BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Marzo, 2008:

10.000 prazas na campaña Acción de Verán 2008

O prazo de solicitude está aberto dende hoxe ata o 11 de abril

Santiago, 25 de marzo de 2008.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, presentaron hoxe o programa Acción de Verán 2008. A campaña engloba este ano un extenso abano de actividades culturais, ambientais, recreativas e deportivas que se desenvolverán entre o 15 de xuño e o 30 de setembro e nas que poderán participar máis de 10.000 rapaces e rapazas e mozos e mozas de entre 9 e 35 anos.

Máis información…

O BNG contra o envío de militares a Afganistán

Rodríguez afirma que o BNG “non vai amparar unha estratexia que vai na direción de colonizar e ocupar países” e engadiu que o de Afganistán “é unha guerra de intereses xeoestratéxicos”

Madrid, 25 Febreiro 07. Francisco Rodríguez explicitou este mediodía na Deputación Permanente do Congreso dos Deputados, o voto en contra do BNG ó envío de máis militares españois a Afganistán.

Francisco Rodríguez é membro da Deputación Permanente da Cámara Baixa até que se constitúan as Cortes o vindeiro 1 de Abril e comece, por tanto, a vindeira lexislatura. Nesa función, participou na sesión desta mañá na que se debatía e votaba o envío de máis militares españois a Afganistán para o despregue de efectivos para operar Vehículos Aéreos Non Tripulados na que participan as Forzas Armadas do Estado español.

Rodríguez deixou clara, máis unha vez, a posición contraria do BNG á presenza das tropas españolas no país asiático. “Sempre nos opuxemos ao envío de tropas a Afganistán” e ademáis, lembrou que “non votamos favorabelmente a Lei de Defensa Nacional”, cuxo artigo 17.3 era o que hoxe estaba enriba da mesa posto que se trataba de ratificalo por parte da Cámara.

Máis información…

Industria incrementou no 112% o orzamento en I+D

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2008.- O conselleiro nacionalista de Innovación e Industria, Fernando Blanco, destacou hoxe en Santiago o esforzo investidor que está a realizar o seu departamento para acadar a converxencia con Europa no eido tecnolóxico. Durante a xornada técnica de presentación das convocatorias de axuda en materia de I+D+i aos axentes do Sistema Galego de Ciencia e Tecnoloxía, o conselleiro nacionalista adiantou que o orzamento global en I+D+i medrou un 112% entre 2005 e 2008, período no que a contía das subvencións outorgadas neste ámbito pasou de 47,5 millóns a preto de 110 millóns e no que se duplicou o número de centros tecnolóxicos e se crearon 14 plataformas tecnolóxicas.

Fernando Blanco baseou nestes datos a positiva evolución das principais variables que presenta hoxe en día a investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica galegas e, neste sentido, engadiu que o investimento privado supuxo xa en 2006 o 44% do esforzo total en I+D en Galiza polo que, segundo asegurou, estase no bo camiño para lograr o obxectivo do 50% fixado para esta variable no 2010, ano no que finaliza o Plan Galego de I+D+I (INCITE 2006-2010). O titular de Innovación e Industria tamén afirmou que durante o periodo de vixencia do Plan conseguiranse mobilizar 1.900 millóns de fondos públicos para dinamizar a I+D+I galega, fundamentalmente a través de dúas liñas de actuación da Consellaría: a captación de fondos externos e as actuacións e investimentos directos do propio departamento autonómico.

Máis información…

Solicitamos unha actuación integral no lugar do Castro

O BNG de Ribeira, por medio da concelleira Ánxeles González Cruxeiras, ven de solicitar que se realice de maneira urxente unha actuación integral no lugar do Castro que supoña a dotación de saneamento en todo o lugar, a colocación dos contedores de lixo necesario, así como a execución de beirarrúas e a dotación dunha zona de espallamento e ocio.

Tamén reclamamos a mellora das vías de comunicación cos arredores mediante a apertura dunha pista que dea acceso ao Vilar.

O lugar de Castro, da parroquia de Carreira, moi próximo á aldea de Frións, conta cun número importante de vivendas. Os veciños e veciñas deste lugar teñen sen resolver o problema do saneamento. Non están integrados na rede de saneamento municipal a pesares de que verten directamente ó Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Consideramos dende o Grupo municipal do BNG que esta obra é primordial e non ten unha difícil solución, os investimentos non serían moi grandes para dotar a estas vivendas de saneamento, e coma o resto da cidadanía, eles tamén teñen dereito a contar cos servizos municipais dos que os están privando. Xa non é a primeira vez que a veciñanza solicita ante o Goberno Municipal a dotación dos servizos que lles corresponden. Eles tamén son unha parte da veciñanza contribuínte e pagan os seus impostos.

