BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xullo, 2008:

Laxe Brava: Espazo Natural de Interese Local

Solpor no Corgo

O BNG ven de presentar unha moción diante do Pleno do Concello pola que lle solicita ao Goberno Municipal que solicite da Consellería de Medio Ambiente a declaración de Espazo Natural de Interese Local para a franxa Costeira do Faro de Corrubedo a Punta Espiñeirido incluíndo o promontorio de Laxe Brava e o seu contorno. Este acordo conleva o compromiso do Concello para o cumprimento das condicións incluídas no decreto 124/2005 de 6 de Maio, nomeadamente o de elaborar o Plan de Conservación e de Uso Público deste espazo.

Ainda que estaba na orde do día do pasado pleno de xullo, por falta de tempo será debatida no vindeiro pleno de setembro. A xeito de resume indicar que esta figura de protección, que debe ser solicitada a iniciativa do concello diante da Consellería de Medio Ambiente, obriga á elaboración dun plano de conservación que será vinculante para as administracións, prevalece sobre o planeamento urbanístico e, de ser aprobada, obrigará, de ser o caso, á revisión dos planos de ordenación territorial e/ou SECTORIAL incompatibles con co plano de conservación.

O patrimonio público paisaxístico e natural constitúe un valor que os poderes públicos teñen obriga de preservar, recuperar e poñer en valor tamén como recurso xerador de capacidades productivas.

O Concello de Ribeira e o seu contorno conta con espazos públicos de altísimo valor ambiental algúns deles con diferentes figuras de protección recollidas na Lei Galega de Conservación (Lei 9/2001 de 9 de Agos-to) e outras. Si aceptamos que estas figuras de protección favorecen a sustentabilidade destes espazos e, polo tanto, tamén da súa capacidade de creación de riqueza na pesca, marisqueo, turismo…, debemos tamén asumir a responsabilidade do Goberno Municipal á hora de velar polo interese xeral da poboación promovendo, desde a legalidade vixente, as medidas de protección a espazos locais de recoñecido valor nos casos que desde outras administracións competentes non se atendan.

É coñecida a intención da Consellería de Pesca da Xunta de Galiza (avalada por informes da Consellaría de Medio Ambiente e de Política Territorial) de detraer do dominio público gran parte dos 308 000 m2 que pretende destinar, como concesión, a empresa privada de producción acuícola dentro do Plan Acuícola de Galiza que a mesma consellería promove. Desoíndo os centos de alegacións presentadas, incluíndo o propio Concello, a Consellería de Pesca fixo caso omiso da práctica totalidade dos sectores sociais e cidadáns de Ribeira mesmo amosando, sen rubor, flagrantes contradiccións fronte a alegacións si aceptadas noutros lugares como Seráns e Couso.

A Lei 9/2001 contempla como figura de protección a de “Espazo Natural de Interese Local”. O decreto 124/2005 de 6 de Maio, desenvolve esta figura que debe partir da iniciativa dos propios concellos que deberán elevar a proposta, cos informes e trámites precisos, á Consellería de Medio Ambiente. A declaración de Espazo Natural de Interese Local conlevará a elaboración dun Plan de Conservación de Promoción así como unha partida orzamentaria que poderá ser complementada con axudas doutras administracións para as que terán caracter preferente.

Iniciativa Municipal:
2008-07-30laxebrava_interese_local.pdf

Máis información:
LEI 9/2001, DO 21 DE AGOSTO, DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA
Espazos naturais de interese local / Voutureira – San Cibrao das Viñas

25 de xullo de 2008

Unha ampla representación do BNG de Ribeira, encabezada pola voceira municipal, Dominga Brión, e o grupo municipal practicamente ao completo participou na multitudinaria manifestación nacionalista que percorreu as rúas de Compostela neste 25 de Xullo.

