BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xuño, 2008:

Xuventude reuníuse cos grupos musicais de Ribeira

O Director Xeral de Xuventude comprometeuse a apoiar a gravación dun CD cos grupos noveis do noso concello, tamén colaborará na edición dunha publicación periódica e garantiu apoio económico da Dirección Xeral ao Festival Galle-Rock

Este venres reuníuse, na sede do BNG de Ribeira, Rubén Cela, Director Xeral de Xuventude con representates dos grupos musicais de Ribeira e membros da Asociación Cultural Bastantes Llon. Nesta xuntanza tamén estiveron presentes a portavoz municipal Dominga Brión e o concelleiro Luís Teira.

O motivo desta xuntanza foi expoñer o traballo que leva facendo a Dirección Xeral dentro do proxecto da Rede de Locais de “Nsaio” que se está desenvolvendo en todo o país. Esta rede permite acondicionar unhas instalacións para que os grupos musicais ensaien e graben as súas maquetas. Estas inversións estaas facendo a Vicepresidencia da Xunta en locais que poñen a disposición os concellos.

Unha vez máis o BNG de Ribeira lamenta que o noso concello sexa un dos poucos da comarca que quede sen local de ensaio dentro da Rede “Nsaio” por culpa dun goberno, presidido por Torres Colomer, que se nega a recibir unha inversión que podería chegar aos 150.000 euros.

Os músicos locais, entre outras cuestións, explicaron as razóns das movilizacións que tiveron os pasados días en contra do Rexistro de Grupos musicais que promoveu o Concello de Ribeira.

Máis o motivo fundamental da xuntanza foi a presentación de proxectos, feita polos músicos locais, pola cal solicitaban colaboración da Dirección Xeral de Xuventude. Entre as propostas están:

Gravación dun CD cos grupos noveis do noso concello. En Ribeira hai na actualidade máis de 25 grupos, moitos dos cales non teñen ningún tema gravado nun estudio profesional. Este CD permitirá aos grupos novos poder ter a súa primeira experiencia de gravación.

Este traballo será elaborado integramente por persoas vencelladas a Ribeira, así serán os propios músicos os que fagan dende o deseño gráfico do disco ata ser os propios técnicos de son do mesmo. Será polo tanto unha experiencia autoformativa.

Esta proposta foi moi ben acollida por Rubén Cela, e comprometeu á Dirección Xeral a financiar este interesante proxecto.

Outro dos proxectos aos que se compremeteu a colaborar foi a edición dunha publicación periódica que informe sobre grupos e acontecementos musicais da nosa localidade.

Finalmente Indicar que Rubén Cela, comprometeu apoio económico da Dirección Xeral de Xuventude ao Festival Galle-Rock, xa que este festival conta na súa programación con bandas locais.

Melloras no Campo de futbol da Fieiteira

O BNG reclama a construción do peche do Campo da Fieiteira

O BNG de Ribeira ven de reclamar diante do Goberno do PP arranxos e melloras diversas no campo de céspede artificial da Fieiteira.

O BNG solicita que se constrúa unha grada no campo e se dote de pavimento as zonas de terra polas que transitan os/as xogadores/as e o público.

Tamén demanda que se abran os vestiarios cando os clubes teñan entrenamentos ou partidos oficiais, que se encargue da limpeza do entorno e dote papeleiras á instalación deportiva e tome as medidas oportunas para evitar que o portalón de acceso esté aberto cando non hai actividade.

O campo de céspede artificial é usado por varios clubes do noso concello. Dende o BNG reiteramos varias veces a posta en marcha e mellora desta instalación. Mais outra vez temos que ser altofalantes das demandadas dos usuarios e usuarias, solicitando as melloras neste recinto deportivo que a cidadanía reclama. As queixas son as seguintes:

 Os vestiarios do campo non se abren cando hai adestramentos pola semana, polo cal os e as xogadores/as non se poden cambiar logo da actividade física.

