BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Agosto, 2008:

Volve a Ribeira a exposición «Transformando Galiza»

Actuación do mago

Volve a Ribeira a exposición “TRANSFORMANDO GALIZA”, unha iniciativa que continúa por todo o País e a través da cal o BNG pretende dialogar coa sociedade galega e amosarlle o traballo das consellarias nacionalistas na Xunta de Galiza durante estes tres últimos anos.

DATA: Sábado, 30 de agosto.

LUGAR: Paseo do Malecón, ao carón do Palco da Música. RIBEIRA.

HORA: A exposición do camión do BNG “Transformando Galiza”, estará aberta ao público entre as 10:00 e as 15:00 horas. Actuará un mago e repartiranse agasallos entre as persoas asistentes.

O Concello de Ribeira pode salvar Laxe Brava

ADEGA e a Plataforma Medioambiental de Corrubedo veñen de apoiar a moción presentada polo BNG para que o concello de Ribeira solicite a declaración de Espazo Natural de Interese Local para a “Laxe Brava” (Corrubedo) e toda a contorna do cabo Corrubedo

Van de seguido uns paragrafos da nota de prensa:

“Diante das intencións da Consellería de Pesca –coa complicidade indignante da de Medio Ambiente– de esnaquizar 308.000 m2 de litoral corrubedense virxe na punta da Laxe Brava por medio do Plan de Acuicultura de Galiza, o Concello de Ribeira pode escudarse na Lei Galega de Conservación para afastar os seus bens máis prezados das poutas das transnacionais e a especulación. Sería mediante a declaración desta contorna como “Espazo Natural de Interese Local”.

O BNG de Ribeira presentou o pasado 11 de xullo unha moción, que será tratada no primeiro pleno de setembro. A fórmula de Espazo Natural de Interese Local, prevista na Lei Galega de Conservación, evitaría o desenvolvemento urbanístico nunha zona con hábitats prioritarios e en parte integrante da rede Natura 2000 e paralizaría o plano sectorial de acuicultura. Para ADEGA e a Plataforma de Corrubedo non sería entendíbel que o Pleno do Concello de Ribeira non iniciase os trámites para protexer a costa de Corrubedo, pois no seu día se manifestou en contra do proxecto de macropiscifactoría na Laxe Brava…”

Máis información:
nota-de-adega-e-a-plataforma-de-corrubedo.pdf

Moción do BNG:
Laxe Brava: Espazo Natural de Interese Local

Nova en Galicia Hoxe:
Piden que Laxe brava sexa espacio natural de interese local

Novas relacionadas:
O BNG detén a aprobación do Plano Acuícola

O BNG reclama máis medios para a protección das vítimas da violencia de xénero

Davila advirte de que “existe unha evidente falta de medios para protexer ás mulleres vítimas de malos tratos” e solicita que nos Orzamentos do Estado para 2009 “se consignen as partidas necesarias para garantir unha aplicación efectiva da Lei Integral contra a Violencia de Xénero

Madrid,11 de Agosto 08. A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno que incremente os medios policiais para a protección das vítimas da violencia de xénero.

A deputada nacionalista considera que a Lei Integral contra a Violencia de Xénero, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2005, “foi un paso histórico (....) pero vemos como empezan a cobrar razón as voces que dende un principio advertirion que a lei podería quedar sen efectividade se non se acompañaba dunha dotación orzamentaria suficiente para a súa aplicación, especialmente no referido á creación de xulgados especializados e na protección das vítimas”.

Só 600 policías para atender 36.000 ordes de protección

Así, Davila denuncia que “neste momento existe un claro déficit de persoal policial para protexer as vítimas da violencia de xénero”, tal e como puxeron de manifesto o pasado 28 de xullo todos os sindicatos con representación no Consello Xeral da Policía.

E é que segundo os últimos dados, a Unidade de Protección de Mulleres Maltratadas só conta con 600 axentes, para atender as 36.000 ordes de protección (solicitáronse un total de 91.441) dictadas polos xuíces dende que se comezou a aplicar a lei.

Neste sentido, a deputada do BNG subliña que “durante o debate parlamentar da lei consideráronse necesarios uns 5.000 policías para facer efectivo o seu cumprimento”.

Deste xeito, Davila denuncia que “neste momento nas grandes cidades do Estado cada policía adicado á protección das vítimas da violencia de xénero ten ao seu cargo máis de 20 ordes de protección de vítimas, cando os protocolos de instrucción fixan un máximo de 12 ordes por axente para garantir unha protección efectiva”, unha situación que aínda se agrava máis nas comisarías locais ou de distrito.

