BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Decembro, 2008:

Reclamamos melloras nos campos de fútbol da Fieiteira

Campo de herba artificial da Fieiteira

O BNG ven de presentar unha iniciativa pola que lle reclama ao Goberno do PP que tome as medidas oportunas para mellorar as instalacións deportivas dos campos de fútbol da Fieiteira

O BNG leva interesándose, a través de numerosas solicitudes ao Pleno do Concello de Ribeira, sobre a posta en marcha e mellora das instalacións deportivas do concello de Ribeira e máis concretamente dos campos de fútbol da Fieiteira.

Aínda non pasou un ano dende que se entregou o campo de céspede sintético da Fieiteira e hai numerosos desperfectos ou melloras que se deberían acometer.

Os clubs e deportistas de Ribeira, coñecedores de primeira man do estado das instalacións, achéganse ao BNG a dar conta de numerosas eivas que presentan estas instalacións. Ante isto o BNG asume estas demandas e as traslada ao Pleno e Comisión de Goberno do noso concello. Son as seguintes:

1º) Os banquillos que se fixeron non campo de céspede artificial son de bloques de cor branco e uralita, dando unha imaxe estética non acorde a unha instalación nova como é esta. Asemade ao ser deste material impide que o público, que se sitúa detrás, poida ver os partidos. Ademais a barandilla perimetral do campo está entre o céspede e os banquillos, impedindo o acceso normal ao terro de xogo dos e das deportistas. Estes banquilllos deberían ser de metacrilato, tal como se instalan en todos os campos de nova creación.

2º) Estase construíndo unha cuberta para abrigar ao público da chuvia. Esta cuberta está situada sobre os banquillos antes descritos e ten unha altura de 3 metros na parte máis alta e de 2,50 metros na máis. Ao ser tan baixa non permite instalar unha pequena grada e o público deberá quedar de pé. Ademais parte desta cuberta non será útil xa que os banquillos impiden a visibilidade do terreo de xogo. Esta cuberta debería ser máis alta, para poder facer unha pequena grada, e estar en dous tramos, a ambos lados dos banquillos, para que os e as espectadoras poidan estar abrigados/as, cómodos/as mentres ven a competición deportiva.

3º) O desaugue das augas pluviais que está no perímetro do terreo de xogo non é suficiente e prodúcense numerosas pozas os días de chuvia que imposibilita o acceso aos vestiarios sen mollarse. Deberíanse facer máis desaugues nos lugares onde se empoza a auga.

4º) Medra unha grande cantidade de maleza (toxos e demais vexetación) nalgúns dos laterais do recinto deportivo dificultando o acceso cando se teñen que recoller balóns. Instamos ao goberno local a que desbroce eses laterais como medida inminente e que lle busque unha solución definitiva ao problema.

5º) A perda dos balóns é unha constante por parte dos clubs que alí entrenan xa que non se instalaron unhas redes que eviten que salgan os balóns fóra. Sendo de especial preocupación o lado de sur xa que hai un gran terraplén que pode ser un risco para a rapazada que acude a adestrar. Instamos aos responsables municipais a que instalen de xeito inmediato as redes que se mercaron hai meses para tal efecto.

6º) Especialmente lamentable, e motivo de vergonza para o noso concello, debería ser o feito de que a auga quente das duchas dos vestiarios do campo non chegue para que os deportistas poidan asearse como é debido. Pedimos ao goberno local que busque unha solución a este avergoñante problema acorde aos vestiarios e usuarios/as que ten esta instalación.

7º) A instalación deportiva ten numerosos usuarios/as, sobre todo rapaces/zas pequenos/as que van acompañados das súas familias dende as 18 horas ata case as 23 horas de xeito cotiá. A cantina do campo permanece pechada o que imposibilida que as familias e espectadores poidan ir aos baños. Solicitamos que abran a cantina ou que habiliten un acceso para os baños nos horarios de adestramento.

