BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Novembro, 2008:

Que se manteña a ubicación do bar da Casa da Xuventude

O BNG reclámalle ao Goberno do PP de Ribeira que tome as medidas oportunas para que se manteña a ubicación orixinal do bar da Casa da Xuventude

A chamada Casa da Xuventude de Ribeira estase construíndo no barrio de Abesadas. Este é un equipamento para o que, dende o BNG, solicitamos reiteradamente a súa execución e adaptación ás necesidades da mocidade ribeirense.

Na actualidade, próxima á Casa da Xuventude, estanse construíndo os cimentos dunha pequena edificación anexa que non aparece recollida no proxecto orixinal. Ao parecer, según información dos servizos técnicos municipais, trátase do bar da Casa da Xuventude que no proxecto orixinal aparecía noutra ubicación distinta. Neste momento estanse construíndo a cimentación desta edificación moi próxima a un edifico de vivendas que ten un supermecado no seu baixo.

Tal como se está facendo, esta construción vai a estar situada a 2,70 metros da parede do edificio e a só 1,70 metros do voadizo do mesmo, quedando así moi preto das vivendas.

A veciñanza non está dacordo con que esta edificación se sitúe tan preto das vivendas xa que poderían darse situacións de risco para a seguridade dos mesmos.

Iniciativa Municipal:
2008-11-15-modificacion_construcion_casa_xuventude.pdf

Solicitamos no congreso a retirada dos postes de telégrafos

O BNG SOLICITA NO CONGRESO QUE CORREOS “ARRANXE DE FORMA URXENTEA SITUACIÓN DO SEU TENDIDO DE POSTES DAS RÚAS DE PALMEIRA

Francisco Jorquera demándalle tamén ao Goberno que Correos “pague de forma inmediata as indemnizacións aos afectados polo accidente do pasado verán”, no que un camión enganchou os cabos e provocou danos en vehículos e nunha casa

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha iniciativa na Cámara Baixa pola que lle demanda a Correos que arranxe “de forma urxente” a situación do seu tendido na avenida de Palmeira (Ribeira).

Francisco Jorquera denuncia que os vellos postes de madeira de Correos e Telégrafos “afean notablemente o entorno urbano, dificultan os tránsito para os peóns pola beirarrúa e supoñen un risco para a seguridade, xa que dificultan gravemente o tránsito de camións cara ao porto e os desfiles de carrozas durante as festas”.

Ante esta situación, o deputado do BNG demándalle ao Goberno que Correos retire os postes da Avenida de Palmeira e que, en caso de ser necesario manter o tendido nesta zona, “se substitúa por un de menor impacto visual, como un tendido canalizado baixo terra”.

“Correos debe pagar de xeito inmediato as indemnizacións polo accidente do pasado verán”

Francisco Jorquera lembra que “a veciñanzas, os partidos políticos e o concello de Ribeira veñen manifestando dende hai anos a súa queixa pola situación deste tendido, sen que Correos e Telégrafos teña feito nada”.

Neste sentido, advirte de que “o pasado verán un camión engarrou nun dos cabos de Correos nesta travesía e botou abaixo catro postes que danaron coches e a solaina dunha casa”.

Sen embargo, a día de hoxe “os afectados polo accidente aínda non percibiron ningunha compensación debido, ao parecer, ás diferenzas entre a empresa aseguradora do camión accidentado e Correos”.

O deputado do BNG considera que “a evidente mala situación do tendido de Correos foi o causante do accidente” e por iso demándalle ao ente postal que “pague con carácter de urxencia as indemnizacións aos afectados”.