 Os días de chuvia non hai onde abrigarse e habería que pensar en facer unha pequena grada que protexa do vento e da chuvia do sur.

 No perímetro do campo quedaron zonas de terra que cando choven enchóupanse de auga formando barro o cal dificulta o acceso ao recinto.

 O portalón de acceso ao recinto está moitas veces aberto.

 A limpeza do campo é deficiente.

Iniciativa municipal:
2008-05-30arranxocampofieteira.pdf

Solicitamos o arranxo do aparcamento no Esteiron

O BNG ven de solicitarlle ao Goberno do PP de Ribeira que faga as xestións oportunas para que, respectando o medio, se acondicione a explanada que se usa de aparcamento na zona do Esteirón, na Praia da Corna, en Palmeira.

A praia da Corna en Palmeira é usada frecuentemente polos veciños e veciñas de Palmeira así como por numerosos visitantes durante todo o ano, sendo, loxicamente, a súa afluencia moi importante nos meses de verán.

Na actualidade estanse acometendo unha serie de obras de mellora no entorno cunha pasarela peonil de madeira. Todo este entorno debe ser coidado e posto en valor, respectando o entorno medioambiental da zona.

Iniciativa municipal:
2008-05-30arranxoaparcamentoesteiron.pdf

Interesámonos en Madrid polos investimentos na Barbanza

O deputado do BNG, Francisco Jorquera, presentou unha inciativa no Congreso dos Deputados interesándose polo grao de execución de varias partidas para proxectos na Barbanza incluídas nos Orzamentos Xerais de 2008.

Trátanse de partidas por valor de 2,6 millóns de € que foron incluidas despois da negociación realizada polo BNG co Goberno durante o trámite dos Orzamentos.

En concreto, figura unha consignación económica de 700.000 € para o proxecto de recuperación dos cantís entre Tanxil e Tronco, en Rianxo.

A seguinte partida é a referente ao proxecto do Paseo marítimo do Río Coroño e de Esteirón en Boiro con unha consignación de 600.000 €.

Outro dos proxectos que recibiron unha importante consignación e o relativo ao acondicionamento do litoral e senda peonil na Ribeiriña en Pobra orzamentado en 1 millón de €.

Por último, incluíronse 300.000 € para un novo proxecto de recuperación do borde natural de Couso a Corrubedo e da Illa de Sálvora.

En concreto, o deputado do BNG interésase polo grao de execución de cada un dos proxectos, polo estado de tramitación dos mesmos e polas características e prazos que se manexan para a súa realización.

Iniciativa parlamentar:
execucion-investimentos-barbanza.pdf

Iniciadas as obras de remate das vivendas de Xarás

Vivendas de Xarás

Na pasada semana comezaron as obras de remate das 21 vivendas protexidas de Xarás en Ribeira, adxudicadas por 1,3 M. €

 O prazo de execución da obra é de 12 meses desde a sinatura da Acta de comprobación de replanteo

 Son 7 edificios que albergan 7 vivendas en planta baixa, unha adaptada para persoas con mobilidade reducida, e 14 duplex, con 2, 3 e 4 dormitorios

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, adxudicou en marzo por 1.326.329 € as obra de remate das 21 vivendas protexidas de promoción pública de Xarás, no Concello de Ribeira, a Construcciones Urbisega, que debe executar as obras en 12 meses, prazo que comeza a contar desde a sinatura da acta de comprobación do replanteo e inicio das obras.

Ao concurso público convocado pola Consellería o pasado 31 de decembro para contratar estas obras presentáronse 4 empresas. O prazo de presentación de solicitudes rematou o 14 de xaneiro.

Trátase de 7 edificios, que albergan 3 vivendas cada un, de baixo, unha planta e baixocuberta. En total son 14 dúplex cunha superficie útil de 90 metros cadrados e 4 dormitorios. Outras 6 vivendas, situadas nas plantas baixas, teñen 78,45 metros cadrados útiles e 3 dormitorios. E, por último, unha vivenda, tamén en planta baixa, de 78,70 metros cadrados útiles e 2 dormitorios adaptada para persoas con mobilidade reducida.

