BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Maio, 2008:

Recuperación do casco histórico de Carreira

Pedras de Carreira

O BNG interesouse novamente diante do Goberno do PP pola recuperación do casco histórico de Carreira presentando unha nova iniciativa na que, ademais, pregunta cales son as razóns polas que as pedras foron trasladadas ao Campo de Fútbol de Carreira

Tamén lle pregunta ao executivo, no caso de que non aproveiten as lousas, que a xuízo dos Técnicos Municipais son recuperábeis a un 80%, cal é o uso ou disposición que vai a facer das mesmas

A recuperación do casco histórico de Carreira, é unha obra que está a causar múltiples atrancos á veciñanza. Nunha primeira fase fíxose un proxecto sen coñecer o que en realidade estaba oculto baixo unha capa de formigón.

Logo de comezada, e tras a aparición dunhas grandes lousas de perpiaño moi ben conservadas, de dimensións considerables e con un certo valor histórico, e tras solicitarse por parte do BNG a este Goberno Municipal a súa recuperación, a obra sofre un parón, segundo din, para reestructurar ese proxecto.

Cando se volve a encamiñar, a empresa que estaba a executar a obra (SEIXO, S.L.) presenta suspensión de pagos e fai parón na mesma, deixando ós veciños/as coas entradas das súas casas obstruídas e sen posibilidade de acceso en moitos dos casos.

Agora, tres meses máis tarde, as grandes lousas de perpiaño son desmontadas e transportadas para depositalas no Campo de Fútbol de Carreira.

Iniciativa municipal:
2008-05-12pedracascohistoricocarreira.pdf

Solucións aos pestilentes desbordamentos

O BNG de Ribeira solicitalle ao Goberno do PP que explique as actuacións levadas a cabo ate o día de hoxe para dar solución aos cheiros e desbordamentos de fecais en Rosalía Castro, Xeral Franco e en García Bayón (Praza da Concordia) de Ribeira

Tamén lle reclama información sobre as medidas que, dada a persistencia dos problemas, ten previsto levar a cabo neses mesmos lugares e en que informes técnicos se basean as actuacións levadas a cabo ou previstas

Logo de medio ano de que o PP rexeitase unha proposta do BNG para pór solución ós cheiros no casco urbano de Ribeira, os problemas seguen. Acusamos ó Goberno do PP de dar paus de cego e denunciamos a súa incompetencia para dar solución a este vello problema.

E ás probas nos remitimos, dez minutos de choiva torrencial foron suficientes pouco despois das tres da tarde do mércores para que as tapas dos sumidoiros das rúas Rosalía de Castro e Xeneral Franco se desbordasen e todo tipo de residuos fecais se esparcisen por elas deixando un regueiro de lixo e un rastro de pestilente cheiro.

No Pleno do Concello celebrado o pasado 26 de Novembro, o Grupo de Goberno rexeitou unha iniciativa do BNG no que se instaba a que “O Goberno Municipal realizara un estudo técnico da situación da rede de sumidoiros na zona de Rosalía Castro con Xeneral Franco así como na do Parque García Bayón – Pza. da Concordia para determinar as causas dos cheiros. Este estudo incluirá as medidas correctoras que se propoñen para minimizar as molestias existentes”.

Como manifestamos no mencionado Pleno, a xa longa duración do problema e a demostrada incapacidade deste Goberno para poñer solución require dun estudo serio e rigoroso desde o punto de vista técnico que sinale as actuacións a levar a cabo.

Como lle consta a este Grupo Municipal que nestas zonas se teñen realizado actuacións por parte do Goberno Local, parece lóxico pensar que ou ben foron insuficientes ou ben non foron as acertadas: non será dando “paus de cego”como se porá fin a este grave problema.

Pese a que polos responsables municipais se recoñeceu a gravidade do problema e a súa longa persistencia no tempo, a moción do BNG foi rexeitada en base a argumentacións tales como: “os técnicos están neso”, “estámolo solucionando”, “co vento saen olores pero imos poñer sifóns” ou “imos limpar o río de Rosalía Castro”.