Iniciativa Parlamentar:
2008-11-13-postes-correos-palmeira.pdf

Alegamos contra a permuta de Fontán, no Touro

O BNG ven de interpoñer recurso de reposición contra o acordo do Pleno da Corporación, de 29 de setembro de 2008, polo que se aproba a permuta do 10% de aproveitamento urbanístico que lle corresponde ao Concello no Plan Parcial SUZ-4-Fontán co inmoble ruinoso sito na Avda. Xeneral Franco á altura do número 65, solicitando que se dicte unha resolución que revoque e anule o citado acordo plenario

No Pleno Ordinario do pasado 29 de setembro o PP de Ribeira aprobou en solitario unha permuta pola que cambia o 10% da edificabilidade que lle corresponde na urbanización Fontán do Touro por unha edificación ruinosa na Rúa Xeneral Franco coa intención de derrubala para ampliar en 41 m2 unha pequena praza alí existente.

Isto é tremendamente grave porque ese 10% da edificabilidade representa 582 m2 de terciario (en baixos e locais multiusos, sempre necesarios para a prestación de servizos a toda a cidadanía) e 2.390 m2 para a construción de 20 vivendas de protección oficial. Polo tanto, regalar todo isto a cambio de ampliar unha praza en 41 m2 parece, cando menos, un insulto á intelixencia da cidadanía de Ribeira

A lexislación vixente establece a poxa pública como regra xeral de alleamento dos inmobles dos Entes locais, tal como se establece no artigo 112 do Regulamento de Bens das Entidades Locais, aprobado por Real Decreto de 1372/ 1986 (RBEL). A única excepción a esta regra é que no expediente que autorice a permuta queden precisadas e acreditadas as razóns concretas que a fagan aparecer como unha necesidade non simplemente como unha conveniencia.

Consideramos, polo tanto, que non está suficientemente acreditada a necesidade desta permuta. Neste caso parece máis ben que esta permuta se fai pola conveniencia de beneficiar a un poucos en perxuizo de moitos, de toda a cidadanía de Ribeira. Non é entendible que nun momento de crise económica como o que estamos a padecer, á que lle hai que engadir o elevado prezo que dende hai algúns anos ten a vivenda en Ribeira, se priorice a política de permutas en detrimento de políticas sociais como a de dotacións públicas e a construción de vivendas de promoción pública. Así, se o Concello ten dificultade para a edificar estas vivendas só ten que cederlle a edificabilidade á Consellería de Vivenda e Solo para que ela se encargue.

Por outra banda, outra das razóns que se alegan para impugnar o acordo plenario polo que se aprobou a permuta destes 582 m2 de terciario, máis 2.390 m2 de edificabilidade para a construción de 20 vivendas de protección oficial é a valoración da mesma. Parécenos moi grave que a valoración deste ben público se atope moi por debaixo do valor real e de mercado do mesmo. Así os 582 m2 valóranse en 90.210 €, e os 2.390 m2 valóranse en 195.597,60€. En total o valor do 10% da edificabilidade é de tan só 285.807,60€. Mentres, unha casa cunha superficie de chan de 41 m2, e cunha superficie contruida en estado ruinoso de 181 m2, se valora en 221.320,23€. O que aínda nos parece máis grave é que na súa valoración non se teña en conta que está afectada no PXOM de Ribeira practicamente no 50%. A diferencia compénsase entregando ao Concello unha cantidade de 64.487,37€.

Aínda considerando importante crear espazos públicos, entendemos que non pode facerse a calquera prezo. A fórmula que adopta neste caso o goberno do PP é claramente perxudicial para os intereses de Ribeira. Cambiar preto de 3.000 m2 de edificabilidade por unha ampliación de 41 m2 nunha praza e pouco máis de 10 millóns e medio de pesetas parécenos un prezo demasiado alto; un despilfarro de recursos que un goberno responsábel non se debe permitir, e menos en época de crisis. Por esa razón solicitamos que se revoque e anule o devandito acordo plenario.

