BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Maio, 2008:

Reclamámos un Centro Integrado na Barbanza

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal para que a corporación inte á Consellería de Educación a que no vindeiro curso se poña en marcha un Centro Integrado de Formación Profesional no concello de Ribeira

Os centros integrados de formación profesional concíbense como institucións ao servizo da cidadanía e do sector productivo, que deben contribuír á cualificación e recualificación das persoas acomodándose ás súas distintas expectativas profesionais, tal e como consta no Real Decreto 1558/2005, do 23 de decembro polo que se regulan os requisitos básicos destes centros.

Estes centros deben incluír nas súas accións formativas as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores e das traballadoras, e as de formación permanente dirixidas á poboación traballadora ocupada.

A publicación do R.D anteriormente mencionado fixo necesaria unha adaptación á nova normativa e así creáronse os novos centros integrados polo Decreto 154/2006, de 7 de setembro de 2006.

Como recordamos tanto a comunidade educativa, como o sector empresarial e productivo do noso concello demandaron a creación dun centro integrado en Ribeira sen que esto supuxera a desaparición da oferta formativa de ESO no IES Coroso. E dicir, que se creara o centro integrado por desdobre deste centro (como se fixo noutros concellos como Fene ou Ribadeo) e non por simple transformación.

Despois de dous cursos aínda non contamos cunha oferta formativa tan necesaria na nosa comarca e no noso concello.

Solicitamos que Urbanismo comprobe o Mirador de Padín

O BNG solicitoulle á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellaría de Política Territorial que comprobe se o Residencial Mirador de Padín se axusta á licencia concedida polo Xunta de Goberno Local acorde co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribeira, especialmente no tocante a alturas, retranqueos, ocupación e edificabilidade. De non ser así, que se proceda á súa paralización inmediata e a restitución da mesma á legalidade vixente.

A urbanización Residencial Mirador de Padín, de 227 vivendas, estase construíndo na Rúa do Comandante de Ribeira e dela o BNG ten recibido queixas da veciñanza no senso de denunciar agravios comparativos no relativo, especialmente, a alturas. O Goberno Municipal concedeulle, por convenio, baixo, 5 plantas e baixo cuberta. Este é un privilexio co que o entorno próximo non conta. A preocupación da cidadanía, e tamén deste Grupo Municipal, é que se excedan as alturas concedidas pois iso iría en detrimento da calidade de vida de toda a cidadanía do entrorno.

Por esta razón acudimos a ante a Dirección Xeral de Urbanismo da Consellaría de Política Territorial, para que dentro das súas funcións de “dirección, planificación, impulso, xestión e coordinación das competencias que, en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral, corresponden á consellería” e que se concretan, entre outras, no seguinte: “e) O fomento, seguimento e control da actividade urbanística”, fagas as comprobacións que estimen oportunas para garantir que a devandita urbanización se adapta á normativa vixente.

Iniciativa:
2008-05-08miradorpadin.pdf

Solicitamos que se complete o saneamento de Artes

O BNG ven de reclamarlle ao Goberno Municipal que proceda á dotación de rede de sumidoiros ós lugares de Viñas e Teixoeira, en Artes, asignando a necesaria partida do orzamento municipal previsto para o ano 2008

Tamén demada que o Goberno Municipal leve a cabo as obras precisas para que todas as vivendas de Goda e Perdigoteira poidan conectarse á actual rede de sumidoiros.

A parroquia de Artes conta cunha rede de sumidoiros executada en gran parte en base a un acordo entre o Concello e a Comunidade Veciñal. A execución do saneamento de Goda a Muíños deixou, inxustamente, un bo número de vivendas dos lugares de Viñas, Goda e Perdigoteira sen este servizo hoxe en día básico, pese á demanda do BNG (Moción de 24 de marzo de 2003).

Tamén, incomprensiblemente a día de hoxe, un grupo de veciños do lugar de Teixoeira carecen da posibilidade de conectar as súas vivendas á rede, pese a pasar esta a moi pouca distancia. Esta situación de clara discriminación é máis grave aínda se pensamos que na actualidade os vertidos van a pozos negros, algúns en particular con serios problemas de funcionamento que verten directamente ao río de Viñas, ao río Sanchanás e polo tanto ás augas do Carregal, no Parque Natural de Corrubedo. Hai que dicir tamén que non existe ningún impedimento serio de tipo técnico debido á orografía destes lugares que impida executar as obras precisas para dar fin a esta situación.