8º) As porterías de fútbol sete que hai no campo non están homologadas ao non ter dimensións regulamentadas. Instamos a que se adecúen estas porterías as dimensións estándar e que se habilite algún mecanismo (poñerlle rodas, etc.) para facilitar o seu desprazamento.

9º) A limpeza do recinto é bastante deficiente. Deberíase limpar mellor e instalar papeleiras.

10º) Asemade non existe un adecuado mantemento do céspede no campo de herba natural o que deteriora rapidamente o campo. Instamos ao goberno local a que dé as ordes oportunas para que se manteña de xeito adecuado esta instalación.

11º) No campo do herba natural existen uns vestiarios que levan máis de 6 anos rematados e acondicionados e aínda non se poden utilizar. Nestes, ao estar pechados, están podrecendo as portas. Solicitamos ao grupo de goberno local que axilice os trámites pertinentes para poñer a disposición dos clubs estes vestiarios.

Iniciativa Municipal:
2008-12-18-melloras-campos-futbol-fieiteira.pdf

Nova na Voz:
O BNG pide que se abran os vestiarios do campo de herba artificial da Fieiteira

Solicitamos que se manteña a Caixa de Carreira

Concentración en Carreira

O Grupo Municipal do BNG ven de presentar unha iniciativa solicitándolle ao Goberno Municipal que faga as xestións oportunas perante Caixa Galicia, para que non se peche a oficina que a Entidade ten en Carreira, co obxectivo de evitarlle ao veciños e veciñas da parroquia o perxuizo que lle suporía verse privados deste servizo e do fin social que cumpre esta oficina.

O BNG solidarizase deste xeito coa veciñanza de Carreira e arredores que xa ten amosado o seu rexeitamento ante esta decisión mediante un escrito ao Director da Entidade, acompañado dun número importante de sinaturas, e dunha multitudinaria concentración celebrada no día de hoxe diante da oficina.

Ante o inminente peche da oficina da Caixa Galicia de Campos-Carreira comunicado polo director adxunto de Deseño e Desenvolvemento de negocio, mediante correo ordinario aos usuarios desta oficina, os veciños e veciñas amosaron a desconformidade e malestar cunha decisión que se toma sen telos en conta.

Carreira e unha parroquia con preto de 2500 habitantes, conta coa devandita oficina dende o ano 1984, no seu día foi unha das parroquias mais dinamizadas do Concello de Ribeira e naqueles intres a veciñanza depositou a súa confianza na entidade para gardar os seus aforros: era daquela cando moitos veciños e veciñas que tiñan as contas bancarias noutras entidades se decidían a cambiar para a Caixa Galicia que se instalaba en Carreira, e non se facía por comodidade simplemente, senón coa boa vontade de facer medrar a entidade; se eles ían prestar ese servizo á parroquia, a parroquia agradecíao depositando nesa entidade os seus aforros. Así pasaron os anos e as xentes do lugar afixéronse a ter a Caixa a carón, a desprazarse a mesma a pe e a confiar plenamente nas persoas que alí estaban a traballar.

No escrito que esta entidade remite aos usuarios, falan dun plan de mellora na súa rede, unha mellora que para a veciñanza e un xarro de auga quente. Non se pode entender que prive dun servizo a unhas xentes que no seu día os fixeron medrar e afianzarse.

Agora mesmo, Carreira conta cunha poboación envellecida, onde aos maiores lles resultaría de grande incomodidade ter que desprazarse para facer as xestións que habitualmente fan nesta oficina; asemade, aos negocios dos arredores tamén lle supón un gravísimo trastorno, pois ante calquera xestión de urxencia a realizar, terían que contar sempre co transporte publico ou privado para desprazarse, o que repercutiría moi negativamente nos seus intereses. A Función Social que teñen as Caixas debería contemplar estas inquedanzas, e non permitirlles actuar de xeito que priven a toda unha poboación dun servizo e que dunha vez para sempre deixen de primar os simples intereses económicos.

