BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Febreiro, 2008:

Entrevista na Voz

Entrevista na Voz, Xerais 08

«Mentres non chegamos a Madrid non se falou de nós»
entrevista | dominga brión sanmiguel | Candidata ribeirense do BNG ao Congreso por A Coruña

Acto Nacional do BNG na Lonxa de Ribeira

Convite acto Nacional do BNG na Lonxa de Ribeira

O vindeiro domingo, día 2 de febreiro, ás 19:00 horas, o BNG celebrará un acto nacional na Lonxa Municipal de Ribeira.

Interviran:

Ana Álvarez, concelleira en Ribeira
Dominga Brión, Voceira Municipal de Ribeira e candidata ao Congreso
Anxo Quintana, Vicepresidente da Xunta e Portavoz Nacional
Paco Jorquera, Senador e cabeza de lista ao Congreso pola Coruña

Agardamos contar coa túa presenza!!

Xerais 2008: a campaña en imaxes

Campaña Xerais 2008: Mitins

O BNG de Ribeira realizará durante esta campaña das Xerais 2008 un importante número de actos públicos para achegarlle a toda a cidadanía o intenso traballo feito polo BNG nos Parlamentos de Madrid durante estes 12 anos que fixeron a este País visíbel no Estado.

Tamén lembraremos a importancia destas eleccións para Galiza. Aínda que pensemos que estas son unhas elección moi afastadas para nós, en realidade no Parlamento do Estado tómanse decisións que afectan directamente sobre as nosas vidas.

Cuestións como a mellora das infraestructuras, dos servizos de salvamento, a potencia dos motores das nosas embarcacións ou mesmo as tarifas eléctricas son decisións que se toman en Madrid por nós.

Polo tanto, é prioritario para os galegos e galegas ter alí representándonos a alguén que poña enriba da mesa todas as problemáticas do País. Alguén sen ataduras, que antepoña os intereses de Galiza ás directrices que lle marque dende Madrid.

O BNG é a única forza política das que se presentan a estas eleccións que ten máis que demostrado ese compromiso. Compre, pois, telo en conta a hora de ir a votar. A nosa capacidade de ser decisivos en Madrid traducirase en mellores infraestructuras, máis apoio aos nosos sectores productivos, a políticas de igualdade, sociais, e de profuncización democrática.

O BNG de Ribeira e da Barbanza tivo nas eleccións municipais un respaldo histórico. Agardamos nesta cita electoral ser premiados novamente coa vosa confianza, porque unha maior representación en Madrid tamén nos permitirá desenvolver dende o BNG de Ribeira e da Barbanza un traballo máis eficaz na procura dunha maior calidade de vida para toda a cidadanía de Ribeira, da Barbanza e do País.

Mitins de campaña:
mitinsxerais08.pdf

Campaña Xerais 2008: imaxes

O Goberno do PP é incapaz de erradicar os pestilentes cheiros

Novamente un episodio de alarma causada por pestilentes cheiros no centro de Ribeira. Parecería un caso máis na interminable lista á que esta cidade semella estar resignada. Pero non o é tanto, no pleno de Novembro aprobouse, en parte, unha moción do BNG na que se instaba ao concello a averiguar as causas dos cheiros nas parroquias de Artes e Aguiño e a propoñer solucións.

Un segundo punto reclamaba que o goberno municipal levase a cabo un estudio para determinar as causas concretas dos cheiros, nos diferentes puntos do centro de Ribeira. Este estudio incluiría medidas concretas de actuación para eliminalos.

O goberno municipal aprobou o primeiro dos puntos da moción, o que supón sen dúbida un avance na solución dos cheiros en Artes e Aguiño, pero incompresible e irresponsablemente rexeitou dar o seu apoio ao segundo punto. Mesmo desde o grupo de goberno díxose que xa estaban realizando obras na praza da Concordia / García Baión cos que contaban rematar cos cheiros nesa zona.

No BNG consideramos que un problema complexo como o dos cheiros require actuacións concretas baseadas nun estudio técnico serio feito por unha empresa solvente. O episodio do mércores 20 na zona do cruce de Av. Xeneral Franco coa Praza da Concordia veunos dar a razón ben pronto. Desde aquel acordo plenario sucedérense xa varios episodios graves en: Xarás, Artes, Deán,… pero o do deste mércores acontece nun punto dos xa denunciados na moción e cando xa se tiñan rematadas as obras que o grupo de goberno consideraba que iban dar solución aos cheiros nesa zona.

O grupo de goberno do PP, demostra novamente a súa incapacidade para dar solución a un dos problemas máis graves que padece a cidadanía de Ribeira dende hai tempo.

A proposta do BNG, rexeitada polo grupo de goberno, vólvese a demostrar como seria e viable.

A cidade non ten porque padecer indefinidamente un problema para o que existen solucións técnicas e que a incapacidade do goberno local impide resolver.

Dende o BNG queremos manifestar que volveremos a instar ao grupo de goberno a realizar un estudio con propostas de actuación concretas para rematar cos cheiros no centro de Ribeira. Negarase outra vez o Partido Popular a entrar en razón?