Recurso Reposición Permuta Fontán:
2008-10-28recurso_reposicion_permuta_fontan.pdf

Reclamamos novamente o arranxo da Praza dos Muiños

Vello cartel do Proxecto da Praza dos MuiñosPraza dos Muiños na actualidade

O BNG de Ribeira reclámalle unha vez máis ao Goberno Municipal do PP que arranxe con urxencia a Praza dos Muiños

Tamén demanda que se adopten de inmediato as medidas de seguranza necesarias para evitar accidentes en tanto non se acometan as devanditas obras

O aspecto que presenta actualmente a Praza dos Muiños, un amplo espazo no centro do casco urbano de Ribeira, é absolutamente lamentábel: o seu entorno está cheo de maleza e a parte central da mesma en canto chove encharcase de auga, converténdose nun lugar tremendamente inseguro para toda a cidadanía, especialmente para os nenos e nenas que teñen que acceder por ela a unha escola infantil alí ubicada. Sen ir máis lonxe, hoxe mesmo unha señora sufriu unha caída que lle provocou unha grave lesión nun ombreiro. Ademais, a falla de impermeabilización desta praza produce importantes filtracións de auga ao garaxe que hai debaixo, ocasionando mesmo danos nos vehículos alí estacionados.

O arranxo da Praza dos Muiños representaría poñer a dispor da cidadanía un amplo espazo público, algo que non abunda no casco urbano. Por esta razón trátase dunha actuación longamente demandada pola veciñanza, que ve como ano tras ano o goberno do PP incumpre sistematicamente as súas promesas de arranxala.

O BNG, recollendo as demandas da veciñanza, presentou unha iniciativa en marzo na que lle reclamaba ao goberno popular que se remataran un bo número de obras que deixou abandonadas na localidade unha empresa que, daquela, suspendeu pagos. Entre elas a Praza dos Muiños.

O Alcalde, en resposta ás preguntas do BNG comprometeuse en sesión plenaria, en máis dunha ocasión, a contratar con outra empresa as obras que quedaron abandonadas. Sen embargo nesta praza, pasado un tempo máis que prudencial, as obras aínda non se retomaron, o que demostra a incapacidade de xestión do goberno de PP, pese a ter unha persoa con dedicación exclusiva para obras. Isto é especialmente grave porque precisamente o abandono das mesmas deixou esta Praza nunha situación moito peor do que estaba antes de que as mesmas se iniciaran.

Solicitamos que se comprobe o Mirador de Cubeliños

Mirador de CubeliñosMirador de Cubeliños

O BNG reclámalle ao Goberno Municipal do PP que dea as ordes oportunas para que os servizos técnicos municipais comproben se a urbanización Mirador de Cubeliños, que se está a construír en Cubeliños, se axusta á licencia concedida polo Xunta de Goberno Local acorde co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribeira, especialmente no tocante a alturas, retranqueos, fondos máximos en planta baixa e plantas de pisos, ocupación e edificabilidade

Tamén solicita que, de non ser así, se proceda á súa paralización inmediata e a restitución da mesma á legalidade vixente

En Cubeliños, a carón da Escola Infantil Municipal de Ribeira estase construíndo un bloque de vivendas denominada “Mirador de Cubeliños”. A ordenanza que regula esta edificación no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) é a 1ª: “Residencial intensiva colectiva en manzana”, destinada ás áreas de chan con alta densidade de poboación.

Nos parámetros de edificación desta ordenanza cabe resaltar que a parcela mínima é de 100 m2, con un frente mínimo de 6 metros. A ocupación máxima é do 100%. O fondo máximo da planta baixa é de 25 m e de 18 m. nas plantas de pisos. Con respecto ás alineacións, a ordenanza establece as definidas nos planos correspondentes, con caracter obrigatorio.

Se analizamos con detenimento o PXOM podemos comprobar o trato privilexiado que ten no mesmo este solar, tendo en conta que está a carón de parcelas reguladas pola ordenanza 6.3B e mesmo de chan rústico. No tocante á construción, polo que se pode apreciar a simple vista, parece que non se cumpren algúns dos parámetros de edificación, xa de por sí privilexiados. Por esa razón o BNG ten recibido queixas tanto da veciñanza máis próxima como da doutros puntos do Concello que non entende como se permite, nese entorno, ese volumen de edificación.

