BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Outubro 28th, 2008:

Reclamamos a protección e recuperación do Peirao Fenicio

Peirao Fenicio de Aguiño

O BNG de Ribeira presentou unha moción diante do Pleno da Corporación municipal de Ribeira pola que lle reclama ao Goberno do PP que proceda á paralización das obras que está realizando a carón do Peirao Fenicio de Aguiño, se non cumpren coa legalidade vixente, instandoo a reparar os deterioros ocasionados e a recuperar este ben de interese cultural xestionando ante os organismos competentes todas as axudas que se estimen oportunas

Tamén solicita que se redacte un Plan de Especial de Protección para o patrimonio arqueolóxico do noso Concello, tal e como o marca a Lei 16/1985 de Patrimonio Histórico Español no seu artigo 20.1

O Porto de A Cobasa (GA15073041), coñecido como Peirao Fenicio de Aguiño, e un dos xacementos catalogados como Patrimonio Arqueolóxico pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, recolleito así no Inventario de Xacemento Arqueolóxicos do Concello de Ribeira que está en posesión desta Dirección Xeral, como se reflicte no PXOM deste Concello.

Como todo ben de interese cultural, goza dunha protección, por un lado integral onde o límite queda definido polas estructuras visibles na superficie que dito xacemento testemuña e os seus usos están regulados pola Lei 8/1995 do Patrimonio Cultural de Galicia e polo Decreto 199/97, que regula a actividade Arqueolóxica na Comunidade de Galicia; a outra protección e un área de respecto arredor do perímetro exterior dese ben, baseándose no artigo regular nº 30 das N.C.P.S. da COTOP adaptada ó contexto de cada un destes bens catalogados. En todo caso, todas as intervencións que alí se fagan están condicionadas á resolución favorable da Dirección Xeral de Patrimonio.

Na actualidade, na área de protección estase a realizar unha obra que consiste na instalación dunha estación de bombeo, onde hai un movemento de terras importante que acada os tres metros de profundidade. Esta obra está a escasos 10 metros do Peirao Fenicio e como consecuencia da mesma o Peirao sufriu a caída dunha fieira de pedras coas que contaba.

Iniciativa Municipal:
2008-10-17peirao-fenicio.pdf

Máis información…

Reclamamos no Parlamento a dobre bionda na autovía

Autovía da Barbanza

O BNG volve a interesarse no Parlamento Galego pola colocación de sistemas de contención adecuados ás necesidades das e dos motociclistas na autovía da Barbanza

A deputada do BNG, Ana Pontón, lembra na iniciativa presentada que o Plan de Seguridade Viaria de Galiza 2006-2010 prevé entre as súas liñas de actuación a “adaptación progresiva da infraestrutura e o seu equipamento ás particularidades dos e das motociclistas nos itinerarios máis frecuentados”, ao obxecto de identificar e actuar nos tramos de concentración de accidentes mortais.

O Grupo Parlamentar do BNG tense interesado pola aplicación desta liña dea actuación prevista para a adecuación das barreiras de seguridade metálicas, para convertelas en barreiras de protección de motociclistas. Así nunha resposta remitida á Cámara galega a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes dicía: “Polo que respecta á futura autovía da Barbanza, indicar que se deron as instrucións oportunas ás sociedades concesionarias das vías de alta capacidade de Santiago-Brión, Salnés e Barbanza para empregar o sistema de protección de motocicletas de tipo continuo”.

Máis durante estes meses as asociacións de motoristas da comarca da Barbanza veñen expresando as súas dúbidas sobre o impacto e aplicación desta medida anunciada. É notábel a inquedanza e preocupación de certos sectores sociais e cremos conveniente que se dean todas as garantías no tocante á seguranza dos futuros usuarios e usuarias desta futura autovía.

Iniciativa Parlamentar:
2008-10-15dobre-bionda-autovia-barbanza.pdf