Os Orzamentos do Estado para 2009 deben recoller as partidas necesarias para garantir o cumprimento da lei

A este respeito, a deputada do BNG comparte as críticas dos sindicatos ao feito de que o último Catálogo de Postos de Traballo para o Corpo Nacional de Policía, aprobado polo Goberno e que entrou en vigor en xaneiro deste ano, “non contemplase un dimensionado en recursos humanos e orzamentarios acorde coa magnitude do problema ao que nos enfrontamos”.

Ante esta situación, Olalla Fernández Davila solicítalle ao Goberno que nos Orzamentos Xerais do Estado para 2009 “se incrementen os recursos para garantir unha aplicación efectiva da Lei Integral de Medidas contra a Violencia de Xénero, especialmente no referido á creación de xulgados especializados e ao incremento do número de axentes de policía destinados á protección das vítimas”.

Asimesmo, pregúntalle ao Goberno se “é consciente de que a falta de medios para garantir a seguridade das mulleres vítimas da violencia de xénero pon en perigo moitas vidas” e, polo tanto, se “vai incrementar con carácter de urxencia o cadro de persoal da Unidade de Protección de Mulleres Maltratadas”.

Por útimo, e entre outras cuestións, a deputada do BNG solicita información sobre o número de axentes destinados en Galiza á protección das vítimas de malos tratos.

Iniciativa parlamentar:
proteccion_vitimas_violencia_xenero.pdf

O BNG rexeita a Directiva Europea sobre Tempo de Traballo

O BNG reclamalle á Corporación Municipal que rexeite a proposta de modificación da Directiva sobre Tempo de Traballo, realizada o pasado 9 de xuño pola maioría cualificada de ministros e ministras de Traballo da Unión Europea

Tamén solicita que este acordo sexa trasladado á Presidencia do Goberno do Estado, á Presidencia do Parlamento Europeo e a todos os Grupos Parlamentares que conforman a Cámara Europea, e que se inste á Xunta de Galiza a dirixirse ao Goberno Central demandándolle que manteña en todas as reunións oficiais que se celebren sobre esta problemática unha posición claramente contraria a modificación desta Directiva

O pasado 9 de xuño en Luxemburgo, os ministros e ministras de Traballo dos 27 Estados da Unión Europea aprobaron, por maioría cualificada, a proposta de modificación da Directiva Europea sobre Tempo de Traballo.

Entre as modificacións previstas está a de incrementar a xornada laboral semanal, superando as 48 horas actuais, que poderá chegar até as 60 horas semanais e, no caso dos traballos con gardas, até as 65 horas. Estas xornadas poderán facerse en cálculo trimestral, co cal as horas semanais aínda poderán ser máis, xa que o único requisito para este incremento de xornada é un acordo individual entre a empresa e o traballador ou a traballadora.

Esta proposta do Consello de ministros e ministras de Traballo da UE chega logo de catro anos de debates e seis intentos frustrados, e racha con toda unha traxectoria, moi anterior á creación da UE, de redución das xornadas laborais.

Claro que tamén debemos destacar o apoio decidido do PSOE a esta modificación, co significativo abandono no transcurso da reunión onde se acordou do ministro español de Traballo, e a abstención na votación da delegación do Goberno español, que resulta aínda máis grave.

A loita pola minoración da xornada é unha constante da historia do movemento obreiro. A finais do século XVIII e comezos do XIX, os traballadores e traballadoras facían xornadas de até 16 horas diarias, dando lugar ao “Movemento polas dez horas” que, logo de anos de protesta, consigue as dez horas laborais, aprobada polo Parlamento inglés en 1847, cumpríndose inicialmente só para homes menores de dezaoito anos e mulleres de calquera idade; posteriormente, en 1874, xeneralizouse a todos os traballadores e traballadoras o límite máximo de 10 horas ao día. E agora a xornada proposta polos ministros e ministras da UE vólvenos a aquela data do ano 1847.

A primeira regulación que abarcou unicamente á duración da xornada laboral foi na Conferencia Xeral da Organización Internacional do Traballo (OIT), hai 91 anos, na que se acordou unha xornada de 8 horas ao día e 48 horas á semana. E en 1983, aprobouse no Estado Español, que a xornada máxima sería de 40 horas semanais.

Para o BNG, esta proposta dos ministros e ministras de Traballo da UE, é o maior retroceso social dos últimos anos e vai no camiño contrario dos logros que, logo de moitos anos de loita sindical, dábanse por consolidados.

Cada vez máis a desregularización do mercado laboral, dende normativas ou sentenzas europeas, incide negativamente nas conquistas sociais dos traballadores e das traballadoras galegas.

Iniciativa Municipal:
2008-07-18-directiva-ue-tempo-de-traballo.pdf

Presentación en Ribeira da exposición «Transformando Galiza»

DATA: Sábado, 9 de agosto.

LUGAR: Paseo do Malecón, ao carón do Palco da Música. RIBEIRA.