Iniciativa Municipal:
miradorcubelinos.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG pide que se corrixan irregularidades nunha urbanización en Cubeliños

Demandamos solucións para acadar o saneamento integral

O BNG de Ribeira reuníuse coa Asociación Sagres de aguiño para tratar a situación da EDAR de Ribeira

O BNG solicita que se respecte e se faga valer o acordo plenario unánime do día 30 de xullo do 2007 e, ao mesmo tempo, que o Goberno Municipal do PP realice as xestións necesarias diante da Consellería de Medio Ambiente para que Ribeira poida contar canto antes co saneamento integral.

Na tarde de onte a voceira municipal do BNG de Ribeira, Dominga Brión, e os membros do Grupo Municipal Anxeles González Cruxeiras, Ana Álvarez e Luís Teira, acudiron á reunión convocada no Auditorio de Aguiño pola Asociación Sagres. A esta xuntanza asistiron tamén representantes do resto dos grupos municipais.

Neste encontro tratouse durante máis de hora e media sobre a situación na que se atopa neste momento o proxecto da EDAR de Ribeira, elaborado pola Consellería de Medio Ambiente en base á proposta de localización en Pinisqueira que inicialmente acordou a Xunta de Goberno Local do PP en sesión celebrada o 9 de febreiro do 2006.

Dende o BNG manifestámolle a nosa preocupación porque, un ano despois da entrevista mantida co Conselleiro de Medio Ambiente, aínda non se lle remitira formalmente dende o concello a terceira proposta de localización para a EDAR (antes de chegar a Conresa á dereita) presentada na reunión celebrada con él o 25 de outubro de 2007, pese a que o Alcalde sempre afirmara o contrario, a última vez no Pleno ordinario celebrado o pasado 27 de outubro.

Indicámoslle que este feito foi recoñecido polo Alcalde na Xunta de Voceiras/os celebrada o pasado día 4 de novembro, ante a demanda do BNG para que se lle facilitara copia do documento remitido á Consellería de Medio Ambiente. En resposta á nosa insistencia na importancia de efectuar ese envío formal, o alcalde comprometeuse á súa remisión oficial (por escrito, con rexistro de saída), compromiso que tamén ratificou o voceiro do PSOE na reunión celebrada onte.

Tamén lle informamos ás persoas asistentes que o BNG ten presentado sendas iniciativas diante da Xunta de Goberno e do Pleno da Corporación solicitando que se respecte e se faga valer o acordo acadado por unanimidade de toda a Corporación Municipal de Ribeira o día 30 de xullo do 2007 e, ao mesmo tempo, que o Goberno Municipal do PP realice as xestións necesarias diante da Consellería de Medio Ambiente para acadar un entendemento a fin de que o Concello de Ribeira poida contar canto antes co saneamento integral para as súas augas residuais da maneira máis sostíbel e consensuada posíbel.

Por último, temos que lamentar que a representante do grupo popular só se comprometera a darlle traslado ao alcalde do alí ocorrido, pese a insistencia dos membros da Asociación Sagres, do BNG e do resto dos grupos da corporación en ofrecer a súa colaboración e acadar un compromiso conxunto para avanzar na búsqueda de solucións na liña de acadar o saneamento integral para o Concello de Ribeira. Alegando compromisos familiares, a voceira popular dou por rematada a sesión obrigando ao resto dos asistentes a abandonar o lugar da reunión, o Auditorio de Aguiño, ao ser ela mesma a encargada de pechar o local.

Iniciativa Municipal:
2008-10-30edarribeira.pdf

Nova relacionada no Correo Gallego:
Ni la ventanilla única acelera el agónico trámite para la EDAR

Reclamamos un Plan de fomento do transporte público

O BNG de Ribeira ven de presentar unha iniciativa municipal pola que solicita a elaboración dun Plan para promover a utilización do transporte público

Tamén demandamos que se habilite unha partida no orzamento municipal para que este Plan conte, entre outras medidas, coa dotación necesaria para subvencionar os prezos dos billetes de transporte público para pensionistas e alumnado de ensinanzas postobrigatorias

O parque móbil de vehículos de turismo no concello de Ribeira é cada vez maior. Isto conleva problemáticas de distinto tipo como o aumento de contaminación acústica e ambiental. Asemade intensifícase o problema do tráfico pola falta de aparcamentos públicos gratuítos e o colapso que se produce sobre todo nas vías principais e no casco urbano do concello. Estes problemas veríanse minimizados ou incluso eliminados se a cidadanía incrementara a utilización dos medios de transporte público – autobuses – para desprazarse.

