BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Marzo, 2008:

O Pleno de marzo celebrarase o 7 de abril

Pleno de xaneiro 08

O pleno do 31 de marzo trasládase ao vindeiro luns, día 7 de abril, a partir das 20:00 horas, por razóns de axenda do alcalde no Senado, pois tomará posesión o día 1 de abril. Deste xeito a axenda do Senado condiciona a axenda da política local. Agardamos que isto sexa a excepción e non a norma. Non hai que esquecer que o goberno municipal conta con dúas persoas con dedicación exclusiva como tenentes de alcalde, que ben poderían suplir ao alcalde nun pleno ordinario.

Na sesión plenaria debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e un bo número de solicitudes, as que hai que engadirlle as pendentes de Plenos anteriores que non se trataron por falta de tempo. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Pulsa enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Reclamamos que se replantee o proxecto da Casa da xuventude
2.- Dotación dun salón de actos á Casa de Cultura de Carreira.
3.- Situación dos parques infantís.
4.- Cobertura TDT no noso Concello.
5.- Saneamento de Oleiros.
6.- Mantemento da tarifa nocturna.

Algunhas da solicitudes son as seguintes:
1.- Demandamos a separación de pluviais e fecais en Aguiño
2.- Reclamamos unha actuación integral en Fondevila
3.- Demandamos o arranxo de deficiencias en Abesadas e Cubeliños
5.- Solicitamos a paralización das obras na Lagüiña
6.- Reclamamos que se comprobe unha urbanización de Mondelo
7.- Solicitamos unha actuación integral no lugar do Castro
8.- Reclamamos máis liñas de NoiteBús para Ribeira

Algunhas solicitudes pendentes de Plenos anteriores:

1.- Instalación de contedores de lixo e limpeza dos mesmos.
2.- Control da velocidade en O Vilar.
4.- Transporte público a O Vilar por Gude (Artes).
5.- Mellora da limpeza no barrio de Bandourrío e arranxo da rúa Perú.
6.- Saneamento e actuación integral no lugar da Graña.
7.-Estado da rede de pluviais e as beirarrúas no lugar do Vilar.
8.- Retirada de refugallos do Esteirón, Palmeira, e mellora integral da zona.

Tarifa nocturna: medida positiva pero insuficiente

A Consellaría de Innovación e Industria valora a medida positivamente, contemplada nun decreto estatal publicado hoxe no BOE, porén é insuficiente para paliar os custes que suporá o cambio tarifario nas economías de 180.000 fogares galegos

Santiago, 18 de marzo de 2008.- A Consellaría de Innovación e Industria valora positivamente a medida do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio de establecer mediante decreto a exención dos devengos de calquera dereito de acometida así como das contías derivadas dos cambios e actuacións nos equipos de control e medida que requiran as modificacións de potencia contratada dos consumidores acollidos á tarifa 2.0 con discriminación horaria nocturna, a chamada tarifa nocturna. A medida recóllese, en concreto, no Real Decreto 222/2008, de 15 de febreiro, polo que se establece o réxime retributivo da actividade de distribución de enerxía eléctrica, publicado hoxe no BOE, e responde ás demandas da Consellaría de Innovación e Industria perante o Ministerio de efectuar un reparto de cargas que inclúa ás compañías distribuidoras co fin de minorar os custes derivados do cambio de tarifa.

A exención destes dereitos, non obstante, a xuízo da Consellaría de Innovación non será suficiente para paliar o efecto negativo do cambio tarifario nas economías domésticas dunhas 180.000 familias usuarias da chamada “tarifa nocturna” en Galiza. O departamento dirixido por Fernando Blanco reclamou perante o Estado o mantemento da tarifa 2.0 con discriminación nocturna para os usuarios actuais da mesma, nos termos nos que se estivo aplicando até este momento e/ou no marco das tarifas de último recurso (aqueles prezos máximos fixados polo Estado que poderán cobrar os comercializadores que asuman o subministro en baixa tensión, en determinados casos, despois da desaparición das tarifas eléctricas).

Innovación e Industria denunciou particularmente no Ministerio de Industria o feito de que o custe do cambio recaese sobre o usuario e demandou unha valoración dos efectos reais da modificación e un reparto das cargas que incluíra ás compañías distribuidoras e mesmo á propia administración estatal.

