BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Abril, 2008:

Solicitamos que se convoque o II Concurso de Novela Curta

O BNG solicita que se convoque a segunda edición do Concurso de Novela Curta

Tamén reclama que, de maneira urxente, se edite a obra gañadora do Concurso de Novela Curta da primeira edición

Co galo do centenario da cidade de Ribeira convocáronse unha serie de actividades unha delas foi o “concurso de novela curta”. Como recordamos, a gañadora deste concurso foi Begoña Paz Rei coa súa obra “As mellores intencións”.

O fallo desta obra realizouse en decembro de 2006 e a entrega do premio en xaneiro de 2007. As bases da convocatoria deste concurso comprometían a edición da obra gañadora e asemade o goberno municipal amosaba a disposición á continuidade, en convocatoria anual, deste concurso.

Un ano despois nin está editada a obra gañadora, co lóxico perxuizo para a autora da mesma, nin se ten convocado a segunda edición do concurso. Esta situación amosa a falta de seriedade por parte do goberno municipal e a deixadez das funcións da concellería de cultura.

Iniciativa municipal:
concursonovela.pdf

Defensa de Laxe Brava, fronte aos «paripés» do PP

Para o BNG é irrenunciábel a supresión de Laxe Brava do actual Plano Acuícola

Seguiremos traballando con coherencia, rigor e seriedade na defensa do noso patrimonio natural e dos intereses de Ribeira, lonxe de “paripés” e actuacións de cara á galería do Partido Popular

O BNG de Ribeira quere manifestar a falla de credibilidade da iniciativa presentada no Parlamento Galego polo PP relativa ao Plano Acuícola. A posición do PP sobre esta cuestión quedou claramente expresada coa aprobación do Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria do anterior goberno Fraga. Lembremos os seguintes feitos incontestábeis:

Foi aprobado polo Consello da Xunta, logo de perdidas as eleccións e cun goberno en funcións. Aquel goberno estaba formado exclusivamente polo Partido Popular, sendo Manuel Ruíz membro do grupo parlamentar que o sustentaba, e Tenente de Alcalde do Concello de Ribeira. Era, polo tanto, parte activa na elaboración do Plano que, lembremos, incluía para o Concello de Ribeira a mesma reserva de chan que o actual: en Couso, Aguiño e Punta Corvos, en Corrubedo. Como di o refrán, “polos seus feitos os coñeceredes”.

A posición do BNG foi sempre a mesma. Polas mesmas razóns que daquela nos opuxemos á instalación do Parque de Punta Corvos, opoñémonos agora ao de Laxe Brava.

O BNG está traballando en todos os niveis para introducir melloras na actual proposta do Plano Acuícola da Consellaría de Pesca: presentamos alegacións, iniciativas municipais e parlamentares. Como consecuencia, xa se teñen introducido melloras como a supresión do Parque de Couso, en Aguiño, e a redución do Parque de Seráns, entre outras.

Para o BNG é irrenunciábel a supresión de Laxe Brava do actual Plano Acuícola. Na defensa do noso patrimonio natural e dos intereses de Ribeira, seguiremos traballando con coherencia, rigor e seriedade nos ámbitos que corresponda, lonxe de “paripés” e actuacións cara á galería e faltas de credibilidade como as que esta levando a cabo o Partido Popular.

Nova na Voz:
Os nacionalistas acusan ao PP de falta de credibilidade sobre o plan acuícola da Xunta

Creación dunha Escola de Idiomas na Barbanza

A Consellaría de Educación dí agora que Ribeira contará cunha sección da Escola Oficial de Idiomas cando fai pouco máis dun mes dixo todo o contrario no Parlamento Galego en resposta a unha iniciativa do BNG

O BNG presentou en concellos da comarca unha iniciativa municipal na que se demandaba que se fixeran as xestións oportunas para que o vindeiro curso 2008-09 a Barbanza contara cunha Escola Oficial de Idiomas. Concretamente en Ribeira presentouse unha solicitude con data 16 de novembro, ante o Pleno da Corporación Municipal.