Reclamamos a separación de pluviais e fecais en Aguiño

O BNG reclámalle ao Goberno Municipal que se fagan os trámites necesarios e da maneira máis urxente posible, para que se proceda á separación de pluviais e residuais na parroquia de Aguiño

Son xa innumerables as ocasións en que diversas rúas de Aguiño sofren problemas de asolagamentos e cheiros por mor das choivas. Así, podemos falar da zona de Listres, as rúas do Carreiro e a de Castelao, e da meirande parte das zonas desta parroquia. A veciñanza demandou en numerosas ocasións que se lle dese solución ó problema que xera nesta zona a non separación de pluviais e residuais.

Con pequenas choivas as arquetas dos residuais levántanse, vertendo as augas fecais polas estradas, que en moitos dos casos chegan a colocarse nas portas da veciñanza residuos fecais que dan orixe a un pestilente cheiro, tendo logo estes veciños/as que proceder á limpeza das rúas.

Noutros casos, os propios residuos do alcantarillado público chegan a entrar nos aseos dalgunhas vivendas facendo que os botes sifónicos se levanten e se devolvan pola baixante augas que deixan un “aroma non grato” ademais de tóxico, no interior das casas.

Coas enchentes de auga circulan os residuos polas estradas, e como sempre van parar ó receptor universal de verquidos, o mar, concretamente, ás praias de Aguiño, sendo unha das máis afectadas a do Rebalo. É moi usual cando se da esta condición, ver unha mancha escura de grandes dimensións, sobre as verdosas augas do mar, isto non é outra cousa que eses residuos arrastrados polas correntes.

Tendo xa constancia este Goberno Municipal dos múltiples atrancos que a non separación de Pluvias-Residuais está a causar no Concello, e concretamente nesta zona de Aguiño, e cando se está falando da implantación dunha macrodepuradora na propia parroquia, non é de recibo que aínda non se tomaran medidas para dar solución a este problema, que por outra banda se presupón nese anteproxecto feito da depuradora que esta separación pluviais-residuais xa é algo efectivo e real en todo o Concello.

Iniciativa municipal:
2008-05-12separacionpluviaisaguino.pdf

O Polígono da Barbanza conta coa avaliación estratéxica ambiental

Ordenación do Polígono da Barbanza

Clica na imaxe para ver a Ordenación do Polígono en PDF

O FUTURO PARQUE EMPRESARIAL DA BARBANZA CONTA CO DOCUMENTO DE AVALIACIÓN ESTRATÉXICA AMBIENTAL

 No prazo dun mes a Consellería de Vivenda e Solo someterá a exposición pública o Proxecto sectorial e o Informe de sostenibilidade ambiental (ISA)

O futuro Parque Empresarial da Barbanza, de 1 millón de metros cadrados, conta co Documento de referencia para a avaliación estratéxica ambiental, emitido pola Consellería de Medio Ambiente. Este documento-guía inclúe as consideracións necesarias para que a equipa redactora do Proxecto Sectorial do parque remate a súa elaboración e especifica a qué departamentos ou entidades hai que solicitar a emisión dos informes sectoriais preceptivos – previos á súa aprobación definitiva – incluído o Informe de sostenibilidade ambiental (ISA). Este Documento de referencia para a avaliación estratéxica ambiental xa foi remitido á equipa redactora do Proxecto sectorial.

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, tamén enviou a proposta de Declaración de supramunicipalidade deste parque á CPTOPT, que deberá emitir un informe previo á súa aprobación no Consello da Xunta.

A Consellería prevé que no prazo dun mes estes trámites previos estarán finalizados e poderá someter a exposición pública tanto o Proxecto sectorial como o Informe de sostenibilidade ambiental (ISA), que substitúe a anterior Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Ambos documentos permanecerán en exposición pública para a presentación de posibles alegacións na sede da Consellería en Santiago e nos dous concellos nos que se desenvolverá este parque, Ribeira e Pobra do Caramiñal, o Proxecto Sectorial durante un mes e o ISA durante dous meses.

Neste punto, a Consellería de Vivenda e Solo remitirá ambos documentos aos departamentos e entidades que deben emitir informes sectoriais preceptivos, que neste caso son –entre outros- os concellos afectados, a Dirección Xeral de Estradas do Estado, Consellería de Innovación e Industria, Consellería de Medio Rural, CPTOPT e Augas de Galicia.