Alí aínda non chegaron as beirarrúas e a penas se procede á recolleita do lixo, non contan cunha área de esparcemento para os residentes. O lugar de Castro, está necesitado dunha dotación integral de servizos públicos, e é ao Goberno Municipal de Ribeira ao que lle corresponde proceder a execución destas obras.

Tamén é urxente no lugar o enlace coa aldea do Vilar mediante a apertura dunha pista, que deixaría os dous lugares perfectamente comunicados.

Iniciativa municipal:
2008-02-21saneamentonocastro.pdf

Reclamaremos en Pleno o mantemento da tarifa nocturna

Grupo Municipal BNG

O BNG de Ribeira reclamará diante do Pleno, agora mediante unha moción, que a Corporación inste á Xunta de Galiza a que demande do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio o mantemento dunha tarifa con características semellantes á nocturna.

Tamén demandaremos a gratuidade do cambio de limitadores, así como a creación de liñas de subvención para os custes de adaptación dos equipamentos das vivendas de usuarios/as de Tarifa Nocturna que desexen acollerse á Tarifa con Discriminación Horaria.

Dende o ano 1983 estableceuse, no Estado Español, a denominada Tarifa Eléctrica 2.0N (coñecida como Tarifa Nocturna). Esta tarifa basease na filosofía de primar o consumo nas horas nocturnas, onde a potencia consumida no conxunto do sistema eléctrico é menor.

Esta tarifa ten un desconto do 55% nas horas nocturnas e un recargo do 3% nas horas centrais do día. E favorece o consumo de determinados electrodomésticos, como son: acumuladores, lavadoras, lavalouzas, quentadores de auga, etc., que se poden usar de noite.

A tarifa nocturna busca un consumo enerxético máis responsábel e solidario, e obrigou a instalación nos fogares de determinados equipamentos, cun elevado custe de investimento, como foron os acumuladores eléctricos.

O termo de potencia contratada, que é un concepto fixo, na factura eléctrica, estímase en 5,3 Kw de media para os clientes desta tarifa.

Actualmente no Estado hai, aproximadamente, 1 millón de clientes desta tarifa; no caso de Galiza, debido a súa climatoloxía que obriga ao uso dun sistema de calefacción eficiente, temos uns 160.000 usuarios/as, é dicir, o 16% do conxunto do Estado.

A tarifa nocturna mantívose sen modificacións dende o ano 1983 até o ano 2006, no que xa non permitiu novas altas baixo esta tarifa, mais o cambio fundamental está en que ‘Os/As consumidores/as acollidos/as a esta tarifa (tarifa nocturna) deberán comunicar á empresa distribuidora, antes do 1 de xullo de 2008, a nova tarifa á que desexen acollerse. Unha vez transcorrido o prazo, sen que o/a cliente solicite as novas condicións do contrato, a compañía distribuidora aplicará automaticamente outras tarifas de acordo coa potencia contratada”. É dicir, a partires do 1 de xullo do 2008, desaparece a Tarifa Nocturna.

Con este Real Decreto obrígase aos/ás clientes con esta tarifa a contratar unha nova potencia, superior á que tiñan no consumo das horas punta e a un incremento do prezo sobre o consumo que tiñan nas horas punta, xa que pasan dun recargo do 3% a un 35%. En conxunto o incremento que poden padecer, na factura eléctrica, pode chegar ao 49%.

Tarifa de Discriminación Horaria

Na nova Orde de Tarifas Eléctricas existe a nova Tarifa de Discriminación Horaria, mais, para acollerse a esta nova tarifa, os/as usuarios/as de Tarifa Nocturna deben asumir integramente os custes do cambio, que son cantidades importantes e que están estimadas entre 400 e 500 €uros por cliente. Uns 200 €uros se gastarán no cambio de limitadores de potencia e outros 200 ou 300 €uros, na adaptación dos sistemas de calefacción, que deberán cambiar as actuais resistencias por outras de menor potencia, ou ben, establecer dous circuítos de calefacción independentes entre si.

Asemade, unha vez realizadas as modificacións precisas, na nova Tarifa de Discriminación Horaria, haberá que pagar por un maior incremento da potencia contratada, que é unha parte fixa da factura eléctrica. Isto terá un efecto especialmente negativo en Galiza, pois haberá que contratar unha potencia que se emprega fundamentalmente no inverno (polos acumuladores eléctricos), e se continúa pagando na primavera e no verán, cando non se necesita tanta potencia; isto coa Tarifa Nocturna non pasaba.

Como vemos, esta nova regulación das tarifas eléctricas, vai supor un importante gasto nas economías familiares, se temos en conta a media salarial e de pensións en Galiza; asemade o Goberno do Estado non contempla, na nova regulación, ningunha medida de compensación, nin reparte cargas entre usuarios/as e empresas distribuidoras que, en definitiva, serán as grandes beneficiarias.