Ordenación do Polígono Industrial da Barbanza

Ordenación do Polígono da Barbanza

Clica na imaxe para ver a Ordenación do Polígono en PDF

O Polígono da Barbanza: unha realidade en marcha

Reunión Polígono da Barbanza Reunión Polígono da Barbanza

Ribeira, 19 Febreiro 2008. O BNG de Ribeira organizou na tarde de onte un encontro co tecido empresarial e emprendedor de Ribeira no Liceo Marítimo. Ao mesmo asistiu a candidata ao Congreso, Dominga Brión, e o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Daniel Pino, así como a práctica totalidade do grupo municipal do BNG de Ribeira.

O acto suscitou moito interese e ao mesmo asistiron preto de 100 persoas entre as que estaban o presidente do Centro Empresarial da Construción da Barbanza, o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, o presidente de ORPAL, o presidente da Asociación de Armadores do Arrastre, o presidente do Liceo Marítimo e a presidenta da Asociación de Amas de Casa.

Esta xuntanza organizouse para darlle a todas as persoas interesadas cumprida información da situación na que se atopa a tramitación do Proxecto do Parque Empresarial da Barbanza. Daniel Pino acudiu acompañado dun enxenieiro que explicou e amosou, mediante unha presentación de PowerPoint, a proposta de ordenación do Parque e as características do mesmo. O director xeral indicou que os proxectos Sectorial e de Urbanización, están practicamente rematados, pendentes do informe de Medio Ambiente, que deberá emitir antes do 19 de marzo.

No relativo a prazos, sinalou que a previsión é que a tramitación administrativa se desenvolva durante o 2008 e as obras de urbanización se inicien no primeiro semestre do 2009. Tamén indicou que poderán simultanearse a urbanización do Parque coa construción das naves. Finalmente, lembrou que se adoptarán formulas para evitar a especulación do chan.

O Parque Empresarial da Barbanza está situado nos municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal, que comparten unha economía relacionada co sector pesqueiro e cunha actividade industrial concentrada na conserva. A localización desta infraestrutura é produto dun estudio de viabilidade medioambiental, técnica e económica no que se analizaron 10 millóns de metros cadrados de terreo antes de optar pola área de actuación concreta que albergará o futuro parque.

Este Parque contará cunha superficie total de un millón de metros cadrados, dos que uns 500 mil metros cadrados serán de uso empresarial e industrial, 300 mil metros cadrados para espazos libres, 124 mil metros cadrados para a rede viaria e 31 mil metros cadrados para equipamentos.

A Consellería de Vivenda e Solo reserva unha partida de 560.000 € para iniciar a adquisición de terreos. O investimento total previsto nesta actuación é de 32.062.224 euros, dos que máis de 27 millóns se dedicarán á urbanización e 4,1 millóns se empregarán na adquisición de terreos.

Este parque incluirá naves modulares para o pequeno empresariado que queira instalarse co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades de solo produtivo a un prezo e nunhas condicións razoables. Estas naves terán un tamaño aproximado de 500 metros cadrados e serán adxudicadas en réxime de aluguer con opción de compra transcorridos 10 anos.

Ademais, o futuro Parque Empresarial da Barbanza contará cun edificio de usos múltiples para dar servizo aos empresarios que se instalen neste parque, tanto de Ribeira como de Pobra do Caramiñal. Este edificio, que contará con espazos comúns de novas tecnoloxías, estará situado nunha parcela de uso dotacional público e será adxudicado por concesión administrativa durante un prazo determinado de tempo.

O Parque Empresarial da Barbanza está incluído no Proxecto Galiza Suma, que supón a construción de parques empresariais estratéxicos e ben dimensionados, cunha alta calidade arquitectónica e tecnolóxica, con dotacións e servizos propios do século XXI.

Nova na Voz:
A Xunta prevé iniciar as obras do macropolígono a mediados do 2009

Mitin central de precampaña en Boiro

Mitin central de precampaña

Jorquera reclama as competencias de Salvamento Marítimo para Galiza e asegura que o sector marítimo será unha “prioridade” no seu labor

Brión: “O BNG fixo un importantísimo labor a prol do avanzo cara a igualdade real das mulleres, pero aínda queda moito por facer”

Boiro, 17 Febreiro 08.- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, ofreceu esta mañá nun mitin en Boiro un “contrato para todos os cidadáns galegos e galegas, polo que pedimos o apoio e comprometémonos a devolvelo con máis posibilidades de benestar e máis respeito para Galiza dende Madrid”.

O líder nacionalista asegurou na súa intervención que nestes comicios, “só hai dúas opcións: ou dar o apoio ás forzas estatais e poñelo asi ao servizo das súas direcións en Madrid, ou apoiar ao BNG e facer asi que Galiza teña máis capacidade de decisión e sexa respeitada”.

O portavoz do Bloque asegurou que esta estratexia das forzas estatais “xa se ve nos seus carteis eleitorais, na que só podemos ver a cara de Rajoy e Zapatero, porque queren ocultar aos candidatos e pedir o voto a favor da carreira presidencialista dos seus líderes”.