Iniciativa Municipal:
2008-12-05peche-caixa-galicia-carreira.pdf

Autovía da Barbanza: apertura, sí; inauguración, aínda non

O BNG comarcal da Barbanza non asistirá aos actos inaugurais de apertura da Autovía do Barbanza, aínda que está de acordo coa súa apertura ao tráfico

As moitas deficiencias non solventadas a día de hoxe: a ponte estreita de Ventín, accesos impracticábeis sen repoñer, pistas e camiños inutilizados, inundacións de fincas, derrubes de terras por insuficiencia dos muros de contención, falta de barreiras sonoras, cativa implantación da dobre bionda, entre outras, son motivo abondo para adiar a foto oficial á espera de que a empresa cumpra e acometa o que tamén se comprometeu o responsábel da Dirección Xeral de Obras Públicas de Xunta en sede parlamentar. Consideramos se faltaría ao respecto aos veciños e veciñas afectados desde Ribeira a Dodro participar destes actos protocolarios cando non se cumpriu aínda o comprometido con eles.

Estamos de acordo que se abra ao tráfico esta infraestrutura básica para o desenvolvemento desta bisbarra, unha medida que beneficiará aos moitos vehículos e persoas que circulan por ela e que aliviará a presión dos sufridores veciños da antiga comarcal que padeceron o tránsito mentres se pechou polas obras acometidas. Desde o BNG temos insistido con múltiples iniciativas ao longo todos estes anos para que se materializase este agardado desdobramento dunha vía responsabilidade do Partido Popular que a convertiu en sinónimo de morte e causa de moreas de accidentes polo seu trazado sinuoso e deficiente. Pero as múltiples afectacións veciñais que presenta ao longo de todo o seu trazado a día de hoxe entendemos non xustifica facerse foto ningunha pois resta moito por acometer e traballar para entender rematada a obra por parte da concesionaria.

Por estes motivos o BNG comarcal non participará dos actos inaugurais e seguirá a insistir a carón dos veciños afectados perante a concesionaria e a Consellaría de Política Territorial, Obras Publicas e Transportes a solución a todos os seus problemas. Só entón será para o BNG do Barbanza o momento de felicitarnos todos e todas polo traballo realizado dunha infraestrutura que beneficiará o desenvolvemento xeral e mellorará as potencialidades da comarca. Mentres isto non acontece que circulen os vehículos para alivio da antiga comarcal, mais sen fastos a deshora o luns. A foto oficial e o viño galego poden agardar a que se cumpra o prometido no Parlamento de Galiza e que veciños e veciñas desta bisbarra vexan solventados os problemas que as obras causaron nas súas propiedades.

Máis información:
Respaldo unánime da Corporación á dobre bionda
Solicitamos arranxos na Autovía da Barbanza

Propostas para o Fondo de Investimento Local

O BNG solicita que se convoque un pleno extraordinario para o debate e aprobación das obras que o noso concello debe propoñer para a súa inclusión no denominado Fondo Estatal de Investimento Local destinado a financiar investimentos en proxectos e obras municipais de nova planificación e de execución inmediata.

Incluír dentro da proposta para o denominado Fondo Estatal de Investimento Local as seguintes obras:

- Nova circunvalación para o casco urbano de Ribeira

- Mercado Municipal

- Actuacións integrais en Fondevila, Cruxeiras e no Pombal

- Melloras do tendido eléctrico e dotación de repetidores para a TDT

- Actuacións de mellora no saneamento público

- Construción de polideportivos en Carreira, Palmeira e Castiñeiras

- Actuación integral en Antromatos e Barrosas

- Construción dun campo de fútbol en Artes e arranxo do de Carreira

- Apertura da pista que une Carreira con Vixan e o Vilar

- Completar o saneamento e a dotación de auga en Olveira e Oleiros

- Casa de Cultura en Oleiros e Corrubedo

- Acondicionar varias rúas en Listres, Aguiño

- Dotar a Casa da Cultura de Aguiño de biblioteca e equipos informáticos

- Acondicionar o entorno do Auditorio de Aguiño para espazo de ocio de nenos/as e maiores

