BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Novembro, 2008:

O PP é incapaz de recoñecer os seus erros

Mentres o BNG non dubida en promover diante do goberno de Ribeira, da Xunta ou do Estado calquera iniciativa que signifique unha mellora na calidade de vida da cidadanía de Ribeira ou mesmo respaldar calquera proposta na mesma liña, proceda de onde proceda, o Goberno do PP de Ribeira é incapaz de recoñecer os seus erros, primeiro paso para poder corrixilos, e só apoian aquelas iniciativas que van dirixidas á Xunta ou ao Estado cando eles non forman parte deses gobernos.

Alegando que “xa están niso” ou que contan “co respaldo dos servizos técnicos”, votan en contra de calquera proposta do BNG e mesmo lles molesta que poñamos enriba da mesa as demandas da cidadanía, sobre todo se poñen en evidencia a súa xestión. Así quedou patente unha vez máis no Pleno Ordinario do pasado 24 de Novembro, no que o PP votou en contra de todas as nosas iniciativas, agás da moción pola que solicitábamos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte a dobre bionda na Autovía da Barbanza.

Estiveron a tempo de rectificar resolvendo favorabelmente o Recurso de Reposición contra a permuta de Fontán, no Touro. Pero non quixeron; seguen na súa teima de dilapidar o patrimonio público para beneficiar a uns poucos en perxuízo de todos e todas. Lembremos que nesta permuta o Goberno do PP cambia 3.000 m2 de edificabilidade para ampliar 41 m2 unha praza.

Tamén rexeitaron a nosa iniciativa pola que reclamamos a protección e recuperación do Peirao Fenicio e na que instamos ao goberno do PP a reparar o deterioro ocasionado polas obras ilegais que o propio Concello fixo ao seu carón, negándose ademais a apoiar a proposta que lle fixemos de xestionar diante dos organismos competentes todas as axudas que estimen oportunas para recuperar este ben de interese cultural.

Na mesma liña, foron incapaces de recoñecer as deficiencias existentes no alumeado público, a pesar de que a intervención do BNG e mesmo as imaxes aportadas durante o debate da iniciativa presentada interesádonos pola situación do alumeado público non deixaron lugar a dúbidas. Se non se recoñecen as eivas dificilmente se poden adoptar as medidas necesarias para arranxar con urxencia todas as deficiencias existentes no alumeado público, co cal, o risco de accidentes, do que xa temos padecido dolorosísimas experiencias en Ribeira, é unha evidencia.

Ao longo das 4 horas que durou o Pleno o PP deu mostras do moito que lle molesta que dende o BNG poñamos en primeiro plano da actualidade política as demandas da cidadanía, como é o caso da moción presentada polo BNG reclamando o arranxo da Praza dos Muiños, que non chegou a debaterse por falta de tempo, pero que dende o BNG puxemos enriba da mesa durante o debate doutros puntos da orde do día, algo que irritou enormemente ao alcalde.

Sen embargo, este goberno do PP non dubida en reclamarlle, sen ningún rubor, a outras administracións ou entidades o que eles mesmos son incapaces de facer como goberno municipal en Ribeira. Nesta liña, o BNG apuntou a situación que padecemos en moitas rúas de Ribeira co seu nome absolutamente ilexíbel, aproveitando o debate dunha moción do PP na que se pedía que na autoestrada AP-9, na saída de Padrón, se incluíse un indicativo de Ribeira. O PP demostra así unha e outra vez que só ve a palla no ollo alleo e é incapaz de ver a “viga” no propio.

Respaldo unánime da Corporación á dobre bionda

A Corporación Municipal de Ribeira respaldou de xeito unánime a iniciativa do BNG pola que solicitaba que o Pleno instara á Conselleria de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte a que dote todo o percorrido da autovía do Barbanza cun sistema de protección de dobre bionda para os moteiros/as que circulen por ela

Máis información sobre esta iniciativa

Nova na Voz:
A corporación reclama que se instale dobre bionda en toda a autovía da Barbanza

Impulso ao aforro enerxético no alumeado do Nadal

O BNG ven de presentar unha iniciativa pola que lle solicita ao Goberno do PP que teña en conta criterios de aforro enerxético á hora da contratación e instalación do alumeado de Nadal coa contratación de sistemas que utilicen tecnoloxías eficientes e de baixo consumo

Directivas europeas e as súas aplicacións normativas estatais e autonómicas veñen demandando a implantación progresiva de medidas de promoción do aforro enerxético nos diferentes servizos públicos. O alumeado público supón non só un importante gasto para as arcas municipais senón tamén unha importante contribución á contaminación atmosférica.