A previsión é que a tramitación administrativa se desenvolva durante o 2008 e a licitación das obras se produza no cuarto trimestre dese ano. O investimento total previsto nesta actuación é de 32.062.224 euros, dos que máis de 27 millóns se dedicarán á urbanización e 4,1 millóns se empregarán na adquisición de terreos.

Características do parque

O Parque Empresarial da Barbanza está situado nos municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal, que comparten unha economía relacionada co sector pesqueiro e cunha actividade industrial concentrada na conserva. A localización desta infraestrutura é produto dun estudio de viabilidade medioambiental, técnica e económica no que se analizaron 10 millóns de metros cadrados de terreo antes de optar pola área de actuación concreta que albergará o futuro parque.

O Parque Empresarial da Barbanza contará cunha superficie total de 1.008.928 metros cadrados, dos que 541.520 metros cadrados serán de uso empresarial e industrial, 311.824 metros cadrados para espazos libres, 124.198 metros cadrados para a rede viaria e 31.386 metros cadrados para equipamentos.

Este parque incluirá naves modulares para os pequenos empresarios que queiran instalarse co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades de solo produtivo a un prezo e nunhas condicións razoables. Estas naves terán un tamaño aproximado de 500 metros cadrados e serán adxudicadas en réxime de aluguer con opción de compra transcorridos 10 anos.

Ademais, o futuro Parque Empresarial da Barbanza contará cun edificio de usos múltiples para dar servizo aos empresarios que se instalen neste parque, tanto de Ribeira como de Pobra do Caramiñal. Este edificio, que contará con espazos comúns de novas tecnoloxías, estará situado nunha parcela de uso dotacional público e será adxudicado por concesión administrativa durante un prazo determinado de tempo.

O Parque Empresarial da Barbanza está incluído no Proxecto Galiza Suma, que supón a construción de parques empresariais estratéxicos e ben dimensionados, cunha alta calidade arquitectónica e tecnolóxica, con dotacións e servizos propios do século XXI.

Pleno de maio

Na sesión plenaria ordinaria do 26 de maio só se debateron 2 das seis mocións presentadas polo BNG. Como ven sendo habitual, o PP rexeitou todas as nosas iniciativas alegando o tan manido “xa estamos niso”.

A novidade da xornada plenaria de onte foi que o salón de plenos estivo ateigado de veciñas e veciños de Ribeira, unha boa parte da Rúa do Pombal e arredores, que quixeron escoitar directamente do grupo de goberno que plans tiñan para arranxar o entorno das súas vivendas. Aínda que o goberno do PP votou en contra, pese a insistencia do BNG, dixeron publicamente que teñen previsto unha segunda fase para o arranxo da Rúa do Pombal, que incluiría todo o entorno das vivendas que faltan. Tomamos debida nota e estaremos atentos para que cumpran co compromiso de executar esa segunda fase.

No relativo ao saneamento de Oleiros, tamén votaron en contra a pesar que un pouco antes recoñeceron que o Anteproxecto de Edar de Corrubedo deixaba sen saneamento moitos núcleos de Oleiros: Os Muiños, Lixó, Carballo, Sobrido, parte da Gandara, parte de Salmón. Mesmo se comprometeron a facer, con cargo aos orzamentos do concello, a canalización os núcleos que faltan. Aínda así, un pouco despois, sen ningún tipo de rubor, votaron en contra dunha iniciativa que pretendía recoller nun acordo plenario precisamente iso, alegando que non procedía.

Pulsa enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións tratadas en Pleno son en relación cos seguintes temas:

1.- Actuación integral na Rúa do Pombal
2.- Saneamento de Oleiros

Mocións pendentes para o vindeiro Pleno:

3.- Saneamento de varios núcleos de Artes
4.- Centro Integrado
5.- Mellora canalizacións de saneamento en Aguiño
6.- Patrimonio etnográfico

Solicitamos o saneamento para Oleiros

O BNG solicita do Goberno do PP que faga as obras necesarias para dotar de saneamento a toda a parroquia de Oleiros

No anteproxecto da Xunta non se recollen as augas residuais de distintos puntos da parroquia como Salmón, Lixó, Os Muiños… Solicitamos que o Goberno municipal faga as alegacións pertinentes ao anteproxecto para dotar de saneamento todos os núcleos de poboación de Oleiros, ou que efectue as obras pertinentes con fondos propios

Desde o Grupo Municipal do BNG xa se levan presentado diante do pleno diferentes mocións reclamando obras para que todos os veciños/as do concello teñan acceso a servizos básicos como é o do saneamento.