O pasado 14 de maio, unha simple chuvieira de a penas 10 minutos volveu poñer en evidencia, medio ano despois de rexeitar a nosa proposta, que a situación segue igual nos mesmos lugares e especialmente na confluencia de Rosalía Castro con Xral. Franco onde volveron a desbordar augas fecais para desesperación da cidadanía.

Iniciativa municipal:
2008-05rebosamentosfecais.pdf

Nova relacionada na Voz:
2008-05rebosamentosfecais.pdf

Vivenda destina 5,1 M. € á erradicación do chabolismo

A CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO DESTINA 5,1 M. € EN 2008 Á LIÑA DE AXUDAS DESTINADA Á ERRADICACIÓN DO CHABOLISMO

 A subvención pode acadar o 80% do orzamento protexible no caso de adquirir ou construír unha nova vivenda

 No caso de realoxos en vivendas de aluguer a subvención pode chegar ata o 80% do renda mensual cun límite de 300 € por vivenda

Santiago de Compostela, 15 maio 2008.- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, dedica 5.168.400 € en 2008 para a liña de axudas destinadas á erradicación do chabolismo a través de convenios de colaboración asinados cos concellos galegos. O Consello da Xunta deu hoxe o visto bo á orde que contempla estas axudas, que entrará en vigor nos próximos días unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Estas axudas van destinadas a subvencionar actuacións emprendidas tanto polos propios chabolistas como polos concellos. No caso de que o chabolista promova a construción da súa propia vivenda a subvención acada o 50% do orzamento protexible e se adquire unha vivenda nova ou usada chega ao 30% do custe da adquisición.

Cando son os propios concellos, ou outros promotores públicos, os que adquiren vivendas novas ou usadas a subvención pode acadar ata o 80% do custo de adquisición en municipios con menos de 50.000 habitantes, e ata o 65% do custo de adquisición en municipios de 50.000 ou máis habitantes. Neste caso, as vivendas adquiridas serán adxudicadas aos chabolistas en réxime de aluguer e transcorridos 2 anos poderán ser transmitidas en propiedade.

Outra posibilidade é que os concellos busquen vivendas en aluguer para o realoxo dos chabolistas, neste caso a Consellería subvenciona ata o 80% do custo do aluguer da vivenda en municipios de menos de 50.000 habitantes e ata o 65% en concellos de 50.000 ou máis habitantes. A contía máxima da subvención é de 300 € por vivenda e o período da subvención non superará os 3 anos, agás casos excepcionais, xa que o obxectivo final desta actuación é a integración social dos chabolistas.

Solicitudes

En ambos casos, tanto as solicitudes de particulares como dos concellos, deberán xestionarse a través dos consistorios e serán estes os que presenten as solicitudes ante as delegacións da Consellería de Vivenda e Solo en cada unha das catro provincias galegas.

Acompañando ao impreso de solicitude, os concellos deben remitir os censos debidamente cubertos, a proposta das actuacións a realizar para facilitar o aceso á vivenda, o plan de integración social dos chabolistas, o saneamento da área de actuación e un esquema dos recursos que achegarán ambas administracións – Consellería e concello -.

Polo dereito a vivirmos en galego

Correlingua Ribeira 2008

O BNG de Ribeira ven de solicitarlle ao goberno de Ribeira que dea o seu apoio ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística, POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO:

As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:

1. Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.

2. Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que esixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.

3. Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.

4. Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.

Iniciativa municipal:
2008-05-12-apoio-manifesto-da-mesa.pdf

Solicitamos a gasificación de Ribeira

O BNG solicitalle ao Pleno e á Xunta de Goberno Local que se dirixa ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio demandándolle que axilice a resolución e aprobación das retribucións precisas para a execución das actuacións de gasificación conveniadas entre a Xunta de Galiza e a empresa Gas Galicia para dotar deste servizo, entre outros, ao noso concello.