Máis de 25.000 persoas asistiron á manifestación convocada polo BNG con motivo do día da Patria Galega. No seu discurso, o portavoz nacional, Anxo Quintana, dedicou parte do seu tempo ao período de crise económica que estamos a vivir. Cualificou o actual período como a primeira crise da globalización ultraliberal: “Os apóstolos do ultraliberalismo agora gardan silencio fronte a unha crise global que evidencia o esgotamento do modelo enerxético baseado no petróleo, que evidencia todo o sen sentido especulativo do sistema financeiro mundial, e que revela unha aguda crise alimentaria que condea a millóns de persoas á fame extrema”.

Máis información…

Día da Dorna, festivo local

Festa da Dorna

O BNG presentou unha moción que se debaterá no Pleno do vindeiro luns, día 28, pola que reclama que o concello de Ribeira declare, a partir de 2009 e para sempre, o 24 de Xullo, Día da Dorna, Festivo Local.

A Festa da Dorna é unha festa orixinal e específica do concello de Ribeira que se ven celebrando dende hai 60 anos. Esta festa implica tanto á mocidade como a xente maior ao longo da súa celebración. Son milleiros os e as participantes nela e tamén son miles as persoas que visitan o noso concello durante estas celebracións.

En 2005 a Festa da Dorna foi Declara de Interese Turístico Galego e dende aquela tanto o BNG como a propia Cofradía da Dorna, avalada por miles de firmas, solicitaron que o 24 de xullo fose festivo local.

Esta medida facilitaría a participación e implicación dos e das ribeirenses que traballan este día, co cal contribuiríase a facer a unha festa máis grande e mellor. Como é sabido, os concellos teñen a potestade de fixar 2 festivos locais ao ano.

Reclamamos a aplicación da Lei da Memoria Histórica

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que solicita que o Goberno de PP do Concello de Ribeira, cumpra a Lei 52/2007, de 26 de decembro de Memoria Histórica e retire: escudos, placas e demais simboloxía franquista.

Tamén reclama que se cambie o nome das rúas que connoten a exaltación do antigo réxime totalitario por outros adaptados á nosa realidade galega.

No noso concello quedan varios símbolos franquistas na paisaxe urbana. Só por citar uns exemplos: o escudo preconstitucional da capitanía, o símbolo da falanxe en varias fontes e o sangrante caso do nome da rúa Xeral Franco no centro da nosa cidade. Son moitos os colectivos e persoas que se sorprenden que aínda teñamos no noso entorno todos estes símbolos. Dende o BNG xa temos solicitado anteriormente que se procedera a eliminar esta simboloxía que recorda a unha ideoloxía totalitaria e asasina, da que seguro ninguén se considera herdeiro.

A Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quenes padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a dictadura – máis coñecida como Lei de Memoria histórica – establece no seu artigo 15 sobre Símbolos e monumentos públicos o seguinte:

“As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Dictadura.”

Iniciativa municipal:
2008-06-05lei_memoria_historica.pdf

Alegación da Corporación ao Plano de Portos Deportivos

A Corporación Municipal do Concello de Ribeira, reunida onte, día 17 de xullo (último día para a presentación de alegacións) en pleno extraordinario e urxente, aprobou por unanimidade presentar unha alegación ao Plan Director das Instalacións Náutico Deportivas de Galicia elaborado polo ente público Portos de Galicia, nos seguintes termos:

Primeiro.- Manifestar a súa oposición á actuación 3.21: Reconfiguración das dársenas portuarias do Plan Director das Instalacións Náutico Deportivas de Galicia, xa que esta actuación suporía a eliminación dun treito da praia de Coroso – As Carolinas, a ocupación dunha importante superficie de lámina de auga e afectaría ao Paseo Marítimo que discorre a carón do mar.

Segundo.- Propoñer ó ente público Portos de Galicia a realización dunha ampliación da dársena deportiva de Ribeira que sexa racional e consensuada con tódolos sectores afectados, isto é, o propio ente público de Portos de Galicia, a Confraría de Pescadores de Ribeira, o Club Náutico Deportivo de Ribeira, todas aquelas entidades afectadas e o Concello como representante de tódolos veciños e veciñas.