Poñendo en valor a noso monte

O vicepresidente destacou o cambio de perspectiva emprendido dende o Goberno galego a través dunha “estratexia país” que aposta por unha xestión integral, racional, sostible e rendible do monte

Reivindicou a cuberta forestal galega como a primeira infraestrutura do país

A “potencia forestal galega” prové máis da metade da madeira producida no Estado, 7,4 millóns de metros cúbicos que superan a achega de todas as demais comunidades autónomas xuntas

O peso do sector no PIB galego é do 3,5%, por riba do que supón no de potencias forestais como Finlandia (3,7%) e Nova Zelanda (3,1%)

En 2007 a industria forestal galega rexistrou un crecemento do 6% na súa facturación, cunha cifra de negocio de 2.419 millóns

Máis información…

Ribeira contará con un centro de Alzheimer

A rede supón un dos grandes eixos estratéxicos do Sistema Galego de Benestar, “unha resposta integral e real ás necesidades de atención deste colectivo e dos seus familiares”

Entre 2008 e 2009 a Rede contará con 12 centros en toda Galiza, entre os que estará o de Ribeira

Santiago, 26 de marzo de 2008.- A Rede Galega de Centros de Día de Alzheimer e outras demencias estará composta entre 2008 e 2009 por 12 centros, unha rede que supón un dos eixos estratéxicos do Sistema Galego de Benestar, que está implementando a Vicepresidencia. Así o explicou hoxe no Parlamento o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, quen salientou o carácter diferencial, especializado e de excelencia desta Rede, que coloca a Galiza na vangarda dos servizos de atención á dependencia.

O vicepresidente explicou que a Rede responde a dúas premisas básicas: a mellora da calidade de vida das persoas que padecen Alzheimer ou outras enfermidades neodexenerativas e dos seus familiares e a mellora das estratexias para previr e para diminuír os efectos destas enfermidades. Quintana resaltou que esta Rede se está consolidando en dúas vías paralelas: mediante a aprobación do marco normativo necesario para regular esta nova tipoloxía de centros e mediante o impulso dun proceso de concertación de esforzos e cooperación entre a Xunta, as asociacións de familiares, os concellos e as entidades de iniciativa social.

O resultado final desta combinación de esforzos será a Rede Galega de Centros de Día de Alzheimer e outras demencias, que estará composta por 12 centros e que, en conxunto, sumará máis de 400 prazas de atención especializada. Os centros sitúanse en Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Vigo (2 centros), O Porriño, Moaña, Ribeira, Ribadeo e Celeiro (Viveiro).

Máis información…

O Parlamento reclama a cobertura total da banda larga

Blanco Parga asegura que nestes momentos os dados do PEBA en Galiza non son reais, fica aínda moita poboación sen cobertura, e as condicións técnicas non son boas

Santiago de Compostela, 26 Marzo 08. O Parlamento galego aprobou unha iniciativa do BNG para instar á Xunta a dirixirse ao Ministerio de Industria para dar cumprimento a obriga legal deste departamento de achegar a extensión da banda larga (PEBA) a toda a poboación galega antes do 31 de Decembro deste ano.

A Cámara respaldou unha proposición non de lei nacionalista, logo de ser transacionada con enmendas do PP e o PSdeG, pola que tamén se demanda que a calidade do servizo do PEBA sexa igual para as zonas rurais que o servizo ofertado no ámbito urbano, é dicer, con largos de banda de 1,3 ou 10 MB e, en ningún caso, inferior a 1 Mb.

Máis información…

Reclamamos máis liñas de NoiteBús para Ribeira

O BNG ven de solicitar que o concello de Ribeira se acolla á convocatoria de subvencións para a implantación do NoiteBús e cre unha liña circular que percorra as 9 parroquias de Ribeira con suficiente frecuencia, para posibilitar que a mocidade que queira pasar as noites de ocio no noso concello non teña que usar o seu coche.

Tamén reclamamos que o Goberno Municipal de Ribeira poña en marcha, dentro desta convocatoria de subvencións, unha liña que comunique con algunha das praias do noso concello.

Do mesmo xeito, solicitamos que se manteña a liña de NoiteBús Ribeira-Padrón e se cre a de Ribeira-Noia, para facilitar o desprazamento da xuventude ribeirense e permitir que mozos e mozas poidan vir a Ribeira.

O concello de Ribeira, ten un poboación nova moi numerosa e dinámica que nas noites da fin de semana e en épocas de vacacións, se despraza as zonas de ocio nocturno da nosa cidade e dos concellos do noso entorno.

Sen dúbida unha boa forma de que a nosa mocidade evite accidentes de tráfico é usando o transporte público nas noites de ocio. Polo día poderíanse habilitar liñas de autobús cara as praias máis concorridas do noso concello.

O NoiteBús, é un servizo que estivo funcionando con grande demanda, pola mocidade ribeirense e a de toda a comarca do Barbanza.

A Orde do 14 de febreiro de 2008 é unha convocatoria pola cal os concellos poden solicitar subvencións para crear este tipo de liñas de trasporte.

O BNG de Ribeira xa ten solicitado en varias ocasións que o concello de Ribeira se acolla a esta subvención, a última o pasado 6 de xullo de 2007.