No mes de xuño do pasado ano, o conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, asinou un convenio de colaboración coa empresa Gas Galicia coa fin de desenvolver a cuarta fase do plan de gasificación de Galiza.

O convenio ten como obxectivo ampliar e mellorar as infraestruturas da rede gasista para garantir a subministración de gas natural naqueles concellos cuxo potencial de desenvolvemento se considera prioritario. Cun investimento de máis de 18 millóns de euros a intención é levar o subministro de gas natural a 25 concellos, entre eles ao noso. Esta cuarta fase do plan de gasificación de Galiza a desenvolver durante os vindeiros catro anos permitirá a construción de 100 quilómetros de redes e ramais de distribución industrial e doméstico-comercial, creando máis de 39.000 puntos de conexión así como a distribución de gas a diferentes polígonos industriais, entre eles o de Xarás, en Ribeira.

A Consellaría de Innovación e Industria pretende con este acordo favorecer a gasificación de zonas nas que a retribución específica do Ministerio e os fondos públicos da Administración autonómica, que poderá achegar un máximo do 30%, aseguran a rendibilidade dos investimentos nas redes de distribución a estes núcleos nos que, doutro xeito, sería inviábel economicamente. É este un dos requisitos esixidos polo Ministerio de Industria para conceder unha retribución específica para as empresas que queiran acometer a gasificación de núcleos de poboación que non dispoñan de gas natural, coma o noso. Para conceder a devandita retribución, que pode chegar como máximo aos 18 millóns de euros por proxecto, tamén se esixe que as empresas subscriban convenios de colaboración coas comunidades autónomas para acometer a gasificación, acordos que o Goberno galego xa asinou hai agora case un ano.

No entanto, e transcorrido todo este tempo, o certo é que o desenvolvemento e execución das actuacións previstas están paralizadas diante da pasividade do Ministerio de Industria que aínda non adoptou ningunha decisión respecto das retribucións das que depende o inicio das actuacións e que polo tanto o noso concello poda dispor deste servizo nos vindeiros anos.

En definitiva, fronte ao esforzo, a vontade e o compromiso do nacionalismo desde a Xunta de Galiza por avanzar na gasificación do país, atopámonos cunha dilación e parálise inxustificada desde o Ministerio de Industria que prexudica claramente aos veciños e veciñas do noso concello.

Correlingua 2008 en Ribeira

Máis de 1.500 nenos e nenas, dos 4 concellos da comarca, berraron en Ribeira por vivir na súa lingua, a lingua galega:

Galiza somos nós, a xente maila fala. Se queres a Galiza, fala, fala, fala!!

Que lingua tan fermosa!! Si, é a lingua galega!!

Gaña a túa lingua, o galego!!

Falao, falao. A lingua dos galegos e galegas non se garda nos museos!!

Correlingua 2008

Demandamos melloras na quenda de oficio

Reunión do BNG con representantes da quenda de oficio

O BNG reclama no Parlamento Galego melloras no servizo de xustiza gratuíta

Tal como se acordara nunha reunión mantida a mediados do mes pasado entre unha representación do BNG formada pola deputada Ana Pontón, o deputado Iago Tabarés e a voceira municipal de Ribeira, Dominga Brión, cunha representación dos avogados e avogadas da quenda de oficio do Partido Xudicial de Ribeira, encabezada por Fernanda Álvarez, delegada colexial do partido xudicial de Ribeira, o BNG ven de presentar unha iniciativa parlamentar en relación coa “situación da quenda de oficio na comarca da Barbanza” e sobre as fórmulas a adoptar “para mellorar a tramitación dos procedementos de concesión do beneficio de xustiza gratuíta”.

Máis información…

Iniciativa parlamentar:
28543-quendaoficioribeira.pdf

Solicitamos que se comprobe a urbanización do Touro

Urbanización do Touro Obra do Touro

O BNG ven de presentar unha iniciativa pola que lle reclama ao Goberno do PP que dea as ordes oportunas para que os servizos técnicos municipais comproben se a urbanización de 36 vivendas que se está a construír no Touro, se axusta á normativa vixente.

