BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xaneiro, 2009:

O Alcalde de Outes aplaude a xestión de Vicepresidencia

Quintana e Crespo

Clica na imaxe para ver o vídeo

A diferenza de Torres Colomer, Alcalde de Ribeira, Carlos López Crespo, Alcalde de Outes (PP), aplaude a xestión de Vicepresidencia no centro de día de Outes. Considera que a xestión é a adecuada e conclúe a súa intervención decindo: “... os puestos para quen os seipa desempeñar. Siga nese empeño e aquí ten un solar de 100 Km cuadrados para que vostede desarrolle toda a sua actividade política que queira”.

Isto significa que mentres a cidadanía de Outes e doutros concellos da bisbarra e do país poden desfrutar dun servizo tan importante como son os centros de día, o goberno do PP de Ribeira non fai máis que poñer atrancos á construción dun ascensor que dea accesibilidade ao centro de día de Ribeira que leva varios anos listo, esperando esta obra para poñelo ao servizo dos veciños e veciñas.

A falta de xestión deste goberno diante doutras administracións, cando non a confrontación directa e mesmo o boicot, supón a perda de investimentos e de dotación de servizos á cidadanía de Ribeira. De feito non dubidaron en rexeitar a dotación de servizos xestionados polo BNG, como é o caso da Galescola, que decidiron que non era necesaria a pesar de que as estatísticas din o contrario, e que foi solicitada por asociacións como a das Amas de Casa; ou dos locais de ensaio, que optan por facelo con diñeiro municipal, renunciando a unha partida de máis de 120.000 € que Vicepresidencia poñía ao dispor da cidadanía de Ribeira.

Asemade, lévanse perdidos máis de 85.000€ do Programa ANTA de Vicepresidencia (para subvencionar o transporte adaptado). A falta de compromiso político tamén se visualiza nos preto de 50.000€ da axuda no fogar que tiveron que devolver por falta de xustificación, ou na carencia de servizos novidosos ás persoas maiores que existen noutros concellos e dos que carecemos en Ribeira como, por exemplo, o servizo de catering.

En ruta co 065

Anxo Quintana fixo un percorrido para acompañar un vehículo do 065, o transporte adaptado que leva as persoas maiores até os centros de día, que neste caso era o de Outes. Alí comprobou o bo funcionamento deste servizo, que hoxe conta con 44 vehículos e dá cobertura a 130 concellos con 22.000 usuarios potenciais, e que se estenderá ata chegar a 122 coches que darán cobertura a 100.000 usuarios. Nada sería posíbel sen a colaboración dos concellos coa Vicepresidencia.

Entrevista a Carlos Aymerich en A Nosa Terra Dixital

Aymerich: ‘O PSOE ofrecía amañar o concurso eólico’

Aymerich marca distancias co socio de goberno a un mes da campaña. En particular critica a Manuel Vázquez, a quen lle lembra que ‘tivo catro anos para ampliar a Rede Natura, pero pasoulle como co saneamento das rías, non o deu feito, estaría ocupado non seus negocios’. Tamén denuncia ‘unha rede con 100 axentes electorais e cinco liberados do PSOE’ na Arxentina.

Máis información…

O PP non se comprometeu co arranxo da Praza dos Muiños

A veciñanza reclama o arranxo da Praza dos Muiños

No Pleno do pasado luns o Partido Popular volveu a amosar a súa verdadeira faciana deixando ao descuberto a falla de compromiso para solventar os problemas da cidadanía de Ribeira. Ningunha das tres iniciativas do BNG debatidas foi apoiada polo goberno do PP. Alegando que “xa están niso” ou outras escusas do máis incoherente, votaron en contra de todas e cada unha das iniciativas do BNG, que si contaron co respaldo do resto dos grupos municipais.

Así, o PP rexeitou a moción pola que demandamos un plan de fomento do transporte público. Tampouco mereceu o seu apoio un tema de tanta actualidade como é o estado da rede de sumidoiros. O outro dos temas cos que o goberno non quixo comprometerse foi co arranxo da Praza dos Muiños. O alcalde limitouse a decir “a capa asfáltica non se pode botar con este tempo”.

A Praza dos Muiños é un espazo público de preto de 2.000 metros cadrados a carón do propio Concello, que a veciñanza leva preto de 20 anos agardando que lle acondicionen. O propio Alcalde recoñeceu que a praza está desafectada dende o ano 2003, polo tanto, hai 5 anos que ese espazo é público sen que o goberno do PP fixera nada até o momento para mellorar o seu estado e dotar á veciñanza e a toda a cidadanía de Ribeira dun espazo de ocio.