No tempo de Nadal é habitual que o Concello contrate a instalación de alumeado ornamental. É pois unha boa ocasión para que se proceda, á hora da contratación, a seleccionar modelos de alumeado que apliquen tecnoloxías eficientes que supoñan un importante aforro enerxético. O Concello contribuiría tamén, con esta medida, a difundir na poboación o exemplo de que o aforro enerxético é cousa de todos e todas.

Existen no mercado modelos que aplican lámpadas con tecnoloxía LED que, sen menoscabo da calidade estética, supoñen un importante aforro no gasto enerxético e no impacto ambiental conseguinte.

Un hipotético maior custo de aluguer podería perfectamente ser compensado cunha máis racional distribución do tempo de uso e conexión. Isto permitiría tamén incrementar os puntos de ornamentación a máis lugares no rural que estes anos viron anuladas iluminacións que si tiñan anteriormente.

Iniciativa Municipal:
2008-11-25-aforro_enerxetico_nadal.pdf

Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que solicita que se mellore a efectividade das accións contra a violencia de xénero a través da creación de protocolos locais e/ou comarcais que incorporen os recursos sanitarios, sociais, educativos e de seguridade, e que teñan como finalidade axilizar o acceso á atención e aos recursos para as mulleres que padecen a violencia machista

O 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, ten que ser unha data de compromiso dos gobernos co conxunto de organizacións sociais e da cidadanía en xeral para a sensibilización e a actuación respecto do grave problema que constitúe a violencia machista.

É, pois, unha data para a denuncia activa de toda a sociedade en contra da violencia que se exerce contra as mulleres en razón do seu xénero.

Todas, todos, podemos facer algo contra a violencia machista

Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero, os recursos creados para atender as mulleres en situación de violencia de xénero, as campañas de sensibilización e os pasos que se deron para avanzar na consolidación dos dereitos das mulleres son necesarios para loitar contra este fenómeno, mais é necesario optimizar o seu uso e achegalos con maior eficacia ás mulleres.

Por outro lado, a prioridade das accións políticas que se dirixen á atención das mulleres que padecen a violencia machista é tal que non deben verse influídas por conxunturas económicas, antes ben, poñen en evidencia a necesidade de atender con maior eficacia á hora de prestar os recursos, aínda en momentos de crise.

O papel que teñen os Concellos é fundamental, pois desde eles pódese garantir a atención, o acceso aos recursos e a prevención directamente. Así poden constituírse en modelo para todas as veciñas e veciños na actuación eficaz e posta en marcha de políticas de intervención reais e que sexan eficaces á hora de mentalizar na prevención da violencia e actuar coordenada e axilmente ante situacións deste tipo.

Este compromiso é fundamental á vista das cifras de denuncias realizadas e cifras de casos concretos de violencia que en moitas ocasións acaban coa vida das mulleres a mans das súas parellas ou ex-parellas.

É necesario implicar o conxunto da cidadanía, trasladarlle a información actualizada, e corresponsabilizar os axentes sociais para que poidan intervir directamente sobre os casos que se puiderem dar, porque tratándose dun problema de carácter social, imbricado nos valores sociais existentes e cun carácter estrutural, que ten as orixes nas relacións de poder historicamente desiguais entre homes e mulleres, precisa de medidas artelladas desde a propia sociedade.

Temos que construír unha sociedade onde o centro sexan as persoas, sen distinción de sexo, e igualitaria.

É por isto polo que cómpre a implicación de todas as administracións, tamén das municipais, no desenvolvemento de actuacións encamiñadas a previr e paliar esta situación. E son tamén os Concellos quen poden artellar mecanismos de responsabilización e implicación de toda a cidadanía para acabar coa violencia machista.

Iniciativa Municipal:
2008-11-25solicitude25novembro.pdf

Interesámonos pola situación do alumeado público

O BNG ten presentada unha moción pola que solicita que se arranxen urxentemente todas as deficiencias existentes no alumeado público para evitar o risco de accidentes

Na iniciativa municipal tamén se demanda que o Goberno do PP encargue un estudo da situación do alumeado público en todo o Concello e que informe do mesmo á Corporación Municipal

Nos últimos días puidemos comprobar o estado de lamentable abandono no que se atopan as instalacións do alumeado público en diferentes lugares do noso Concello. Non hai máis que dar unha volta pola Avda. de Ferrol, Avda. da Coruña ou a Rúa de Galicia, entre outras, onde hai varias farolas que non teñen as tapas de rexistro das conexións, e están os cables ao alcance de calquera neno/a, podendo provocar un grave accidente. Tamén comprobamos que en Xarás, Sancortes, e no lugar de Sampedro en Palmeira os cuadros eléctricos atópanse sen porta, podéndose acceder a eles con facilidade. Na entrada ó porto da Ameixida, a conexión da acometida é unha verdadeira chapuza, pois á vista están os cables enroscados nun poste de formigón moi deteriorado, podendo provocar en calquera momento unha descarga eléctrica.