Tamén, o Grupo Parlamentario do BNG formulou unha pregunta sobre o ensino de idiomas na comarca da Barbanza, publicada no BOPG con data 1 de febreiro. Na contestación formulada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con data de 28 de febreiro, dicíase que “a curto prazo non está prevista a apertura doutra sección da Escola Oficial de Idiomas no Barbanza”; responden tamén que “a sección de Noia pretende cubrir a comarca de Noia e as de Muros e o Barbanza”.

Parécenos cando menos sorprendente a inesperada declaración da Consellería de Educación e o cambio de postura a respecto do declarado no Parlamento Galego hai pouco máis dun mes. Queremos supoñer que non houbo ocultación naquela resposta escrita (o que suporía un uso perverso da institución parlamentar) ou que non se trata agora dunha simple declaración propagandística de cara á galería. En todo caso congratulámonos deste cambio de postura e agardamos o seu cumprimento.

Desde o BNG seguiremos atentos para que este compromiso que responde a múltiples demandas da cidadanía sexa cumprido e non quede nunha simple declaración de intencións.

Iniciativa municipal

Iniciativa parlamentar:
26414-pe_escola-idiomas-barbanza.pdf

Resposta Consellaría Educación:
resposta-parlamentaria-pregunta-eoi.pdf

Nova relacionada na Voz:
Ribeira contará cunha sección da Escola Oficial de Idiomas o próximo curso

As Normas do Hábitat Galego

A aprobación das Normas do Hábitat Galego, que entraron en vigor o 17 abril, determinou unha serie de obrigas para os construtores de vivendas. O BNG, desde a súa responsabilidade de goberno, aposta por situar ao noso país na vangarda da calidade arquitectónica a nivel de Estado, así como garantir o dereito á vivenda que asiste a todos os galegos e galegas para facer efectivo o cambio galego polo que tantos cidadáns apostaron nas pasadas eleccións autonómicas.

Destacan dentro das medidas o aumento da superficie mínima de 26 a 40 metros cadrados; a obriga de que todas as estancias sexan exteriores, con excepcións definidas; ou o incremento de anchura nos corredores e nas portas, así como o espazo entre teito e solo, entre outras. Esta normativa, promovida pola consellaría de Vivenda e Solo que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, está suscitando a oposición de algúns representantes dos construtores e tamén da Fegamp, presidida por Carlos Fernández, do PSOE, dando lugar unha pinza PP-PSOE contra a consellaría dirixida polo BNG.

O BNG considera que esta lexislación dá forma a unha política de vivenda progresista e avanzada, acorde coas demandas da sociedade galega e aproveitando ao máximo o noso autogoberno. Por iso, está recibindo apoios de sectores como a Cogami, os colectivos ecoloxistas ou a directiva do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza. O BNG aposta por unha política de vivenda pensada no interese colectivo. O obxectivo do nacionalismo galego é gobernar para todos e todas, pero somos conscientes de que ás veces non se pode contentar a toda a cidadanía.

Entrevista a Teresa Táboas en A Nosa Terra

Encontro dixital con Teresa Táboas na Voz

O BNG reclama que Laxe Brava se retire do Plan Acuícola

2008-04-16-laxe_brava5.jpg

O BNG de Ribeira considera inaceptábel que o Parque de Laxe Brava non sexa retirado do Plan Acuícola

Para o BNG, este proxecto afectará aos sectores productivos tradicionais, ao turismo e ao desenvolvemento futuro do Parque Natural de Corrubedo e apela á nova Lei de Protección da Paisaxe de Galiza para protexer esta senlleira paisaxe

BNG presentou no seu momento alegacións para que foran retirados os parques de Couso-Aguiño, Seráns, e Laxe Brava, en Corrubedo do Plan Galego de Acuicultura. Hai que lembrar que se trata dun Plan elaborado polo antigo goberno do PP con modificacións puntuais da Consellaría de Pesca do PSOE.

A Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos ven de respostar informando que a situación destes parques quedaría do seguinte xeito:

• Nº 7: Couso-Aguiño: elimínase (55.000m2)
• Nº 8: Seráns: redúcese a 24.500 m2 (115.000m2)
• Nº 9: Laxe Brava: mantense tal cal (308.000 m2)

Parécenos positiva a decisión de retirar o parque de Couso en Aguiño e reducir o de Seráns, pero considerámos absolutamente inaceptábel que se manteña o parque de Laxe Brava, no Corgo, en Corrubedo.