Quintana advertíu ao público que enchía a Casa da Cultura de Boiro de que “a prioridade para PP e PSOE sempre é que Galiza lle saia barata, porque a eles non lles interesa Galiza”.

Por isto, explicou que o BNG é a única forza política que pode dar resposta ás necesidades desas persoas que “miran con envexa como Euscadi e Cataluña foron quen de determinar as políticas estatais” e amosou o seu convencemento de que estas nacións “serían determinantes só polo seu peso poboacional mais, Galiza non está nesa situación, só supoñemos o 5% da poboación e o 6% do PIB, por iso non estamos nas prioridades do Estado”.

A solución para esta desatención, tal e como explicou o portavoz nacional, “é que Galiza teña forzas políticas que a defendan en Madrid, o BNG”. “Só a través do BNG serán tidos en conta os sectores produtivos do noso país que en Madrid non son prioritarios”, concluíu Anxo Quintana.

Máis información…

Nova na Galega:
Quintana comprométese a defender os sectores imprescindibles para Galicia

Nova na Voz:
O BNG quere seguir defendendo os problemas de Barbanza en Madrid
Dominga Brión denunciou a discriminación das percebeiras

Nova no Diario de Arousa:
Quintana pide a los barbanzanos que voten “como galegos”

O BNG reuniuse cos afectados de Laxe Brava

Bieito Lobeira no Corgo (Corrubedo)

Dominga Brión achegouse con Bieito Lobeira até Teira (Corrubedo) para comprobar o estado de conservación do lugar onde o PSOE pretende instalar a planta de Laxe Brava.

Pola noite reunironse cos representantes da plataforma de afectados

O deputado do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, e a voceira municipal de Ribeira e candidata ao Congreso, Dominga Brión, achegáronse até Teira (Corrubedo) o xoves da pasada semana para comprobar o estado de conservación dun dos poucos contornos vírxenes que aínda queda no noso concello, e no que a Consellería de Pesca, do PSOE, pretende instalar a planta acuícola de Laxe Brava.

Pola noite, Lobeira e Brión, acompañados de concelleiros e concelleiras e doutros membros do BNG de Ribeira, reunironse cunha representación dos afectados pola instalación da planta, aos que lle expuxo o rexeitamento claro do BNG á instalación da planta de Laxe Brava.

O deputado nacionalista informoulle aos afectados que o BNG lle trasladou formalmente á Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, xa hai meses, a necesidade de negociar contidos e emprazamentos do Plano de Acuicultura, atendendo aos seguintes criterios fundamentais:

a) Garantías de depuración plena, integral, das augas procedentes destas instalacións.

b) Esixencia de xeración de emprego digno e estábel (é posíbel facelo nas cláusulas de concesión) que recaia sobre a comunidade na que se asenta.

c) Minimización do impacto ambiental, tamén paisaxístico. Diferenciar entre reserva de solo e edificabilidade. As instalación non teñen porqué estar á beira do mar. E outras (administración, dirección, procesado, almacenado, comercialización, etc.) poden estar mesmo localizadas en parques ou polígonos empresariais debidamente dotados.

d) Hai emprazamentos (caso de Corrubedo) que se deben suprimir. Outros (Merexo), reducir. Noutros casos, afastar terra a dentro.

e) É preciso, con todo, unha planificación nacional de reserva de solo que evite actuacións especuladoras por parte de empresas ou concellos. Mais a proposta actual é manifestamente mellorábel.

f) Impulso á investigación para a cría de novas especies –evitar “monocultivos”- e tamén para a mellora da sustentabilidade desta actividade.

g) Apoiar activamente fórmulas organizativas, comezando polo cooperativismo, que posibiliten o acceso das comunidades mariñeiras a esta actividade e, daquela, aos emprazamentos que se designen.

Bieito Lobeira indicou que é evidente que calquera mellora deste “Plano de Acuicultura” pasa polo proceso de negociación que o BNG está a impulsar diante de departamentos baixo responsabilidade do PSOE. Tamén lembrou que recentemente a Asociación de Produtores de Rodaballo de Galiza (AROGA), que agrupa ás once empresas que se dedican na Galiza a esta actividade, advertían do retraso na tramitación do Plano, e sinalaban ao BNG como responsábel de que non estivera xa aprobado.

Dende o BNG agardamos que o PSOE atenda o clamor popular e, dende a Consellería de Pesca, abra un proceso de interlocución coas plataformas, confraría, organizacións ecoloxistas e corporacións municipais críticas co proxecto de plano acuícola antes de poñer en marcha este Plan Acuícola onde se atenden tan só a demandas das multinacionais.

Tamén esperamos que a Consellería propoña modificacións do proxecto de plano acuícola na liña de garantir a sustentabilidade ambiental e social das plantas proxectadas, valorando mesmo a supresión ou a reformulación profunda dalgunhas das previstas, e así o propuxemos nunha iniciativa parlamentar.