Sería necesario un Plan que fomentara o incremento da utilización deste tipo de transporte en detrimento dos vehículos de turismo propios. Este plan debería incluír, entre outras medidas, a reducción dos prezos dos billetes para captación de novos/as usuarios/as.

Os actuais prezos son excesivos especialmente para determinados colectivos como pensionistas –persoas xubiladas, con discapacidades,...-; e rapaces e rapazas que asisten ós IES do concello no ensino postobrigatorio –bacharelato e ciclos formativos de F.P.- que non teñen dereito ó transporte escolar.

Iniciativa Municipal:
2008-10-16-solicitude-transporte.pdf

Solicitamos arranxos na Autovía da Barbanza

Ponte de Ventín

O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento de Galiza, que se debaterá o vindeiro mércores, pola que se reclama á Consellaría de Política Territorial que se arranxen tódas as deficiencias detectadas na autovía da Barbanza

No que respecta ao Concello de Ribeira as deficiencias máis importantes refírense á necesidade de mellorar a ponte de Ventín e de acondicionar os accesos ás fincas particulares, que se atopan cortados ou alterados

A deputada do BNG, Ana Pontón, presentou no Parlamento unha iniciativa a través da cal insta á CPTOP, a darlle unha solución a tódalas deficiencias detectadas ó longo do actual trazado da autovía do Barbanza, a maioría delas referidas á reparación e reposición dos camiños existentes, á restauración dos accesos ás fincas que aínda permanecen cortados ou á previsión de recollida de augas e canalizacións.

Dende o BNG somos conscientes de que esta infraestrutura é de vital importancia para o desenvolvemento da comarca. Aínda así, consideramos que as obras deben executarse, con total garantía, respectando os intereses da veciñanza e prexudicándoos o menos posible. Por esta razón reclamamos a solución urxente dos problemas por parte da empresa concesionaria das obras antes de que rematen os traballos.

Ponte de Ventín

Entre as deficiencias detectadas ó longo de todo o trazado, está a necesidade de mellorar a nova ponte construída na zona de Ventín. Esta ponte sobre a autovía da estrada de Palmeira a Moldes é excesivamente estreita polo que non permite o paso de dous vehículos a par de ancho superior ao dun turismo: furgonetas, camións, etc. É de destacar que esta estrada será un acceso secundario ao futuro parque empresarial da Barbanza.

Hai que lembrar que o BNG volveuse a interesar fai poucos días no Parlamento Galego pola seguranza nesta autovía, reclamando a colocación de sistemas de contención adecuados ás necesidades das e dos motociclistas.

Reclamamos a retirada dos postes da vergoña

Un dos postes da vergoña

O BNG de Ribeira reclámalle ao goberno do PP que inste ás empresas e administracións pertinentes para que se retire os postes que xa non se utilizan ou que están “sementados” polas rúas e beirarrúas do noso concello estorbando o paso de persoas e vehículos.

Dende o BNG de Ribeira temos solicitado xa en numerosas ocasións ao goberno local que tomase as medidas oportunas para que fosen retirados os postes (de electricidade, teléfonos, etc.) que xa non teñen utilidade ou que están situados nas rúas ou beirarrúas.

Nestes días saíu publicado na prensa local o malestar da veciñanza pola presenza de postes, neste caso de telégrafos en Palmeira, situación esta de especial demanda xa que hai tempo que non teñen utilidade.

Os nosos espazos públicos precisan ser seguros para un axeitada circulación vial e sobre todo que non se entorpeza o paso dos/das viandantes.