Por mor da crise, o goberno do Estado vén de aprobar un fondo adscrito ao Ministerio de Administracións Públicas (MAP) de 8.000 millóns de euros, que se vai repartir proporcionalmente entre todos os concellos do Estado en función da súa poboación. Non ten en conta, por tanto, criterios de dispersión e avellentamento, nin sequera, tendo en conta o obxectivo anunciado do plan, a taxa de desemprego por concello. En concreto a Ribeira correspóndenlle 4,8 millóns de euros.

Segundo o decreto, as obras financiábeis van desde a adecuación, rehabilitación ou mellora de espazos públicos urbanos, á promoción industrial, equipamentos e infraestruturas de servizos básicos nas redes viarias, de saneamento; a construción, adecuación, rehabilitación ou mellora de edificios e equipamentos sociais, culturais e deportivos, até a construción, adecuación, rehabilitación ou mellora da rede de abastecemento de auga potábel e tratamento de augas residuais. Serán en todo caso, obras que non estivesen xa incluídas no orzamento municipal de 2009 e de execución inmediata.

O BNG considera que debe ser o pleno da Corporación municipal quen formule esa proposta de obras e que se debe aproveitar o financiamento derivado deste plan para poñer en marcha actuacións que permitan asentar e mellorar os servizos públicos, desenvolver obras e actuacións para apoiar os nosos sectores económicos básicos e estender e ampliar a rede de servizos sociais, como mellor arma de cubrir as necesidades dos que máis o necesitan en épocas de crise como a que vivimos.

Iniciativa Municipal:
2008-12-12-fondo-investimento-local.pdf

Solicitamos a construción dun campo de fútbol en Artes

O BNG solicita que o Goberno do PP de Ribeira realice as xestións necesarias que permitan a construción dun novo campo de fútbol na parroquia de Artes.

O fomento da actividade deportiva, especialmente entre a mocidade é unha das prioridades que os concellos deben atender para acadar unha mellor calidade de vida da súa poboación. É coñecido o importante esforzo que na parroquia de Artes teñen realizado, desde xa hai moitos anos e de xeito desinteresado, moitas persoas para o mantemento dun equipo de fútbol, o C.D. Artes, que leva a cabo un labor que transcende xa os límites da parroquia e que beneficia á xuventude de todo o concello de Ribeira. O C.D. Artes mantén na actualidade en ficha a máis de 80 xogadores e sostén equipos en catro categorías: alevíns, cadetes, xuvenís e afeccionados.

O C.D. Artes e moitos máis equipos nas competicións e adestramentos utilizan desde hai moitos anos o campo de fútbol de Trumians que se atopa actualmente nun estado de conservación lamentable: cunha moi precaria instalación eléctrica que case impide a utilización de auga quente, cuns vestiarios en pésimas condicións, carente de cerramento exterior en condicións, sen bancada cubertas e cun terreo de xogo case impracticable. Cabe indicar que se aínda é posible utilizar estas instalacións para a práctica do fútbol federado é debido exclusivamente ao esforzo dos propios directivos e colaboradores do Club e ás axudas que eles mesmos xestionan.

Sendo conscientes de que a pésima situación das instalacións de Trumians está en gran parte motivada polas limitacións derivadas da súa situación no interior do Parque Natural de Corrubedo que foi, en todo caso, posterior á construción e cesión ao Club, pensamos que a solución a este grave problema pasa necesariamente polo traslado do campo actual a unha nova ubicación máis acaída.

Iniciativa Municipal:
2008-12-09campo_artes.pdf

Entrevista en Pleno Aberto

Dominga Brión en Pleno Aberto nunha imaxe de arquivo

Hoxe, martes, 9 de decembro, as 11 da noite, emitirase unha entrevista á Voceira Municipal do BNG de Ribeira, Dominga Brión, no programa Pleno Aberto da Tele Salnés-Barbanza. O programa volvese a emitir o mércores, día 10, a partir das 14,30 horas e o vindeiro sábado, día 13 ás 22,30 horas.