O 20 de febreiro do 2007 faleceu un mozo por unha descarga eléctrica que recibiu ao apoiarse nunha farola do alumeado público. Entre outras cousas, o Grupo Municipal do BNG solicitou daquela que se adoptasen as medidas oportunas para que non volveran a suceder accidentes deste tipo.

Preocúpanos e parécenos gravísimo que desde o Goberno do PP non se tomara ningún tipo de medida, e que se lle permita á empresa que ten a concesión do alumeado público ter as instalacións en tan lamentable estado co risco que isto supón de accidente grave, ou mesmo de morte.

Iniciativa Municipal:
2008-10-16alumeado_publico.pdf

Pleno Ordinario de Novembro

Pleno de xaneiro 08

Na sesión plenaria do vindeiro luns, día 24 de novembro, debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e un bo número de solicitudes, as que hai que engadirlle as pendentes de Plenos anteriores que non se trataron por falta de tempo. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Pulsa enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Reclamamos a protección e recuperación do Peirao Fenicio
2.- Solicitamos a dobre bionda na Autovía da Barbanza
3.- Interesámonos pola situación do alumeado público
4.- Reclamamos o arranxo da Praza dos Muiños
5.- Demandamos un plan de fomento do transporte público
6.- Interesámonos polo estado da rede de sumidoiros

Outros temas de interese:
Resolución do Recurso de Reposición contra a permuta de Fontán no Touro: o Goberno do PP cambia 3.000 m2 de edificabilidade por ampliar 41 m2 unha praza.

Interesámonos polo estado da rede de sumidoiros

O BNG de Ribeira ven de presentar unha moción pola que solicita ao Goberno Municipal do PP información en relación co estudo realizado sobre o estado da rede municipal de sumidoiros

Tamén reclama que se leven a cabo, dun xeito planificado, as actuacións recomendadas no devandito estudo, e outras se fora preciso, para poñer fin ao grave problema de cheiros e inundacións que sofre periodicamente o noso concello. Ao mesmo tempo solicita que mentres non se solucione totalmente o problema, o Goberno Local poña en marcha medidas que minimicen e compensen, no seu caso, os problemas causados á cidadanía

Desde hai moito tempo o BNG ten presentado iniciativas tendentes á superación dos problemas de cheiros e inundacións que o mal funcionamento da rede de sumidoiros ven causando á cidadanía de Ribeira. É este un problema que, sendo competencia de xestión municipal, non ten visos de solución pese a vir de moito tempo atrás. Por lembrar só algunha das últimas iniciativas, o BNG presentou en Outubro de 2007 unha moción instando ao Goberno Municipal á elaboración por empresa competente dun estudo técnico serio que incluíra as medidas correctoras posibles para poñer fin aos graves problemas de funcionamento da rede de sumidoiros en Ribeira. Incomprensiblemente, esta proposta fora rexeitada pola maioría de goberno do Partido Popular.

En maio de 2008 volvéronse producir graves problemas de inundacións e cheiros no centro de Ribeira provocando as lóxicas protestas de veciños e comerciantes que, unha vez máis, vían seriamente afectada a súa actividade normal. Foi nestas datas que o Goberno Municipal anuncia na prensa “a inmediata contratación a unha empresa especializada dun informe técnico que, ao mesmo tempo ofreza solucións a este problema”. O Goberno Municipal asume así a proposta do BNG que rexeitara nove meses antes. Sen embargo, a estas alturas aínda o se nos informou do contido do devandito informe técnico ao resto dos grupos municipais.