Os argumentos que se dan por parte da Consellaría de Pesca para manter este parque nos parecen máis que cuestionábeis:

a) Fálase da “posibilidade de creación de emprego estable e de calidade”, “non suxeito a estacionalidade como é o caso do turismo”. Pero non se especifica cantos van ser os postos de traballo criados, baixo que condicións, ou cales repercutirán na comunidade na que se asenta.

No tocante ao turismo, entendemos que o esforzo da Xunta, concretamente da Dirección Xeral de Turismo, vai precisamente na liña de poñer en valor un potencial medioambiental e paisaxístico incuestionábel, como é todo o LIC de Corrubedo e o seu entorno, para lograr a súa desestacionalización e que sexa unha fonte de riqueza durante todo o ano.

b) Afirmase, de xeito pouco rigoroso, que a implantación destes espazos “baixo algunha figura de protección ambiental (…) pode ser compatible coa implantación de determinadas actividades”. Iso é ben difícil no caso de Laxe Brava, cunha reserva de solo de 308.000 m2 nun espazo singular. Proxectos de agro-turismo ou agricultura ecolóxica, e outros de carácter turístico máis sustentábeis e acordes co entorno, veríanse seriamente dificultados.

c) Non é comprensíbel a tese de que “a acuicultura está a chamar un importante papel en relación coa xestión e conservación dos recursos mariños”. Semella, na práctica, un intento de substitución da actividade produtiva tradicional, fundamentada na pesca e no marisqueo, ou nos recursos específicos, pola piscicultura. Iso, para o BNG, é inaceptábel.

d) Non se xustifica a non afección aos recursos pesqueiros e marisqueiros. Simplemente afirma, á inversa, que “non se xustifica a suposta afección”.

e) É bastante máis agresivo o proxecto de Laxe Brava, tanto pola súa extensión (308.000 m2), o maior do Plan, como por estar no único entorno virxe do noso concello, que outros que fican suprimidos ou reducidos. Non é lóxico o criterio seguido para manter este, e rexeitar outros.

f) O proxecto de Laxe Brava afectará ao desenvolvemento futuro do Parque Natural de Corrubedo. A Consellaría de Pesca limítase a admitir que aínda non está desenvolvido, cando a estas altura xa debería estalo.

Por outra banda, e segundo os dados existentes, Galiza está moi por baixo da media do Estado en canto a figuras de protección ambiental. A ampliación da área de Rede Natura, prevista pola Consellaría de Medio Ambiente na Lei de Protección da Paisaxe de Galiza que acaba de aprobar o Consello da Xunta, indiscutiblemente ten que protexer unha paisaxe tan senlleira como a do Corgo en Corrubedo. Do contrario estaríamos a falar dunha incoherencia difícil de entender e de leis que quedan moi ben de cara á galería pero que non se cumpren.

Convén lembrar que o principal obxectivo desta Lei e recoñecer xuridicamente a paisaxe. Mesmo prevé a creación dunha serie de instrumentos nas políticas da paisaxe, como son os Catálogos da Paisaxe Galega, as Directrices da Paisaxe, os Estudos de Impacto e Integración e os Plans de Áreas Protexidas.

En definitiva, manter o parque de Laxe Brava dentro deste Plan non se sostén dende ningún punto de vista e dende o BNG seguiremos traballando para que sexa retirado do mesmo.

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG apoiará ós afectados para conseguir a retirada do parque de Laxe Brava

Nova na Voz:
O BNG ribeirense considera «inaceptábel» que se manteña o parque acuícola de Laxe Brava

Melloras no servizo de xustiza gratuita de Ribeira

Representantes do BNG con avogados/as da quenda de oficio

O BNG mostrou o seu apoio en Ribeira ao colectivo da quenda de oficio e comprometeuse a mediar ante a Dirección Xeral de Xustiza e a presentar unha iniciativa parlamentaria

Unha representación do BNG formada pola deputada Ana Pontón, o deputado Iago Tabarés e a Voceira municipal de Ribeira, Dominga Brión, reuniuse con unha representación dos avogados e avogadas da quenda de oficio do Partido Xudicial de Ribeira, encabezada por Fernanda Álvarez, delegada colexial do partido xudicial de Ribeira.