Alegacións ao Plano Director de Portos Deportivos

O BNG de Ribeira ven de presentar alegacións para que se retire do Plan Director de Infraestructuras Náutico–Deportivas a actuación 3.21 referente á ampliación do Clube Náutico de Ribeira substituíndoa, en todo caso, por unha actuación máis racional, sustentábel e acordada con todos os sectores sociais afectados

Ao mesmo tempo durante estes días o BNG fixo unha campaña informativa e de recollida de alegacións. Hoxe entregamos no rexistro unhas 300 alegación ao Plano. Mañán, xoves, último día para presentar alegacións, faremos entrega do resto.

Por outra banda, mañán, último día para presentar alegacións, celebrarase un pleno extraordinario urxente para consensuar e aprobar unha alegación conxunta de toda á corporación a ampliación do porto deportivo de Ribeira recollida neste Plano de Portos de Galiza.

Alegacións do BNG de Ribeira:
2008-07-16-alegacions_plano_portos_deportivos.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG de Ribeira recaba o apoio da cidadanía en contra da ampliación do náutico

Solicitamos unha liña de transporte ao Vilar

O BNG de Ribeira reclama que o Goberno Municipal dea cumprimento á moción aprobada no Pleno de 26 de febreiro para establecer unha liña de transporte que enlace o núcleo urbano de Ribeira co Vilar por Gude

No Pleno do Concello celebrado o 26 de Febreiro de 2007 aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo BNG na que o Goberno Municipal se comprometía a realizar “as xestións oportunas para establecer á maior brevidade posible unha liña de transporte que enlace o núcleo urbano de Ribeira cos lugares de Gude e Vilar e cun número de servizos en función da demanda e das necesidades da poboación”.

Na exposición de motivos da devandita moción xa se aludía á importancia para os veciños e veciñas residentes, así como dos moitos visitantes que se achegan ó Parque Natural, de dispoñer deste servizo de transporte. As máis de 400 sinaturas que acompañaban a nosa petición así o confirmaban.

O 27 de xullo de 2007, o BNG volveu a insistir diante o Goberno municipal para dar cumprimento a este acordo plenario. Agora, ano e medio despois de ter tomado o acordo, o Goberno Municipal segue sen darlle cumprimento, cousa para os veciños e veciñas incomprensible dada a escasa cuantía económica dun servizo para o que, ademais, as Xunta de Galiza ten establecido liñas de finanzamento que o Goberno Municipal podería aproveitar.

Iniciativa municipal:
2008-07-16-transporte_vilar-gude.pdf

Defender e protexer COROSO

SOS Coroso

A Consellería de Política Territorial, a través do Ente Público Portos de Galiza presenta o “Plan Director de Infraestructuras Náutico- Deportivas”. Desde o pasado 7 de maio, está aberto o prazo para PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS. O Plan Director prevé dúas intervencións no Porto deportivo de Ribeira, unha delas, a 3.21 suporía, de levarse a cabo, un serio atentado tanto á riqueza natural como económica de Ribeira e polo tanto ao seu patrimonio público.

Como afectará:

- Eliminará o areal das Carolinas na práctica totalidade.

- Do mesmo xeito o actual paseo marítimo, que discorre a carón do mar, separarase definitivamente del debido ao recheo que esta actuación ten previsto.

- O dique de abrigo e o recheo que o Plan prevé sepultarán definitivamente un banco de ostra autóctona e afectará seriamente ao banco e praia de Coroso.

- Entregará a mans privadas o que hoxe é un importante patrimonio de todos e todas.

- Non responde ás necesidades de Ribeira no ámbito dos deportes náuticos.