No balbordo da campaña electoral das últimas eleccións municipais o Alcalde anunciou a bombo e platillo “un proxecto de luxo para a Praza dos Muiños”. Dous anos despois, lonxe de cumprir o seu compromiso, o “proxecto de luxo” resultou ser un proxecto de lixo, inseguranza e problemas para a cidadanía.

Consideramos unha grave irresponsabilidade ter unha praza como esta, pola que transitan moitas persoas, nomeadamente nenos e nenas de 0 a 3 anos dunha gardería alí existente, en tan mal estado durante tanto tempo. O neglixente coidado do público que práctica o PP pon ao descuberto os verdadeiros intereses que defende este goberno: mentres aquí ten 2.000 metros cadrados sumidos no abandono, a escusa de ampliar en 41 metros cadrados a vía pública noutro lado válelles para dilapidar 3.000 metros cadrados de edificabilidade do noso patrimonio.

A iniciativa presentada polo BNG en novembro e debatida o luns, e as 600 sinaturas presentadas pola cidadanía en decembro fixeron que a mediados deste mes aparecera pola praza un traballador para realizar tarefas de limpeza, nunha desas estratexias de cara á galería ás que o PP nos ten acostumados/as. Quince días despois o obreiro segue limpando o proxecto de lixo en que se converteu a anuncio electoral feito polo Alcalde dous anos antes, tan só para xustificar o voto en contra da moción do BNG respaldada por 600 veciñas e veciños de Ribeira.

Nova na Voz:
O PP tirou de maioría para fulminar todas as mocións da oposición de Ribeira
¿Un salón plenario ou un aula de mozos revoltosos?

No Peirao

Xa saleu do prelo o voceiro do BNG de Ribeira, “No Peirao”. Clica na imaxe para velo en PDF. Nel atoparás un resumo do traballo feito por nós. En “Outras Cousas”, “No Peirao”, poderás consultar edicións anteriores.

No Peirao, Xaneiro 2009

Xaneiro de 2009

Pleno de Xaneiro

Pleno de xaneiro 08

Na sesión plenaria do vindeiro luns, día 26 de xaneiro, debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e un bo número de solicitudes, as que hai que engadirlle as pendentes de Plenos anteriores que non se trataron por falta de tempo. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Pulsa enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Reclamamos o arranxo da Praza dos Muiños
2.- Demandamos un plan de fomento do transporte público
3.- Interesámonos polo estado da rede de sumidoiros
4.- Reclamamos a dotación dun pavillón polideportivo cuberto en Carreira
5.- Demandamos a aplicación da Lei de Memoria Histórica
6.- Solicitamos que se poñan a dispor de Industria os terreos instalar Wimax en Xarás

Rexeitamos o cultivo de millo tranxénico

O BNG, por medio dunha iniciativa municipal, solicitoulle ao Goberno Municipal que se dirixa ao Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño para manifestarlle o rexeitamento a experimentos con organismos xeneticamente modificados no ámbito do noso concello

Recentemente ten transcendido a través dos medios de comunicación a intención de determinadas empresas agroquímicas de solicitar do Ministerio de Medio Ambiente Medio Rural e Mariño a realización de ensaios de cultivo de determinadas variedades de millo modificado xeneticamente, concretamente da NK603 x MON 819. Segundo informacións do mesmo Ministerio, ensaios coma estes xa se teñen autorizado no concello de Ribeira nos anos 2006, 2007 e 2008. É polo tanto comprensible a sorpresa que tal nova causou entre parte da poboación preocupada polas incertezas que rodean a este tipo de cultivos e que a propia Comisión Estatal de Bioseguridade recoñece.

Debemos ter en conta que este tipo de cultivos, lonxe dun beneficio, supón un claro prexuízo para a economía do noso concello que ten entre os seus principais valores a calidade e orixinalidade dos seus produtos naturais co que eso significa para o sector turístico, de restauración, imaxe exterior etc.

Hai que apuntar tamén que este tipo de cultivos, de ubicación descoñecida, supón un risco de contaminación das variedades tradicionais de millo galego que se poidan cultivar nas parcelas lindeiras, risco máis difícil de controlar no caso dunha importante fragmentación das parcelas como acontece no noso concello e no noso país. Neste sentido, e compartindo o sentir de moitos cidadáns e organizacións de defensa dos dereitos dos consumidores, o Parlamento Galego aprobou recentemente unha declaración unánime de rexeitamento deste tipo de cultivos no noso país sumándose a actuacións similares que xa teñen feito outras comunidades e concellos de Galiza e do estado español.