Na parroquia de Oleiros hay unhas 400 vivendas das que só poden dispoñer de alcantarillado 14, pois unicamente existen uns 1000 mts. de rede de saneamento. Logo da reclamación por parte dos veciños, de reiteradas promesas electorais, e mesmo apoiando por toda a corporación municipal mocións presentadas polo BNG, para dotar a Oleiros deste servizo, o Goberno Municipal esquence non só unha promesa, senón que incumple un acordo do Pleno Municipal.

Só desde a incompetencia e a deixadez do PP se pode entender que logo de mais de 20 anos de goberno se sigan ignorando as reivindicacións dos veciños/as, dun servizo tan elemental como é o saneamento, discriminados ano tras ano, a pesar de colaborar desinteresadamente cando se trata de intereses para todo o Concello.

Iniciativa municipal:
2008-04-22saneamentooleiros.pdf

Balance dun ano de goberno

Dominga Brión

O PP ten un proxecto esgotado e a súa incapacidade de xestión está hipotecando o presente e o futuro de Ribeira

Dende o BNG traballaremos arreo para que a cidadanía puxante e dinámica de Ribeira conte cos servizos e infraestructuras que necesita e merece

Un ano despois das elección municipais, compre facer balance. Trátase do primeiro ano, pero da sexta lexislatura consecutiva que goberna en Ribeira o PP e da quinta do mesmo alcalde. A estas alturas, o que denota o goberno do PP de Ribeira e que ten un proxecto esgotado, cun equipo mediocre incapaz de abordar as importantes obras de infraestructura e a dotación de servizos que Ribeira necesita, como quedou patente nos orzamento do 2008, no que se recollen como obras máis importantes o matadoiro e a casa da xuventude, que quedaron pendentes do ano pasado. Isto está hipotecando o presente e o futuro de Ribeira, pese ao custo económico para a cidadanía que supón contar con dúas dedicacións exclusivas a maiores das que tiñan na anterior lexislatura.

A falta de xestión diante doutras administracións, cando non confrontación directa, supón a perda de investimentos e de dotación de servizos á cidadanía. A situación do porto e da lonxa, é unha boa proba. Tamén o é a carencia de servizos como a circunvalación, o matadoiro e a estación de autobuses ou a precariedade doutros, como é o caso do mercado municipal ou a situación da canceira municipal.

Mesmo non dubidan en rexeitar a dotación de servizos xestionados por nós: como é o caso da Galescola, que decidiron que non era necesaria a pesar de que as estatísticas din o contrario, e que foi solicitada por asociacións como a das Amas de Casa; ou do local ensaio, que optan por facelo con diñeiro municipal, renunciando a unha partida de máis de 120.000 € que Vicepresidencia poñía ao dispor da cidadanía de Ribeira.

Algo parecido intentaron co polígono industrial da Barbanza, dun millón de metros cadrados, para que non quedara en evidencia a súa incapacidade; durante máis de 20 anos de goberno popular non conseguiron nin un só metro de chan industrial. Algo que foi capaz de xestionar o BNG dende a oposición, nese compromiso de creación de emprego e riqueza que ten o BNG e que puxemos en práctica dende o goberno galego. Hoxe o Polígono da Barbanza é unha realidade en marcha a pesar do PP.

En materia de servizos sociais, a pesar do esforzo económico de Vicepresidencia, lévanse perdidos máis de 85.000€ do Programa ANTA de Vicepresidencia (para subvencionar o transporte adaptado). A falta de compromiso político tamén se visualiza nos preto de 50.000€ da axuda no fogar que tiveron que devolver por falta de xustificación, ou na carencia de servizos novidosos ás persoas maiores que existen noutros concellos e dos que carecemos en Ribeira: servizo de catering.

Unha falla de compromiso que tamén se deixa ver na cativa oferta cultural e de ocio propia do concello, especialmente na destinada a xente nova, que se sustenta grazas as iniciativas doutras administracións e entidades, que dende o goberno venden como propias. A situación das escolas, dos parques, da Casa da Xuventude, co risco real que existe de perder as subvencións, etc. tamén son claros exemplos.