En arredor de 20 minutos Dominga Brión fai un breve repaso pola actualidade política de Ribeira.

Solicitamos en Madrid que a fábrica de Castiñeiras pase a patrimonio público

O BNG PRESENTA NO CONGRESO UNHA INICIATIVA PARA QUE COSTAS EXPROPIE OS TERREOS DE CONSERVAS CASTIÑEIRAS

Francisco Jorquera solicita que os terreos pasen a propiedade pública “para evitar a especulación urbanística e garantir o seu uso e desfrute por toda a viciñanza”

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha iniciativa na Cámara Baixa pola que insta á Demarcación de Costas a que expropie os terreos de Conservas Castiñeiras para que pasen a titularidade pública, “evitando así que se poida especular con estes terreos, e garantindo o seu uso e desfrute para toda a viciñanza de Ribeira”.

Francisco Jorquera denuncia “o estado de total abandono” no que se atopa o edificio da fábrica, sen actividade dende hai tempo e no que non existe ningunha media de vixilancia.

“Como consecuencia deste estado de abandono prodúcense importantes molestias para os veciños e veciñas de Castiñeiras: os materiais que se desprenden os días de vento son potencialmente perigosos e poderían causar danos ás persoas e aos vehículos que transitan pola estrada AC-7207 e nas vivendas colindantes”, advirte o deputado do BNG.

Ademais, o parlamentario nacionalista subliña que o lugar que ocupa esta fábrica na praia de O Castro “é unha parcela de 13.600 metros cadrados enormemente atractiva para calquera operación de especulación urbanística, máxime cando o terreo está cualificado como zona urbana non consolidada”.

Neste sentido, Francisco Jorquera lembra que o BNG de Ribeira presentou o pasado 24 de abril unha moción pola que se instaba ao Concello de Ribeira a “realizar as xestións necesarias para que o lugar no que sitúa a fábrica pase a patrimonio público”.

O proxecto presentado polo BNG local é o de construír unha área de lecer público, que incluiría, entre outras dotacións sociais e de esparcemento, un polideportivo ou a construción dun museo relacionado coa industria pesqueira.

Costas pode expropiar os terreos a través do Programa de Adquisición de Fincas no Litoral

Para facer realidade esta iniciativa e garantir o uso público destes terreos, o deputado do BNG insta ao Ministerio de Medio Ambiente, a través da Demarcación de Costas de Galicia, a que “expropie, de forma urxente, os terreos de Conservas Castiñeiras, algo que é posible a través do Programa de Adquisición de Fincas no Litoral Español”.

Por último, e entre outras cuestións, Francisco Jorquera tamén lle solicita ao Goberno que informe das actuacións que realizou o concello de Ribeira ante a Dirección Xeral de Costas en relación cos terreos de Conservas Castiñeiras.

Iniciativa parlamentar:
2008-11-13-conservas-castineiras.pdf

Vista aérea do entorno de Conservas Castiñeiras:
vista-aerea-fabricacastineiras.pdf

Solicitamos a dotación de marquesiñas en Carreira

O BNG ven de solicitar novamente a dotación de marquesiñas nos lugares da Capela e Pé do Corniño o antes posible e que se proceda ao arranxo do resto das marquesiñas distribuídas pola parroquia

Tamén demanda que se realice a sinalización viaria pertinente para incrementar a seguranza nas rúas

Son xa repetidas as ocasións en que o grupo municipal do BNG demanda ao Grupo de Goberno deste concello a colocación de marquesiñas en diversas parroquias e, entre elas, tamén na de Carreira.