O BNG convida á cidadanía a manifestar a súa oposición a esta actuación do Plan Director de Infraestructuras Náutico-Deportivas e a presentar alegacións que demostren a oposición de toda a cidadanía de Ribeira a entregar o seu patrimonio natural e a súa capacidade productiva a intereses alleos. O vindeiro mércores, día 16 de xullo, de 11 a 13 horas, estaremos diante do Concello para dar máis información.

Modelo de Alegación:
modelo_alegacion.pdf

Ampliación Porto Deportivo: SOS Coroso!!

Ampliación Porto Deportivo de Ribeira

Clica na imaxe para ver a ampliación do muelle deportivo en PDF

O BNG de Ribeira vaia a presentar alegacións para solicitar que se retire do Plan Director de Infraestructuras Náutico Deportivas a actuación 3.21 referente á ampliación do Clube Náutico de Ribeira substituíndoa, en todo caso, por unha actuación máis racional, sustentábel e acordada con todos os sectores sociais afectados

O ente Portos de Galiza, da Consellaría de Política de Territorial, elaborou o Plan Director das Instalacións Náutico Deportivas de Galiza, que se atopa en período de exposición pública. Este Plan inclúe a ampliación do Porto deportivo de Ribeira até 700 prazas, moi por encima da demanda existente no noso concello.

Esta actuación supón o recheo de parte da praia de Coroso: practicamente toda a praia das Carolinas até preto das “Pedras de Patiño”. Supón unha privatización do uso dun espazo que na actualidade está sendo libremente utilizado pola cidadanía de Ribeira en xeral para paseo, baño, lecer ou deporte.

Como consecuencia, pasará a mans privadas, probablemente foráneas, ademais de destruír de xeito irreversible os recursos económicos que este espazo xera, nese caso si, na poboación local. De levarse a cabo esta infraestrutura tal como aparece no Plan, eliminaría un banco marisqueiro de ostra autóctona que existe na zona. Ademais, a súa influencia nas correntes mariñas ocasionaría prexuízos tanto na praia de Coroso como nos propios bancos marisqueiros.

Convidamos dende aquí a que presenten alegacións todas aquelas persoas que consideren perxudicados os seus lexítimos dereitos. O BNG estará o vindeiro sábado no mercadillo, de 11 a 13 horas, para dar información sobre este tema.

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG rexeita a ampliación do Náutico polos danos ó banco de Coroso

Nova na Voz:
Os nacionalistas de Ribeira consideran desproporcionada a futura ampliación do náutico

Deficiencias na rede de sumidoiros de Artes

Saneamento de Artes

O BNG ven de solicitar que o Goberno do PP, en exercicio das súas responsabilidades, ordene ca maior urxencia posible, unha fonda revisión do funcionamento da rede de sumidoiros de Artes, e acometa as actuacións precisas para evitar os problemas de cheiros e filtracións que se producen na actualidade.

A parroquia de Artes conta cunha liña de saneamento principal que vai parella á estrada que baixa de Xarás ó río Sanchanás. Esta liña de saneamento conta, en teoría, con separación de pluviais e fecais. O caso é que desde hai xa varios anos, veciños de Artes téñense dirixido á autoridade municipal indicando que en determinados lugares, como no Outeiro e en Muíños, se producen filtracións de augas fecais ás casas e fincas próximas á liña de saneamento, sobre todo, pero non só, en temporadas de moita chuvia.

Esta situación fai pensar nun deficiente funcionamento da liña de sumidoiros posiblemente por roturas ou outras causas que compre, en todo caso, averiguar e dar solución para evitar tanto as molestias ós veciños e veciñas como posibles riscos sanitarios por afectación dos pozos próximos. Cómpre lembrar que o Goberno Municipal é o responsable competente nas actuacións en materia de saneamento así como do mantemento da rede en perfectas condicións. Lembrar tamén que, polas informacións da veciñanza, o Grupo de Goberno é coñecedor desta situación desde hai meses.

Iniciativa municipal:
2008-07-09-revision_sumidoiros_artes.pdf