Debido ás especiais circunstancias que obrigaron a rescindir o contrato coa empresa que inicialmente resultou adxudicataria das obras e a convocar un novo concurso para rematar os traballos, a Consellería de Vivenda e Solo aprobou unha axuda de 2.000 € para cada unha das familias afectadas, para sufragar o costo do aluguer mentres se executan as obras de remate das vivendas.

Rescisión do anterior contrato

A Consellería de Vivenda e Solo asinou en outubro de 2006 o expediente de rescisión do contrato coa empresa adxudicataria por incumprimento do prazo establecido para a execución da obra, que era de 18 meses a contar desde a sinatura da acta de replanteo. A sinatura de dita acta produciuse o 22 de marzo de 2005 polo que o prazo de execución rematou o 22 de setembro de 2006, sen embargo no momento de rescisión do contrato tan só estaba executada o 13,85% da obra.

A Consellería de Vivenda e Solo adxudicou as obras de urbanización e edificación destas vivendas á empresa o 21 de outubro de 2.004 por un importe total de 1.433.399,46 € e a formalización do contrato celebrouse o 11 de novembro do mesmo ano.

En repetidas ocasións antes da rescisión contractual, a Consellería requiriu á empresa adxudicataria e á dirección facultativa da obra que aceleraran o ritmo dos traballos sen que se atendera esta petición. A empresa manifestou no seu momento á Consellería a súa disconformidade co orzamento de adxudicación das obras porque ao seu xuízo non se axustaba aos prezos do mercado.

Sen embargo, esta empresa concorreu por decisión propia ao concurso público para a urbanización e construción destas vivendas segundo un prego de condicións no que se especificaba claramente o prazo de execución de 18 meses e o orzamento de licitación que ascendía a 1.433.399,46 €. Así mesmo a empresa asinou, dando a súa conformidade, o contrato no que igualmente consta o prazo e o orzamento de execución.

III Muiñada de Amendo

Queremos dar dende aquí os nosos parabéns á Asociación Altofalante e a todas as persoas que colaboraron para facernos pasar unha velada tan agradable o pasado sábado, día 31, na III Muiñada de Amendo. Nela colaboraron e participaron as ANPAS dos colexios: “Galaxia”, “Milagrosa”, “Aguiño”, Deán Grande”,”Frións”, “A Guía”, “San Roque”, “O Grupo” e “Nº 1”.

Con esta actividade, Altofalante, que organizou por terceiro ano consecutivo con gran éxito de público, pretende:

* Fomentar o respecto e a participación responsábel co medio natural.

* Favorecer a sensibilización a respecto das problemáticas ambientais.

* Fomentar a lectura e a tradición oral e etnográfica.

* Abrir novos espacios de lecer e convivencia para os nosos fillos e fillas.

* Novas formas de relacionarse, divertirse e vivir o ocio, a mocidade e a familia.

* Establecer, así mesmo, a transferencia de experiencias e coñecementos entre as diversas xeracións, alumeando o porvir tecnolóxico actual coa base firme das nosas raices e tradicións…

O Programa foi:

ROMARÍA

11:30 Moenda e charla sobre os muíños de Amendo.

12:00 Fornada e degustación de pan de millo elaborado no forno dun dos muiños.

12:30 Repoboación polos rapaces e rapazas, tamén polos maoires, dun espacio queimado. Colocouse unha placa na zona repoboada.

14:00 Xantar, (levouse comida para compartir). Presentación das “Pandereteiras da Escola de Música Bastantes Llon”.

16:00 Maquillaxe de Cara por Roulotte Papillotte.

17:30 Contos no muíño, a cargo da escritora, actriz e contacontos: Paula Carballeira

SERÁN

18:30 Actuación do grupo musical: Renato Spencer&Café Caxaça.

Troula e merenda

* Xornada amenizada por gaiteiros

* Exposición fotográfica da Muiñada 2007