Iniciativa municipal:
2008-03-27_solicitude_noitebus.pdf

Nova relacionada na Voz:
Só tres concellos pediron axudas para o Noitebús, a catro días do peche do prazo

Areeiros e Palmeira Norte no Parlamento Galego

O BNG de Ribeira quere amosar todo o seu apoio solidario aos veciños e veciñas afectados polo deslinde de Costas, así como o seu respaldo a todas aquelas medidas tendentes a acadar os 20 metros de servidume de Costas en todas as zonas urbanas do Concello e, nomeadamente, na zona dos Areeiros e Palmeira.

Nese senso, e a iniciativa do BNG de Ribeira, a deputada do BNG, Ana Pontón, e o deputado, Bieito Lobeira, interesáronse, unha vez máis, no Parlamento Galego pola problemática da área de servidume de costas dos Areeiros e Palmeira. Nesta ocasión debido a que a Audiencia Nacional dictou sentenza desestimando o Recurso interposto polo Concello de Ribeira en relación con este tema.

Reunión co director xeral de Urbanismo

Por outra banda, o BNG agarda que o director xeral de Urbanismo emita informe favorábel para unha solución acaída á problemática dos Areiros, tal como se comprometeu nunha reunión a que asistiu a voceira municipal do BNG, Dominga Brión, acompañada da deputada nacionalista Ana Pontón, á que tamén acudiron representantes do resto dos grupos políticos da corporación ribeirense, así como o presidente da asociación A Batiola, Xurxo Ferrón. Tamén esperamos unha implicación total do goberno de PP de Ribeira para, entre todas as institucións, solucionar unha problemática que hai tempo que debería estar resolta.

Iniciativa Parlamentar:
2008-01-28iniciativaareeiros.pdf

Novas relacionadas:
Nova relacionada no Diario de Arousa

Nova na Voz:
O deslinde dos Areeiros afecta a uns 300 propietarios. Brión asegura que o asunto irá ao Parlamento

Nova na Voz:
Urbanismo insta a la entidad A Batiola a presentar documentos más claros sobre Os Areeiros

Nova no Canal Rías Baixas:
Novo paso para solucionar o conflito dos Areeiros en favor dos veciños

Simboloxía galega, elemento «sospeitoso»

Bieito Lobeira cualifica de intolerábel do punto de vista democrático que se poda controlar e perseguir polo uso de simboloxía propia do País

Santiago de Compostela, 26 Marzo 08.- O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Bieito Lobeira, ven de denunciar a existencia de documentos internos da Garda Civil que inclúen simboloxía galega como elemento “sospeitoso” a controlar e perseguir.

Bieito Lobeira rexistrou unha iniciativa parlamentar na que se fai eco de que en actos formativos desta institución, dirixidos aos seus efectivos en Galiza, se inclúen como “símbolos sospeitosos” autocolantes coas iniciais GZ para veículos, bandeiras galegas coa estrela vermella ou o escudo deseñado por Castelao coa lenda “Denantes mortos que escravos”, así como un bo número de colectivos e entidades de carácter feminista, ecoloxista, cultural ou estudiantil.

Para o parlamentar nacionalista, é “intolerábel”, do punto de vista democrático, que forzas e corpos de seguridade do Estado, nos seus programas de formación, criminalicen elementos propios do País, asumidos, ademais, por unha parte moi importante da sociedade galega.

Máis información…

O BNG pode formar grupo parlamentar en Madrid

Madrid, 26 Marzo 08. O deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, salientou este serán, despois da xunta mantida co Secretario de Organización do PSOE, José Blanco, o dispór favorábel do PSOE a estudar as propostas plantexadas polo BNG, en concreto a posibilidade de formar grupo parlamentar con outras forzas políticas. “Hai unha actitude positiva por parte do PSOE pero ten que traducirse en feitos”, advertiu.

Jorquera sinalou que se tratou dunha “entrevista fructífera, na que se falou con franqueza á hora de expór os criterios para a negociación da composición da Cámara e da investidura”. Subliñou o dispór “construtivo e colaborador do BNG co Goberno” pero “é fundamental chegar a acordos políticos”. Ademáis de remarcar que “hoxe non se pechou ningún acordo, expuxéronse os temas e emprazámonos para novos contactos”.

Máis información…

O Parlamento aproba a eliminación de simboloxía franquista

O PP oponse a esta proposición non de lei por considerala “sectaria” e Parga acúsaos de seguir costándolles condear o franquismo

Santiago de Compostela, 26 Marzo 08.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha iniciativa do BNG para eliminar con celeridade de todos os centros educativos e demais edificios públicos dependentes da administración toda a simboloxía fascista e promover a supresión dos nomes destes edificios que fan referencia a persoeiros representantes ou partidarios da ditadura franquista.

Máis información…