Así pois, consideramos urxente e necesaria a colocación ou arranxo de diversas marquesiñas na parroquia de Carreira. Son moitos os rapaces e rapazas que a diario agardan nestes puntos o bus escolar á intemperie, e non so falamos de alumnado de secundaria que van ao Instituto, senón que estamos a falar de nenos e nenas de tres anos que van á escola infantil da Capela, de alumnado de primaria que vai ao colexio do Pe do Corniño, e incluso de persoas maiores que agardan nestes puntos o autobús para desprazarse.

No Pé do Corniño, onde se atopa a escola de primaria, ademais da colocación dunha marquesiña, sería interesante ter algún tipo de sinalización viaria, ben vertical ou horizontal que indique que se debe de reducir a velocidade xa que hai nenos e nenas nas proximidades; tamén debería haber un paso de peóns para que os rapaces e rapazas atravesen a rúa con máis seguranza. Na escola da Capela hai nenos de tres anos que moitas veces agardan o bus sen ter onde resgardarse das inclemencias meteorolóxicas. En ámbolos dous casos hai espazo público onde poden colocarse as devanditas marquesiñas.

Ao longo de toda a parroquia as instalacións deste tipo que están colocadas necesitan de reparacións; algunhas atópanse sen a cuberta, outras sen os laterais e non contan con bancos onde agardar sentados.

Xa iniciado o novo curso escolar, o Grupo de Goberno do Concello de Ribeira debería optar por atender ás demandas da veciñanza, sobre todo cando estamos a falar de nenos e nenas e persoas maiores. Trátase de prioridades, de demandas urxentes que teñen un fácil arranxo e non supoñen un grande esforzo económico para as arcas do municipio.

Iniciativa municipal:
2008-09-01colocacion_marquesinas.pdf

Loita contra a sida

Cea solidaria de Renacer

O BNG de Ribeira non quixo faltar á cea solidaria que, como cada ano, organiza a a asociación antidroga Renacer, coa finalidade de recadar fondos para a súa loita contra a sida.

Así, a portavoz do grupo municipal nacionalista, Dominga Brión (primeira pola dereita), e o Responsábel Local, Xosé Alberto Lorenzo (terceiro pola dereita), participaron neste acto solidario que congregou a unhas 120 persoas que encheron un coñecido restaurante ribeirense o pasado sábado, día 29 de novembro.

Cabe lembrar que a prevención segue sendo a mellor arma na loita contra a sida.

Nova na Voz:
Noite solidaria en Ribeira

Actuación integral en dous lugares de Carreira

O BNG solicitou novamente diante do Goberno do PP unha actuación integral nos lugares de Toxeira de Antromatos e Barrosas, de Carreira, que supoña: a dotación de auga e saneamento; a canalización de pluviais, necesaria para evitar asolagamentos en torno a algunhas vivendas; a pavimentado de todas as pistas; a dotación dos puntos de luz necesarios

En Carreira, concretamente nos lugares de Toxeira de Antromatos e Barrosas, preto da Capela da Guía, hai un nutrido grupo de vivendas, algunhas das cales contan con máis de 50 anos de antigüidade, que non dispoñen de auga e saneamento, a pesar de que chega moi preto das súas casas e de ter solicitado a dotación deste servizo en infinidade de ocasións.

Esta veciñanza pensa que para este Grupo de Goberno hai xente de primeira, segunda e terceira categoría, incluíndoos a eles na última delas. Non poden crer que residindo en pleno centro da parroquia non conten cos servicios que hoxe en día se poden considerar primarios, falamos de auga, saneamento, alumeado público e estradas.

Os accesos ás súas vivendas seguen a ser as pistas sen pavimento, moi deterioradas e que coas choivas do inverno se converten en lodozais intransitables, causando inseguranza incluso para a veciñanza que alí reside.

É tamén necesaria a dotación dalgúns puntos de luz, así como a canalización de augas pluviais que impidan o asolagamento en torno a algunhas vivendas.

Iniciativa municipal:
2008-09-01actuacion_integral_nas_barrosas.pdf