Galiza xoga un papel curioso no sistema eléctrico estatal. Sufrimos a expoliación dos nosos recursos, somos uns grandes produtores, pero nas tarifas vémonos penalizados pola nosa climatoloxía, quen responsabilizou disto ao partido no goberno, pero tamén ao Partido Popular, que aprobou no 1997 a lei que obriga á tarifa única no Estado.

Máis información…

Iniciativa Municipal:
2008-03-18tarifanocturna.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG solicita que se manteña un sistema de tarificación similar ó nocturno

Celebramos o primeiro aniversario con 35.000 visitas

Celebramos o primeiro aniversario de funcionamento deste blog con preto de 35.000 visitas. Un ano despois da súa posta en marcha é grato comprobar como mes a mes se foron incrementando tanto o número de visitantes distintos como o número de visitas coas que conta este espacio web. Queremos, pois, darvos as gracias a todos e a todas por estar aí día a día.

Dende este recuncho do ciberespacio seguiremos achegándovos toda a información do traballo que estamos realizando e agardamos seguir contando coa vosa confianza, coas vosas opinións e, sobre todo, coa vosa presenza. Graciñas mil.

Axudas para obter o distintivo de calidade do comercio galego

A Consellaría de Innovación e Industria destina un millón de euros para obter o distintivo de calidade do comercio galego por parte das empresas

As axudas habilitadas pola Consellaría irán destinadas a potenciar a competitividade do comercio galego

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2008.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para mellorar a competitividade do comercio galego mediante actuacións encamiñadas á obtención dun distintivo de calidade do comercio galego. Ademais, tamén se levarán a cabo o establecemento de marcas de canle, medidas que contribúan á mellora do ambiente por parte dos comerciantes e os seus establecementos e a dar unha imaxe de calidade dos establecementos comerciais. A Consellaría de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Comercio, aportará para estas axudas un orzamento total de 1.000.000 de euros.

Máis información…

Industria abre liñas de axudas ao comercio

Innovación e Industria abre as liñas de axudas destinada ás asociacións de comerciantes

Os 6.500.000 de euros achegados por Consellaría de Innovación e Industria estarán destinadas á incentivar a demanda comercial, fomentar a cooperación empresarial e da calidade e desenvolver equilibradamente os centros comercias de Galiza

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2008.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións mediante as cales se apoiará ás asociacións comerciais sen fins de lucro para a incentivación da demanda comercial (atendendo á liña INCEN), fomentar a cooperación empresarial e da calidade (dentro da liña COOP) e desenvolver de xeito equilibrado os centros comerciais abertos de Galiza e eixes comerciais (dentro da liña MECCA). Para a realización de todas estas actuación, a Consellaría destinou un orzamento total de 6.500.000 de euros.

Máis información…

Interesámonos polo permex da navalla de Aguiño

reunionconfrariaaguinho.JPG

O BNG, por medio do deputado Bieito Lobeira, trasladou ao Parlamento Galego a demanda da Confraría de Aguiño de incrementar os permisos de explotación destinados á extracción da navalla con técnicas de mergullo.

Esta queixa foille transmitida ao BNG no transcurso dunha reunión mantida con representantes da Confraría de Carreira-Aguiño no pasado mes de febreiro. A posibilidade de aumentar os permex dirixidos a esta actividade sen dúbida repercutiría de xeito positivo no colectivo de aproximadamente 200 traballadores do mar que operan dende este porto, diversificando as especies extraídas, e tamén o esforzo pesqueiro realizado.

Esta demanda conta con unanimidade no propio colectivo de navalleiros, disposto mesmo a rebaixar o tope de extracción como método de cautela do punto de vista biolóxico e mesmo de mercado.

Iniciativa Parlamentar
2008-03-07permexnavallaaguino.pdf

Nova no Correo Gallego:
A confraría de Aguiño pide máis permisos para a navalla

Reclamámos melloras no campo da Tasca de Aguiño

O BNG de Ribeira, por medio do concelleiro Luís Teira, reclama o arranxo do campo de fútbol da Tasca, en Aguiño, por ser unha instalación deportiva moi utilizada que debe ter un coidado mantemento que dignifique ás persoas que o utilicen.

Así pois, entre as deficiencias que se denuncian están as pingueiras nos vestiarios, a necesidade de arranxar as portas dos mesmos e a de dotalos de chan antideslizante para evitar caidas.

Na iniciativa tamén se reclaman melloras no alumeado do campo, arranxos diversos na cantina, no almacén e nas gradas, así como, a necesidade de dotalo dunha pequena oficina. O concelleiro nacionalista tamén indica que se debería levantar o muro que da á rúa para impedir que saian os balóns fóra e mesmo a entrada no campo sen pasar por taquilla. Remata demandando a mellora da sinalización do campo para facilitarlle a súa localización aos equipos que veñen de fora.

Iniciativa municipal:
2008-02-11arranxo_campo_da_tasca.pdf

Nova na Voz:
Os nacionalistas demandan o arranxo da cantina e dos vestiarios do campo da Tasca