BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xuño 19th, 2008:

Encontro co sector pesqueiro de Ribeira

Xuntanza co Sector Pesqueiro

Representantes do BNG e do sector pesqueiro de Ribeira analizaron na capital da Barbanza a situación crítica pola que está pasando o sector

O BNG de Ribeira, coñecedor das dificultades que está atravesando o sector pesqueiro, ven de celebrar un encontro coas directivas das asociacións de todo o sector o pasado mércores, día 18 de xuño, ás 20 horas na sede do BNG de Ribeira.

A esta reunión asistiu o deputado Bieito Lobeira, a portavoz municipal, Dominga Brión, e os concelleiros Xosé Luís Groveiro e Francisco Ayaso. Por parte do sector estiveron os patróns maiores das confrarías de Ribeira, Aguiño e Palmeira e o presidente da Agrupación de Mariscadores de Ribeira; o presidente e varios membros da Asociación de Arrastreiros de Ribeira, o presidente de Orpal e o do Cerco, tamén en representación da Cooperativa do Mar.

Nesta xuntanza analizouse a situación crítica pola que está pasando o sector, consecuencia do incremento do prezo dos combustíbeis e especialmente da baixada dos prezos en primeira venda.

Fíxose fincapé, por parte do BNG, no importante número de embarcacións que utilizan gasolina e ás que non se lle está aplicando até o momento ningún tipo de rebaixa fiscal. Neste senso, a insistencia do BNG está dando os seus froitos, pois este combustible, utilizado pola meirande parte da frota artesanal galega, en breve terá unha importante rebaixa, rachando cunha situación de discriminación que leva padecendo durante moitos anos.

Con todo, faise necesario extender sistemas de propulsión que abaraten os custos de combustíbel. Exemplos poden ser o do gas licuado, motores de aforro enerxético, de catro tempos, etc., polos que está apostando a Consellería de Innovación e Industria.

Tanto o BNG como o sector concordaron na necesidade de traballar máis en mellorar a comercialización, dándolle máis valor en 1ª venda ao peixe e marisco. Establecer prezos mínimos de referencia por especie, controlar as importacións ilegais de peixe, establecer estrictos controis veterinarios e mellorar a etiquetaxe para poñer en valor os nosos productos, foron algunhas das cuestións que se barallaron.

Os representantes do sector tamén puxeron enriba da mesa outras problemáticas como, por exemplo, a competencia desleal que lle supón para o cerco a frota portuguesa ou a situación critica que están pasando a frota en Mauritania.

Finalmente concordouse na necesidade de pór en marcha un paquete de medidas de choque, por parte do Estado español e a Unión Europea (administracións competentes) en materia fiscal e de axudas, non como unha solución definitiva senón como un alivio transitorio. En todo caso, para o BNG a solución non pode pasar por facilitar e subvencionar o despece da frota.

Nova no canal Rías Baixas:
O BNG considera que si hai alternativas para palia-la crise do sector pesqueiro

O BNG logra no Senado o respaldo á tarifa nocturna

O Senado aproba unha moción do BNG solicitando ao Goberno que non suprima a tarifa nocturna

A moción do BNG foi apoiada por todos os grupos da Cámara Alta (PP, CiU, PNV, Entesa Catalana e Mixto) e só contou co voto en contra do PSOE

Madrid, 19 Xuño 08. A Comisión de Industria do Senado aprobou esta mañá unha moción do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza pola que se lle demanda ao Goberno que non suprima a tarifa eléctrica nocturna “debido á negativa repercusión económica que tería sobre os consumidores”.

En concreto, a moción do BNG aprobada hoxe insta ao Goberno a que “derrogue a nova modalidade tarifaria de discriminación horaria e reimplante a tarifa eléctrica nocturna, de forma as economías domésticas non sufran unha suba desproporcionada na tarifa eléctrica”.

Máis información…