Urbanismo

A estas alturas segue sen adaptar o PXOM á Lei do Solo, pese a que tiña que estalo antes de xaneiro do 2006. Temos un departamento de urbanismo que necesita mellorar moito para poder controlar que o que se constrúe se corresponde coas licencias outorgadas. Esta política ocasiona verdadeiras aberracións urbanísticas que propicia a especulación en contra dos intereses da maioría.

A isto hai que engadirlle a falla de transparencia e o escurantismo que está aplicando o goberno do PP dende principios de ano, agachando a información e impedindo o acceso aos expedientes de obra incluso téndoo solicitado por escrito dende hai máis de tres meses. Isto, ademais de conculcar a normativa vixente, dificulta o noso traballo de fiscalización.

Saneamento

A outra gran asignatura pendente. Ribeira conta cunha deficiente rede de saneamento que ocasiona problemas que se reflicten a diario en pestilentes cheiros en distintas zonas do concello, varias delas no propio casco urbano, e que quedou en evidencia o pasado día 14 de maio, pois 10 minutos de choiva chegaron para que se producira o desbordamento das alcantarillas nas rúas máis importantes do casco urbano de Ribeira. Pero outro tanto sucede en Aguiño e noutros puntos do Concello. Tampouco contamos con ningunha depuradora. Agardamos que iso cambie en breve grazas ao goberno da Xunta. Tivo que chegar un novo goberno para que se vexan proxectos para tratar augas residuais.

Afortunadamente, a pesar do goberno que temos, e grazas a intervención doutras administracións, a cidadanía de Ribeira conta xa con melloras importantes na rede eléctrica, co acceso ás novas tecnoloxías a través da banda ampla, melloras no caso urbano e n pistas rurais, etc.

Unha mágoa que se perda un tempo precioso que serviría para consolidar a Ribeira como capital da Barbanza. En todo caso, dende o BNG seguiremos traballando para que a cidadanía puxante e dinámica de Ribeira conte cos servizos e infraestructuras que necesita e merece.

Nova na Voz:
«O que denota o goberno do PP é que ten un proxecto esgotado»

Poñendo en valor o patrimonio etnográfico

O BNG ven de solicitarlle ao goberno do PP que actualice o Inventario Xeral de Bens Inmobles do concello de Ribeira, e que o oficialice mediante a aprobación en Pleno.

Na mesma iniciativa reclamamos que se elabore un Plan de mellora e mantemento do patrimonio etnográfico para evitar o deterioro de fontes, lavadorios, etc.

Tamén demandamos que se dea cumprida difusión aos elementos máis característicos deste patrimonio a través de sinalización, publicación de folletos, catálogo na web municipal, etc.

Existe nas dependencias municipais un documento denominado “Fichas, planos e cartografía do inventario xeral dos bens e dereitos correspondentes a esta corporación” confeccionado con referencia ao 31 de decembro de 2001. No mesmo aparecen reflectidos os bens inmobles tanto urbanos como rústicos que ten o noso concello. Así pois neste documento plásmase a cartografía, fotografía e fichas con datos de interese sobre todos os bens que ten o nos concello. Estes van dende parques, instalacións deportivas, equipamentos culturais, ata o edificio da casa do concello. Inexplicablemente este “Catálogo Patrimonial” está sen aprobar en Pleno e xa leva máis de 6 anos elaborado.

Asemade, tamén forman parte deste catálogo as fontes, lavadoiros, cruceiros, etc., é dicir, toda a riqueza patrimonial que temos no noso concello. Dende o BNG parécenos moi importante recuperar, poñer en valor e difundir todo este patrimonio etnográfico que representa un elemento propio da nosa forma de ser e por suposto un atractivo turístico.

Lamentablemente moitos destes elementos están esmorecendo e deteriorándose, sen ter un plan de mantemento que os manteña e difunda.

Iniciativa municipal:
2008-5-15plandifusionpostavalorpatrimonioetnografico.pdf

Na Galiza, en galego!

A Quintana quedouse pequena para acoller aos milleiros de persoas que se manifestaron polas rúas de Compostela para reclamar o dereito a vivir en galego: na Galiza, en galego!, foi o berro máis coreado.

Nova na Galega:
Milleiros de persoas maniféstanse en Santiago a favor do galego