Iniciativa municipal:
2008-11-14estudo_tecnico_cheiros_en_ribeira.PDF

Nova en Tele Salnés:
O BNG insiste na necesidade dun estudo sobre a rede de sumidoiros de Ribeira

A veciñanza reclama o arranxo da Praza dos Muiños

A veciñanza reclama o arranxo da Praza dos Muiños

A veciñanza e o BNG de Ribeira reclaman conxuntamente o arranxo da Praza dos Muiños

O BNG presentou unha moción para debater no vindeiro Pleno Municipal pola que lle solicita, unha vez máis, ao Goberno Municipal do PP que arranxe con urxencia a Praza dos Muiños

Na iniciativa tamén demanda que se adopten de inmediato as medidas de seguranza necesarias para evitar accidentes en tanto non se acometan as devanditas obras

Pola súa banda, a veciñanza iniciou unha recollida de sinaturas para reclamar o arranxo da praza

O BNG de Ribeira reuniuse cos veciños e veciñas da Praza dos Muiños para apoiar as súas demandas e darlle información en relación coa iniciativa presentada. Para o BNG o arranxo desa praza é unha necesidade imperiosa tanto para a veciñanza e usuarios da mesma, entre os que se atopan meniños e meniñas de 0 a 3 anos, como para toda a cidadanía de Ribeira.

A Praza dos Muiños constitúe un espazo público de arredor de 2.000 m2 que, debidamente acondicionado, converteríase nunha zona de ocio no medio do casco urbano tanto para a veciñanza do entorno como para a de todo o pobo.

Ribeira non dispón de moitas áreas de ocio porque para o goberno do PP iso nunca foi unha prioridade. A súa xestión neste concepto sempre deixou moito que desexar. Non hai máis que lembrar os 400.000€ presupostados para o arranxo da Praza do Concello que logo se “rebaixaron” milagrosamente en 100.000€. Ou a máis recente permuta de 3.000 m2 de edificabilidade co obxectivo de ampliar unha praza en 41 m2. Estas actuacións en áreas nun estado de conservación aceptábel, resultan claramente despilfarradoras de recursos económicos municipais, e representan ademais un agravio comparativo para co entorno da Praza dos Muiños que nos perxudica a todos e todas.

Iniciativa Municipal:
2008-11-14-praza-dos-muinos.pdf

Nova na Voz:
O mal estado da praza dos Muíños desata as queixas dos residentes e motiva unha recollida de firmas

Nova relacionada na Voz:
A praza das eternas promesas

Hemeroteca dunha promesa incumprida da precampaña das Municipais 07:
Nova no Correo:
Proxecto de luxo para a olvidada plaza do barrio Os Irmandiños
Nova no Canal Rías Baixas:
O concello recuperará a Praza dos Muíños como espazo de ocio

Reclamamos unha actuación integral na fonte de Vixán

Fonte de Vixán

O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que lle solicita ao Goberno do PP de Ribeira que acometa unha actuación integral na fonte de Vixan que supoña a recuperación total do entorno:

• A limpeza e mellora dos accesos
• O saneamento do regato que leva as augas liberadas
• A recuperación da fonte e do lavadoiro
• A colocación de paneis informativos

A fonte de Vixán era unha das fontes da parroquia de Carreira máis visitada, pero cada vez son menos os veciños/as da parroquia ou incluso de parroquias limítrofes que veñen a por auga. Moita desta xente queixase polo estado en que se atopa a fonte e os accesos á mesma. Na fonte tamén hai un lavadoiro que antigamente empregaban as xentes do lugar.

Na actualidade as escaleiras que baixan á fonte dende a parte alta xa non se ven, están totalmente cubertas de silveiras, o mesmo lle pasa á propia fonte á que case non se lle ve o torno. Os accesos que hai á mesma dende o Roeiro, Vixán, Toxeira de Antromatos e Os Buxos están impenetrables; para chegar á fonte debese ir provisto dunha fouce para abrir paso. O lavadoiro está cheo de terra, cristais, latas e silvas; a cuberta case non existe. O regato polo que saen as augas liberadas que vai a dar á Ponte de Vixán, e posteriormente á Lagoa está colonizado polo lixo.

A veciñanza recolleu sinaturas en repetidas ocasións solicitando ao Concello de Ribeira que se acondicione esta zona. Até o de agora só se fixeron intervencións puntuais e momentáneas, seguindo todo ese entorno sumido no abandono.

Iniciativa Municipal:
2008-09-01actuacion_integral_fonte_vixan.pdf

«Quintana demostroume que cumpriu»

Encontro coas redeiras

Encontro de Anxo Quintana coas redeiras en Quin.tv

Manuela, redeira de Aguiño, cre que Quin é un político diferente aos outros: “Este tamén prometeu cousas, pero polo menos demostrou que o que prometeu cumpriuno”.