Na devandita reunión, as/os letrados/as manifestaron o malestar dos/as 27 profesionais que compoñen o servizo de xustiza gratuíta de Ribeira ante o que consideran un incumprimento por parte da Consellaría de Xustiza do compromiso adquirido o pasado verán. Nel, a Dirección Xeral de Xustiza recoñeceu que deben ser as Comisións de Asistencia Xurídica Gratuíta, e non os/as letrados/as, as encargadas de investigar a situación patrimonial das persoas asistidas para satisfacer os honorarios aos avogados.

Entre as garantías cada vez máis estendidas dentro dos diferentes procedementos xudiciais e mesmo administrativos, fica as declaracións en presenza ou con asistencia letrada, coa previsión de a quen careza de recursos ou non designe a un da súa confianza, asignaráselle pola quenda de oficio. Aos/ás letrados/as que presten este servizo (máis por compromiso social que por eventual beneficio económico) será a Xunta de Galiza que se faga cargo do aboamento dos seus honorarios no casos de que a persoa asistida careza de recursos, na contía previamente establecida. Máis para que iso aconteza compre que o beneficiario da asistencia xurídica pola quenda de oficio solicite e se lle conceda o beneficio da xustiza gratuíta. Na práctica, fundamentalmente no ido penal as persoas asistidas esquécense mesmo de solicitar o beneficio de xustiza gratuíta, decote máis preocupados por outros problemas que o aboamento dos honorarios do letrado e procurador que lles asiste, asesora e defende e representa. Por esta razón, en moitos casos, a letrada e procuradora deixan de percibir os emolumentos devengados pola súa actuación profisional.

Dende fai uns meses, a Consellaría denega sistematicamente o beneficio de xustiza gratuíta por pasividade do asistido, é dicir, porque a persoa defendida de oficio non achega a documentación necesaria para acreditar que, efectivamente, non dispón de medios para pagar a minuta a un letrado/a. A Dirección Xeral de Xustiza comprometeuse a que esta verificación patrimonial se realizaría de oficio pola Administración, pero na actualidade isto non se cumpre, o que supón perdas económicas aos letrados «e que non se recoñeza o noso traballo», indican.

Iago Tabarés, deputado do BNG, mostrou onte o seu apoio en Ribeira ao colectivo e anunciou que presentará unha iniciativa parlamentaria para que a Xunta responda ao por que deste cambio de actitude. Para o nacionalista, esta situación non pode prolongarse no tempo porque «é un grave problema que pon en perigo un dereito fundamental de todas as persoas con poucos recursos que non recoñece a labor imprescindible dous avogados».

Tabarés recalcou o seu compromiso cos avogados da quenda de oficio e ofreceuse a mediar ante a Dirección Xeral de Xustiza para «solucionar unha situación que ten fácil arranxo».

Iniciativa Parlamentar de Xullo do 2007:
2007-07-04-barbanzaxustizagratuita.PDF

Nova na Voz:
Os avogados da quenda de oficio de Ribeira daranse de baixa se non cobran

Cultura convoca axudas para conservar bens etnográficos

[09/04/2008] A Consellaría de Cultura, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, vén de convocar por segundo ano consecutivo unha liña de axudas destinadas á conservación e restauración dos bens etnográficos galegos. Cun orzamento de 300.000 euros están dirixidas aos propietarios de bens inmobles inventariados, tales como hórreos, cabazos, piornos, celeiros, cruceiros, petos de ánimas, palleiras, alpendres, pallozas, muíños, fontes, lavadoiros, fornos, pombais e outros elementos etnográficos similares.

