2007 e 2008. É polo tanto comprensible a sorpresa que tal nova causou entre parte da poboación preocupada polas incertezas que rodean a este tipo de cultivos e que a propia Comisión Estatal de Bioseguridade recoñece.

Debemos ter en conta que este tipo de cultivos, lonxe dun beneficio, supón un claro prexuízo para a economía do noso concello que ten entre os seus principais valores a calidade e orixinalidade dos seus produtos naturais co que eso significa para o sector turístico, de restauración, imaxe exterior etc.

Hai que apuntar tamén que este tipo de cultivos, de ubicación descoñecida, supón un risco de contaminación das variedades tradicionais de millo galego que se poidan cultivar nas parcelas lindeiras, risco máis difícil de controlar no caso dunha importante fragmentación das parcelas como acontece no noso concello e no noso país. Neste sentido, e compartindo o sentir de moitos cidadáns e organizacións de defensa dos dereitos dos consumidores, o Parlamento Galego aprobou recentemente unha declaración unánime de rexeitamento deste tipo de cultivos no noso país sumándose a actuacións similares que xa teñen feito outras comunidades e concellos de Galiza e do estado español.

Asombra comprobar a pasividade do Goberno do PP de Ribeira que, unha vez máis, demostra actuar de floreiro cando se trata de defender posicións de rexeitamento a estes experimentos compartidas pola maioría da cidadanía como demostran as manifestacións realizadas e diferentes ámbitos como asociacións de consumidores, concellos ou o propio Parlamento Galego recentemente.

Iniciativa municipal:
2008-12-09-transgenicos.pdf