Na iniciativa tamén solicita que, de incumplirse, se proceda á súa paralización inmediata e a restitución da obra á legalidade vixente.

Do mesmo xeito tamén demanda que se autorice ao Grupo Municipal do BNG o acceso ao expediente desta obra.

Dende o BNG temos que seguir denunciando a nefasta xestión do Goberno do PP en materia de urbanismo así como a política de escurantismo que nesta materia quere impoñer, negándolle a este Grupo Municipal o acceso aos expedientes de obras dende o mes de xaneiro. No que vai de ano non se nos permitiu ver ningún expediente, mesmo téndoo solicitado por escrito nalgúns casos dende hai xa tres meses.

Entendemos que nun tema tan sensíbel para toda a cidadanía como é o urbanismo, debería existir absoluta transparencia. Resúltanos, polo tanto, incomprensíbel a actitude do goberno popular de agachar a información e dificultar a labor de fiscalización da oposición, incumprindo a normativa vixente. Cabe lembrar tamén que descoñecemos os temas que se trataron nas Xuntas de Goberno porque no que vai de ano tampouco se nos entregaron as actas, cando a normativa vixente indica que no prazo de 10 días deberíamos dispor desa información. A Xunta de Goberno (formada integramente por representantes do PP) é a que se encarga, entre outras cousas, da concesión das licencias municipais.

Nesta ocasión queremos que se comprobe, por parte dos servizos técnicos municipais, se a urbanización que se esta construíndo no lugar do Touro, a carón da estrada C7307 (de Ribeira a Aguiño por Castiñeiras), se axusta á licencia concedida polo Xunta de Goberno Local acorde co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribeira, especialmente no tocante a alturas, retranqueos, ocupación e edificabilidade. Trátase dunha edificación de 6 bloques, cun total de 36 vivendas, que se está a construir nunha finca en parte afectada por costas.

Iniciativa municipal:
2008-05-07urbanizaciontourocaselas.pdf

Nova vertedura no peirao de Ribeira

Vertedura no porto de RibeiraVertedura no porto de Ribeira

O BNG de Ribeira ven de solicitarlle ao Goberno do PP que informe á Corporación Municipal das actuacións levadas a cabo para atopar a orixe das reiteradas verteduras na dársena portuaria procedentes do saneamento público de Ribeira e das medidas tomadas para erradicalas.

O pasado fin de semana produciuse un novo verquido no peirao de Ribeira, ao parecer, procedente do saneamento público. Como é sabido, son varios os puntos polos que reiteradamente a rede de saneamento público, sen ningún tipo de depuración previa, verte directamente ao porto, contaminando as súas augas. Neste caso, a vertedura ocasionouse na zona de atraque das embarcacións menores.

Unha vez máis dende o BNG queremos poñer de manifesto a nosa fonda preocupación pola continua repetición de verquidos incontrolados e contaminantes en distintos puntos do Concello e, nomeadamente, na dársena portuaria ocasionados por un deficiente saneamento. Verquidos que provocan serios danos sanitarios e ambientais, pero tamén económicos e de imaxe para os nosos sectores productivos.

O saneamento integral do Concello de Ribeira é unha tarefa que compre abordar urxentemente por ser materia pendente dende hai anos. Máis de 20 anos despois de goberno do PP con maioría absoluta, aínda hai diversos puntos do propio casco urbano onde as canalizacións son deficientes e non existe separación entre pluviais e fecais.

