BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xaneiro 24th, 2009:

Cheiros en Ribeira: O Goberno do PP engana á cidadanía

Os recentes, e reiterados, episodios de cheiros no centro de Ribeira veñen poñer de manifesto que o actual goberno do PP de Ribeira se descobre como absolutamente incapaz de dar solución a este gravísimo problema. Pero é que, ademais, os acontecementos demostran que está a enganar á cidadanía.

O BNG presentara en outubro de 2007 unha proposta, perfectamente asumible, para a realización dun estudo sobre o problema dos cheiros en Ribeira: o PP rexeitouna. Cando en Maio de 2008 se volven repetir os problemas, o Grupo de Goberno “anuncia” en prensa o encargo “a unha empresa especializada” dun estudo sobre os cheiros en Ribeira. Xa o BNG criticara daquela unha actuación que nos parecía fume e que así foi como nos demostran os acontecementos máis recentes.

Os últimos cheiros que se producen en Ribeira, cas mesmas características que os precedentes, volven provocar a cada vez máis intensa protesta da cidadanía que, cada vez máis escéptica perante este desgoberno, escoita do seu goberno que “vai encargar un estudo sobre a orixe dos cheiros e a súa solución a unha empresa especializada”.

Esta resposta do goberno do PP parécenos un insulto á intelixencia da cidadanía. Por que non se aceptou a proposta inicial do BNG? Porque non se cumpriu o compromiso de realizar o primeiro estudo anunciado? Por que despois de tantos anos de cheiros en Ribeira estamos exactamente na mesma situación? Que intereses defende o Goberno do PP de Ribeira? Os dos seus cidadáns e cidadás non, obviamente.