Asombra comprobar a pasividade do Goberno do PP de Ribeira que, unha vez máis, demostra actuar de floreiro cando se trata de defender posicións de rexeitamento a estes experimentos compartidas pola maioría da cidadanía como demostran as manifestacións realizadas e diferentes ámbitos como asociacións de consumidores, concellos ou o propio Parlamento Galego recentemente.

Iniciativa municipal:
2008-12-09-transgenicos.pdf

Cheiros en Ribeira: O Goberno do PP engana á cidadanía

Os recentes, e reiterados, episodios de cheiros no centro de Ribeira veñen poñer de manifesto que o actual goberno do PP de Ribeira se descobre como absolutamente incapaz de dar solución a este gravísimo problema. Pero é que, ademais, os acontecementos demostran que está a enganar á cidadanía.

O BNG presentara en outubro de 2007 unha proposta, perfectamente asumible, para a realización dun estudo sobre o problema dos cheiros en Ribeira: o PP rexeitouna. Cando en Maio de 2008 se volven repetir os problemas, o Grupo de Goberno “anuncia” en prensa o encargo “a unha empresa especializada” dun estudo sobre os cheiros en Ribeira. Xa o BNG criticara daquela unha actuación que nos parecía fume e que así foi como nos demostran os acontecementos máis recentes.

Os últimos cheiros que se producen en Ribeira, cas mesmas características que os precedentes, volven provocar a cada vez máis intensa protesta da cidadanía que, cada vez máis escéptica perante este desgoberno, escoita do seu goberno que “vai encargar un estudo sobre a orixe dos cheiros e a súa solución a unha empresa especializada”.

Esta resposta do goberno do PP parécenos un insulto á intelixencia da cidadanía. Por que non se aceptou a proposta inicial do BNG? Porque non se cumpriu o compromiso de realizar o primeiro estudo anunciado? Por que despois de tantos anos de cheiros en Ribeira estamos exactamente na mesma situación? Que intereses defende o Goberno do PP de Ribeira? Os dos seus cidadáns e cidadás non, obviamente.

Cando se trata de defender este país…

tod@s somos Anxo Quintana

Convención Nacional: Ilusión para acadarmos un resultado histórico

O candidato á presidencia da Xunta do BNG afirma ante un auditorio ateigado por preto de 5.000 persoas que “foi a coraxe do BNG o motor do cambio neste país nos últimos anos”

O portavoz nacional do BNG e candidato á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, asegurou no peche da Convención Nacional Electoral que “o BNG vai ter un resultado histórico o vindeiro 1 de marzo.

A conselleira de Vivenda lembrou a súa condición de filla de emigrantes e asegurou que “os nacionalistas non colleremos as carabelas para ir a por votos a América”

Entrevista a Teresa Táboas en El País

Vídeo en Quin.tv:
Ilusión para acadarmos un resultado histórico

Vivenda protexida: unha necesidade en Ribeira

A necesidade de vivenda protexida de calidade en Ribeira é algo que ninguén pon en dúbida. O incremento do seu prezo nos últimos anos fixo que moita xente, especialmente mozos e mozas, tiveran mesmo que irse a outros concellos a mercar a súa vivenda porque o prezo da mesma en Ribeira estaba, e aínda o está a pesar de crise do sector da construción, por enriba das súas posibilidades.

O proxecto de Plan sectorial de solo de Galiza con destino a vivendas protexidas tiña previsto unha actuación en Ribeira que ascendía a 12,6 millóns de €, dos que 8,5 millóns de euros se destinarían á adquisición do solo e a indemnizacións e 3,6 á urbanización. O emprazamento de Coroso, proposto polo alcalde “por consideralo o máis idóneo”, tal como nos informou en Xunta de Voceiras/os de 7 de agosto de 2008, foi rexeitado polos propietarios e propietarias do solo. A Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, comprometeuse comigo a que non levaría a cabo ningunha actuación sen o consentimento dos seus propietarios. Polo tanto, queda descartada a reserva de solo de Coroso de 100.862 m2 na que se pretendían construír 402 vivendas, das que 328 son protexidas.

Chegados a este punto, se concordamos que é importante que en Ribeira se constrúa vivenda protexida de calidade, descartado o emprazamento de Coroso, parécenos que o Goberno Municipal ten a obriga de buscar alternativas de solo, mesmo con aportación de chan municipal se fose necesario e, en todo caso, consensuando cos propietarios e propietarias unhas condicións atractivas. Isto permitiría que non se perda no noso Concello un importante investimento para a dotación de vivenda a prezo taxado, coa conseguinte xeración de emprego e revitalización da economía local.