HORA: A exposición do camión do BNG “Transformando Galiza”, estará aberta ao público entre as 10:00 e as 15:00 horas. Rolda de prensa de presentación aos medios ás 12:30 horas.

INTERVIRÁN: Dominga Brión, portavoz local do BNG no concello de Ribeira.

ASUNTO: Presentación da campaña do BNG “Transformando Galiza”. A exposición percorrerá toda Galiza nas vindeiras semanas. Nela poderase ver un resumo das iniciativas levadas a cabo polo BNG dende a Xunta de Galiza.

Perplexidade inicial e sorriso final

Perplexidade inicial e sorriso final: é o que nos produce a “resposta” dada polo PP de Ribeira logo da presentación en rolda de prensa das alegacións do BNG ao “anteproxecto para colectores xerais e EDAR de Corrubedo”. Perplexidade porque foi o propio Concello de Ribeira quén, coa publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia o pasado 9 de xullo, abriu o prazo de vinte días para que calquera cidadán ou colectivo que o considere oportuno exerza o DEREITO de presentar diante da administración correspondente as propostas de mellora á obra que se presenta a exposición pública: eso son as alegacións. Dicir, como fai o grupo de goberno municipal que o BNG “chega tarde” porque o Concello xa as presentara antes, sendo como son coñecedores do prazo dos vinte días, converte o “chega tarde” nun lapsus no que se descobre que a tardanza á que alude o goberno municipal se refire “ao protagonismo” do que máis adiante nos acusa. E velaí a verdadeira preocupación do executivo local: o protagonismo.

Vexamos: no pleno do pasado maio, o BNG non só se pronunciou, como nega o Goberno local, senón que o fixo claramente anunciando que presentaría as súas propias alegacións que, en todo caso, serían complementarias, nunca contradictorias, con outras que se presentasen.

As alegacións do BNG inclúen, ademais das consensuadas en Pleno, algunhas relativas á calidade ambiental do Proxecto, á minimización das molestias aos veciños e veciñas de Corrubedo e á calidade paisaxística dun contorno, moi visitado. Refírense á diminución ao máximo da altura (cota) da EDAR, á minimización dos ruídos no exterior e proximidades da propia EDAR, á instalación de pantallas vexetadas así como á recuperación dos camiños afectados pola instalación.

As alegacións do BNG só pretenden propoñer a Augas de Galiza unha serie de melloras que todos e todas compartimos, pero só serán efectivas si se explicitan en tempo e prazo. Nós non temos culpa de que o Goberno Local “esquecera” introducir estas melloras nas súas alegacións. As preocupacións do executivo local polo que é un simple e democrático exercicio do dereito de alegación prodúcennos perplexidade e só se entenden polo interese en ocultar o seu “esquecemento” ou polo medo do Partido Popular a perder protagonismo diante da maioría social de Ribeira. A carencia de ideas deste Goberno é tal que cada vez máis recorre a actuacións a rebufo das iniciativas do BNG como quedou patente na recente convocatoria dun Pleno extraordinario, o último día, para a presentación de alegacións ao Plan Director de Instalacións Náuticas logo de que o BNG tivera levado a cabo unha campaña informativa e recollido varios centos de alegacións individuais de veciños e veciñas de Ribeira. Se daquela, nin agora, o BNG non criticou as alegacións aprobadas no Pleno, por que agora o PP critica as nosas? O dito, un sorriso.

Xosé Luís Groveiro
Concelleiro do BNG de Ribeira

Alegacións do BNG á EDAR de Corrubedo

O BNG de Ribeira presentou en tempo e forma sete alegacións ao anteproxecto de contrato de concesión de obra pública “Colectores Xerais e EDAR de Corrubedo, Ribeira (OH.315.756)” redactado pola Administración Hidráulica de Galiza, que se publicou no BOP nº 157 de 9 de xullo de 2008.

O saneamento integral de todo o Concello é unha vella reivindicación do BNG, conscientes da necesidade de dotarnos do mellor sistema de tratamento das augas residuais para o desenvolvemento sustentábel de Ribeira, preservando a riqueza da Ría da Arousa e o privilexiado entorno natural do que contamos: Parque Nacional das Illas Atlánticas, Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Rede Natura e outros espazos de especial protección.

Por esa razón, o BNG solicita que se teñan en conta as alegacións no expediente do contrato de concesión de obra pública “Colectores Xerais e EDAR de Corrubedo, Ribeira (OH.315.756)”, se nos notifique todos os actos administrativos que se decidan co obxectivo de formular alegacións, suxestións, etc. e no seu caso, os recursos que procedan así como todo tipo de medidas para dotarnos do mellor sistema de tratamento das augas residuais e defender o noso litoral e os nosos espazos protexidos.

Alegacións do BNG á EDAR de Corrubedo:
alegacions-edar-corrubedo-bng.pdf