Máis información…

O BNG abstense na investidura de Zapatero

Jorquera anuncia a abstención do BNG debido á falla de concreción e de compromisos do candidato á Presidencia do Goberno español en cuestións como a transferencia de competencias, as infraestructuras, a construción naval civil ou o voto emigrante

Madrid, 8 Abril 08. O candidato á Presidencia do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, non se pronunciou, tal e como lle pedía o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, sobre a transferencia da materia de tráfico e seguridade vial a Galiza.

Máis información…

O BNG rexeita o orzamento menos inversor dos últimos anos

O BNG vota en contra do orzamento elaborado polo goberno do PP de Ribeira por considerar que resalta un proxecto pouco ambicioso que, pese a ser o máis importante até o de agora, é o menos inversor dos últimos anos

A xuizo do BNG, estes orzamentos denotan un goberno rutineiro, continuista, incapaz de adoptar medidas de control do gasto corrente e con moi pouca capacidade de aforro para investimentos. Isto unido á nula xestión, e mesmo confrontación política con outras administracións, converten a este goberno en incapaz de abordar as importantes obras de infraestructura que Ribeira necesita

No Pleno do Concello de Ribeira, celebrado o pasado luns, día 7 de abril, o Goberno do PP de Ribeira aprobou en solitario os orzamentos municipais. A primeira vista estamos falando dun orzamento de 21.458.763,45 € fronte aos 20.139.090,49 € do ano pasado; isto representa un incremento do 6,55%, cun aumento de 1.319.672,96 €.

A pesar da súa cuantía, trátase duns orzamentos que se caracterizan por unha baixada dos investimentos por segundo ano consecutivo. Este ano a baixada é de preto do 8% respecto ao anterior; ademais, as dúas obras máis importantes que se recollen no orzamento xa ían no do 2007 e non se realizaron, está por ver se agora se levan a cabo. Trátase do matadoiro municipal, así como da casa da xuventude que entre os retrasos pola súa falla de planificación ao non teren previsto a retirada da torre de Fenosa, primeiro, e a suspensión de pagos da constructora, despois, leva tempo paralizada. Isto mesmo pode significar a perda das subvencións que financian a obra.

O capítulo que aporta maior ingreso dentro do orzamento xeral é o de Transferencias Correntes (e dicir, as partidas procedentes doutras administracións) co 36,58 % do total do orzamento, seguido do capítulo de Taxas e Prezos Públicos co 19,49 %, Impostos Directos (fundamentalmente IBI) co 19,36 %, Transferencias de Capital (tamén procedentes doutras administracións) co 10,22 %, Impostos Indirectos (ICIO) cun 7,92 % e as Operacións de Préstamo que representan un 5,04 % do total orzamentario. Sen embargo neste incremento recóllense partidas que esta por ver se se confirman, como é o caso do ICIO (imposto de construcións e obras). No anterior exercicio as súas previsión foron demasiado optimistas excedéndoas en máis dun millón cen mil €.

Pola contra, o maior gasto corresponde ao capítulo de Gastos de Bens Correntes e Servizos (34,67), seguido do capítulo de Gastos de Persoal (31,22%), as Inversións Reais (24,59%), e os Pasivos Financeiros (5,04%), entre outros.

Industria aposta pola dinamización turística

Fernando Blanco presentou o programa de axudas para o fomento e a promoción de actividades turísticas do seu departamento, que promove intervencións sustentábeis e integradas no medio

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2008.- O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, presentou esta mañá perante asociacións e axentes do sector turístico o programa de axudas da Consellaría para o desenvolvemento de actuacións sustentábeis en Galiza en materia de turismo. Segundo destacou o conselleiro, estas actuacións ás que se destinará un importe global de 10,43 millóns de euros, contribuirán ao desenvolvemento socioeconómico equilibrado en todas as comarcas do país. Fernando Blanco recordou que o sector turístico representa máis do 10% do PIB e do emprego, que as tres cuartas partes das exportacións de servizos de Galiza se corresponden co turismo e que as actividades turísticas implican unha recadación anual de preto de 1.000 millóns de euros en impostos no noso país. A xuízo do conselleiro de Innovación, os investimentos neste sector teñen un efecto multiplicador que reverte en altos índices de actividade económica e converten o turismo nun valor engadido para o noso país.

Máis información…