Iniciativa municipal:
2008-05-06-verquidospeirao.pdf

Laxe Brava. Coherencia, teatro e varas de medir

Solpor no Corgo

É evidente a inquietude que suscita na sociedade de Ribeira – e Barbanza- a posibilidade de que o valiosísimo contorno do Faro de Corrubedo se vexa seriamente danado por unha actuación que a Consellería de Pesca (PSOE) da Xunta de Galiza pretende levar a cabo dentro da súa proposta de Plano Galego de Acuicultura (PAG): o Parque nº 9 de Laxe Brava. Acorde a esa preocupación na cidadanía, os grupos políticos téñense manifestado en diferentes ocasións sobre este asunto con diferentes graos de coherencia, eso si. Lembremos, sequera brevemente, a anterior proposta do PP no Goberno da Xunta que, entre outras, sinalaba unha actuación a carón de Corrubedo, en Punta Corvos, similar en extensión á actual de Laxe Brava. Lembremos tamén que, moi recentemente, este mesmo partido, diante das críticas suscitadas polo actual PAG, reclamaba do actual Goberno Galego “a volta ó Plano anterior”. A última das “actuacións”, até agora, foi a proposta do Partido Popular instando no Parlamento Galego “ a suprimir do PAG o Polígono de Laxe Brava”. Como queira que esta “proposta” foi rexeitada polos grupos do Goberno, o PP pretende “demostrar” con esto a incoherencia do BNG por pedir en Ribeira o que rexeita en Santiago. Calquera puidera, erroneamente, pensar que hai nesto algo de razón. Por eso convén, por se interesa coñecer a verdade, explicalo.

Pensar que a aprobación no Parlamento da proposta do PP suporía a desaparición de Laxa Brava do PAG é un erro que só pode crer por ignorancia (comprensible por descoñecemento do proceso de tramitación do PAG) ou por inocencia (por crer sincera unha proposta de quen xa leva tres diferentes presentadas nos últimos tempos).

A tramitación da actual proposta de Plan de Acuicultura presentada pola Consellería de Pesca (actor principal, por outra parte) non require máis que ser feita pública para alegacións, recibir os correspondentes informes sectoriais –neste momento está pendente de informe da Consellería de Medio Ambiente- e ser aprobado polo Consello da Xunta para a súa posta en marcha efectiva. Non precisa pois de ningún trámite parlamentar, polo que, de producirse algunha intervención do Parlamento neste sentido, non tería ningún valor legal e, polo tanto, ningún efecto sobre o que, aparentemente, a proposta persegue. Se esto o coñecen ben os propoñentes, cal é a súa intención ó presentala? Lisa e llanamente provocar un “conflicto” entre as dúas forzas que sustentan o goberno e nada que ver, polo tanto, coa defensa real de Laxe Brava. Nin que dicir ten que na seguinte fase de tramitación, a aprobación no Consello da Xunta, a correlación actual de forzas non permitiría frear a aprobación do PAG tal como está, aínda ca oposición do BNG. Ese non é o camiño, polo tanto.

Para o BNG, en Ribeira e en Santiago, a solución pasa por “convencer” á Consellería de Pesca, e si se quer á parte política que a sustenta, do erro que suporía para todo o goberno galego, o mantemento do Parque Acuícola de Laxe Brava no PAG. E convencer con argumentos, que os hai, sobradamente coñecidos e que nós resumimos en dous: pregarse ós intereses do capital privado ou defender o interese xeral da poboación.

Como dicía moi recentemente o Presidente da Xunta, “a actual proposta de PAG aínda pode recibir melloras”. Neste momento a Consellería de Medio Ambiente, que está a elaborar o preceptivo informe sectorial sobre esta proposta de PAG, tramita a Lei de Protección da Paisaxe de Galiza. Non sería comprensible que, co espírito da Lei xa presente, a mesma consellería dese a puntilla a un dos máis senlleiros valores paisaxísticos do noso litoral. De novo unha oportunidade real.

Máis alá do resultado da lea política, o que está en xogo, o que verdadeiramente importa á sociedade de Ribeira, e de Galiza, é a conservación do seu máis emblemático patrimonio natural. A defensa do contorno de Corrubedo a todos nos afecta. Cada quén é moi libre de xulgar a coherencia dos diferentes grupos políticos e mesmo de medila con distintas varas, pero pode honestamente aplaudir ó mesmo tempo a “actuación” do PP e a defensa de Laxe Brava?

Xosé Luís Groveiro
Concelleiro do BNG de Ribeira